Bergondo - REGULAMENTO ORGÁNICO DE PARTICIPACIÓN VECIÑAL DO CONCELLO DE BERGONDO
Preámbulo
A institución municipal constitúe o órgano de administración máis próximo aos cidadáns e na que de xeito máis directo poden ser efectivos os lexítimos dereitos destes a participar na toma de decisións sobre todos aqueles asuntos que afectan á comunidade municipal, así como a acceder en condicións de máxima transparencia ao coñecemento da xestión e das decisións que no seu Nome adoptan os seus representantes.
A Comunidade Autónoma de Galicia, nos artigos 251 e 257 do capítulo V, e artigos 69 a 72 do capítulo I da Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia, e artigo 4.1.a. e capítulo 4º de Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, establece que os concellos deben promover e desenvolver unha normativa que regule a participación cidadá co recoñecemento expreso dos dereitos dos cidadáns e das entidades que os aglutinan e nas que estas se organizan, sendo estas, nomeadamente, as asociacións veciñais, as entidades deportivas, culturais, xuvenís, sindicais, profesionais, empresariais, de sector, etc., as que representan o elemento coordinador e vertebrador da colectividade.
Conscientes de que ao través dos colectivos relacionados no parágrafo anterior se expresa de xeito inequívoco o verdadeiro sentir da comunidade, cumpre pois regulamentar e establecer as canles para que poidan ser efectivizados os seus lexítimos dereitos a intervir e participar na toma de decisións en todos aqueles asuntos que lles afectan, así como establecer os mecanismos que garanten o seu dereito á información veraz, transparente e áxil ás que as sociedades democráticas teñen dereito.
O Concello de Bergondo, sensible e consciente da importancia que a participación veciñal debe acadar para garantir as mellores condicións de transparencia, eficacia e de desenvolvemento da verdadeira democracia participativa, considera ineludible a súa obriga de favorecer as mellores condicións para que isto sexa posible e, en consecuencia, aproba o presente Regulamento de Participación Cidadá cono norma pola que se rexerán no futuro as relacións da institución municipal cos diversos colectivos veciñais de Bergondo, aos que de xeito expreso recoñece como parte fundamental do entramado cidadá.
TÍTULO PRELIMINAR. Disposicións xerais.
Artigo 1.
Son obxecto deste regulamento, a regulación das formas, medios e procedementos de información e participación dos veciños/as e entidades cidadás na xestión municipal, de acordo co establecido nos artigos 1, 4.1.a), 18, 24, e do 69 ao 72 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 251 a 257 da Lei de administración local de Galicia.
As formas, medios e procedementos de participación que se establecen no presente Regulamento, en ningún caso menoscabarán as facultades de decisión que corresponden aos órganos representativos regulados pola Lei.
Artigo 2.
O Concello de Bergondo, a través deste regulamento, pretende acadar os obxectivos que se enumeran a continuación, e que terán o carácter de principios básicos.
- Facilitar a máis ampla información sobre as súas actividades, obras e servizos.
- Facilitar e promover a participación dos veciños/as e entidades da colectividade na xestión municipal con respecto ás facultades de decisión que corresponden aos órganos municipais representativos.
- Facer efectivos os dereitos dos veciños/as recollidos no artigo 18 da Lei reguladora das bases do réxime local.
- Fomentar a vida asociativa no Concello.
- Achegar a xestión municipal aos veciños.
- Garantir a solidariedade e o equilibrio entre os distintos núcleos de poboación do termo municipal.
- Informar acerca dos grandes temas municipais como o orzamento anual, os planos urbanísticos, a creación e modificación de ordenanzas fiscais, os planos sectoriais, os programas culturais, sociais ou de saúde, e sobre outros que o Concello considere ou que sexan solicitados pola maioría das asociacións.
TÍTULO PRIMEIRO. DA INFORMACIÓN MUNICIPAL
Artigo 3.
O Concello informará aos veciños/as da súa xestión a través dos medios de comunicación social (especialmente a través dos medios de titularidade municipal se os houbera) e mediante a edición de publicacións, páxina web do concello, folletos e bandos; a colocación de carteis, taboleiros de anuncios, paneis informativos ou cantos outros medios se consideren necesarios; ao mesmo tempo poderá recoller a opinión dos veciños/as e entidades a través de campañas de información, debates, asembleas, reunións, consultas, enquisas e sondaxes de opinión.
Celebrarase unha xuntanza, alomenos, unha vez ao ano en cada parroquia, entre os veciños e o grupo de goberno.
Artigo 4.
Os distintos servizos municipais, funcionarán coma unha oficina de información, así como o Rexistro Xeral como un rexistro de instancias, iniciativas, queixas e reclamacións, coas seguintes funcións.
a) Canalizar toda a actividade relacionada coa información á que se refire o artigo 3, así como o resto da información que o Concello proporcione.
b) Informar ao público sobre os fins, competencias e funcionamento dos distintos órganos e servizos dependentes do Concello, así como dos órganos e servizos da Administración autonómica e central e da Deputación Provincial.
c) Informar sobre os trámites administrativos polos que discorre cada expediente, e realizar o oportuno seguimento deles.
Artigo 5.
Todos os veciños e veciñas do Concello teñen dereito a:
a) Coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesados e obter copias dos documentos contidos neles.
b) Identificar ás autoridades e ao persoal ao servizo das corporacións locais que teñan baixo a súa responsabilidade a tramitación dos procedementos.
c) Obter copia selada dos documentos que presenten, proporcionándoa xunto cos orixinais, así como a que estes sexan devoltos agás cando teñan que constar no procedemento.
d) Formular alegacións e proporcionar documentos en calquera fase do procedemento no que teñan a condición de interesados/as, anterior ao tramite de audiencia. Estas alegacións ou documentos deberán ser tidos en conta polo órgano competente ao redactar a proposta de resolución.
e) Obter información e orientación no tocante aos requisitos xurídicos ou técnicos que as disposicións vixentes lle impoñan aos proxectos, actuacións ou solicitudes que se propoñan realizar.
f) Acceder aos rexistros e arquivos das corporacións locais nos termos previstos na constitución e na lexislación vixente.
g) Ser tratados con respecto e deferencia polas autoridades e funcionarios/as, que lles facilitarán o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
h) Obter copias e certificacións acreditativas dos acordos da Corporación local e os seus antecedentes.
i) Esixir responsabilidades da Corporación local.
j) Presentar queixas ou suxestións por escrito e obter resposta autorizada das mesmas.
k) Exercer calquera outro que lles recoñezan a Constitución e as leis.
Artigo 6.
1. As solicitudes que dirixan os veciños/as a calquera órgano do Concello en pedimento de aclaracións ou actuacións municipais serán cursadas preferentemente por escrito, agás as determinadas no artigo 10, e serán respondidas nos termos previstos na lexislación sobre procedemento administrativo.
2. Cando a solicitude formule unha proposta de actuación municipal, o seu destinatario informará ao solicitante do trámite que se lle teña que dar. Se a proposta chega a tratarse nalgún órgano colexiado municipal, quen actúe de secretario deste enviará, ao propoñente, no prazo máximo de 30 días, certificación do acordo adoptado. O presidente do órgano colexiado, de ser o Pleno ou a Comisión informativa, poderá requirir a presenza do autor da proposta na sesión que corresponda, co fin de que a explique e defenda por si mesmo.
Artigo 7.
1.-As sesións do Pleno son públicas, agás nos casos previstos no artigo 70.1 da Lei reguladora das bases de réxime local e 253 da Lei de administración local de Galicia. Facilitarase a asistencia ou información simultánea de todo o público interesado en coñecer o desenvolvemento das sesións.
2.-Igualmente, os representantes dos medios de comunicación social terán acceso preferente e recibirán as máximas facilidades para cumprir o seu traballo.
3.-Co obxecto de facilitar o acceso á información dos veciños e veciñas, especialmente naqueles temas que lle son máis próximos, os medios de información municipais, si os houbera, darán a máxima cobertura, informando en directo das sesións dos plenos municipais e repetindo a información 24 horas mais tarde.
4. -O público asistente ás sesións plenarias terá o dereito de facer gravacións sonoras ou en imaxe de toda ou parte destas, para, posteriormente, facer publicas as mesmas na Internet ou nas distintas redes sociais, se así o desexa, previa comunicación á presidencia.
Artigo 8.
Non son públicas, con carácter xeral, as sesións da Xunta de Goberno nin das comisións informativas. Sen embargo, ás sesións destas últimas poderá convocarse -co único efecto de escoitar o seu parecer ou recibir o seu informe nun tema concreto-, a representantes das asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños ás que se refire o artigo 72 da LBRL, nos termos recollidos no artigo 10 do presente Regulamento.
Artigo 9.
Poderán ser públicas as sesións dos demais órganos complementarios e entidades municipais, que poidan establecerse polo Regulamento orgánico municipal, nos termos previstos na lexislación e nas regulamentacións ou acordos plenarios polos que se rexan.
Artigo 10.
1. Cando algunha das asociacións ou entidades ás que se refire o artigo 8, desexe efectuar unha exposición perante o Pleno, nas sesións ordinarias, en relación con algún punto incluído na orde do día ou non, no que interveña como interesada, poderá expoñer o seu parecer, a través dun único representante, con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día ou ratificación da urxencia da moción. Idéntica intervención poderá ter calquera veciño en asuntos de interese xeral municipal.
2. Para os efectos anteriores, dirixirase ao alcalde unha solicitude previa de intervención, que deberá presentarse no Rexistro municipal, cando menos, cun día hábil de antelación á celebración do Pleno, debendo constar nela unha sucinta motivación do pedimento así como os datos da persoa que, de ser autorizada, realizaría a exposición.
3. A Alcaldía, previa consulta cos portavoces dos grupos municipais, autorizará ou denegará o solicitado. De ser concedida, a exposición realizarase nunha única intervención, ao inicio do punto da orde do día correspondente como se sinala no párrafo primeiro deste artigo, nun tempo que, en función do asunto a tratar, fixará previamente o Alcalde e que, en ningún caso será inferior aos cinco minutos.
4. En cada Pleno haberá un máximo de dúas intervencións previstas neste artigo.
5. Terminada a sesión do Pleno, o alcalde poderá establecer unha rolda de rogos e preguntas co público asistente e sobre temas concretos de interese municipal. Correspóndelle ó alcalde ordenar e pechar esta rolda.
Artigo 11.
1.-As convocatorias e ordes do día das sesións do Pleno transmitiranse aos diferentes órganos municipais, ás asociacións de veciños e aos medios de comunicación social. Ademais, faranse públicas no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal.
2.-Sen prexuízo do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, o Concello dará publicidade resumida ao contido das sesións plenarias e a todos os acordos do Pleno e da Xunta de goberno, así como ás resolucións da Alcaldía obxecto de publicidade pola Ordenanza municipal de transparencia, acceso á información e reutilización. Con este fin, expoñeranse as actas das sesións e acordos no taboleiro de anuncios do Concello, na páxina web municipal e remitiránselle regularmente a aquelas entidades que figuren no Rexistro Municipal de Asociacións e que o soliciten por escrito.
TÍTULO SEGUNDO.-DAS ENTIDADES VECIÑAIS E DO REXISTRO MUNICIPAL DE ASOCIACIÓNS
Artigo 12.
1.-De acordo cos seus recursos orzamentarios, o Concello subvencionará economicamente ás asociacións e colectivos cidadáns que teñan como obxectivo a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños/as, tanto no que se refire aos seus gastos xerais como ás actividades que realicen.
2.-Para estes efectos, o orzamento municipal incluirá unha partida destinada a este fin. O Concello, no exercicio das súas potestades regulamentarias e de autoorganización, aprobará as normas ou bases reguladoras das formas, medios e procedementos de distribución desa partida que, en todo caso, terá en conta a representatividade da asociación, o grao de interese ou utilidade cidadá dos seus fins, a súa capacidade económica autónoma e as axudas que reciban doutras entidades públicas ou privadas.
Artigo 13.
1.-As asociacións e colectivos cidadáns ás que se refire o artigo anterior poderán acceder ao uso de medios públicos municipais, especialmente aos locais sociais -que serán obxecto de regulación por unha Ordenanza-, coa limitación que impoña a coincidencia do uso por parte de varias delas ou polo propio Concello, e serán responsables do trato dado ás instalacións.
2.-O uso de medios públicos municipais deberá ser solicitado ao Concello e coa antelación que establezan os servicios correspondentes.
Artigo 14.
Sen prexuízo do dereito xeral de acceso á información municipal recoñecido aos veciños/as, as entidades a que se refiren os artigos anteriores gozarán dos seguintes dereitos.
a) Recibir información das convocatorias dos órganos colexiados municipais que celebren sesións públicas ou daquelas en que deba estar presente o movemento veciñal. Recibir así mesmo as resolucións e acordos adoptados polos órganos municipais cando afecten ao obxecto social da entidade e esta cumpra as normas establecidas para a súa recepción. Por razóns de axilidade, a información á que se refire o presente artigo será remitida preferentemente por medios electrónicos.
b) Recibir as publicacións, periódicas ou non, que edite o Concello.
Artigo 15.
1.-Os dereitos recoñecidos ás asociacións e colectivos cidadáns para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños/as, só serán exercitables por aquelas que se atopen inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais (REMAV).
2.-O rexistro ten por obxecto permitir ao Concello coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins e a súa representatividade, para posibilitar unha correcta política municipal de fomento do asociacionismo veciñal.
3.-Poderán solicitar e obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais todas aquelas entidades legalmente constituídas, de funcionamento democrático e sen ánimo de lucro, de carácter social, deportivo, veciñal, da muller, persoas maiores, xuventude, etc., con domicilio social dentro do municipio de Bergondo e que neste ámbito xeográfico desenvolvan as súas actividades, que consistirán fundamentalmente na defensa, fomento e mellora dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños/as.
Non teñen cabida no REMAV as asociacións que o seu obxecto non responda a unha finalidade xeral/sectorial dos veciños
4. Estas asociacións deberán ter o seu domicilio social no Concello de Bergondo, e deberán estar inscritas ademais no Rexistro Xeral de Asociacións, distinto e independente deste Rexistro municipal.
Artigo 16.
1. As entidades que desexen inscribirse neste Rexistro municipal presentarán instancia (Anexo I) dirixida á Alcaldía solicitando a súa inscrición, e acompañarán a seguinte documentación:
a. Copia dos estatutos ou normas de funcionamento vixentes.
b. Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións da Administración Autonómica e outros Rexistros públicos de se-lo caso.
c. Certificación, expedida pola persoa que teña a competencia e co visto e prace do Presidente/a, do acordo adoptado na última asemblea xeral de socios, ou órgano competente, no que se elixiu a Xunta directiva, que este vixente na data de inscrición da respectiva Asociación; indicando así mesmo os datos de cada un dos integrantes da citada Xunta e ademais as súas direccións e teléfonos.
d. Domicilio Social.
e. Código de Identificación Fiscal.
f. Certificación do número de socios inscritos no momento da solicitude.
g. Programa ou Memoria anual das súas actividades.
h. Orzamento anual da entidade, incluíndo fontes de financiamento, se existisen.
i. Ámbito de actuación e a súa finalidade de carácter veciñal.
As copias do orixinais serán cotexadas polo encargado do Rexistro ou persoa que legalmente o substitúa.
2. O REMAV será único, dependerá da Secretaría Xeral, e a súa xestión do Servizo Municipal de Cultura, Educación e Deportes e os seus datos xerais serán públicos, coas restriccións que prevea a normativa vixente.
Anualmente elaborarase e actualizarase un Ficheiro de Asociacións que incluirá, ademais dos datos xerais individualizados que teñan declarados as entidades no momento da súa inscrición no REMAV ou da súa renovación no mesmo, as subvencións municipais que recibisen e que fixesen posible a realización das actividades. Este ficheiro será remitido a tódalas Asociacións incluídas no REMAV que o soliciten e, en todo caso realizarase un informe anual cos datos.
3. As certificacións, ou copias dilixenciadas polo responsable da tramitación, expedidas sobre os datos rexistrados serán documentos que servirán para acredita-la condición da inscrición e a natureza da Asociación.
Artigo 17.
1. No prazo dun mes desde a presentación da solicitude de inscrición no Rexistro Xeral de Entrada municipal, agás que este fose interrompido pola necesidade de subsanar deficiencias na documentación, a Alcaldía decretará a inscrición da entidade no REMAV e notificaralle esta resolución, na que constará o número de inscrición asinado. A partir deste intre considerarase de alta a tódolos efectos.
2. As asociacións veciñais inscritas teñen a obriga de notificar ao Concello calquera modificación dos datos incluídos na documentación que serviu de base para a inscrición, dentro do mes seguinte ao da data na que dita modificación tivese lugar.
En todo caso, antes do derradeiro día hábil do mes de marzo, tódalas asociacións deberán presentar a seguinte documentación:
A. Con referencia ao ano anterior: Memoria das actividades realizadas, balance económico do exercicio, número de asociados ó día 31 de decembro, e calquera outra modificación que se producise co motivo da celebración da súa asemblea anual de socios ou por outros motivos previstos nos estatutos.
B. Con referencia ao ano en curso: Orzamento e programa anual de actividades.
A falla desta documentación poderá determinar a baixa da súa inscrición no REMAV, previa audiencia dos representantes da Asociación interesada.
Artigo 18.
No caso de que existan ou se creasen no futuro, as asociacións e colectivos cidadáns inscritos teñen dereito a propoñer os seus propios representantes nos consellos de administración e noutros órganos executivos dos padroados, sociedades, empresas públicas, fundacións, organismos autónomos e demais fórmulas de xestión dos servizos públicos municipais, de acordo co establecido nos regulamentos ou estatutos respectivos.
TÍTULO TERCEIRO. -DO CONSELLO DE RELACIÓNS VECIÑAIS
Artigo 19.
Coa fin de desenvolver os obxectivos de participación, constituirase o Consello de Relacións Veciñais, que estará integrado polos seguintes membros: Presidente: o alcalde ou quen legalmente o substitúa e vicepresidente: o concelleiro-delegado desa área de goberno.
O concello invitará a todos os colectivos e asociacións inscritos no Rexistro de Asociacións do Concello a participar no Consello de Relacións Veciñais e, en consecuencia, serán Vogais do mesmo:
-Un representante de cada un dos grupos municipais integrantes da Corporación.
-Un representante de cada unha das asociacións e colectivos cidadáns incluídos no Rexistro municipal que o soliciten.
-Un representante de cada unha das asociacións empresariais ou profesionais constituídas no Concello de Bergondo que o soliciten.
-Un representante de cada un dos sindicatos que teña constituída agrupación local no Concello de Bergondo que o soliciten.
O secretario será o do Concello, ou o funcionario municipal no que se delegue.
Artigo 20.
Os membros da Corporación que formen parte do Consello de Relacións Veciñais serán designados polo Pleno do Concello a proposta de cada grupo municipal.
Artigo 21.
1.-O Consello de Relacións Veciñais reunirase, ordinariamente, unha vez por semestre, e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicite un tercio calquera dos seus membros.
2.-Os acordos adoptaranse por maioría simple.
3.-De cada reunión que se celebre redactarase unha acta na que consten os nomes dos membros asistentes, os asuntos examinados e os ditames emitidos.
4.-Para a válida constitución do Consello, requírese a asistencia da metade máis un do número legal de membros. En segunda convocatoria poderá constituírse o Consello sempre que estean presentes, polo menos, un tercio dos seus membros.
5.-O Consello de Relacións Veciñais poderá dotarse dun regulamento de funcionamento que deberá ser aprobado, en todos os seus extremos polo pleno da Corporación municipal. Do mesmo xeito, poderá formar no seu seo as comisións de estudio que considere convenientes.
Artigo 22.
Son funcións do Consello de Relacións Veciñais:
a) Proporlle ao órgano competente fórmulas encamiñadas a resolver os problemas relacionados co ámbito das súas funcións.
b) Emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias da súa competencia.
c) Emitir e formular propostas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos e organismos públicos municipais.
d) Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ao Concello, para ser discutidas nas comisións informativas municipais correspondentes.
Artigo 23.
O funcionamento do Consello de Relacións Veciñais axustarase ao previsto para os órganos colexiados no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e, subsidiariamente, na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O voto dos membros do Pleno será persoal e non delegable, recoñecéndose o dereito dos discrepantes a formular votos particulares.
Ás sesións poderán asistir en calidade de asesores aqueles especialistas, técnicos ou persoeiros que a presidencia ou a maioría do Pleno consideren necesaria, que participarán con voz pero sen voto.
TÍTULO CUARTO.-DA INICIATIVA CIDADÁ
Artigo 24
1. Os veciños que gocen do dereito de sufraxio activo nas eleccións municipais poderán exercer a iniciativa popular, presentando propostas de acordos ou actuacións ou proxectos de regulamentos en materias da competencia municipal. As devanditas iniciativas deberán ir suscritas ao menos polo 15 por cento dos veciños do concello.
2. Tales iniciativas deberán ser sometidas a debate e votación no Pleno, sen prexuízo de que sexan resoltas polo órgano competente por razón da materia. En todo caso, requerirase o previo informe de legalidade do secretario do concello, así como o informe do interventor cando a iniciativa afecte a dereitos e obrigas de contido económico do concello.
3. Tales iniciativas poderán levar incorporada unha proposta de consulta popular local, que será tramitada, en tal caso polo procedemento e cos requisitos previstos no artigo 71 da LBRL.
Artigo 25.
Na redacción dos seus orzamentos anuais, o Concello terá en conta as iniciativas cidadás aprobadas, avaliando aquelas que se consideren de interese para podelas levar a cabo.
TÍTULO QUINTO.-DA PARTICIPACIÓN NOS ÓRGANOS DE GOBERNO MUNICIPAIS
Artigo 26.
As entidades veciñais, asociacións e colectivos cidadáns poderán realizar calquera tipo de proposta que estea relacionada con temas que afecten ao seu núcleo de poboación, á súa competencia sectorial ou de interese xeral. Estas propostas terán que ser presentadas por escrito para que sexan tramitadas e resoltas polos órganos competentes.
Artigo 27.
As entidades veciñais, asociacións e colectivos cidadáns que cumpran os requisitos fixados por este regulamento, poden intervir nas comisións informativas nas mesmas condicións ca no Pleno da Corporación, cando na orde do día figuren asuntos que afecten a estes colectivos, solicitando previamente da alcaldía, e especificando a representación do colectivo a intervir. A tal extremo será de aplicación o previsto no artigo 10, parágrafo 3.
TITULO SEXTO. DA PARTICIPACION CIDADÁ NA ELABORACION DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS
Artigo 28.
O concello promoverá os medios e definirá as condicións nas que, de xeito progresivo, os diversos colectivos cidadáns e veciños poidan participar activamente na elaboración dos orzamentos municipais, en materias que sexan do seu especial interese, que respondan a unha sensibilidade social nidiamente detectada ou obedezan a criterios de interese social.
Entre outros, habilitarase un enlace na páxina web municipal, cun modelo de proposta, a través do cal, os veciños poderán achegar as súas suxerencias.
TITULO SÉTIMO. DA CONSULTA POPULAR
Artigo 29.
O alcalde, logo do acordo por maioría absoluta do Pleno e coa autorización do Goberno do Estado, poderá someter a consulta popular aqueles asuntos da competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, con excepción dos relativos á facenda local.
Artigo 30.
A consulta popular, preverá en todo caso:
1.- O dereito de todo veciño con dereito de sufragio activo nas eleccións locais a ser consultado.
2.- O dereito a que a consulta exprese as posibles solucións alternativas coa máxima información escrita e e gráfica posible.
Artigo 31.
1.- Corresponde ao Concello realizar os trámites pertinentes para a celebración da consulta popular sobre materias da súa competencia.
2.- Tamén poderá solicitarse por iniciativa cidadá a celebración da consulta popular, logo da resolución dos acordos interesados, e por pedimento colectivo cun mínimo de sinaturas de veciños non inferior ao 15 por 100 do censo electoral.
3. En todo caso, con respecto ao previsto neste título estarase ao disposto na lexislación estatal ou da Comunidade Autónoma, en especial na Lei orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, reguladora das distintas modalidades de referendo, e artigo 257 da Lei de administración local de Galicia.
Disposicións
Disposicións adicionais.
1.-O Pleno do Concello, en virtude das súas atribucións establecidas no artigo 22.2.b da Lei de réxime local e o artigo 69 da Lei de administración local de Galicia, poderá crear outros órganos desconcentrados se as peculiaridades xeográficas de organización do termo municipal así o aconsellan, para facilitar a participación dos veciños nas zonas periféricas, a través do correspondente Regulamento orgánico municipal.
2.-En todo o non previsto por este regulamento estaríase ao disposto nas seguintes normas: Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia; texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, do 28 de novembro de 1986; Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común; e Lei reguladora do dereito de petición, Lei 92/1960, do 22 de decembro.
3.-O procedemento de revisión ou modificación axustarase ao establecido no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Disposicións transitorias
1.- Coa finalidade de actualizar os datos contidos no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais, estas deberán remitir ao concello a información que lles será requirida, nun prazo máximo de dous meses a partir da entrada en vigor do presente Regulamento.
2.- Para obter o dereito a formar parte do Consello de Relacións Veciñais, será necesario ter actualizada a información á que se fai referencia no parágrafo anterior, e que consistirá na actualización dos datos básicos que permitan a súa identificación, a da súa actividade e, en xeral, a requirida para á súa inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais.
3. Poderán incorporarse ao Consello de Relacións Veciñais, con posterioridade á súa constitución, aquelas asociacións de nova inscrición que o soliciten por escrito, así como aquelas que tendo dereito no momento da súa constitución optaran por non facelo, sempre que cumpran as esixencias establecidas no presente Regulamento.
4 O Consello de Relacións Veciñais constituirase no prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor do presente Regulamento.
Disposición final.
Este regulamento entrará en vigor logo da súa publicación completa no Boletín Oficial da Provincia, de acordo co procedemento establecido no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, transcorrido o prazo indicado no artigo 65.2, en relación co 70, da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
O que se publica para coñecemento xeral, tendo transcorrido xa o prazo previsto nos artigos 65.2 en relación co 56.1 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.