Boqueixón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA EXPEDICIÓN DE LICENCIAS URBANÍSTICAS
Artigo 1.-Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, polo artigo 106 de da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade có disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Boqueixón establece a taxa pola expedición de Licencias Urbanísticas, a que se refire o artigo 20.4 h) do texto refundido aprobado polo RD lexislativo 2/2004, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ao previsto no artigo 58 do citado texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
Artigo 2.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa, dirixida a verificar se os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo que vaian realizarse no termo municipal, axústanse ao ordenamento urbanístico vixente e se reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade, todo elo de conformidade có establecido no artigo 194 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a súa normativa de desenrolo.
Artigo 3.-Supostos de non suxeición.
Non estarán suxeitos ó pagamento da taxa, pero si da obriga de solicitar a oportuna licenza:
a) As obras que deban efectua-los particulares nas vías públicas ou na fachada dos pisos baixos e que sexan consecuencia directa das modificacións de aliñacións ou rasantes, canalizacións ou sumidoiros que faga o Concello.
b) O branqueo, pintado ou revestimento das fachadas e muros.
c) As derrubas ou demolicións que se produzan como consecuencia de declaracións de ruína inminente e que fosen ordenados polo Concello.
d) As derrubas ou demolicións daqueles inmobles que de acordo coa actual regulamentación urbanística do Concello se atopen fóra de ordenación e fosen ordenadas por este último.
e) As obras necesarias para a eliminación de barreiras arquitectónicas, sempre e cando non impliquen incremento de volume da edificación nin cambio de uso de ela.
f) As instalacións, construcións e obras promovidas directamente por outras administracións públicas que estiveran suxeitas a licenza urbanística municipal ou a calquera outra actividade municipal técnica e administrativa de verificación que constitúa o feito impoñible de este imposto, de conformidade co establecido no artigo 2 da presente ordenanza.
Artigo 4.-Suxeito pasivo.
1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan solicitantes dunha licenza ou que executen as instalacións, obras ou construcións sen ter obtido a preceptiva licenza.
2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte os construtores e contratistas das obras, de conformidade co previsto no artigo 23.2.b) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.
Artigo 5.-Responsables solidarios e subsidiarios.
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores de feito e de dereito das persoas xurídicas, os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades i entidades en xeral, nos supostos e coa extensión que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
Artigo 6.-Cota tributaria.
1. A cota tributaria determinarase por unha cota fixa á que, segundo a natureza do expediente a tramitar, se lle sumará outra cantidade en función da superficie, lonxitude ou unidade, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.
2. Para determinar a superficie das obras e instalacións terase en conta a totalidade das súas plantas e espazos construídos.
Artigo 7.-Tarifa.
1. Licencias de autorización para a segregación de parcelas urbanas, por cada parcela resultante: 61,62 €.
2. Licencias de primeira ocupación de vivendas unifamiliares:
a) vivendas de ata 200 m2 de superficie construida: 61,62 €.
b) vivendas de 200 m2 a 400 m2 de superficie construida: 92,43 €.
c) vivendas de mais de 400 m2 de superficie construida: 123,24 €.
3. Licencias de primeira ocupación de vivendas colectivas:
a) cota fixa por inmoble: 92,43 €.
b) Por cada unidade de vivenda e por cada 100m2 ou fracción comercial ou industrial: 15,41 €.
c) Por cada 100 m2 ou fracción de garaxes, trasteiros e demais dependencias auxiliares: 10,27 €.
4. Instalación de tanques, depósitos de almacenamento de auga, piscinas, etc., así como outros depósitos de almacenamento de gas, petróleos, gasóleos e similares: 61,62 €.
5. Instalación de quioscos en vía pública:
a) Cota fixa por unidade: 61,62 €.
b) Por cada metro cadrado: 30,86 €.
6. Instalación de carteis publicitarios:
a) Cota fixa por unidade: 61,62 €.
b) Por cada metro cadrado: 30,86 €.
7. Fixación de liñas e rasantes de edificacións:
a) Cota fixa por unidade: 61,62 €.
b) Por cada metro: 1,54 €.
8. Construción de edificacións:
a) Os primeiros 200 metros cadrados construídos: 0,31 € por metro cadrado.
b) Dos 200 aos 1.000 metros cadrados construídos: 1,54 € por cada metro cadrado deste tramo.
c) A partir de 1.000 metros cadrados construídos: 2,22 por cada metro cadrado deste tramo.
d) Cando non se acade esta contía, a taxa mínima a cobrar será de 61,62 €.
9. Demolición de edificacións:
a) Os primeiros 1.000 metros cadrados: 0,15 € por metro cadrado.
b) A partir de 1.000 metros cadrados: 0,31 € por metro cadrado deste tramo.
c) cando non se acade esta contía, a taxa mínima a cobrar será de 61,62 €.
10. No caso de obras maiores: expedición e subministro do cartel de obra normalizado segundo o modelo establecido na normativa urbanística: 123,24 €.
11. Por toda aquela actividade municipal que se axuste ao feito impoñible desta ordenanza en no apareza especificada nos epígrafes destas tarifas, esixirase unha taxa mínima de 61,62 €.
Artigo 8.-Devengo.
1. Devéngase a taxa e xurde a obriga de contribuír cando se comece a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. A estes efectos, entenderase comezada a devandita actividade na data de presentación da oportuna solicitude, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.
2. Cando as obras se iniciaran ou executaran sen ter obtido a oportuna licenza, a taxa devengarase cando se comece a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non autorizable.
3. A obriga de contribuír, unha vez xurdida, non se verá afectada en modo algún pola denegación da licenza solicitada nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licenza.
Artigo 9.-Beneficios fiscais.
Non serán aplicables outros beneficios fiscais que os expresamente previstos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.
Artigo 10.-Normas de xestión.
1.-Os interesados na obtención dunha licenza de obras ou urbanística virán obrigados a presentar no Rexistro Xeral do Concello a oportuna solicitude, acompañando proxecto visado polo Colexio Oficial respectivo, especificando a natureza da obra, lugar de emprazamento, importe estimado da mesma, medicións e destino.
2.-Cando se trate de licenza para aqueles actos nos que, de conformidade coa normativa estatal, autonómica e local aplicable, non sexa esixible a formulación de proxecto subscrito por técnico competente, acompañarase á solicitude un presuposto das obras a realizar así como unha descrición precisa da superficie afectada, materiais a empregar, i en xeral, das características da obra ou acto, dos cales os seus datos permitan comprobar o seu custo.
3.-Cando se trate de licenza para a instalación de carteis publicitarios, xunto coa solicitude deberá achegarse memoria descritiva da instalación que se pretende realizar, plano de situación, acoutado ó punto de referencia máis próximo sobre cartografía oficial, plano acoutado do estado actual e do estado futuro con valos publicitarios instalados, con expresión do número de valos publicitarios e dimensións de cada un deles (no caso de non precisar proxecto técnico), fotografías en cor do emprazamento, proxecto técnico visado, autorización da Administración titular da estrada se fora preciso, autorización da Consellería de Cultura no caso de instalación en zonas de influencia de elementos catalogados ou protexidos e xustificación de ter subscrito unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os danos que poidan derivarse da súa colocación, mantemento e conservación.
4.-Se despois de formulada a solicitude de licenza se modificase ou ampliase o proxecto, deberá poñerse en coñecemento da administración municipal, acompañando o novo presuposto ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias da modificación ou ampliación.
Artigo 11.-Liquidación, notificación e ingreso.
1.-Á vista da documentación presentada polos interesados, previo estudio e valoración da mesma pola oficina técnica municipal, practicarase liquidación provisional tomando como base impoñible para esta liquidación o presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente cando elo constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal en función do presuposto, memoria ou datos subministrados polo suxeito pasivo, si elo fora posible, ou en función dos módulos previstos na presente ordenanza, e que figuran como anexo da mesma.
2.-Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o artigo 5 da presente ordenanza, practicando a correspondente liquidación definitiva, esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.
3.-O ingreso realizarase nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
Artigo 12.-Caducidade e duración das licenzas.
1.-Considéranse caducadas as licenzas si despois de ser concedidas transcorren máis de seis meses sen dar comezo ás obras, ou cando, unha vez comezadas, foran interrompidas durante o devandito prazo, excepto nos casos de forza maior, que deberá ser alegada polo titular da licenza antes de que expire o referido prazo para a súa resolución posterior polo organismo concedente.
2.-Transcorrido o prazo de caducidade, quedará sen valor nin efecto algún a autorización obtida, salvo que anticipadamente se solicite e se obteña a prórroga regulamentaria, que terá como prazo máximo o da licenza orixinaria.
3.-No caso de carteis publicitarios o prazo de vixencia das licenzas será de dous anos, prorrogables logo de petición expresa do titular antes da súa extinción, por outro período de igual duración, logo da presentación de acreditación técnica de que o valo publicitario mantén as condicións esixidas no momento da súa concesión, especialmente as referidas ós elementos estruturais de sustentación.
Non obstante, transcorridos os prazos, poderase solicitar de novo licenza para os mesmos emprazamentos.
Para a obtención destas novas licenzas será imprescindible presentar a documentación que acredite o aboamento das taxas establecidas polo Concello durante o período de vixencia da licenza anterior.
Terminada a vixencia dunha licenza, o seu titular deberá desmontar a instalación corrrespondente, dentro do prazo máximo dun mes.
Artigo 13.-Infraccións e sancións.
1. En materia de infraccións e sancións será aplicable, segundo dispón o artigo 11 do RD lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, a regulación contida nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas disposicións que a complementen e desenrolen.
2. Como medida complementaria , ademais do disposto no punto anterior a administración municipal poderá ordenar a desmontaxe ou retirada dos valos publicitarios.
A orde de desmontaxe ou retirada de carteis publicitarios deberán cumprirse polos interesados no prazo máximo de oito días.
No caso de incumprimento, os servizos municipais procederán á execución subsidiaria a costa dos obrigados, que deberán aboar os gastos de desmontaxe, transporte e almacenaxe ou ben á imposición de multas coercitivas polo importe indicado na Lei 9/2002
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal, aprobada polo Pleno do Concello de Boqueixón o 8 de maio de 2013, comezará a aplicarse a partir do día seguinte o da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, mantendo a súa vixencia ata a súa modificación ou derrogación expresa.