Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA FISCAL Nº 35, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS ASOCIADOS Á CELEBRACION DE MATRIMONIOS CIVÍS

Publicación provisional: 10/02/2012 BOP Nº: 29
Publicación definitiva: 10/04/2012 BOP Nº: 67
Aplicable dende: 11/04/2012

ARTIGO 1º. Fundamento e natureza.

De conformidade co establecido no artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e de conformidade cos artigos 15, 20.4 e 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a Taxa pola prestación de servizos municipais asociados á celebración de matrimonios civís, que se rexerá pola presente Ordenanza.

ARTIGO 2º. Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade desenvolvida polos servizos municipais co gallo da prestación do servizo de matrimonio civil.

Non se entenderá realizado o feito impoñible da taxa e polo tanto non se deveñará o tributo pola tramitación do expediente administrativo previo ó matrimonio civil.

ARTIGO 3º . Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas físicas que soliciten a celebración do matrimonio civil ou a quenes de preste o servizo no caso de non existir solicitude previa.

ARTIGO 4º . Deveño.

A taxa se deveña cando se inicie a prestación do servizo de matrimonio civil. Entenderase producido o inicio da prestación do servizo no intre da presentación da solicitude de celebración de matrimonio civil nas oficiñas municipais. A presentación da solicitude iniciará a actuación administrativa que non se tramitará sen que se teña efectuado o pagamento da taxa.

ARTIGO 5º . Cota tributaria.

A cota tributaria será de 100,00 euros cando se solicite a celebración de matrimonios civís en sábados, domingos e días festivos.

ARTIGO 6º. Réxime de declaración e ingreso.

A taxa esixirase en réxime de autoliquidación que se acompañará, xunto co xustificante de pagamento, á solicitude que se presente no Concello para a celebración do matrimonio.

ARTIGO 7º. Devolución.

Os suxeitos pasivos terán dereito á devolución da taxa cando o matrimonio non se puidera celebrar por causa imputable ó Concello. Entenderase causa imputable ó Concello a orixinada exclusivamente por vontade municipal que non veña motivada, ocasionada ou provocada por actuacións, feitos, obras ou comportamentos dos interesados.

Non obstante, os suxeitos pasivos terán dereito á devolución do 50 por cento do importe da taxa cando a ceremonia do matrimonio civil non se puidera celebrar por causa imputable ós mesmos, sempre que se comunique ó Concello cunha antelación mínima de 48 horas ó día fixado para a celebración do matrimonio por calquera escrito que permita ter constancia da súa recepción polo Concello.

Disposición derradeira.

A presente Ordenanza fiscal entrará en vigor e comezará a aplicarse o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor mentres non se acorde a súa derrogación ou modificación.