Teo - REGULAMENTO DE USO DAS PISCINAS MUNICIPAIS DE TEO E DAS SÚAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS ANEXAS
Capítulo 1. Disposicións xerais
Artigo 1.-
O obxecto do presente regulamento e establecer as normas de uso e funcionamento das instalacións deportivas da Piscina Municipal Cuberta de A Ramallosa, así como das piscinas descubertas de Os Tilos e A Ínsua (Luou), xa sexan xestionadas polo propio Concello de Teo ou por entidade autorizada en virtude de acordo adoptado polos seus órganos de goberno.
No non previsto polas presentes normas reguladoras estarase ao disposto polas normas de uso colectivo das instalacións deportivas da Comunidade Autónoma de Galicia, en especial o Decreto 103/2005 de 6 de maio, prego de cláusulas administrativas particulares e prescricións técnicas, se as houbera, e normativa municipal que puidera ser de aplicación.
Artigo 2.-
Serán obxectivos prioritarios para o Concello de Teo na xestión das instalacións deportivas da súa titularidade e, en particular, das reguladas no presente documento:
a) Fomentar a práctica do deporte e a educación física na poboación, con especial atención na procura do desenvolvemento integral da persoa, así como contribuír á creación de hábitos de vida saudables.
b) Achegar a práctica da actividade deportiva aos escolares do municipio a través do desenvolvemento e oferta de programas deportivos.
c) Promover cursiños de natación dirixidos aos veciños e veciñas do concello nos niveis de iniciación e perfeccionamento.
d) Facilitar a práctica deportiva naquelas especialidades que poidan ser practicadas nas instalacións da Piscina Municipal cuberta de A Ramallosa e nas piscinas descubertas de Os Tilos e A Insua (Luou), tales como natación, pádel, musculación, aerobic, exercicios cardiovasculares, pilates, sauna e todos aqueles susceptibles de ser practicados nas ditas instalacións.
Capítulo 2. Acceso ás instalacións
Artigo 3.-
1. As instalacións deportivas das piscinas municipais están ao dispor de todos os cidadáns e cidadás do concello de Teo que pretendan realizar algunha das actividades deportivas que nelas se poidan practicar, de acordo co previsto neste regulamento.
2. O acceso ás instalacións pódese realizar baixo calquera das seguintes modalidades.
a) Abonados: Coa condición de abonado, pódese ter acceso a calquera das piscinas municipais e á practica de calquera das especialidades deportivas desenvolvidas nos seus recintos, con apoio de monitor ou monitora especializado, e a todos os espazos de uso libre, sen outra limitación que o tempo que se puidera fixar para actividades concretas.
Poderán ser establecidos diversos tipos de abonos en función de tempo, unidade e extensión familiar, bonificacións especiais, etc.
b) Abonados de verán: Este tipo de abonados terán acceso a calquera das piscinas municipais descubertas sen limitación de tempo nin de sesións durante o período no que as piscinas descubertas permanezan abertas.
c) Asistente a cursiños: Teñen esta condición as persoas inscritas nalgún curso, que unicamente poderán facer uso das instalacións nas que se desenvolva a actividade solicitada e polo tempo de duración desta.
d) Entradas libres: Entradas puntuais nas instalacións, pagando o custo da entrada no momento do acceso. Os beneficiarios/as das entradas libres poderán facer uso de todas as zonas de acceso libre, sen apoio personalizado de monitor especializado/a e con uso restrinxido en función da ocupación da instalación en cada momento.
e) Colectivos e grupos organizados: Mediante o alugueiro total ou parcial da instalación, previa autorización do concello ou da empresa xestora no seu caso.
Artigo 4.-
1. Requirimentos para adquirir a condición de abonado ou abonado de verán:
· Cumprimentar en todos os seus apartados a folla de inscrición.
· Fotocopia do DNI. No caso de tratarse dun abono familiar, aportarase fotocopia da totalidade dos DNI dos membros da unidade familiar e fotocopia do Libro de Familia ou documento que acredite a unidade familiar, sexa esta de dereito ou de feito.
· Copia de xustificante de ingreso bancario que acredite o pago da taxa correspondente ou fotocopia do CCC bancario onde apareza o nome do seu titular, segundo a opción de pago que en cada caso poida ser determinado polo concello ou empresa adxudicataria do servizo no seu caso. Caso de non tratarse do titular, achegarase igualmente fotocopia do DNI do titular.
· Fotografía tamaño carné de cada un dos pretendidos abonados.
2. Requirimentos para adquirir a condición de asistente a cursiños.
· Cumprimentar en todos os seus apartados a folla de inscrición.
· Fotocopia do DNI ou documento que acredite a identidade.
· Copia de xustificante de ingreso bancario que acredite o pago da taxa correspondente ou fotocopia do CCC bancario onde apareza o nome do seu titular, segundo a opción de pago que en cada caso poida ser determinado polo concello ou empresa adxudicataria do servizo no seu caso. Caso de non tratarse do titular, achegarase igualmente fotocopia do DNI do titular.
3. Requirimentos para adquirir unha entrada libre .
· Identificarse coa presentación do DNI ou documento suficiente que acredite a personalidade cando por motivos de seguridade lle fose requirido polo persoal do centro. A negativa a identificarse poderá ser causa de denegación de acceso ás instalacións.
4. Requirimentos para o alugueiro total ou parcial dunha instalación ou espazo.
· O alugueiro total ou parcial tan só poderá ser solicitado por colectivos, asociacións ou grupos legalmente constituídos e que teñan o seu domicilio social no concello de Teo, circunstancias que deberán ser acreditadas documentalmente.
· A solicitude de alugueiro deberá ser presentada no concello ou nas oficinas da empresa xestora, segundo o caso, e nela deberá constar a finalidade do alugueiro, o período solicitado, a actividade a desenvolver e o número aproximado de participantes na actividade.
· Una vez concedida a autorización, esta será firme no momento en que se acredite ter satisfeitas as taxas correspondentes.
5. As persoas empadroadas no concello de Teo deberán acreditar este extremo mediante a correspondente certificación expedida polo concello.
6. As persoas usuarias das instalacións deberán cumprir coas normas de uso de cada un dos espazos de uso deportivo das instalacións, así como das zonas comúns, respectando os límites de idade establecidos para cada un deles.
Artigo 5.-
Os veciños e as veciñas do concello de Teo terán preferencia sobre os de calquera outro concello na adquisición da condición de usuarios das instalacións obxecto deste regulamento. A estes efectos habilitarase, para os abonados e abonados de verán, un prazo de inscrición para empadroados no concello de Teo e outro posterior para non empadroados ata completar o aforo máximo permitido.
Unha vez rematado o período inicial de inscrición, crearanse listas de agarda, se fose necesario, para o acceso ás instalacións na modalidade de abonado, tendo preferencia nelas os solicitantes empadroados no concello de Teo.
Artigo 6.-
1. Para o acceso ás instalacións baixo a modalidade entrada libre deberán obterse as entradas correspondentes nos lugares de venda das mesmas habilitados nas propias instalacións.
2. O acceso baixo a modalidade de abonado ou abonado de verán farase previa exhibición do carné correspondente ou validación de tarxeta nos dispositivos correspondentes, de ser o caso. A posesión destas credenciais presupón o correcto abono das cotas correspondentes, perdendo a súa condición de abonado no momento en que o pago destas cotas se interrompe.
3. Por motivos de seguridade e dadas as características das instalacións, poderán ser fixadas determinadas limitacións de uso en función das idades dos potencias usuarios, así como para o acceso a determinadas instalacións.
4. Con carácter xeral, os menores de 8 anos deberán estar acompañados por un adulto durante o uso libre do vaso da piscina. Os usuarios maiores de 8 anos e menores de 16 que saiban nadar, poderán entrar sen acompañante cun consentimento por escrito asinado polo pai, nai ou titor ou titora, que quedará depositado na instalación e servira de autorización permanente.
5. As persoas que acudan ás instalacións na súa condición de participantes en cursiños ou con motivo de alugueiro das instalacións, tan so poderán permanecer nos recintos polo tempo de duración da actividade na que participan ou polo tempo estipulado no alugueiro temporal das mesmas.
6. O dereito de acceso ás instalacións interrómpese no mesmo momento en que se produce o impago das taxas que dan acceso ás instalacións, calquera que sexa a modalidade de pagamento ou a modalidade de acceso.
7. No suposto de acceso ás instalacións de grupos de escolares, estes deberán estar en todo momento acompañados por persoal do centro educativo, que será o responsable de manter a orde entre os membros do grupo, tanto na zona de vasos como nos vestiarios, así como do uso adecuado das instalacións.
Capítulo 3. Normas xerais de funcionamento
Artigo 7.-
1. O horario de apertura das instalacións cumprirá os seguintes criterios:
a. Piscina cuberta:
Estará aberta un mínimo de 85 horas semanais durante todo o ano, a excepción dos meses de xullo e agosto nos que poderá reducirse ata un mínimo de 65 horas. En calquera caso, a piscina abrirá todos os días da semana incluídos festivos, aínda que o faga en horario reducido, a excepción dos días completos de Navidade e Ano Novo, e o de Noite Boa a partir das 20,00h.
O horario para o período anual será fixado polo Concello de Teo atendendo ás necesidades do servizo, e poderá ser obxecto de modificación, excepcionalmente, no curso do período anual. O horario ou calquera modificación que nel se produza deberá ser notificado aos usuarios coa antelación suficiente.
b. Piscinas descubertas:
Do 15 de xuño ao 15 de setembro, de 11,00 a 14 e de 16,00 a 21 horas
2. A distribución do espazo dispoñible nas piscinas, tanto para uso libre como para cursos, estará reflectida nos cadrantes de utilización. Estes cadrantes indicarán en todo momento os usos reais das instalacións e poderase proceder á súa modificación cando por razóns organizativas se estime conveniente.
3. Nas piscinas, a utilización que se determine das estaxes, tanto de uso libre como de uso para cursos, farase en función da demanda existente, e poderán ser de nado lento, nado rápido, nado con aletas, nado de recreo, adestramento ou estaxes reservadas para asistentes a cursiños.
4. O peche das instalacións por motivos de limpeza, realización de traballos de mantemento e renovación de auga dos vasos, ou calquera outros motivos técnicos será anunciado oportunamente e coa antelación suficiente que as circunstancias permitan.
Artigo 8.-
1. A capacidade máxima de usuarios simultáneos das piscinas e instalacións complementarias será a seguinte:
a. Piscina cuberta de A Ramallosa: 271 persoas
b. Piscina de Luou: 500 persoas
c. Piscina de Os Tilos: 500 persoas
2. O aforamento do ximnasio virá determinado polo número de aparellos e ás rotacións que se programen polo monitor ou encargado.
3. A capacidade das salas de usos múltiples se determinará en función das actividades que se programen nelas.
Artigo 9.-
1. A utilizacións dos vestiarios será determinada pola dirección das instalacións. Para tal efecto, cursaranse as instrucións oportunas ao persoal dos centros co obxecto de que cada colectivo utilice o espazo que teña reservado.
2. Con carácter xeral, non se permitirá o acceso aos vestiarios ás persoas que non vaian facer uso das instalacións, con excepción dos acompañantes de persoas que pola súa idade ou condicións, non sexan capaces de se espir nin de se vestir de xeito autónomo.
3. Os nenos e nenas de 6 anos e menos, poderán utilizar indistintamente calquera vestiario en función do sexo dos adultos que os acompañen.
4. O acceso aos vestiarios dos grupos de escolares realizarase sempre acompañados dun responsable da ANPA ou do centro educativo.
5. No interior dos vestiarios está prohibido, por motivos de seguridade, o uso de de aparellos eléctricos como secadores, máquinas de barbear,.etc., agás os que puidera haber nas propias instalacións.
6. Nos vestiarios non se permitirá realizar outras accións de hixiene persoal que non sexan as derivadas da propia práctica deportiva.
Artigo 10.-
1. Nas instalacións deportivas da piscina cuberta de A Ramallosa haberá a disposición dos usuarios/as armarios de gardarroupa, non estando permitido deixar fora de tales armarios utensilios ou prendas por parte dos usuarios.
2. Os usuarios que fagan uso destes armarios deberán deixalos baleiros ao remataren a súa actividade.
3. Non está permitido gardar un armario para uso persoal. Os armarios que permanezan pechados ao final de cada xornada serán abertos polo persoal do centro e o seu contido depositado na zona de recepción durante un prazo máximo de 15 días naturais. Transcorrido este prazo, os obxectos non reclamados polo seus propietarios serán entregados á policía municipal que os custodiará, dándolles o destino que proceda segundo a normativa vixente.
4. O Concello de Teo ou, se é o caso, a empresa concesionaria do servizo non se responsabiliza dos obxectos substraídos, extraviados, cambiados ou estragados dentro das instalacións, mesmo nos armarios.
Capítulo 4. Normas de uso das instalacións
Artigo 11.-
O persoal das instalacións, que estará sempre identificado, será o responsable de facer cumprir a todos os usuarios as normas de uso de cada instalación e poderá, se é o caso, expulsar do recinto a quen incumpra o disposto no presente regulamento e en cantas normas fosen de aplicación e obrigado cumprimento.
Artigo 12.-
1. Con carácter xeral, e de aplicación en todos os recintos deportivos obxecto deste regulamento establécense as seguintes normas:
a. Deberanse respectar en todo momento os espazos reservados aos diferentes usos da instalación deportiva.
b. Non está permitido comer nin fumar en todo o recinto, nin utilizar envases de vidro.
c. Todo usuario está obrigado a velar polo bo estado de conservación das instalacións e, polo tanto, impedirá ou denunciará todos os comportamentos que supoñan un deterioro das instalacións ou dos servizos e advertirá aos responsables da instalación das anomalías observadas nas instalacións, o seu mobiliario o no material de uso destas.
d. O acceso ás zonas de uso deportivo tan só estará permitido cando se utilice roupa e calzado deportivo.
e. Os e as matriculados nun cursiño accederán ás instalacións con unha antelación máxima de quince minutos antes do comezo da actividade e permaneceran sen facer uso das instalacións ata a chegada do monitor, que será quen determine o comezo da actividade.
f. Para acadar uso óptimo das instalacións e promover a práctica de condutas ambientalmente sostibles, o tempo de utilización das duchas será o estritamente necesario.
g. Os usuarios estarán obrigados a utilizar as papeleiras e os colectores de lixo, comprometéndose a manter limpas as instalacións.
h. Non está permitido o acceso ás instalacións con animais, agás cans guía.
i. Recoméndase a todos os usuarios que se sometan a un recoñecemento médico previo á práctica deportiva, en especial a todos aqueles que permanecesen inactivos durante un período prolongado de tempo, aos que padezan algunha enfermidade de carácter crónico ou aqueles que presenten antecedentes médicos que así o recomenden.
j. Todo accidente que se produza no interior das instalacións deberá ser comunicado ao persoal responsable das mesmas antes de abandonar o recinto. O Concello de Teo ou, no seu caso, a empresa concesionaria, disporá dun seguro de responsabilidade civil derivada da súa actividade.
2. Nas piscinas deberán cumprirse as seguintes normas:
a. Os usuarios/as deberán facer uso obrigatorio de roupa de baño e gorro.
b. Durante a permanencia nos vestiarios, aseos, duchas e praias das piscinas, é obrigatorio o uso de zapatillas de baño.
c. Antes de acceder ás piscinas e obrigado someterse a unha ducha.
d. Non está permitida a realización de prácticas perigosas nin xogos tales como correr, apneas prolongadas, mergullarse violentamente, tirar obxectos, etc. e, en xeral todos aqueles actos que dificulten, obstaculicen ou impidan o normal desenvolvemento das actividades programadas.
e. Prohíbese o uso de aletas, pas, colchóns, lentes de cristal ou calquera outro elemento que poida danar ou molestar aos usuarios, agás nas estaxes e nos horarios que poidan ser habilitados a tales efectos.
f. Recoméndase aos usuarios, antes de acceder ás piscinas, que soliciten información ao persoal das mesmas da profundidade do vaso da piscina antes de facer uso da mesma, coa finalidade de evitar accidentes.
g. Deberán respectarse en todo momento as instrucións do socorrista da piscina. O non cumprimento desta obriga, así como o comportamento inadecuado poderá supoñer a expulsión do recinto do infractor.
h. A utilización das estaxes de nado libre estará sempre condicionada polo nivel de nado dos usuarios e, sempre que así o estimen necesario os responsables da piscina poderanse dispoñer estaxes de nado rápido, nado lento, ou outros usos. En último caso, as indicacións do socorrista poderán condicionar a obrigatoriedade de desprazarse a unha estaxe determinada en función das capacidades dos usuarios.
i. É obrigado nadar sempre pola dereita da estaxe que se está a utilizar.
j. Se fose preciso algún elemento de axuda na aprendizaxe da natación, e sempre que o nivel de competencia permita o nado sen supervisión directa de monitor, poderá ser solicitado ao socorrista, devolvéndoos con posterioridade ao seu uso ao lugar habilitado a tal efecto.
k. Prohíbese lixar a auga con prácticas antihixiénicas, así como acceder á piscina cuberta con maquillaxes ou cremas, aceites ou cosméticos de calquera natureza.
l. As persoas que padezan ou teñan sospeita de padecer algunha enfermidade infecto contaxiosa, especialmente cutánea, non poderán acceder ao uso das piscinas, agás certificado médico que acredite que a súa doenza non supón risco de contaxio para os demais usuarios da instalación.
3. Nas salas de exercicios cardiovascular e de actividades varias, deberán gardarse as seguintes normas:
a. É obrigatorio o uso de toalla, que se colocará sobre ás máquinas ou aparellos coa finalidade de que non entren en contacto co suor.
b. Deberase usar calzado e roupa deportivos axeitada á actividade a desenvolver. No caso do calzado, este non poderá ser o mesmo que se trae dende o exterior das instalacións.
c. Deberase facer un uso correcto das máquinas, non manipulando as mesmas inadecuadamente. En caso de dúbida, deberase consultar con un monitor.
d. Por motivos de saúde, prohíbese a entrada nas salas de exercicios de fitness, cardiovascular e musculación, se as houbera, aos menores de 14 anos. Entre os 14 e os 16 anos, tan so poderán facer uso delas en horarios nos que estea presente un monitor e sempre baixo a súa supervisión. Neste suposto deberán acreditar a autorización dalgún dos proxenitores ou dun titor mediante a correspondente autorización por escrito.
e. O uso libre dos aparellos estará supervisado por un monitor, mentres que nas actividades dirixidas, será o monitor quen lles asigne os aparellos aos usuarios e o tempo de utilización.
f. As salas de usos múltiples tan so poderán ser usadas para a realización de actividades con monitor/a.
g. Finalizada a actividade, deberase abandonar a sala.
h. Non se permite a entrada ás salas con mochilas, comida ou envases de vidro.
i. O tempo máximo de utilización das máquinas de exercicios cardiovasculares, será de 20 minutos, debendo deixar libre a máquina transcorrido este tempo.
4. Para o uso das salas de sauna e baños de vapor, deberán terse en conta as seguintes recomendacións:
a. Non e recomendable a utilización dos baños de vapor ás persoas que padezan hipotensión, hipertensión, cardiopatías, feridas abertas, infeccións xerais con febre (víricas e bacterianas: gripe, arrefriados), doenzas infecciosas (fungos, otite¿),embarazo, hipertiroidismo, glaucoma, cataratas, tumores, incontinencia de esfínteres, psicopatías graves, durante a menstruación, epilepsia grave, tuberculose e enfermidades severas da pel coma psoriase, dermatite, etc.
b. É recomendable tomar a sauna ou o baño de vapor despois dun esforzo, por exemplo, despois de facer deporte. Pero deberase descansar entre 15 e 30 minutos para que o organismo presente unha mellor reacción diante do calor.
c. Se transcorreu moito tempo dende a última comida, deberase inxerir un pouco de pan ou doce para evitar a hipoglucemia.
d. As persoas con pes fríos, deberán introducilos en auga quente durante 4-5 minutos previa a súa entrada na sauna.
e. Durante a súa estadía na sauna, deberase respirar pola boca, non polo nariz, non beber nin comer, non realizar traballos musculares e evitar falar, pola incidencia que tales accións poden ter sobre a respiración e circulación, xa de por si aumentadas.
f. Se nota algunha molestia ou malestar, deberá abandonar a sauna de inmediato, informando ao persoal da instalación.
g. Transcorridos 8-12 minutos no interior da cabina, é normal que o corpo sinta a necesidade de refrixerarse. E nese intre debese abandonar a cabina, sen tomar en consideración se se suou o suficiente ou non.
h. Antes de abandonar a cabina, os usuarios que optaran por estar deitados na cabina deberanse sentar cos pes colgando no banco para que a circulación se adapte de novo á posición vertical.
i. Ao saír da cabina é aconsellable ducharse en auga morna, repousar durante 10 minutos e se se desexa, volver a repetir o proceso unha vez mais. Rematada esta segunda queda, recoméndase saír definitivamente.
5. Á marxe destas recomendacións, no uso das saunas e baños de vapor, serán de observancia obrigada as seguintes normas:
a. Antes de entrar nas cabinas é obrigado ducharse previamente
b. Non está permitida a entrada aos menores de 18 anos.
c. E obrigatorio ao entrar na cabina facelo con zapatillas de ducha.
d. Non esta permitida a entrada nas cabinas con algún tipo de roupa, agás a propia de baño, así como con lentes, xoias, obxectos metálicos, electrónicos ou de vidro.
e. No interior das cabinas non está permitido comer nin beber.
f. Deberase manter un comportamento decoroso en todo momento.
g. Non está permitido afeitarse, depilarse, tinguirse ou outras accións de hixiene persoal no interior das cabinas.
h. E obrigatorio o uso de toalla na cabina para secar o suor.
i. Non está permitido botar máis de dous cazos de auga simultaneamente na fonte de calor, así como ningún tipo de produto distinto á auga, como ambientadores, aceites, etc.
6. Para o uso das pistas de pádel, deberán ser tidas en conta as seguintes normas:
a. Tan so estará permitido o acceso ás pistas usando calzado e roupa deportiva. O calzado non poderá ser o mesmo co que se accede dende o exterior da instalación.
b. O material usado para o xogo, raquetas e pelotas, será, obrigatoriamente, o regulamentario para a práctica deste deporte.
c. Para acceder ás pistas, será preciso ter efectuada unha reserva previa. A tal efecto, existirá un libro de reservas onde se anotarán todas as incidencias.
d. Para acceder ás pistas será necesario un mínimo de dous xogadores, considerándose desistida a reserva de non presentarse un mínimo de dous xogadores nos dez minutos seguintes ao comezo do seu período de reserva. Neste caso, a pista poderá ser ocupada por quen a solicitara nese momento.
e. A non comunicación da cancelación dunha reserva con un mínimo de catro horas de antelación, suporá a perda do dereito a reservar no prazo dunha semana a contar dende a data do incumprimento.
f. O período máximo de utilización continuada dunha pista será dunha hora.
g. Un mesmo usuario no poderá efectuar máis de dúas reservas semanais, agás que houbera horas non reservadas.
h. Os menores de 12 anos tan só poderán acceder ás pistas acompañados dun adulto ou con ocasión de cursiños ou competicións.
7. O Concello de Teo ou, no seu caso, a empresa concesionaria, poderá proceder ao peche das instalacións total ou parcialmente, previa comunicación aos usuarios, por razóns de mantemento, avarías ou realización de competicións.
Capítulo 5. Inscricións, cursos e actividades
Artigo 13.-
1. Toda persoa que desexe inscribirse nun curso, actividade ou abono, deberá presentar a folla de inscrición debidamente cumprimentada, xunto coa documentación nela requirida e certificado de código conta cliente a efectos de domiciliacións das cotas sucesivas se fose o caso. No caso dos menores de idade, esta documentación deberá ser aportada polo pai, nai ou titor/a.
2. As condicións, modalidades de abono, importes de matricula, modos de pago e condicións de acceso, serán regulados mediante a publicación por parte do Concello de Teo dunha ordenanza fiscal reguladora do servizo.
3. Para darse de baixa como abonado ou asistente a un cursiño, será necesario comunicalo por escrito ao Concello de Teo ou, no seu caso, á empresa concesionaria antes do día 20 do mes anterior ao que se produce a baixa. Una vez cursada a baixa, para causar nova alta deberán iniciarse a totalidade dos trámites, incluído o pago de matrícula se fose preceptiva.
4. Calquera solicitude de cambio horario, de grupo, etc. cando se trate de actividades regradas, deberá ser solicitado por escrito e non será efectivo en tanto non sexa comunicada a aceptación do cambio polo persoal do centro.
Capítulo 6. Infraccións
Artigo 14.-
1. O incumprimento do disposto neste regulamento poderá dar lugar á expulsión do recinto.
2. O incumprimento reiterado, poderá dar lugar á perda da condición de abonado ou asistente a cursiños por un período non inferior a tres meses.
3. Cumprida esta sanción, a reiteración nas condutas contrarias a este regulamento determinará a perda definitiva do dereito de acceso ás instalacións.
4. Con independencia da imposicións das sancións a que houbera lugar, se algunha infracción levase aparellado unha deterioración, rotura ou estrago dalgún elemento das instalacións deportivas, o infractor deberá aboar o importa das reparacións ou reposicións de materiais que se tiveran que realizar.
5. Para todos os efectos, terán a consideración de responsables subsidiarios dos danos producidos as entidades organizadoras da actividade ou, se é o caso, aquelas que efectuasen o alugueiro de uso das instalacións.
Artigo 15.-
Existirán, a disposición do público, follas de reclamacións e suxestións numeradas para que poidan presentarse as queixas, reclamacións e suxestións que se estimen necesarias e remitirase copia destas ao concello cando lle fose solicitado á empresa concesionaria, se a houbera.
DISPOSICIONS ADICIONAIS
1. O funcionamento das piscinas municipais de titularidade municipal e as súas instalacións anexas, rexeranse polas estipulacións contidas neste regulamento na restante normativa aplicable.
2. Este regulamento poderá ser modificado, rectificado ou ampliado, previa aprobación polo órgano competente do Concello de Teo, sempre que exista causa obxectiva que o xustifique.
DISPOSICIONS FINAIS
1. Correspóndelle ao Concello de Teo a interpretación das normas deste regulamento, que poderá ditar as normas necesarias para a súa aplicación.
2. En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei.