Rianxo - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS TERRAZAS NO CONCELLO DE RIANXO

Publicación provisional: 03/06/2013 BOP Nº: 104
Publicación definitiva: 30/07/2013 BOP Nº: 143
Aplicable dende: 29/12/2015

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Nos últimos tempos vense apreciando que a cidadanía elixe as terrazas como alternativa de ocio e reunión fronte a outras máis tradicionais, experimentando un claro incremento trala prohibición de fumar en lugares pechados. Ante esta realidade xorde a necesidade de establecer un marco regulador homoxéneo e axeitado ás peculiaridades deste concello.

Polo exposto elaborouse esta ordenanza que ten en conta o disposto na normativa relativa a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, a orde ministerial VIV/561/2010, de 1 de febreiro (BOE 11/03/2010) así como a Lei do parlamento de Galicia 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras (DOGA 29/08/1997) e o Decreto da Xunta de Galicia 35/2000 (DOGA 29/02/2000).

TÍTULO PRELIMINAR. Disposicións xerais

Esta ordenanza ten por obxecto establecer o réxime xurídico aplicable á instalación e funcionamento das terrazas, con ou sen pechamento estable e quioscos de hostalería, con excepción dos recintos de feiras e festexos populares que se autoricen con motivo da celebración de festas, que se rexerán pola súa ordenanza municipal específica.

Artigo 2. Tipos de instalacións autorizables

Para os efectos desta ordenanza, as instalacións autorizables defínense da seguinte forma:

Terrazas ordinarias: son as instalacións formadas por mesas, cadeiras, antucas, toldos, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano móbiles e desmontables, que desenvolven a súa actividade de forma accesoria a un establecemento ou a un quiosco permanente. Estas instalacións poderán situarse no solo público ou no privado. Nos bares e restaurantes que teñan a consideración de usos asociados de edificios exclusivos de uso terciario, tales como hoteis ou centros comerciais, tamén poderán situarse nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores.

Terrazas con pechamento estable: son terrazas pechadas no seu perímetro e cubertas mediante elementos desmontables que se encontran en terreos de titularidade e uso público ou nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores, que desenvolvan a súa actividade de forma accesoria a un establecemento principal.

En calquera caso, nas terrazas soamente poderán realizar a mesma actividade e expender os mesmos productos que no establecemento ao que están vinculados.

Artigo 3. Ámbitos de aplicación da ordenanza

Para os efectos desta ordenanza establécense dous ámbitos claramente diferenciados no que a algúns aspectos se refire:

3.1 Zona con protección: Trátanse os espazos comprendidos nas seguintes áreas:

a) Todo o ámbito delimitado da Área de Rehabilitación Integral de Rianxo, Fincheira e Rianxiño

b) os espazos clasificados pola normativa urbanística como de solo de núcleo rural tradicional

c) os espazos que sen estar clasificados como no epígrafe anterior se atopen situadas en ámbitos de edificacións tradicionais ou dentro da distancia de protección establecida por Patrimonio para os cruceiros, hórreos, elementos arqueolóxicos, pazos, igrexas ou capelas.

3.2. Zona sen protección: Comprende o resto do territorio do concello de Rianxo.

Artigo 4. Normativa aplicable

Alén do establecido expresamente na presente ordenanza, as terrazas cumprirán coa normativa vixente sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, así como á de normativa de protección do patrimonio, ás normas de aplicación directa da lei do solo e ao planeamento vixente, e demais normativa que fora de aplicación, polo que as súas determinacións serán plenamente esixibles aínda cando non se faga expresa referencia a elas nesta ordenanza.

Artigo 5. Autorizacións

5.1. A implantación destas instalacións require a previa obtención de autorización municipal nos termos previstos nesta ordenanza e na normativa sectorial aplicable. O documento de autorización de terraza, o seu plano de detalle da terraza autorizada e as homologacións dos elementos instalados, ou unha fotocopia destes documentos, deberán encontrarse no lugar da actividade, visibles para os usuarios e veciños, e a disposición dos funcionarios municipais e efectivos da Policía Municipal.

5.2. Esta autorización incluirá a licenza demanial de ocupación de terreos, cando sexan obxecto de ocupación terreos de titularidade pública. Isto sen prexuizo de que o interesado solicite a correspondente licenza urbanística cando a terraza precise de pechamentos estables.

5.3. A autorización aprobada por órgano competente emitirase en modelo oficial e deberá incluír as dimensións do espazo sobre o que se autoriza, a súa situación, os toldos e antucas e as súas características, o horario que se solicita e as limitacións de índole ambiental ás que queda condicionada . Todos estes aspectos serán recollidos na proposta que realizará o departamento tramitador e que se remitirá á secretaría para a súa concesión polo órgano competente. Xunto coa autorización deberá figurar copia do plano polo miúdo da instalación que serviu de base á súa concesión, co carimbo municipal e rúbrica, así como as homologacións dos elementos instalados.

5.4. Cando concorran circunstancias de interese público que impidan a efectiva utilización do solo para o destino autorizado, tales como obras, acontecementos públicos, situacións de emerxencia ou calquera outra, a autorización quedará sen efecto ata que desaparezan as ditas circunstancias. As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente pola administración concedinte en calquera momento por razóns de interese público cando resulten incompatibles coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público ou menoscaben o uso xeral. En ámbolos dous supostos non se xera dereito a indemnización ningunha, correndo por conta do titular da terraza os gastos de desmontaxe e posterior montaxe.

5.5. As autorizacións non impedirán á utilización ou reparación das bocas de rega, tapas, rexistros e outras instalacións que estivesen na súa área de ocupación.

5.6. Tódalas autorizacións enténdense concedidas sen prexuízo de terceiros e mantendo a salvo o dereito de propiedade.

Artigo 6. Carencia de dereito preexistente

6.1. Nas instalacións que se soliciten en terreos de titularidade e uso público, en virtude dos principios de non alleamento non prescrición dos bens de dominio público, a mera concorrencia dos requisitos necesarios para que a ocupación poida ser autorizada non outorga dereito ningún á súa concesión. O Concello, considerando todas as circunstancias reais ou previsibles, poderá conceder ou denegar a autorización, facendo prevalecer o interese xeral sobre o particular.

6.2. Nas instalacións que se soliciten en terreos de titularidade e uso privado, o órgano competente, considerando as circunstancias reais ou previsibles e tendo en conta o carácter regrado deste tipo de autorizacións, deberá concedelas ou denegalas motivadamente, xa que logo a actividade á que está vinculada vaise estender fora dos límites do local orixinal.

Artigo 7. Horarios

1.1. As autorizacións poderán ser anuais ou trimestrais iniciándose a tempada o 01 de xaneiro e coincidindo os trimestres cos naturais desde esa data.

No suposto de non solicitarse a renuncia á autorización, esta entenderase prorrogada automaticamente en iguais termos.

7.2. O horario de funcionamento das terrazas situadas en solo de titularidade e uso público, así como o das terrazas situadas en solos privados, será:

a) de xuño a setembro: ata as 2,00 horas da madrugada.

b) de outubro a maio: ata as 0:00 horas entre semana e ata as 01:00 horas os venres, sábados e vésperas de festivos.

c) con autorización previa, os horarios poderán ser prorrogados os días de festa.

7.3. O horario de funcionamento das terrazas con pechamentos estables será o mesmo fixado no apartado anterior. poderán ser modificados, por circunstancias xustificadas, mediante decreto da Alcaldía.

7.4.Os horarios establecidos neste artigo poderán ser modificados por circunstancias xustificadas, mediante decreto da Alcaldía.

Artigo 8. Limitación de niveis de transmisión sonora

O funcionamento das instalacións reguladas nesta ordenanza, deberá respectar os límites de ruído en vivendas e locais próximos previstos na lexislación vixente.

Artigo 9. Seguro de responsabilidade civil

O titular da autorización deberá dispor dun seguro de responsabilidade civil e de incendios do establecemento principal que deberá estender a súa cobertura aos posibles riscos que puideran derivarse do funcionamento da instalación, ou terraza, acorde ao aforo do total do establecemento, as vías de evacuación, os accesos para o servizo de extinción de incendios, etc.

Artigo 10. Condicións de deseño, homologacións e publicidade

10.1. Nas zonas de protección definidas no artigo 3 desta ordenanza as características das terrazas serán acordes co ambiente, polo que non se permitirá ningún tipo de mobiliario realizado con elementos plásticos ou de pvc, nin a utilización de cores vivas ou publicidade agresiva.

10.2. Nas zonas con protección a publicidade nos elementos de mobiliario urbano instalados nas terrazas queda limitada a nomes e logotipos proporcionais e discretos, permitíndose a colocación do nome do establecemento ou do seu logotipo en toldos e antucas, con un deseño e dimensións cuxo bosquexo será previamente supervisado polos técnicos municipais.

10.3. Nas terrazas que se sitúen en solo de titularidade e uso público e nas que se instalen en solo privado que sexan visibles desde a vía pública, os elementos de mobiliario urbano ao servizo da instalación deberán pertencer a tipos previamente homologados.

10.4. O Concello abrirá un período para que se presenten os distintos modelos de mobiliario de terrazas co fin de que sexan homologados.

Artigo 11. Condicións de uso das instalacións

11.1. Os titulares das autorizacións ou concesións deberán manter as instalacións e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. Para este fin, estarán obrigados a dispor dos correspondentes elementos de recollida e almacenamento de residuos.

11.2. Por razóns de estética e hixiene non se permitirá almacenar ou amorear produtos, materiais ou residuos propios da actividade xunto ás terrazas nin fóra da instalación dos pechamentos estables de terrazas, nin dos quioscos permanentes. Tampouco se permitirá almacenar nin amorear cadeiras ou mesas. A tal efecto, os establecementos disporán de almacéns en local pechado.

11.3. O espazo autorizado á terraza deberá estar sempre ben delimitado, tanto con pechamentos, tarimas, biombos, xardineiras ou outros elementos que cumpran esta función, como con fitos que colocará o Concello, costeando o propietario a instalación da terraza, naqueles casos nos que non existan outros elementos de delimitación do espazo. Tamén poden ser delimitados os espazos polo propio deseño do pavimento público existente (liñas de pedra, tipos de pavimento diferenciado, por exemplo).

Artigo 12. Condicións dos fornecementos

12.1 No caso dos establecementos estables ou quioscos públicos as acometidas de auga, saneamento e electricidade deberán ser soterradas e realizarse cumprindo a súa normativa reguladora, sen prexuizo das esixencias derivadas da normativa para o exercizo ou actividade.

12.2. Os contratos de servizos para estas acometidas correrán por conta do titular da autorización ou concesión e deberán celebrarse coas compañías fornecedoras do servizo.

Artigo 13. Condicións hixiénico-sanitarias e de consumo

As instalacións reguladas nesta ordenanza deberán manterse en adecuadas condicións hixiénico-sanitarias.

Artigo 14. Fianza

14.1. Será precisa a constitución dunha garantía para responder das posibles deterioracións que se poidan causar ao dominio público e ás súas instalacións, cando así se considere polo departamento de urbanismo.

14.2. O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do solo ocupado.

TÍTULO I. Terrazas

Capítulo 1. Condicións técnicas para a instalación

Artigo 15. Restriccións pola actividade á que se adscriba

15.1. Soamente se concederá autorización para a instalación de terrazas cando sexan accesorias a un establecemento principal de hostalería ou análogo.

15.2. Aos bares e restaurantes que teñan a consideración de usos asociados en edificios exclusivos de uso terciario poderáselles autorizar igualmente a instalación de terraza tanto nos espazos libres de parcela de titularidade privada como nos patios interiores privados.

Artigo 16. Condicións do espazo no que se pretenda situar a terraza

16.1. As terrazas que pretendan instalarse en solo de titularidade e uso público deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Con carácter xeral, a largura libre de paso non poderá ser inferior a 1,5 mts., respectándose un itinerario de forma continua, evitando quebras ao longo dunha liña de quinteiro. Con informe motivado previo, e con carácter excepcional, poderase autorizar a reducción da largura libre de paso ata 1,20 mts.

b) Algunha das fachadas do establecemento deberá dar fronte ao espazo proxectado para a instalación da terraza, agás en espazos peonís.

16.2. Cando o grao de inclinación da rúa o aconselle instalaranse tarimas sobre as que se ha situar o mobiliario da terraza. Estas tarimas serán de madeira tratada para ser instalada no exterior e axustaranse ás prescricións recollidas nesta ordenanza. En ningún punto presentarán un desnivel con respecto á rúa que supere os 30 centímetros de alto polo que, se a inclinación da rúa obriga a iso, poderán ser graduais. Os biombos e elementos de seguridade estarán ancorados á tarima.

Abrirase un período para homologar modelos de tarimas e tamén se elaborará un plano indicativo dos espazos ocupables por terrazas no que se especificarán as zonas onde se poderán instalar tarimas e as zonas onde non se permitirán.

16.3. Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dunha terraza, esta poderá non autorizarse ou autorizarse con dimensións inferiores ás solicitadas se a súa instalación dificultara o tránsito peonil, aínda que soamente sexa en determinadas horas.

16.4. Cando a concentración de terrazas sobre unha praza ou espazo determinado poida supor a alteración do seu destino natural ou xerar un grave impacto medioambiental, as solicitudes de novas instalacións o as renovacións serán resoltas conxuntamente con anterioridade ao inicio do ano natural, establecéndose as condicións o restricións que se estimen adecuadas.

16.5. En rúas peonís deberase contar co informe favorable do servizo de extinción de incendios. Nos casos en que para atender a terraza se deba cruzar unha rúa con circulación rodada, soamente se autorizará se conta co informe favorable do servizo de tráfico.

Artigo 17. Modalidades de ocupación

A ocupación de solo de titularidade e uso público con terrazas axustarase ás seguintes modalidades e condicións:

a) Se a terraza se situase xunto á fachada do edificio, a súa lonxitude non poderá rebordar a porción desta ocupada polo establecemento.

b) Se a terraza se situase na liña de bordo da beirarrúa ou en unha rúa peonil sempre que estea colocada separada das fachadas, a súa lonxitude poderá superar o largo do establecemento.

c) Permitirase a implantación simultánea dunha terraza xunto á fachada e outra na liña de bordo no mesmo tramo de beirarrúa sempre que se deixe un paso cunha largura dous metros como mínimo, que poderá ser ampliado se así o consideran conveniente os técnicos municipais.

d) Se máis dun establecemento dun mesmo edificio solicita autorización de terraza, cada un poderá ocupar a lonxitude da fronte da súa fachada, repartíndose o resto da lonxitude da fachada propia e a dos dous lindeiros a partes iguais. Neste caso, manterase entre elas unha separación mínima de 1,50 metros, que se repartirán entre as dúas terrazas.

No caso de que se abra un novo establecemento de hostalería e que a súa fachada estea ocupada, en todo ou en parte, por unha terraza autorizada anteriormente a outro establecemento lindante, ambos establecementos deberán suxeitarse ao previsto no parágrafo anterior cando se proceda á renovación do permiso de terraza xa autorizada.

Cando se sitúe dentro de unha beirarrúa, a distancia dos elementos de mobiliario urbano ao bordo da beirarrúa será, como mínimo, de 0,50 metros, podendo reducirse ata 0,30 metros cando haxa unha barreira de protección con altura mínima a das mesas.

e) Cando se trate de rúas e espazos peonís, a terraza poderá situarse acaroada á fachada do establecemento ou estar separada desta ata un máximo de dez metros. No primeiro caso, a lonxitude da terraza será a da fachada do establecemento, podendo superar os límites desta con autorización dos propietarios afectos.

f) O largo das terrazas obterase de acordo co artigo 16. Se os establecementos se encontraran enfrontados, o largo ocupado por ambas non superará os valores indicados no citado artigo.

g) Cando entre a terraza e o establecemento existe unha vía de circulación rodada, poderá colocarse unha instalación de apoio que restrinxa ao máximo a necesidade de que o persoal do establecemento se vexa obrigado a cruzar a calzada.

A instalación de apoio ten carácter de instalación auxiliar para facilitar o desenvolvemento da actividade. Servirá exclusivamente de soporte aos elementos de enxoval e aos produtos destinados ao consumo na terraza. Non poderá utilizarse como barra de servizo, para realizar funcións de cociñado, elaboración ou manipulación de alimentos, nin dedicarse a ningún outro uso que desvirtúe o seu carácter estritamente auxiliar. A instalación será empregada unicamente por camareiros e persoal da terraza e non se permitirá atender desde ela ao público en xeral.

As dimensións máximas da instalación serán de 2,50 metros de longo por 1,50 metros de largo, non podendo superarse en ningún punto un metro de altura; admitirase a instalación de teito cunha cota máxima respecto ao solo de 2,50 metros e sen pechamentos laterais por encima da súa altura máxima.

Non se autorizará en ningún caso a colocación de equipos de son ou vídeo nin de elementos ornamentais de calquera índole.

Non poderá dispor de equipos de lavado mecánico, vertedoiro con sistema de acción non manual, billas para o fornecemento de bebidas e equipos de conservación de produtos.

Queda prohibida a almacenaxe de elementos fóra da instalación de apoio.

h) As terrazas poderán instalarse en zonas da calzada da vía pública sempre que se cumpran os requisitos de seguridade esixibles e que non afecten á circulación rodada ou ao tráfico de peóns.

i) En caso de colocación de terraza en zonas de estacionamento situadas a distinto nivel da beirarrúa, e salvo que circunstancias obxectivas de calquera índole o impidan, colocarase unha tarima debidamente sinalizada e que cumpra requisitos de accesibilidade. En todo caso haberá que preservar as zonas de paso de peóns.

j) Nos casos nos que as características da rúa, do tráfico ou razóns de seguridade o aconsellen a criterio da Policía, procederase a denegar o permiso de instalación da terraza.

Artigo 18. Condicións para a instalación da terraza e do seu mobiliario

Os elementos de mobiliario urbano que se instalen están suxeitos ás seguintes prescricións:

a) Non poderán colocarse en solo de titularidade e uso público mobiliario elementos decorativos ou revestimentos de chan que non estean incluídos expresamente na autorización.

b) O módulo tipo está constituído por unha mesa e catro cadeiras enfrontadas dúas a dúas. Considerarase unha superficie de ocupación teórica por cada terraza de 1,80 × 1,245 metros.

Autorizaranse módulos dunha mesa e dúas cadeiras de 2,00 x 0,80 metros cadrados ou unha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros cadrados.

c) As mesas e cadeiras poderán dispoñerse como mellor conveña sempre que se permita o doado acceso a todas as mesas e cadeiras, para o cal establecerase un corredor intermedio que permitirá o acceso dos camareiros ás mesas. Este corredor terá unha lonxitude igual á da fila menor e unha largura de 0,50 metros. A superficie ocupada polo corredor contabilizarase dentro da superficie de ocupación da terraza. Para a obtención do número máximo de mesas e cadeiras aplicaranse os módulos descritos neste artigo.

d) Dentro do ámbito da Área de Rehabilitación poderanse instalar toldos de acordo coa gama RAL establecida ao efecto, e que se achega como anexo. Fóra do ámbito da ARI, os toldos serán de material téxtil, lisos e de cores acordes coa contorna urbana e terán sempre posibilidade de seren recollidos mediante fácil manobra. As cadeiras, mesas, antucas ou demais elementos non poderán ser de plástico ou pvc. Queda prohibido o pechamento cego das superficies verticais do seu perímetro. Non poderán ter maior dimensión de tres metros de fondo, agás na Praza de Castelao e Praza Virxe de Guadalupe, e respectarán sempre o arboredo existente.

e) Admítese a colocación do nome do establecemento e do seu logotipo sobre as faldras de toldos e antucas, de modo proporcional e baixo a supervisión previa dos técnicos municipais, para o que se presentará un bosquexo a escala.

f) Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais dos predios nin dificultar as manobras de entrada ou saída nas pasaxes permanentes. Cando a terraza se coloque acaroada á fachada deberán deixarse libres, cando menos, 0,60 metros desde as couzoeiras das portas. Nestes espazos non poderá colocarse tampouco mobiliario accesorio.

g) Cando se dispoña de instalación eléctrica de alumeado para a terraza, esta deberá reunir as condicións que o Regulamento electrotécnico de baixa tensión establece para instalacións en locais mollados. Os condutos quedarán fóra do alcance de calquera persoa e non poderán discorrer polas beirarrúas nin utilizar as árbores ou o mobiliario urbano como soporte. En ningún caso os focos poderán cegar ou producir outras molestias á veciñanza, viandantes ou vehículos. Esta instalación deberá ser revisada anualmente por un instalador autorizado que emitirá o correspondente boletín de conformidade.

h) Queda prohibida a instalación de máquinas expendedoras automáticas, recreativas, de xogos de azar, billares, fútbol de mesa ou calquera outra de características análogas. Tampouco se instalarán barras fixas na fachada dos establecementos.

i) A utilización dos servizos públicos non se verá obstaculizada, debendo deixarse completamente libres para a súa utilización inmediata, se fose preciso, os seguintes elementos:

- As paradas de transporte público regularmente establecidas e os pasos de peóns en toda a súa lonxitude.

- As pasaxes de vehículos quedarán libres en todo o seu largo.

- As saídas de emerxencia en todo o seu largo.

- Respectarase unha distancia suficiente aos distintos elementos de mobiliario urbano, sinais de tráfico e báculos de alumeado que garanta a súa función e que permita os labores de mantemento.

j) Deberá garantirse o acceso a todos os servizos e equipamentos municipais e de compañías de servizos as vinte e catro horas do día.

k) O mobiliario deberá ser retirado da vía pública ao finalizar o horario de funcionamento do establecemento, agás o toldo e a tarima, cando estean autorizados. En calquera caso, a tarima deberá ser retirada cando finalice o período de vixencia da autorización se esta é de tempada.

l) Cumprirase todo o indicado na normativa en materia de promoción da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Artigo 19. Equipos audiovisuais e actuacións amplificadas en directo

Unicamente se autorizarán actuacións en directo nas terrazas amplificadas ou con percusión, así como a instalación de equipos audiovisuais por aprobación expresa da Alcaldía, mediante decreto motivado, previo informe da Policía Local e con carácter puntual.

Artigo 20. Particularidades para a instalación de terrazas en espazos libres privados

A instalación de terrazas en espazos libres privados someterase, ademais de ás sinaladas nos artigos 15 a 19 desta ordenanza, ás seguintes determinacións:

a) En caso de que as actividades descritas no artigo 15 desta ordenanza se desenvolvan en espazos privados, permitirase a instalación de terrazas en toda a zona do espazo libre privado de parcelas.

b) Permítese a disposición de calquera tipo de quiosco ou instalación de apoio na superficie libre de parcela agás no ámbito da Zona con Protección, onde deberá ser autorizado pola Comisión Territorial de Patrimonio, que poderá denegar o permiso para a instalación de calquera elemento fixo por razóns estéticas ou de cumprimento da normativa específica deste ámbito.

c) A instalación de terrazas en espazos privados non deberá diminuír as condicións de evacuación por debaixo dos mínimos regulamentarios. O solicitante deberá presentar un estudo xustificativo de evacuación no que se teñan en conta as dimensións e mobiliario da súa terraza e a súa incidencia sobre a do conxunto do local, ata a rúa.

Capítulo 2. Condicións específicas para a instalación de terrazas con pechamentos estables

Artigo 21. Modalidades de ocupación

21.1. Condicións xerais dos pechamentos estables: soamente se permitirá un pechamento estable uniforme por local ou establecemento mais admitirase a implantación simultánea dunha terraza sen pechamento e doutra cun pechamento estable para un mesmo establecemento. A altura exterior máxima da estrutura non superará en punto ningún os 275 centímetros, pero en ningún punto terá menos de 220 centímetros. En un lugar visible indicará o aforo máximo autorizado polo Concello.

21.2. Pechamentos estables acaroados á fachada: os paramentos estables acaroados á fachada do establecemento so poderán ocupar a lonxitude da fachada do establecemento, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que a distancia entre a parte inferior dos ocos do primeiro andar e o pechamento non sexa inferior a 150 centímetros, como prevención de propagación de un incendio da terraza ás vivendas.

b) Que as condicións de seguridade, tanto do inmoble como do contorno, non se vexan afectadas pola presenza da instalación.

c) A súa colocación no deberá dificultar a evacuación dos edificios ou locais onde se instale.

A disposición dos pechamentos será homoxénea ao longo de toda a rúa.

21.3. Pechamentos estables separados das fachadas, situados en prazas, rúas peonís ou beirarrúas:

- Pechamentos estables en beirarrúas: a lonxitude de ocupación do pechamento será como máximo a da fachada do edificio onde se encontre o establecemento principal. Se máis dun establecemento dun mesmo edificio solicita autorización de terraza con pechamento estable nunha beirarrúa, cada un poderá ocupar a lonxitude do ancho da fronte da súa fachada repartíndose o resto do espazo de forma equitativa. Este tipo de pechamentos estables soamente poderán ser autorizados en beirarrúas con máis de 4,50 m. de largo e 10,00 m. de lonxitude.

- Pechamentos estables en prazas e rúas peonís: con carácter xeral, os pechamentos estables poderán manter unha separación máxima de dez metros con respecto á fachada do establecemento. A lonxitude de ocupación do pechamento será como máximo a da fachada do edificio onde se encontre o establecemento principal. O largo das instalacións obterase de acordo co exposto no artigo seguinte. A disposición dos pechamentos nos espazos peonís deberá ser homoxénea.

21.4. Os establecementos situados nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores tamén poderán instalar pechamentos estables.

21.5. Nas zonas con protección soamente poderán ser autorizados aqueles pechamentos que autorice a Comisión Territorial de Patrimonio, que poderá denegar o permiso por razóns estéticas ou de cumprimento da normativa específica deste ámbito. En todo caso, quedan prohibidos como materiais o aluminio, o pvc e demais plásticos, considerándose como material idóneo a madeira tratada ou mesmo que unicamente sexa de vidro.

Artigo 22. Condicións do espazo no que se pretende situar

Concederase autorización para a instalación de terrazas con pechamentos estables cando estean situadas en terreos de titularidade e uso público ou nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores e cumpran as condicións específicas seguintes:

a) Nas beirarrúas o largo mínimo do espazo de tránsito peonil, libre totalmente de obstáculos, será igual ou superior a 2 metros.

b) Nos paseos, xardíns e prazas o largo mínimo do espazo de tránsito peonil, libre de obstáculos será igual ou superior a 4 metros.

c) A ocupación terá unha aliñación constante evitando quebras ao longo dunha liña de quinteiro.

d) Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dun pechamento poderá non autorizarse ou autorizarse con dimensións inferiores ás solicitadas se a súa instalación dificultara o tránsito peonil.

Artigo 23. Condicións para a instalación do pechamento estable e do seu mobiliario

23.1. As terrazas con pechamentos estables que se pretendan instalar dentro de unha zona con protección han de ser autorizadas pola Comisión Territorial de Patrimonio, previa presentación de documentación gráfica suficiente, pero en todo caso non se permitirá a utilización de elementos de aluminio, plásticos ou pvc para ningunha parte da instalación, nin estructura ou armazón, nin marcos, nin apoios. Poden ser, pola contra, de aceiro, madeira, vidro, sendo a madeira tratada ou o propio vidro sen estructura os aconsellables.

23.2. Cando a concentración de pechamentos poida xerar un grave impacto ambiental, as solicitudes para novas instalacións ou renovacións correspondentes serán resoltas conxuntamente, establecendo as condicións ou restricións que se consideren adecuadas.

23.3. Os elementos de mobiliario urbano que se instalen estarán suxeitos ás seguintes prescricións:

a) O pechamento estable e os elementos de mobiliario instalados no seu interior deberán estar homologados.

b) Non se permite a colocación de ningún elemento no exterior do pechamento, nin fixado nin colgado del.

c) Nos pechamentos estables acaroados á fachada admítese a instalación de reixas de conduto de aire acondicionado con prolongación dos condutos interiores cumprindo o réxime de distancias recollido na normativa vixente.

d) No resto de supostos de pechamentos estables os equipos de aire acondicionado instalaranse no seu interior e as reixas cumprirán coa normativa municipal vixente en materia ambiental.

e) Os pechamentos estables poderán dispoñer de climatización e calefacción.

23.4. As terrazas con pechamentos estables non acaroadas á fachada do establecemento poderán dispoñer da correspondente acometida soterrada para o abastecemento de enerxía, de acordo co artigo 11 desta ordenanza, tomando como orixe desta a do local. Quedan prohibidas as acometidas de gas, auga ou saneamento e a utilización de aparellos que requiran como combustible materias susceptibles de estourar ou inflamarse, ou que xeren substancias desa natureza.

23.5. A instalación eléctrica de alumeado para a terraza deberá reunir as condición que establece o Regulamento electrotécnico para baixa tensión. Os condutos quedarán aloxados en canalizacións soterradas. En ningún caso a iluminación poderá cegar ou producir molestias á veciñanza, viandantes ou vehículos. Esta instalación deberá ser revisada anualmente por un instalador autorizado que emitirá o correspondente boletín de conformidade, debendo presentarse unha copia deste ao órgano competente para a concesión da autorización. De acordo cos resultados da revisión determinarase a conveniencia de continuar co funcionamento do pechamento estable, que deberá ser retirado de forma inmediata polo titular cando non supere a devandita revisión.

23.6. As terrazas con pechamentos estables non acaroadas á fachada do establecemento disporán de extintores adecuados e alumeado de emerxencia e de sinalización, que deben contar cun contrato de mantemento e revisión por empresa autorizada.

23.7. As licenzas outorgadas para a construcción de pasos de vehículos suporán a diminución da superficie do pechamento estable, podendo motivar a revogación da autorización. Nestes casos, o titular non terá dereito a indemnización ou compensación ningunha.

23.8. Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais dos predios, deixando despexados en toda a súa largura máis de 60 centímetros a cada lado, medidos desde as couzoeiras das portas, nin dificultar a manobra de entrada ou saída nas pasaxes permanentes.

23.9. A distancia dos elementos do pechamento ao bordo da beirarrúa será como mínimo de 60 centímetros, podendo ser ampliada cando razóns de interese público o xustifiquen. Os alcouves e elementos axardinados existentes no espazo en que se instale o pechamento estarán totalmente libres e serán accesibles, para cuxo fin existirá una franxa mínima de 60 centímetros ao seu arredor totalmente despexada, medida desde o seu bordo exterior, que pode ser ampliada cando o interese público así o xustifique.

23.10. Deberá garantirse en todo momento o acceso ás paradas de transporte público regularmente establecidas e o uso das saídas de emerxencia, dos pasos de vehículos e de peóns e dos servizos municipais de acordo co indicado a seguir:

a) As paradas de transporte público regularmente establecidas e os pasos de peóns en toda a súa lonxitude máis de un metro a cada lado.

b) As saídas de emerxencia quedarán libres en todo o seu largo máis dun metro a cada lado.

c) Os pasos de vehículos quedarán libres en todo o seu largo cando menos 50 cm. a cada lado, medido desde os seus extremos na aliñación do bordo.

d) Manterase unha distancia de un metro en todo o seu perímetro aos distintos elementos de mobiliario urbano, sinais de tráfico, báculos de alumeado e outros servizos municipais, de modo que queden totalmente libres, se garanta en todo momento a súa función e se permitan os labores de mantemento.

Artigo 24. Equipos audiovisuais e actuacións amplificadas en directo

Unicamente se autorizarán actuacións en directo nas terrazas amplificadas ou con percusión, así como a instalación de equipos audiovisuais por aprobación expresa da Alcaldía, mediante decreto motivado, previo informe da Policía Local e con carácter puntual.

Artigo 25. Terrazas con pechamentos estables en espazos privados.

Para os efectos da presente ordenanza non computarán edificabilidade as instalacións en espazos privados que reúnan as seguintes condicións:

a) Que non teñan carácter anual, de modo que o tempo de duración da autorización non excederá de nove meses.

b) Que as súas características construtivas se correspondan con estruturas lixeiras, prefabricadas e carentes de cimentos.

Capítulo 3. Autorizacións

Sección primeira.- Disposicións xerais

Artigo 26. Transmisibilidade

26.1. As autorizacións para instalar terrazas transmitiranse conxuntamente coas licenzas dos establecementos principais, agás renuncia expresa do novo titular que deberá comunicarse ao Concello.

26.2. As autorizacións para a instalación e funcionamento das terrazas non poderán ser obxecto, en ningún caso, de arrendamento ou cesión independente.

Artigo 27. Período de funcionamento e prazo de solicitude

As autorizacións poderán ser anuais ou trimestrais, entendendo por trimestre os coincidentes coa distribución natural do ano.

Para tal fin as autorizacións serán:

- ATA autorización de terraza anual

- ATT autorización de terraza por trimestre.

27.2. A autorización das terrazas en chan privado non excederá de nove meses cando dispoñan de instalacións que non computen edificabilidade nos termos establecidos no artigo 25.

27.3. A autorización poderá ser solicitada en calquera momento, entendéndose que caso de solicitarse para o trimestre actual a autorización se outorgará para o tempo que reste desde a concesión deica o fin do período solicitado.

Artigo 28. Vixencia e renovación das autorizacións

28.1. A vixencia das autorizacións que se concedan corresponderase co período de funcionamento autorizado.

28.2. As autorizacións que se concederan para instalacións de terrazas renovaranse automaticamente se non se produce modificación ningunha e se ningunha das partes, administración municipal ou titular, comunica, a súa vontade contraria á renovación.

28.3. A Administración municipal manifestará a súa vontade contraria á renovación nos seguintes supostos:

a) De se iniciaren procedementos dos que se desprenda a existencia de molestias ou prexuízos derivados do funcionamento da actividade principal ou accesoria.

b) De se apreciar un incumprimento das condicións da autorización ou da mesma ordenanza.

c) Nos casos de falta de pagamento da taxa correspondente.

d) Cando no período autorizado estea prevista a execución de actuacións públicas que modifiquen a realidade física existente no momento do outorgamento da autorización.

e) Cando a terraza poida supor molestia para os usuarios da vía pública ou para os servizos públicos.

28.4. Nas terrazas con pechamentos estables a autorización concedida terá unha vixencia de cinco anos. Finalizado o período de vixencia, poderá solicitarse unha nova autorización. No entanto, poderá ser revocada antes da finalización deste período por razóns de interese público e sen dereito a indemnización.

Sección segunda. Procedemento

Artigo 29. Solicitante

Poderá solicitar autorización para a instalación dunha terraza o titular da licenza de actividade do establecemento.

Artigo 30. Documentación

30.1. As solicitudes de autorización que se presenten para a nova instalación dunha terraza ou para a modificación dunha xa concedida irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia da licenza de apertura do establecemento ou referencia ao seu expediente de concesión ou transmisión, ou no seu caso, da comunicación previa ou declaración responsable.

b) Relación dos elementos que se pretendan instalar, con indicación expresa do seu número e bosquexos ou fotografías ou montaxes nos que se poidan apreciar as características, con expresa indicación do material, cores e logotipos.

c) Plano de situación da terraza dentro do espazo urbano a escala 1:500, no que se reflectirá a superficie a ocupar.

d) Planos de detalle a escala 1:100 con indicación de todos os elementos de mobiliario, así como a súa clase, número, dimensións, total de superficie a ocupar e colocación destes consonte determina o artigo 18. Así mesmo, sinalaranse as medidas correspondentes á fronte de fachada do establecemento e largura da beirarrúa e, se é o caso, as árbores, zonas axardinadas, mobiliario urbano municipal existente, rexistros e arquetas dos servizos municipais e de compañías de servizos.

e) Documento acreditativo da vixencia e de estar ao corrente no pagamento da póliza de seguros a que se refire o artigo 9.

f) Autoliquidación da taxa correspondente.

30.2. No caso de terrazas situadas en solo de titularidade privada incluirase, ademais, como documentación específica:

a) Acreditación da propiedade ou título xurídico que habilite para a utilización privativa do espazo.

b) Fotografías das fachadas próximas ao espazo pretendido para a situación da terraza.

30.3. Nas solicitudes de renovación das autorizacións concedidas no período de funcionamento precedente que impliquen modificacións puntuais soamente será preciso presentar a documentación que describa a modificación.

Artigo 31. Tramitación

A primeira instalación ou modificación desenvolverase consonte o seguinte procedemento:

31.1. Iniciarase mediante solicitude, en impreso normalizado que conterá polo menos os datos sinalados no artigo 70 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC), ao que se xuntará a documentación prevista nesta ordenanza.

31.2. Para os efectos do cómputo dos prazos de tramitación considerarase iniciado o expediente na data de entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para resolver.

31.3. Os servizos municipais disporán dun prazo de un mes para examinar a solicitude e a documentación presentada e, se é o caso, requirirán ao interesado para que no prazo de dez días emende a falta ou presente a documentación preceptiva, indicándolle que se non o fai entenderase que desistiu do seu pedimento e que, logo da resolución, se arquivará sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1 da LRX-PAC.

31.4. Unha vez completada a documentación, emitirase informe técnico e xurídico que finalizará con proposta nalgún dos seguintes sentidos:

a) De denegación.

b) De outorgamento, indicando se é o caso, os requisitos ou as medidas correctoras que a instalación proxectada deberá cumprir para se axustar á normativa aplicable.

31.5. A resolución do órgano competente deberá producirse nun prazo non superior a dous meses contados desde o día seguinte á data na que se considere iniciado o expediente. Transcorrido este prazo sen que houbese resposta, entenderase que a autorización foi rexeitada.

TÍTULO II. Réxime disciplinario e sancionador

Capítulo 1. Restablecemento da legalidade

Artigo 32. Compatibilidade

32.1. As responsabilidades administrativas que resulten do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados.

32.2. Non obstante, tanto nos procedementos de restablecemento da legalidade como nos sancionadores poderanse acordar medidas cautelares, como a retirada das instalacións ilegais ou a suspensión do funcionamento da terraza, consonte o disposto na normativa sobre procedemento administrativo común.

Capítulo 2. Infraccións e sancións

Artigo 33. Infraccións

Serán infraccións as accións ou omisións que contraveñan o disposto nesta ordenanza.

Artigo 34. Suxeitos responsables

Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións, así como os técnicos facultativos que redacten a documentación técnica ou certifiquen a estabilidade, conformidade coa normativa e a obra rematada.

Artigo 35. Clasificación das infraccións

As infraccións desta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

35.1. Son infraccións leves:

a) A falta de ornato ou limpeza da instalación ou da súa contorna.

b) O incumprimento do horario de comezo ou de peche en menos de 1 hora.

c) A falta de exposición do documento de autorización e do planop de detalle nun lugar visible para os usuarios, veciños e axentes da autoridade.

d) Almacenar ou amontoar produtos, envases ou residuos na zona de terraza ou en calquera outro espazo da vía pública.

e) A falta de veracidade na documentación asinada polo técnico facultativo, tanto no relativo aos materiais como ás dimensións, ou a incoherencia dos documentos coa realidade.

f) O incumprimento de calquera outra obriga prevista nesta ordenanza que non sexa constitutiva de infracción grave ou moi grave.

35. 2. Son infraccións graves:

a) A comisión de tres faltas leves ao cabo de 1 ano cando así se declarase por resolución firme.

b) O incumprimento do horario de inicio ou de peche en máis de 1 hora.

c) A instalación de elementos de mobiliario urbano non previstos na autorización ou en número maior dos autorizados, así como a utilización de materiais non idóneos.

d) A ocupación dunha superficie maior á autorizada en máis do 25 por cento e en menos do 75 por cento ou o incumprimento doutras condicións da delimitación.

e) O servizo de produtos alimentarios non autorizados.

f) A carencia do seguro obrigatorio.

g) A instalación de instrumentos ou equipos musicais ou outras instalacións non autorizadas ou fóra do horario ao que se limitaran nos quioscos que os teñan autorizados.

h) A ocultación, manipulación ou falsificación dos datos ou da documentación presentados para a obtención da correspondente autorización.

i) A non presentación do documento de autorización e do plano de detalle aos axentes da autoridade ou funcionarios competentes que o requiran.

j) O incumprimento da obriga de retirar ou recoller e amontoar o mobiliario da terraza ao finalizar o seu horario de funcionamento.

k) A falta de veracidade na sinatura do técnico facultativo en canto a que non se correspondan as obras rematadas coa proposta pola que se autorizou.

35.3. Son infraccións moi graves:

a) A instalación de terrazas sen autorización ou fóra do período autorizado.

b) A ocupación dunha superficie maior á autorizada en máis do 75 por cento.

c) A utilización de materiais non autorizados ou homologados.

d) O incumprimento da orde de suspensión inmediata da instalación cando disto derive unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas ou dificulte o uso ou funcionamento dun servizo público ou supoña unha deterioración grave de equipamentos, infraestruturas, instalacións de servizos públicos, espazos públicos ou calquera das súas instalacións.

e) A celebración de espectáculos ou actuacións non autorizadas de forma expresa.

f) O incumprimento do horario de inicio ou de peche en máis de 1 hora, cando disto derive unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas.

Artigo 36. Sancións

A comisión das infraccións previstas nesta ordenanza levará emparellada a imposición das seguintes sancións previa tramitación do correspondente expediente.

a) As infraccións leves sancionaranse cunha multa de ata 1.000 euros.

b) As infraccións graves sancionaranse cunha multa de ata 3.000 euros, tanto ao solicitante como ao técnico facultativo, e a revogación da autorización se concorren as circunstancias agravantes previstas no artigo seguinte.

c) As infraccións moi graves sancionaranse cunha multa de ata 6.000 euros, tanto ao solicitante como ao técnico facultativo, e revogación da autorización.

Artigo 37. Circunstancias modificativas da responsabilidade

Para a modulación das sancións atenderase á existencia de intencionalidade ou reiteración, natureza dos prexuízos causados, reincidencia na comisión ao cabo dun ano de tres infraccións da mesma natureza cando así o declare resolución firme e ao beneficio obtido coa súa realización.

Artigo 38. Procedemento

A imposición das sancións requirirá a previa incoación e instrución do procedemento correspondente, que se substanciará consonte ao disposto na lexislación xeral sobre procedemento administrativo común e o seu regulamento de desenvolvemento. O acordo de iniciación poderá ordenar a adopción de medidas provisionais que resulten necesarias para garantir a eficacia da resolución que puidera recaer, tales como a retirada das instalacións ilegais ou a suspensión do seu funcionamento.

Artigo 39. Autoridade competente

A incoación e resolución dos procedementos sancionadores corresponderá ao órgano competente para conceder a correspondente autorización.

Artigo 40. Prescrición

Os prazos de prescrición das infraccións e sancións serán os previstos na lexislación xeral sobre procedemento administrativo común.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Única. Habilítase á Alcaldía para ditar as disposicións ou instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente ordenanza.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Primeira. As autorizacións concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta ordenanza para a instalación de terrazas quedan revogadas desde a data da súa entrada en vigor.

Segunda. As autorizacións para instalar novas terrazas ou para modificar as existentes, nas condicións previstas nesta ordenanza, poderán solicitarse en calquera momento.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente modificación entrará en vigor ao día seguinte ao de publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, sempre que transcorrera o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 65.2 da LRBRL.