Boqueixón - ORDENANZA REGULADORA DA EXPEDICIÓN DO CARNÉ PARA A VENDA NOS MERCADOS- FEIRAS DE BOQUEIXÓN, ASÍ COMO PARA A VENDA AMBULANTE NO CONCELLO

Publicación provisional: 28/11/2012 BOP Nº: 227
Publicación definitiva: 16/01/2013 BOP Nº: 11
Aplicable dende: 02/02/2013

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1. Obxecto e ámbito.

É obxecto da presente ordenanza a regulación, con carácter xeral, e ordenación da venda no mercado -feira de Lestedo e Rodiño e a venda ambulante dentro do termo municipal de Boqueixón.

Artigo 2. Marco Normativo.

A venda ambulante rexerase, ademais do disposto pola presente ordenanza, polo establecido na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e polas normas sectoriais reguladoras da venda e comercialización de cada produto en concreto, en especial os regulamentos técnicos sanitarios aplicables á produción e comercialización de cada produto.

Artigo 3. Competencia.

Corresponde ó Concello de Boqueixón, sen prexuízo das competencias doutras administración, conceder a autorización para o exercicio da venda ambulante dentro do seu termo municipal e a ordenación, inspección e control das medidas necesarias para un desenvolvemento satisfactorio das feiras- mercado de postos ambulantes, do cumprimento dos requisitos para a obtención das correspondentes autorizacións municipais e de facer cumprir a presente ordenanza.

CAPITULO II. DA VENDA AMBULANTE EN XERAL.

Artigo 4. Concepto de venda ambulante.

Considérase venda ambulante a realizada polos comerciantes fora dun establecemento comercial permanente, de forma habitual, periódica, ocasional ou continuada, na vía pública e espazos libres de titularidade municipal, xa sexa en instalacións desmontables e transportables ou en vehículos- tenda, pero nos perímetros ou lugares debidamente autorizados.

Artigo 5. Modalidades de venda ambulante.

Para os efectos desta ordenanza establécense as seguintes modalidades:

- Venda ambulante en feiras-mercados periódicos, mercados situados en poboacións, en espazos públicos determinados.

- Venda ambulante en postos instalados en terreo municipal, autorizados para un número e períodos determinados.

- Por venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda autorizados en zonas e lugares determinados.

- Venda ambulante en mercados ocasionais con motivo de feiras, festas e acontecementos populares.

Queda prohibida en todo o Concello de Boqueixón a venda ambulante que non se axuste ó contido da presente ordenanza.

Artigo 6. Suxeitos da venda.

A venda ambulante poderá ser exercida por toda persoa física ou xurídica legalmente constituída que se dedique profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo e reúna os requisitos establecidos no artigo 72º da Lei 13/2010 do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia e ter autorización municipal correspondente.

Artigo 7. Requisitos para o exercicio da actividade de venda ambulante.

Para o exercicio da venda ambulante as persoas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ser persoa física (maior de idade) ou xurídica que se atope legalmente constituída.

2. Se o titular procede de países non comunitarios deberán estar en posesión dos permisos de residencia e de traballo, ou de proceder de países comunitarios, de tarxeta de residencia.

3. Estar de alta no epígrafe do IAE, na modalidade de venda ambulante.

4. Estar ó día no pagamento das sáus obrigas coa Facenda Pública e coa Seguridade Social.

5. Ter ó día o seguro de responsabilidade civil.

6. Cumprir todos os requisitos que establezan as regulamentacións específicas aplicables os produtos autorizados que teñan á venda.

7. Estar en posesión do carné sanitario de manipulador de alimentos, actualizado, cando proceda á venda de artigos alimenticios.

8. Estar en posesión da autorización municipal correspondente para este tipo de venda.

Para o exercicio de venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda ou que inclúa mercadorías perecedoiras, deberán cumprir ademais os seguintes requisitos, en relación co vehículo:

- Certificado ATP en vigor

- Documentación do vehículo coa indicación da clasificación e ITV en vigor

- Acta de inspección sanitaria

CAPITULO III. NORMAS DE FUNCIONAMENTO DO MERCADO DE POSTOS AMBULANTES.

Artigo 8. Ubicación

1. A Feira- mercado de Lestedo estará ubicada nos seguintes lugares: Praza da Feira, Rúa Virxen de Lurdes e Rúa Rosende Otero ata o aserradoiro. A Feira- mercado de Rodiño estará ubicada na carballeira de San Bieito (Rodiño- Sergude).

2. Para modificar as zonas sinaladas de colocación de postos de venda ambulante a outros lugares ou rúas, así como os días de feira por causa maior, de interese xeral ou municipal, requirirase acordo do Pleno da Corporación. En todo caso, a nova ubicación deberá reunir as condicións hixiénicas axeitadas á actividade é de doado acceso para vendedores e compradores.

Artigo 9. Periodicidade e horario.

1. A periocidade nas feiras- mercados de Boqueixón establecerase do seguinte xeito:

- Mercado- feira de Lestedo: 1º e 3º domingo de cada mes.

- Mercado- feira de Rodiño: 2º domingo de cada mes.

2. O horario de venda na feira- mercado será de 09:00 a 14:30 horas aproximadamente, podendo iniciarse a instalación dos postos ás 08:30h. Por este motivo, neste horario o recinto feiral debe manterse libre de vehículos para que os feirantes podan instalar os seus postos.

3. Rematado o horario de venda, os titulares dos postos terán que deixar o lugar ocupado, limpo de papeis e desperdicios ou calquera outro obstáculo, debendo depositar o lixo en bolsas e deixalas nos colectores do servizo municipal de limpeza.

4.

Artigo 10. Dos postos, camión ou vehículos tenda.

1. A venda autorizarase en postos de carácter desmontable, instalación, camión ou vehículo tenda terán unhas condicións axeitadas ás características dos produtos autorizados.

2. Os postos terán unha superficie máxima de 12 metros de longo.

3. Estarán ubicados nos lugares asignados pola alcaldía/ Xunta de Goberno.

4. Queda expresamente prohibido o intercambio de localizacións entre distintos titulares.

5. Non se poderá ocupar o sitio doutros postos ante a falta de presenza dos seus titulares.

6. A mercadoría atoparase sempre dentro da superficie do posto.

7. En todo caso o vendedor extremará a limpeza na zona de venda.

8. Queda prohibido: a exposición de mercadorías no chan, debendo estar en mesas para garantir unas condicións mínimas de hixiene e sanidade ou ben directamente nas cestas.

9. Os camións- tenda estarán adaptados segundo a mercadoría e contarán coa documentación sinalada no artigo 7 desta ordenanza.

10. En ningún caso poderán situarse os postos en accesos a edificios de uso público e privado, establecementos comerciais ou industriais nin diante dos seus escaparates ou exposicións, a non ser que medie unha distancia de 1m. aproximadamente (unha beirarrúa) entre o posto de venda e o edificio de uso público ou establecemento comercial.

11. En caso de precisar ter á carón do posto o vehículo ou ter un camión - tenda, contabilizarase a tódolos efectos o espazo ocupado por todo o turismo e os elementos auxiliares que se lle anexen.

Artigo 11. Da venda.

Os vendedores ambulantes deberán cumprir no exercicio da súa actividade coa normativa vixente na materia de exercicio do comercio e da disciplina do mercado, deberán observar as normas de competencia leal e usos mercantís e responderán de que os produtos obxecto de venda cumpren as condicións e requisitos esixidos pola normativa que os regula, tanto en materia sanitaria como no referente á súa presentación, etiquetaxe e demais que se establezan nelas.

Artigo 12. Dos produtos.

1. Queda expresamente prohibida a venda carnes e caza fresca, refrixerados e conxelados; peixes e mariscos frescos, refrixerados e conxelados; leite, queixos frescos, requeixos, ovos, nata, manteiga, iogures e outros produtos lácteos frescos; pastas alimenticias frescas e recheas, anchoas, afumados ou outras semiconservas; así como aqueloutros produtos que polas súas especiais características e a xuízo da autoridade competente leven riscos sanitarios.

Non obstante poderase permitir a venda dos produtos anteriormente citados cando dispoñan de instalacións frigoríficas ou estean debidamente envasados.

2. O concello poderá non autorizar en determinados momentos a venda de produtos que poidan ser prexudiciais para a saúde pública. Igualmente estará prohibida a venda daqueles produtos cando a normativa específica así o estableza.

3. Os postos que expendan artigos de peso ou medida, deberán dispoñer de cantos instrumentos sexan necesarios para pesar ou medir os produtos.

CAPITULO IV. AUTORIZACIÓNS.

Artigo 13. Autorización municipal.

1. A alcaldía será competente para autorizar a venda en calquera das modalidades previstas nesta ordenanza e poderá delegar competencias no concelleiro delegado, no seu caso.

2. A autorización municipal será persoal e intransferible, quedando prohibida a súa cesión. Excepto nos supostos de falecemento do titular que lle será transmitida automaticamente a algún familiar directo, cónxuxe, país, fillos ou irmáns que cumpran cos requisitos establecidos para o exercicio da actividade de venda ambulante.

Non obstante, a petición do titular, a autorización habilitará a outra persoa sempre maior de idade como suplente no posto de venda.

3. Un titular só pode estar autorizado para ter ó seu nome un posto en cada feira, é dicir, unha autorización por cada IAE regulamentario.

4. A alcaldía resérvase a potestade de non outorgar autorizacións a postos de venda ambulante que poidan supor un prexuízo ou competencia ó comercio local existente.

5. Non se poderá autorizar a venda, daqueles produtos que a súa normativa reguladora así o prohiba.

Artigo 14. Dos titulares dunha autorización.

Poderán ser titulares dunha autorización municipal que se regulan mediante esta ordenanza, as persoas físicas ou xurídicas, maiores de idade, con plena capacidade xurídica e de obrar conforme coa lexislación mercantil e co establecido na Lei 13/2010 do comercio interior de Galicia, e segundo os emprazamentos que se sinalen na autorización.

Artigo 15. Réxime de solicitude de autorizacións.

A solicitude para o exercicio da actividade deberá ser presentada pola persoa interesada ou o seu representante legal, mediante instancia dirixida ó Iltmo. Señor alcalde , segundo modelo establecido, no Rexistro Xeral do concello, achegada dos seguintes documentos para ser aprobada por decreto de alcaldía a correspondente licenza:

1.- DNI/NIE do titular e dos suplentes, no caso.

2.- Fotografía recente, tamaño carné, do titular e dos suplentes.

3.- Impreso de solicitude de autorización de venda ambulante en calquera das distintas modalidades incluídas nesta ordenanza.

4.- Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e fotocopia do último recibo.

5.- Alta no epígrafe correspondente no imposto de actividades económicas.

6.- Cumprir os requisitos das regulamentacións técnico- sanitarias e de seguranza de cada tipo de produto.

7.- Estar en posesión, de ser o caso, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos.

8.- Dispor dos permisos de residencia e de traballo que, en cada caso, sexan exixibles, de ser tratar de persoas estranxeiras.

9.- As persoas xurídicas deberán acreditar os seguintes extremos: o CIF, a acta de constitución, os estatutos e a escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa.

10.- Dispor de seguro de responsabilidade civil.

11.- No caso de estar inscrito no Rexistro Galego de Comercio, achegarase a tarxeta vixente expedida por dito organismo, neste caso non será preciso aportar a documentación requirida nos apartados 4, 5, 7, 8, 9 e 10.

12. Para a venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda ou que inclúa mercadorías perecedoiras, deberán cumprir ademais os seguintes requisitos, en relación co vehículo:

- Certificado ATP en vigor

- Documentación do vehículo coa indicación da clasificación e ITV en vigor

- Acta de inspección sanitaria

Artigo 16. Concesión de autorizacións.

1. As autorizacións concederanse en condicións non discriminatorias. O procedemento deberá garantir garantir a transparencia, imparcialidade e daráselle a publicidade adecuada de inicio, desenvolvemento e fin do proceso.

2. A concesión da autorización realizarase por rigoroso orden de entrada das solicitudes no rexistro desta entidade e unha vez se revise a documentación requirida.

3. Os titulares xa autorizados anteriormente con posto na feira- mercado, terán preferencia sobre os novos solicitantes para a xestións concretas como pode ser o cambio de ubicación do posto, etc.

4. A alcaldía determinará o emprazamento ou localización da venda ambulante que se realice fora dos recintos, delimitados fisicamente ou non, nos que se celebren as feiras e mercados organizados e periódicos, establecendo igualmente os días, horarios, frecuencia e rutas para os que se autoriza o seu exercicio, así como o emprazamento dos postos de venda ambulante.

5. As autorizacións ós cidadáns que non pertencen á Unión Europea, quedarán anuladas e sen efecto ó serlles revogados os seus permisos de residencia ou traballo.

Artigo 17. Validez da autorización.

Posto que o número de autorizacións dispoñibles é limitado debido á escaseza de solo público habilitado para tal efecto, a duración delas non poderá ser por tempo indefinido. As autorizacións outorgaranse por tempo determinado. O seu prazo de duración será de cinco anos prorrogables de forma expresa por idénticos períodos.

Artigo 18. Datos reflectidos nas autorizacións municipais.

Nas autorizacións expresarase:

- Nome e apelidos do vendedor/a, así como dos suplentes se é o caso.

- DNI, pasaporte ou NIE do titular e suplentes ou CIF.

- Enderezo

- Fotografía do titular e suplentes se é o caso.

- Modalidade de venda autorizada

- Mercadoría que vai expender.

- Localización asignada para o posto.

- Prazo de vixencia da autorización.

- Referencia á obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina de feira- mercado e a protección do consumidor.

CAPITULO V. OBRIGAS DOS TITULARES DAS LICENCIAS, INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

Artigo 19. Obrigas e dereitos dos vendedores autorizados.

Son obrigas dos titulares das licencias:

a) Manter aberto ó público o posto debidamente atendido e abastecido.

b) Estar inscrito no imposto de actividades económicas e ó corrente do pagamento das súas obrigas tributarias respecto da actividade que exercen.

c) Exercer a actividade ou vender exclusivamente os productos ou xéneros para os que fosen autorizados.

d) De utilizaren pesas ou medidas, telas debidamente contrastadas polo servizo correspondente da Delegación de Industria, garantindo a cantidade exacta dos artigos que adquire o público.

e) Observar as normas sanitarias que establecen as disposicións vixentes.

f) Cumprir cantas obrigas impoñan as disposicións aplicables por razón da actividade que exerzan, especialmente en materia de disciplina de mercado e comercialización.

g) Manter as instalacións, postos e demais elementos de venda nas debidas condicións de seguridade, hixiene, conservación e limpeza. Deberán, ó remate da xornada comercial, deixar limpos de residuos os espazos ocupados.

h) Manter os lugares de residuos e refugallos en todo momento, e reparar os danos ocasionados na vía pública e instalacións tanto durante o aproveitamento coma ó remate deste.

i) Exhibición de permisos. A autorización municipal exhibirase obrigatoriamente no respectivo posto de venda, dun xeito doadamente visible e lexible para o público os seus datos persoais e o documento no que conste a correspondente autorización municipal, así como un enderezo para a recepción das posibles reclamacións.

A administración municipal resérvase a facultade de exercer, por medio dos seus axentes, técnicos municipais ou vixiantes autorizados, unha inspección periódica e constante para comprobar o cumprimento desta esixencia, a vixencia da documentación requirida para a concesión da autorización e o acatamento das restantes prescricións desta ordenanza.

j) O vendedor/a terá a obriga de mostrar a factura de compra dos produtos a requirimento das autoridades ou funcionarios municipais.

k) Cumprir as disposicións desta ordenanza, as normas que estableza o Concello para o bo funcionamento das feiras- mercados de postos ambulantes e demais disposicións legais vixentes que sexan aplicables.

Son dereitos dos vendedores autorizados:

a) Solicitar a debida protección das autoridades locais para poder realizar a actividade para a que están autorizados.

b) Presentar as alegacións e suxestións para o mellor exercicio da actividade.

Artigo 20. Infraccións.

Constitúen infraccións as condutas tipificadas neste artigo:

1.- O incumprimento das normas establecidas na presente ordenanza e das normas de aplicación, orixinará a incoación do correspondente procedemento sancionador. As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

2.-Serán faltas leves:

- As discusións ou conflitos entre vendedores.

- A venda de produtos diferentes ós autorizados na licenza.

- Aumentar a superficie do posto con mais metros dos autorizados, ou non gardar a distancia entre postos, entre postos e establecementos ou edificios que lle foron sinalados.

- Non deixar limpo e recollido o lugar onde estivo instalado.

3.- Son faltas graves.

- A venda dende o vehículo cando estea expresamente prohibida.

- A comisión de catro faltas leves nun (1) ano.

- Realizar a venda en lugares, datas ou horario diferente do autorizado.

- Desobedecer as ordes do persoal ou vixiantes autorizados do concello, dentro do establecido nas presentes normas.

- Ocupar o sitio ou vender no lugar que corresponde a outro vendedor.

- As demais que a lexislación considere como graves.

- O exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada ou do seu suplente.

4.- Son faltas moi graves.

- Que o titular ou suplente interrompa a súa actividade e non monte o posto de venda na feira- mercado autorizado 4 veces consecutivas sen xustificación.

- Intentar ou facer transferencias de autorizacións dos postos.

- A comisión de catro faltas graves nun ano.

- Adicarse á venda ambulante sen a correspondente autorización

- A venda de produtos en estado tal que poidan causar dano para a saúde.

- Non estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social, non estar inscrito no imposto de actividades económicas e non ter ó día o seguro de responsabilidade civil.

Artigo 21. Sancións.

As sancións que se aplicarán serán:

1. Para faltas leves

- Amonestación

- Suspensión da autorización municipal 1 mes.

2. Para faltas graves.

- Suspensión da autorización municipal de 6 a 9 meses.

3. Para faltas moi graves.

- Retirada de licenza e prohibición de poder optar a ter unha nova autorización ata transcorrido 1 ano.

- Retirada definitiva de licenza sen posibilidade de volver a obter unha nova autorización.

- Retirada inmediata do posto de venda ambulante, e en caso de non realizalo, encargarase ós responsables da feira- mercado de levar a cabo tal retirada .

4. Correspóndelle á alcaldía a imposición de sancións.

Artigo 22. Procedemento.

Para a determinación das infraccións e a imposición das sancións previstas nesta ordenanza será de aplicación o procedemento administrativo sancionador regulado polo Real Decreto 1398/93, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora con carácter xeral; a Lei 30/92, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administración públicas de procedemento administrativo común, e demais normas concordantes.

DISPOSICIONES

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Ordenanza fiscal reguladora da expedición do carné para a venda no mercadillo de Lestedo, así como para a venda ambulante no concello de Boqueixón, aprobada por Pleno da Corporación en sesión de data 9 de xullo de 1997 e publicada no BOP nº 211, do 13 de setembro de 1997.

Disposicións finais

Primeira.

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicada o texto íntegro no BOP e transcorrido o prazo a que se refire o art. 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Segunda.

Para o non previsto nesta ordenanza estarase ó disposto nas normas de rango superior sobre a materia, especialmente o sinalado na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do Comercio Interior de Galicia.