Aranga - ORDENANZA FISCAL Nº 15, REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS
ARTIGO 1. FUNDAMENTO E NATUREZA.
De conformidade co establecido no artigo 41 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este concello de Aranga establece o prezo público por actividades deportivas e culturais desenvolvidas polo concello de Aranga.
ARTIGO 2. OBRIGADOS AO PAGAMENTO.
Están obrigados ao pagamento do prezo público as persoas físicas ou xurídicas e as entidades que se beneficien das actividades ás que se refire esta ordenanza.
ARTIGO 3.- CONTÍA.
O importe do prezo público fíxase para cada tipo de actividade:
- Asistencias a escolas deportivas ou culturais, obradoiros, cursos e outras actividades que se desenvolvan nas instalacións municipais:
Horas/semana | Euros/mes |
Unha hora | 5 |
Unha hora e media | 6,25 |
Dúas horas | 7,5 |
- Asistencia a escolas deportivas ou culturais, obradoiros, cursos e outras actividades que se desenvolvan en instalacións non municipais:
Horas/semana | Euros/mes |
Unha hora | 6,25 |
Unha hora e media | 6,25 |
Dúas horas | 10 |
- Para outras actividades de carácter puntual que organice o concello, o prezo público cubrirá o custo total do curso ou actividade, segundo o estudo de custos presentado polo oportuno departamento, correspondéndolle a Alcaldía a aprobación individualizada do prezo. Non obstante, poderanse establecer prezos que non cubran o custo da actividade cando concorran razóns sociais, culturais ou de interese público que así o aconsellen e sempre que exista consignación orzamentaria para a cobertura dos custos.
ARTIGO 4. NORMAS DE XESTIÓN.
1. Para a participación nas actividades os interesados presentarán a súa solicitude e, unha vez elaborada a listaxe de admitidos, na que terán preferencia os empadroados no concello e as asociacións inscritas no Rexistro Municipal, estes deberán facer efectivo o ingreso correspondente nas entidades bancarias nas que o concello teña conta aberta.
2. A obriga de pagamento nace dende que se inicie a realización das actividades.
3. Cando, por causas non imputables ao obrigado, o servizo ou a actividade non se preste, procederá a devolución do importe correspondente.
4. As débedas derivadas do impago do prezo público poderán ser esixidas pola vía de prema.
ARTIGO 5. EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.
1. Darán dereito á exención do prezo público as seguintes situacións:
- Casos de emerxencia social, acreditados polos servizos sociais do concello de Aranga, mediante informe social no que se faga constar a dificultade económica para acceder ao servizo.
- Unidades familiares nas que a renda per cápita sexa igual ou inferior ao 25% do IPREM anual (indicador público de renda de efectos múltiples).
- Unidade familiar na que todos os membros adultos se atopen en situación de desemprego.
2. Darán dereito á bonificación do 50% do prezo público:
- As familias numerosas de categoría especial.
- As unidades familiares cunha renda per cápita igual ou inferior ao 50% do IPREM anual.
3. Darán dereito á bonificación do 10%:
- As familias numerosas de categoría xeral.
- Os posuidores do Carné Xove emitido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
- Os usuarios cunha discapacidade recoñecida superior ao 33%.
As bonificacións non serán acumulables.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
A presente ordenanza entrará en vigor a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e manterase en vigor en tanto non se proceda á súa modificación ou derogación expresa.