Melide - ORDENANZA Nº 10, REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO MUNICIPAL CON MESAS, CADEIRAS, TRIBUNAS, TABOADOS E OUTROS ELEMENTOS ANÁLOGOS, CON FINALIDADE LUCRATIVA.

Publicación provisional: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 01/01/2012

Artigo 1.-Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e os artigos 20 e 58 da Lei 39/88, do 28 de decembro, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, acorda a imposición e ordenación da taxa por ocupación de terreos de uso público municipal con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Artigo 2.-Feito imponible.

Constitúe o feito imponible da taxa a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal polos conceptos que se sinalan no título da taxa.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Serán suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular, consonte algún dos supostos citados no feito imponible.

Artigo 4.-Responsables.

- Serán responsables solidarios das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.-Cota tributaria.

A cota desta taxa será a que figura no anexo desta ordenanza.

Artigo 6.-Beneficios fiscais.

Só se admitirán os beneficios que veñan establecidos nas normas con rango de lei ou deriven de tratados ou acordos internacionais.

Artigo 7.-Percepción.

Percíbese a taxa e nace a obriga de contribuír:

- Nos servicios de retribución puntual, no momento de presenta-la solicitude de concesión ou autorización.

- Nos servicios de retribución periódica, percibirase a taxa o día primeiro de cada ano natural.

Artigo 8.-Liquidación.

- Cando se trate de servicios puntuais, liquidarase a taxa en calidade de depósito previo, en todo caso antes de iniciarse o trámite do expediente de concesión ou autorización do aproveitamento solicitado.

- Cando se trate de servicios de retribución periódica, liquidarase e esixirase a taxa nos períodos que se sinalen na tarifa da taxa ou na liquidación única anual.

- Se se realiza o aproveitamento ou utilización do dominio público municipal sen mediar concesión ou autorización, liquidarase e notificarse a débeda, esixindo o ingreso nos prazos previstos no Regulamento Xeral de Recadación para a liquidación de contraído previo, sen prexuízo de abri-lo oportuno expediente sancionador por infracción tributaria.

Artigo 9.-Ingreso.

O pagamento desta taxa realizarse:

- Nas liquidación de contraído previo, na Tesourería municipal ou nas entidades financeiras que na notificación se sinalen. En todo caso, o ingreso será anterior ó inicio do expediente de concesión ou autorización do aproveitamento interesado.

- Nas liquidacións por recibo ou padrón, nas datas e entidades financeiras ou oficinas que se sinalen no edicto de exposición pública do padrón.

Artigo 10.-Infraccións e sancións.

Nesta materia estarse ó disposto na Lei Xeral Tributaria e normativa de desenvolvemento.

Artigo 11.-Normas de xestión.

- As persoas ou entidades interesadas a concesión ou autorización para realiza-los aproveitamentos sobre o dominio público municipal a que fai referencia esta taxa deberán presentar unha solicitude achegándolle o plano, o detalle da superficie do aproveitamento e da súa situación dentro do término municipal. Antes da autorización ou concesión do aproveitamento, a persoa ou entidade interesada no aproveitamento aboará o importe da taxa en calidade de depósito previo.

- No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicita-la devolución da taxa ingresada en calidade de depósito previo.

- Unha vez autorizada ou concedida a licencia de aproveitamento, entenderase prorrogada mentres non presente a declaración de baixa o interesado.

- Cando remate o aproveitamento, os suxeitos pasivos formularán as declaracións de baixa no censo ou padrón da taxa e producirá efectos no período natural seguinte ó de presentación da mesma, podendo, no seu caso, prorratearse por meses. A non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, cunha redacción definitiva aprobada polo Pleno da corporación na sesión que tivo lugar na data que se expresa no anexo a esta ordenanza, entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.

ANEXO

A estructura desta taxa será a seguinte:

- Por utilización de mesas e cadeiras en rúas de primeira categoría (solo urbano): 41,98 €/ano) por cada módulo formado por unha mesa e catro cadeiras. O tamaño máximo do módulo formado pola mesa e catro cadeiras, para os efectos do cobramento desta taxa será de dous metros cadrados.

- Pola utilización de expositores en rúas de primeira categoría (solo urbano): 41,98 €/ano) por cada módulo formado por un expositor. O tamaño máximo do módulo formado por un expositor, para os efectos do cobramento desta taxa será de dous metros cadrados.

- Pola utilización de máquinas expendedoras en rúas de primeira categoría (solo urbano): 41,98 €/ano) por cada módulo formado por unha máquina expendedora. O tamaño máximo do módulo formado por unha máquina expendedora para os efectos do cobramento desta taxa será de dous metros cadrados.

- Pola utilización de outros elementos análogos en rúas de primeira categoría (solo urbano): 41,98 €/ano) por cada módulo. O tamaño máximo do módulo formado por outros elementos análogos para os efectos do cobramento desta taxa será de dous metros cadrados.

Segundo.- Data de aprobación en sesión plenaria de 2 de novembro de 1998, modificacións:

(BOP nº 298, do 30/12/1998)

(BOP nº 299, do 31/12/1999)

(BOP nº 267, do 19/11/2004 e BOP nº 300, 31/12/2004)

(BOP nº 298, do 30/12/2005)

(BOP nº 293, do 23/12/2006)

(BOP nº 300, do 31/12/2007)

(BOP nº 298, 29/12/2008)