Melide - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Publicación provisional: 21/05/2013 BOP Nº: 95
Publicación definitiva: 11/07/2013 BOP Nº: 131
Aplicable dende: 12/07/2013

Artigo 1.º.-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e de conformidade co disposto nos artigos do 15 ó 27 e 57 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar.

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

É obxecto desta taxa a prestación do servizo de axuda no fogar ordinario e do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia e que no Programa individualizado de atención de recursos teñan o SAF como recurso asignado, ou como respiro complementario de outro recurso e/ou prestación.

Artigo 3.º.-Suxeito pasivo.

Serán suxeitos pasivos da taxa regulada na presente ordenanza os seguintes:

a) As persoas recoñecidas como dependentes ao abeiro da Lei 39/2006 de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e teñan resolución do Plan Individualizado de Atención (PIA) no que se lle recoñeza o citado servizo (calquera que sexa a modalidade do mesmo) sexan dadas de alta no servizo municipal de acordo co estipulado no Regulamento específico de funcionamento.

b) As persoas que accedan ao servizo da axuda no fogar por libre concorrencia e que sexan dadas de alta no servizo municipal de acordo co estipulado no Regulamento específico de funcionamento.

Se o/a beneficiario/a carecera da capacidade para obrar, dita obriga recaerá sobre quen ostente a súa representación legal ou, no seu caso, sobre quen exerza de feito o seu coidado.

Artigo 4.º.-Base impoñible.

A base impoñible desta taxa, referida a unha hora de prestación de servizo, virá determinada polo custo que para o concello supoña en cada momento a hora ordinaria de servizo prestado. Dito custo será, polo tanto, o importe, IVE engadido, que resulte de aplicación do contrato administrativo de xestión do servizo público de axuda no fogar, podendo ser diferente, se así resulta de dito contrato, para o caso de prestación do servizo ordinario que para o caso de prestación do servizo a persoas en situación de dependencia.

A base impoñible total será o resultado de multiplicar a base impoñible referida a unha hora de prestación do servizo polo número de horas de prestación efectiva do mesmo.

Artigo 5.º.-Cota tributaria.

A cota tributaria da taxa regulada nesta ordenanza será o resultado de aplicar á base impoñible total as seguintes porcentaxes:

a) Para o caso da prestación do servizo ordinario:

Capacidade económica

Porcentaxe

Menor ou igual do 0,80 do IPREM

0

Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1 IPREM

10%

Maior de 1 IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM

15%

Maior de 1,50 e menor ou igual a 2 IPREM

20%

Maior de 2 e menor ou igual a 2,5 IPREM

40%

Maior de 2,5

60%

b) Para o caso da prestación do servizo a persoas en situación de dependencia:

1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.

2. Nos demais supostos cada entidade local titular do servizo, para facer efectiva a obriga das persoas usuarias de participar no custo do servizo, aplicará a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:

Grao I

Grao II

Grao III

Nivel I

Nivel II

Nivel I

Nivel II

Nivel I

Nivel II

Capacidade económica (referida ao IPREM)

20 horas

30 horas

40 horas

55 horas

70 horas

90 horas

Inferior ou igual ao 100% do IPREM

0,00%

0,00%

0,00%

0,00%

0,00%

0,00%

Maior do 100% e menor ou igual ao 115% do IPREM

4,52%

6,56%

8,59%

11,42%

14,47%

18,09%

Maior do 115% e menor ou igual ao 125% do IPREM

5,41%

7,84%

10,28%

13,66%

17,31%

21,64%

Maior do 125 % e menor ou igual ao 150%do IPREM

5 ,55 %

8,05%

1 0,54%

14, 01%

17,76%

22,19 %

Maio do 150% e menor ou igual a o175% do IPREM

5, 65%

8,19%

1 0,73%

14,26%

1 8,07%

22,59 %

Maio do 175 e menor ou igual ao 200 %do I PREM

5,72%

8,30 %

1 0,87%

14,45%

18,31%

22,89 %

Maior do 200 % e menor ou igual ao 215 %do IPREM

5,81%

8, 42%

11,03%

14,66 %

1 8,58%

23,23%

Mai do 215 % e menor ou igual a o250 %IPREM

6,03%

8,75 %

11 ,46%

15,24%

19,31 %

24,14 %

Maior do 250% e menor ou igual ao 300% IPREM

6,24%

9,05%

11,86%

15,76%

19, 97%

24,97 %

Maior do 300% e menor ou igual ao 350% IPREM

6,42%

9,30%

12,19%

16,20%

20,53%

25,66%

Maior do 350% e menor ou igual ao 400% IPREM

6,54%

9,48%

12,42%

16,51%

20,93%

26,16%

Maior do 400% e menor ou igual ao 450% IPREM

6,63%

9,62%

12,60%

16,75%

21,22%

26,53%

Maior do 450% e menor ou igual ao 500% IPREM

6,70%

9,72%

12,74%

16,93%

21,45%

26,82%

Superior ao 500% do IPREM

6,76%

9,80%

12,84%

17,07%

21,63%

27,04%

3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao e nivel correspondente, a cantidade por pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.

4. En ningún caso o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento poderá exceder o 65% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.

A determinación da capacidade económica á que fan referencia as tarifas anteriores será a que resulte da aplicación dos artigos 59 e 60 do Decreto 99/2012, de 9 de marzo.

Artigo 6.º.-Exencións e bonificacións.

Non poderán recoñecerse respecto a esta taxa outros beneficios fiscais que os expresamente previstos en normas con rango de Lei ou derivados da aplicación de tratados internacionais, nos termos establecidos no art. 9 do texto refundido da lei reguladora de facendas locais.

Artigo 7.º.-Nacemento da obriga de pagamento e período impositivo.

A obriga do pagamento nace dende o día en que se inicie a prestación do servizo, pero as liquidacións practicaranse, a posteriori, por meses naturais en función do servizo prestado.

Artigo 8.º.-Normas de xestión.

Unha vez aprobada a alta no servizo, esta manterase mentres non varíen as circunstancias que motivaron a prestación do servizo. Para ditas variacións, no seu caso, estarase ao previsto no Regulamento de funcionamento do servizo.

Anualmente, ou antes, no caso de producirse cambios na situación das persoas usuarias, se lles requirirá, por parte do Departamento de Servizos Sociais do Concello, para que xustifiquen documentalmente a súa situación económica e patrimonial, a efectos de actualizar a súa capacidade económica e, no seu caso, a taxa a abonar, tal e como se recolle no Regulamento do servizo de axuda no fogar.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a actual Ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de axuda no fogar, aprobada por acordo plenario do 29/12/1999, e modificada posteriormente (BOP n.º 70, do 25/03/2000; BOP n.º 30, 15/2/10)

Disposición final.

Para o non expresamente regulado nesta ordenanza fiscal, estarase o disposto na normativa autonómica de aplicación, no regulamento do servizo e nos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas do contrato de xestión do servizo de axuda no fogar.