Melide - Ordenanza fiscal núm. 9, reguladora da taxa por entrada de vehículos a través de beiravías e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercandorías de calquera clase.

Publicación provisional: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 01/01/2013

Artigo 1.-Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 13.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e os artigos 20 e 58 da Lei 39/88, do 28 de decembro; e de conformidade co disposto no artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, acorda a imposición e ordenación da taxa por entradas de vehículos a través das beiravías e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, cargas e descarga de mercadorías de calquera clase e outros usos similares.

Artigo 2.-Feito imponible.

Constitúen o feito imponible da taxa a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal con entradas de vehículos a través das beiravías e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase e outras reservas análogas.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Serán suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular, consonte algún dos supostos citados no artigo segundo.

- Serán suxeitos pasivos substitutos do contribuínte desta taxa os propietarios dos terreos e locais ós que dean acceso ditas entradas de vehículos, os cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.

Artigo 4.-Responsables.

- Serán responsables solidarias das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.-Cota tributaria.

A cota desta taxa será a que figura no anexo desta ordenanza.

Artigo 6.-Beneficios fiscais.

Só se admitirán os beneficios que veñan establecidos nas normas con rango de lei ou deriven de tratados ou acordos internacionais.

Artigo 7.-Percepción.

Percíbese a taxa e nace a obriga de contribuír:

- Nos servicios de retribución puntual, no momento de presenta-la solicitude de concesión ou autorización do aproveitamento.

- Nos servicio de retribución periódica, percibirase a taxa o día primeiro de cada ano natural.

Artigo 8.-Liquidación.

- Cando se trate de servicios puntuais, liquidarase e esixirase a taxa correspondente en calidade de depósito previo, en todo caso antes de iniciarse o expediente de concesión ou autorización do aproveitamento solicitado.

- Cando se trate de servicios de retribución periódica, liquidarase a taxa nos períodos que se sinalen na tarifa da taxa ou co padrón anual de exaccións municipais.

- Se se realiza o aproveitamento ou utilización do dominio público municipal sen mediar concesión ou autorización, liquidarase e notificarase a débeda, esixindo o ingreso nos prazos previstos no Regulamento Xeral de Recadación para a liquidación de contraído previo, sen prexuízo de abri-lo oportuno expediente sancionador por infracción tributaria.

Artigo 9.-Ingreso.

O pagamento desta taxa realizarase:

- Nas liquidacións de contraído previo, na Tesourería municipal ou nas entidades financeiras que na notificación se sinalen. En todo caso, o ingreso será anterior ó inicio do expediente de concesión ou autorización do aproveitamento interesado.

- Nas liquidacións por recibo ou padrón, nas datas e entidades financeiras ou oficinas que se sinalen no edicto de exposición pública do padrón.

Artigo 10.-Infracción e sancións.

Nesta materia estarase ó disposto na Lei Xeral Tributaria e normativa de desenvolvemento.

Artigo 11.-Normas de xestión.

-As persoas ou entidades interesadas na concesión ou autorización para realizalos aproveitamentos sobre o dominio público municipal a que fai referencia esta taxa, deberán presentar unha solicitude achegándolle o plano, o detalle da superficie do aproveitamento e da súa situación municipal. Tratándose de solicitudes de autorización para entradas de vehículos a través das beirarrúas, os metros lineais sobre o dominio público, deberán ser igual ou superiores a lonxitude da portada de acceso de vehículos.

Antes da autorización ou concesión do aproveitamento, a persoa ou entidade interesada no aproveitamento aboará o importe da taxa en calidade de depósito previo.

- No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicita-la devolución da taxa ingresada en calidade de depósito previo.

- Unha vez autorizada ou concedida a licencia de aproveitamento, entenderase prorrogada mentres non presente a declaración de baixa o interesado.

- Cando finalice o aproveitamento, os suxeitos pasivos formularán as declaracións de baixa no censo ou padrón da taxa e producirá efectos no período natural seguinte ó de presentación desta. A non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, cunha redacción definitiva aprobada polo Pleno da corporación na sesión que tivo lugar na data que se expresa no anexo a esta ordenanza, entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.

ANEXO

A estrutura desta taxa será a seguinte:

Devengarase sempre que exista sinal de vao debidamente autorizado, exista ou non rasante; a taxa a devengar será de 22,07 euros, metro lineal e ano (ou proporción que corresponda)

Placa de sinal de vao autorizado: 16,18 euros/placa. Este importe deberá facerse efectivo unha vez concedida a licenza e sempre antes da recollida do sinal.

Segundo.- Data de aprobación.

Sesión plenaria de 2 de novembro de 1.998. Modificada 28/10/99.Modificacións:

(BOP nº 298, do 30/12/1998)

(BOP nº 299, do 31/12/1999)

(BOP nº 267, do 20/11/2003 e BOP nº 299, do 31/12/2003

(BOP nº267 19/11/200 e BOP nº 300, 31/12/2004)

(BOP nº 298 do 30/12/2005)

(BOP nº 293 do 23/12/2006)

(BOP nº 300, do 31/12/2007)

(BOP nº 298, 29/12/2008)

(BOP nº 245, 27/12/2011)

(BOP nº 244, 24/12/2012)