Boimorto - ORDENANZA MUNICIPAL DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE BOIMORTO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de Réxime Local (BOE nº 80, do 3 de abril de 1985), establece no seu artigo 25.2 k) que os concellos exercerán, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de todas as persoas aos servizos sociais, correspondéndolles aos poderes públicos garantir este dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II, o catálogo de servizos sociais, onde define o servizo de axuda no fogar coma un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual. Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión da axuda no fogar.
Coa entrada en vigor da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fíxose necesario establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedementais e organizativos de axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar, se estableceron pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo de atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, establece no seu artigo 7. b) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia, que garanta o respecto ao dereito das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.
O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, faise necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na disposición derradeira primeira.
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dálle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, polo que se fai necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar ao establecido nos mencionados artigos.
En consecuencia e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Boimorto, de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria e de autoorganización dentro da esfera das súas competencias, regula os requisitos e condicións da prestación do servizo de axuda no fogar municipal a través da presente ordenanza.
CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1º.- Obxecto
É obxecto desta ordenanza a regulación do servizo de axuda no fogar desenvolvido polo concello de Boimorto.
Artigo 2º.- Ámbito de aplicación
O establecido nesta ordenanza é de aplicación ao servizo de axuda no fogar que se desenvolve no concello de Boimorto.
Artigo 3º.- Natureza, definición e obxectivos do servizo
O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.
O servizo de axuda no fogar poderá prestarse a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.
O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:
- Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
- Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
- Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
- Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
- Previr situacións de dependencia ou exclusión social
- Retardar ou evitar a institucionalización.
- Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Artigo 4º.- Contido do servizo
1. De conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso polos servizos sociais, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:
a-Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:
- Asistencia para levantarse e deitarse.
- Tarefas de coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
- Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
- Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
- Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.
- Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
- Outras tarefas para favorecer a atención integral da persoa usuaria.
b- Acompañamento persoal na realización doutras actividades complementarias:
- Seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.
- Apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial e similares.
c- Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:
- Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.
- Compra de alimentos e outros productos de uso común.
- Preparación dos alimentos.
- Lavado e coidado das pezas de vestir, así como do enxoval doméstico.
- Apoio á unidade familiar.
- Coidados e mantemento básico da vivenda.
Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandaría ou alimentación a domicilio.
d- Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estructuración familiar.
2. Con carácter complementario, unha vez garantido o nivel básico de atención, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, as seguintes actuacións e servizos:
- Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.
- Servizo de préstamo de axudas técnicas para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica calquera produto, dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restriccións na participación social das persoas.
- Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.
- Adaptacións funcionais do fogar.
- Servizo de podoloxía.
- Servizo de fisioterapia.
3. Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e calidade de vida.
4. En todo caso, as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se falicite e promova a súa autonomía.
5. En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:
- A realización de actividades domésticas que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
- Actuacións, que polo seu carácter sanitario, deban en todo caso ser realizadas por persoal facultativo.
Artigo 5º.- Persoas destinatarias
1. O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores, en que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
2. En todo caso, darase prioridade de acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
Artigo 6.- Dereitos das persoas usuarias
As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:
- A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
- A accederen e utilizaren o servizo en condicións de igualdade e non discriminación.
- A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
- A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.
- A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.
- A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
- Ao tratamento confidencial dos seus datos, de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
- A coñeceren a situación do seu expediente.
- A seren informadas, de xeito claro e preciso, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
- Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora do servizo.
- Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade do servizo dende a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.
Artigo 7º.- Deberes das persoas usuarias
As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:
- Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
- Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia, os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideran resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
- Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e poñendo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
- Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
- Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
- Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
- Respectar a dignidade persoal e profesioal das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
- A comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.
Artigo 8º.- Causas de extinción e modificación do servizo
1. Son causas de extinción do servizo de axuda no fogar as seguintes:
- A renuncia da persoa usuaria.
- Cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidad co servizo de axuda no fogar.
- Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.
- Falecemento da persoa usuaria.
- Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.
- A falta reiterada de pagamento do servizo.
- Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.
2. Ademais, con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán substanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.
3. Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar, asignado a persoas en situación de dependencia, na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, consonte ao establecido na Orde de 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, modificado polo Decreto 148/2011, do 7 de xullo, a incoación por parte da entidade titular do servizo, dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo, deberá notificarse en todo caso ao órgano competente para ditar resolución de Programa Individual de Atención.
Artigo 9º.- Causas de suspensión temporal do servizo
Son causa de suspensión temporal do servizo, logo de tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:
- Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses para as persoas usuarias que accedan ao servizo polo sistema de libre concorrencia e por un máximo de dous meses para as persoas usuarias de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.
- Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circusntancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.
CAPÍTULO II. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
SECCIÓN 1ª. DISPOSICIÓNS COMÚNS
Artigo 10º.- Formas de prestación do servizo
O servizo público de axuda no fogar será prestado polo concello de Boimorto ben directamente, ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos, regulados na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.
Artigo 11º.- Requisitos específicos
a- Existirá un profesional de referencia, que actuará como coordinador do servizo e que deberá estar en posesión dunha cualificación mínima de diplomatura universitaria na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo exixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:
Número de persoas usuarias | Persoal técnico mínimo |
50 a 99 | 1 técnico/a titulado/a xornada completa |
100 a 199 | 2 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
200 a 399 | 3 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
Incrementos sucesivos | Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a titulado/a a xornada completa |
b- O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar, que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión do título de Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia ou equivalente, regulado no Real Decreto 1593/2011, do 4 de novembro, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente, regulado no Real Decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade antes do 31 de decembro de 2015
c- O seguemento da prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias realizarase polo persoal coordinador, sempre que as circunstancias o fagan necesario e, como mínimo, con carácter bimestral. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
d- O Concello de Boimorto, e de ser o caso, a entidade prestadora en réxime privado do servizo, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
- Un informe social, asinado por un traballador ou traballadora social da entidade titular do servizo.
- Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable, segundo o Anexo ¿ desta ordenanza.
- Un acordo de servizo asinado entre o Concello de Boimorto e a persoa usuaria, segundo o Anexo ¿ desta ordenanza.
- Informes de seguemento periódicos, que terán un carácter bimestral, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes, realizarase de acordo coa Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
SECCIÓN 2ª. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
Artigo 12º.- Modalidades de acceso ao servizo, organización e procedemento
O acceso ao servizo de axuda no fogar municipal producirase de acordo co seguinte:
a- O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de programa individual de atención, e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos, establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos. Para estes efectos, o concello de Boimorto, cando sexa o caso, procederá a dar de alta as persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. As persoas para as que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.
b- Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concorrencia, segundo o seguinte procedemento:
a- Presentación da solicitude, segundo o anexo I desta ordenanza, dirixida ao Alcalde no Rexistro Municipal do Concello, acompañada da seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI da persoa beneficiaria do servizo e das persoas que convivan no mesmo domicilio, de ser o caso.
- Fotocopia da tarxeta sanitaria da persoa solicitante.
- Certificado de convivencia.
- Informe médico ou clínico sobre o seu estado de saúde.
- Certificado de discapacidade e/ou certificado do grao de dependencia, de ser o caso.
- Fotocopia do libro de familia no caso de que haxa menores na unidade de convivencia
- Xustificantes de ingresos da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade de convivencia:
- Fotocopia da última declaración da renda, ou no seu defecto, certificado de imputacións do IRPF, expedido pola Axencia Tributaria correspondente.
- Certificados de todos os ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios e outros bens que posúan
- Xustificante de aluguer de vivenda, de ser o caso.
- Calquera outra documentación que sexa requerida polo traballador/a social para a valoración do seu expediente.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes individuais, realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
As solicitudes incompletas contarán cun prazo de 10 días para enmendar deficiencias; en caso de non facelo, serán arquivadas sen máis trámite tal como se establece na lexislación que regula o procedemento administrativo.
b- As solicitudes presentadas serán valoradas polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do Concello, que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante o informe técnico, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto, tendo en conta todas as circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin, segundo os anexos II, III e IV desta ordenanza
c- O departamento de Servizos Sociais elaborará un Informe - proposta que será elevado ao órgano competente para dictar resolución. O prazo máximo para resolver será de tres meses.
No caso de que sexa favorable, a mesma terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade, a solicitude pasará a integrarse na lista de agarda, nunha orde de prioridade determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. No caso de empate da puntuación, atenderase por orde temporal da demanda.
d- Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, a Alcaldía resolverá o expediente, á vista do informe-proposta do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.
e- Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo V desta ordenanza (anexo III da Orde de 22 de xaneiro de 2009).
f- Anualmente, farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo, co fin de comprobar que cumpre as condicións para a continuidade do mesmo. Para a renovación anual do servizo, as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación establecida no apartado a) deste artigo, agás aquela que xa conste no seu expediente individual.
Artigo 13º.- Desenvolvemento da prestación do servizo
- O prazo de alta no servizo, será como máximo dunha semana, dende que a persoa usuaria se lle asigna o recurso dende o Programa de Asignación de Recursos para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de dependencia, ou dende que se dita resolución por parte da Alcaldía, para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de libre concorrencia. Para as persoas usuarias ás que se lles concede o servizo, pola vía de urxencia, o prazo de alta será como máximo de dous días.
- Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas a desenvolver no domicilio. Designarase tamén a persoa profesional de referencia.
- A asignación do persoal de atención directa farase en base ao perfil requerido para cada caso concreto, e realizarase unha visita domiciliaria para a presentación do persoal de atención directa á persoa usuaria.
- Se a persoa beneficiaria, rexeita ao/á auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará á lista de agarda ata que se lle asigne outro/a auxiliar, sempre que sexa técnicamente posible.
- Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo, que deban efectuarse por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaranse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.
- Para o inicio da prestación do servizo, será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo VI desta ordenanza.
- O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención, segundo o anexo V desta ordenanza (anexo II da Orde do 22 de xaneiro de 2009), que deberá conter: días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade do persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas a desempeñar no domicilio, e o seguimento efectivo da prestación no domicilio do usuario, con carácter mínimo bimensual.
- Farase entrega á persoa usuaria dunha copia da ordenanza municipal de axuda no fogar, debidamente visada polo órgano competente.
- Así mesmo, entregarase á persoa usuaria e ao persoal de atención directa o documento que conteña as tarefas a desenvolver no domicilio.
- Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará á súa disposición para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de tres días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
Artigo 14º.- Intensidade na prestación do servizo
- A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuidas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico.
- A intensidade do servizo de axuda no fogar, para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de xeito que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1º a) da Orde de 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, todos os días da semana.
- Nos restantes casos, a intensidade do servizo, virá determinada na prescripción efectuada polo departamento de servizos sociais do concello non superando en ningún caso un máximo de 10 horas semanais
Artigo 15º.- Protocolos de actuación en caso de urxencias e incidencias no servizo de axuda a domicilio
A) Urxencias
Definimos unha "urxencia" dentro do Servicio de Axuda a Domicilio como aquela situación ou circunstancia relacionada con persoas susceptibles de ser usuarios/as do servizo, ou que xa están integradas nel, na que é imprescindible unha actuación inmediata para solucionar ou paliar un problema que podería ter graves consecuencias de non actuar con rapidez.
En función do anterior, diferenciamos dous tipos de urxencias:
a) As que pode presentar un/unha potencial usuario/a do servizo de axuda a domicilio. previamente ao proceso de tramitación do servizo, situación que queda recollida no artigo 12, punto d) deste regulamento
O protocolo de actuación será:
1.- Coñecemento da situación de necesidade ou recepción da demanda urxente.
2.- Realización dunha visita domiciliaria para valorar a necesidade e tipo de atención que precisa.
3.- Asignación dun horario e unha/un traballador/a familiar cun plan de traballo concreto.
4.- Inicio do servicio.
b) As que pode presentar un/unha usuario/a que xa está integrado no servizo municipal nalgún momento no que esté recibindo a atención domiciliaria. Estas situacións de ¿urxencia" ou ¿emerxencias" soen ten que ver con agravamentos ou crises no estado de saúde das persoas usuarias, tanto a nivel físico, psicolóxico ou emocional ou con accidentesdomésticos.
O protocolo de actuación será:
1.- O/a traballado/a familiar chamará aos servizos de urxencia se valora que a situación é moi grave. Despois chamará aos Servizos Sociais.
2.- Se non hai perigo de vida ou morte, avisará aos servizos sociais para notificar a situación. O técnico responsable do SAF avisará á familia da persoa usuaria se fose o caso ou movilizará outros recursos que se consideren adecuados para atender debidamente a ¿urxencia".
3.- O/a traballador/a familiar permanecerá no domicilio do/a usuario/a ata que chegue a familia, os servizos de urgencia ou calquera outro que sexa preciso, procurando seguir as instrucións que poidan darlle desde os distintos servizos cos que se contacte se fose necesario.
4.- Cando a persoa usuaria quede debidamente atendida, o/a traballador/a familiar poderá abandoar o domicilio.
5.- Desde os servizos sociais se rexistrará no expediente individual do/a usuario/a esta circunstancia acaecida e as actuacións levadas a cabo.
6.- Seguemento da situación a través do/a traballador/a familiar e de contactos directos co/a usuario/a e/ou a súa familia.
B) Incidencias
Definiremos unha ¿incidencia" como calquera acontecemento ou circunstancia que sobrevén e interrompe o transcurso cotidiano e habitual da atención domiciliara que se lle presta a unha persoa usuaria e que pode influir nela ou ten outro tipo de consecuencias.
As causas que orixinen incidencias poden ser moitas e variadas. As incidencias non teñen por qué ser problemáticas en sí mesmas nin ter un matiz negativo, pero sí son importantes porque poden influir na rutina diaria da atención domiciliaria ou na cotidianidade da vida da persoa usuaria.
O protocolo de actuación será:
1.- Notificación, por parte do/a traballador/a familiar, ao técnico responsable do SAF. da incidencia.
2.- Valoración, desde os servizos sociais, da necesidade de realizar unha visita domiciliaria á persoa usuaria.
3.- Movilización dos recursos axeitados á situación que se prantexe, ben prestando unha atención directa á persoa usuaria, poñéndose en contacto coa familia e/ou outros profesionais, realización de xestións, derivación do caso, etc.
4.- Resolución da incidencia e seguemento da situación resultante.
5.- Rexistro no expediente individual do/a usuario/a da incidencia acaecida, as actuacións levadas a cabo e a resolución.
Artigo 16º.- Normas xerais do Servizo de axuda no fogar
A) En canto o /a traballador/a familiar
- A/o traballador/a familiar, como norma xeral, non traballará no domicilio en ausencia da persoa usuaria.
- A actuación do/a traballador/a de axuda a domicilio, axustarase estritamente ao plan de traballo técnicamente establecido.
- Calquera variación deste será responsabilidade do persoal de servizos sociais ou da persoa responsable da empresa adxudicataria, e non do/a traballador/a familiar nin da persoa beneficiaria.
- O/a traballador/a familiar terá en consideración as opinións, valores, crenzas e costumes das persoas beneficiarias sempre que non interfiran cos principios do servizo de axuda no fogar ou co plan de traballo establecido. Calquera dificultade neste senso, deberá ser consultada cos servizos sociais.
- Calquera queixa ou suxestión que os prestadores do servizo reciban do/a usuario/a deberán poñela en coñecemento do/a técnico/a responsable.
- A atención establecida non pode interferir nin limitar o dereito do/a beneficiario/a á súa intimidade. En consecuencia, o/a traballador/a familiar non poderá acompañarse de ningunha persoa allea ao servizo cando acceda ao seu traballo, e gardará en todo momento o respecto e sixilo profesional sobre os casos asignados.
- Ao/á traballador/a familiar non lle está permitido recibir en custodia diñeiro, xoias nin obxecto ningún. Así mesmo deberá rexeitar calquera doazón (ben sexa en diñeiro ben calquera outra) efectuada polo/a usuario/a ou persoa achegada.
- Só en casos moi xustificados, e co consentimento da persoa usuaria ou da súa familia, o/a traballador/a familiar poderá custodiar cartos se esta tarefa responde a un obxectivo da intervención. Esta circunstancia quedará rexistrada por escrito co consentimento asinado das persoas implicadas.
- Mentres a persoa beneficiaria este incluída no Servizo de Axuda no fogar, ningún/unha traballador/a familiar contratado polo concello poderá prestarlle atención, a título particular, recibindo ou non remuneración por ilo.
- O/a traballador/a familiar no dispoñerá das chaves de ningún domicilio, excepto cando as condicións do caso así o esixan e sempre co consentimento do responsable técnico directo do servizo e, por suposto, a demanda da persoa usuaria ou da súa familia.
- Cando o/a usuario/a non se atope no domicilio no horario fixado para a súa atención, o/a traballador/a familiar esperará, como máximo, dez minutos, transcurridos os cales, deberá comunicar aos servizos sociais esta circunstancia e seguir co seu horario de traballo. Se isto fose algo habitual, valorarase o caso e tomaranse as decisións oportunas.
- O/a traballador/a familiar non poderá facer traballos a outros membros da familia distintos dos considerados como beneficiarios/as, aínda que convivan na mesma vivenda.
- Os/as traballadores/as familiares que usen coche para desprazarse polas parroquias, non poderán trasladar as persoas usuarias no dito transporte.
- O/a traballador/a familiar non fará partícipe o/a usuario/a dos seus propios problemas, separando en todo momento a súa vida privada do seu traballo.
- Terá a obriga de informar aos servzios sociais de todos os cambios significativos que ocorran na familia que atende, ben nas sesións de supervisión programadas ou en calquera momento no que xurdan.
- Terá a obriga de acudir ás sesións de supervisión co técnico responsable do programa.
- Non chegarán a ¿acordos" coas persoas beneficiarias do servizo distintos do plan de traballo establecido.
- Deberán avisar o técnico que as supervise das ausencias ao traballo coa suficiente antelación, aportando os justificantes pertinentes.
- Non poderán negarse a atender a un/unha usuario/a sen un motivo suficientemente xustificado, circunstancia que será valorada polos servizos sociais.
B) En canto as persoas usuarias do servizo:
- Serán por conta do/a usuario/a todos os gastos de útiles e produtos de limpeza, comida, aseo, ..., podendo valorarse, non obstante, a xestión dunha axuda económica por tales conceptos en casos especiais, axuda que se levará a cabo a través doutros programas sociais xestionados polos servizos sociais do Concello de Boimorto (emerxencia social ou outros), non tendo en ningún caso a consideración de prestación do servizo de axuda no fogar.
- O/a usuario/a ten a obriga de estar no seu domicilio cando sexa o horario de atención. Así mesmo, ten a obriga de permanecer no domicilio mentres esté a traballadora familiar nel, non ausentándose e deixándoa soa ou con outros integrantes da unidade familiar se non é por un motivo xustificado. Como norma xeral, se a persoa usuaria non está na casa, o/a traballador/a familiar tampouco se quedará nela.
- Ningunha persoa usuaria poderá esixir que se lle presten atencións que non estén estipuladas no seu contrato co servizo.
- O/a usuario/a deberá tratar, en todo momento, de obra e de palabra, co debido respecto ao/á traballador/a. Se ten calquera problema con el/ela, o comunicará aos servizos sociais.
C) Outras normas xerais
- Se fose preciso realizar, por causas xustificadas ou por necesidades do servizo, calquera variación nos horarios,días de atención, traballadoras designadas a cada caso, etc, poderase realizar sen mediación co/a usuario/a (pero con información), continuando vixente igualmente o contrato asinado.
- A norma xeral é que a cada domicilio acuda só un/unha traballador/a familiar. Queda a criterio do persoal técnico do Servizo de no fogar o reforzar con persoal de apoio , debendo xustificalo adecuadamente no caso de ser imprescindible.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar publicada no BOP nº 2 de Setembro de 2009 e modificacións do Pleno celebrado con data 26 de abril de 2012, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria á mesma.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Esta ordenanza entrará en vigor segundo o disposto no artigo 65.2 da Lei 7/1985 de 2 de abril o día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ó día seguinte a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."