Narón - ORDENANZA FISCAL Nº 37 REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POR UTILIZACIÓN DO SISTEMA MUNICIPAL DE PRÉSTAMO DE BICICLETAS
Artigo 1. FUNDAMENTO LEGAL
O Concello de Narón, ao amparo do disposto nos artigos 41 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, establece o prezo público pola utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas, o cal se esixirá conforme ao establecido na presente ordenanza.
Artigo 2. FUNDAMENTO ECONÓMICO
Constitúe o fundamento económico do presente prezo público a prestación do servizo de utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas, de solicitude e recepción voluntaria e prestado en réxime de libre competencia coa iniciativa privada.
Artigo 3. PERSOAS OBRIGADAS AO PAGO
Están obrigadas ao pago do prezo público regulado na presente ordenanza as persoas beneficiarias da utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas. En caso de menores, serán os pais, nais ou titores/as as que teñen a obriga tributaria.
Artigo 4. CONTÍA
A contía correspondente a cada persoa que estea obrigada ao pago en concepto de prezo público por utilización do sistema municipal de préstamo de bicicletas aplicarase de acordo ás seguintes tarifas mínimas:
- Alta no servizo: 3 € (inclúe a entrega da tarxeta de usuario)
- Cota por día: 1 €
- Cota por semana: 3 €
- Cota por mes: 5 €
- Cota por ano (adultos): 15 €
- Cota por ano (menores de idade): 10 €
- Perda da tarxeta, roubo ou deterioro: 4 €
Artigo 5. XESTIÓN
Para obter a condición de usuarias e usuarios no servizo municipal de préstamo de bicicletas os cidadáns ou as cidadás deberán realizar a alta a través da web do servizo ou, no seu caso, nas oficina de atención e información existente, mediante a presentación dos formularios oportunos e documentación que se requira.
Artigo 6. NORMAS DE XESTIÓN
O prezo público retribuirase coa alta como usuario/a no servizo municipal de préstamo de bicicletas, momento no que nace a obrigación de aboar a cantidade estipulada, segundo sexa:
a) Anual:
- Cando o suxeito pasivo se dea de alta no servizo municipal de préstamo de bicicletas procederá, xunto coa solicitude e demais documentación esixida segundo o regulamento do servizo, ao aboamento do importe do prezo público.
- Logo de vencer o período dun ano e durante os dez días naturais posteriores á data, o suxeito pasivo procederá igualmente ao aboamento do importe correspondente ao exercicio seguinte. Se pasados eses 10 días non se realizara ningún ingreso, procederase á eliminación como usuario do servizo inutilizando a súa tarxeta.
b) Mensual, semanal ou diario:
Solicitarase a alta igualmente no servizo municipal de préstamo de bicicletas.
Artigo 7.
Unha vez acordada a prestación do servizo e para as xa concedidas, realizarase a liquidación da contía do prezo público correspondente a cada beneficiario, atendendo ao tipo de cota que se aboe de conformidade co artigo 4 da presente ordenanza, que será notificada ao interesado/a coa expresión da obrigación do ingreso das cantidades resultantes con anterioridade ao uso do servizo.
Artigo 8.
En todo o relativo ás infraccións nas súas distintas cualificacións, así como no que respecta ás sancións que lles correspondan, rexeranse polo disposto na Lei 7/1985 de bases de réxime local e regulamento da potestade sancionadora, así como na Ordenanza fiscal municipal correspondente, en canto ao mal uso que realice o usuario do préstamo de bicicleta, sen prexuízo de cantas outras responsabilidades civís e penais poidan corresponderlle ás persoas infractoras.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL
Nos termos previstos no artigo 47 da Lei reguladora das facendas locais e normativa concordante, delégase na Xunta de Goberno Local do concello a facultade de modificar o prezo público regulado nesta ordenanza a proposta da Comisión de Seguimento do Convenio para a posta en marcha do servizo conxunto de préstamo de bicicletas dos Concellos de Ferrol e Narón.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do inicio do servizo conxunto de préstamo de bicicletas dos concellos de Ferrol e Narón, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa ou ben ata a conclusión do servizo conxunto.