Boqueixón - REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA E DE SANEAMENTO
CAPÍTULO I.-OBXECTO, ÁMBITO DE APLICACIÓN DE CONDICIÓNS DE SERVIZO
Artigo 1.-Obxecto do Regulamento.
1. O regulamento ten por obxecto establecer as normas de prestación dos servizos de subministro de auga potable no municipio de Boqueixón, regular as relacións entre o Concello e os usuarios, determinando as súas respectivas situacións, dereitos, deberes e obrigacións básicas, así como recoller o ámbito de aplicación de prezos e tarifas, e o réxime de infraccións e sancións.
2. A efectos de simplificación, no presente regulamento denomínase ¿abonado" ó usuario que teña contratado o servizo de augas. O abonado debe ser titular do dereito de uso da finca, local ou industria.
Denomínase ¿rede de distribución" ó conxunto de tubaxes cos seus elemento de manobra, control e accesorios, instalados nas vías públicas a través das cales se subministra auga ás distintas zonas da poboación.
Denomínase ¿ampliación de rede de distribución" ás extensións ou prolongacións realizadas a partir desta desde un punto xa abastecido ata o lugar de situación doutros inmobles ós se pretende dotar de servizo de auga.
Comprende, así mesmo, este concepto aquelas modificacións que se realizan sobre unha rede existente cando a súa capacidade é notoriamente insuficiente para atender o abastecemento dunha ou varias zonas da poboación.
3. Os servizos a que afecta este regulamento quedarán sometidos permanentemente ó control do Concello de Boqueixón, quen poderá revisar os traballos realizados, en todo momento ou lugar, procurando non entorpecer a prestación dos mesmos.
Artigo 2.-Obrigacións do Concello.
Corresponde ó Concello, cos recursos ó seu alcance:
a) Planificar, proxectar, executar, conservar e explotar as obras e instalacións necesarias para captar, regular, conducir, depurar, almacenar e distribuír auga potable á poboación do Concello de Boqueixón, de acordo coas condicións que se fixan neste regulamento e na lexislación aplicable, utilizando ó efecto os recursos e medios actualmente dispoñibles e os que no futuro resulten das inversións que se realicen, ou lle sexan asignados.
A incorporación ó servizo de obras e instalacións, esixirá a recepción das mesmas polo Concello, calculando previamente as tarifas a percibir polo aumento de custos (no caso de que os houbera) que supoñan as novas instalacións.
b) A tramitación e execución de acometidas de subministros de auga a todas aquelas persoas ou entidades que o soliciten para seu uso en edificios, locais e recintos situados dentro do área da súa competencia, sempre que estes reúnan as condicións esixidas por este regulamento e foran aprobadas pola corporación municipal.
c) Subministrar auga ós usuarios, garantindo a súa potabilidade conforme ás disposicións sanitarias vixentes, ata a chave de rexistro (considerada, con carácter xeral, como inicio da instalación interior do abonado).
d) O Concello deberá cubrir, na súa condición de xestor das infraestruturas municipais, a súa eventual responsabilidade civil por danos causados a terceiros subscribindo unha póliza de seguros axeitada.
e) Dispor dun servizo permanente para recepción de avisos de avarías e para informacións urxentes e aquelas anomalías que poidan producirse relacionadas coa prestación do servizo.
f) Informar ós abonados, sempre que sexa posible e polos medios adecuados de difusión, das interrupcións ou alteracións que se produzan no subministro como resultado das súas actuacións ou de terceiros.
g) Colaborar coas autoridades e centros de educación para facilitar, sen afectar á explotación, cos abonados e público en xeral poidan coñecer o funcionamento das instalacións.
h) Contestar ás reclamacións que se lle formulen por escrito no prazo regulamentario.
i) Aplicar os prezos e cadros de tarifas correspondentes ós distintos tipos de subministro que, en cada momento, se teñan aprobadas.
Artigo 3.-Dereitos do Concello.
Ademais dos dereitos que ó Concello lle outorguen as disposicións legais e regulamentarias en materia de xestión do servizo público, con carácter xeral, terá os seguintes dereitos:
a) Inspeccionar, revisar e informar as instalacións interiores do subministro que, por calquera causa, poidan interferir no funcionamento do servizo.
b) Percibir nas oficinas ou ben por domiciliación bancaria a través das contas dos abonados, o importe das facturacións ou cargos que, debidamente autorizados, corresponda pagar ós abonados e usuarios polas prestacións que se realicen.
Artigo 4.-Obrigacións do abonado.
Son obrigacións do abonado:
a) Todo abonado virá obrigado a aboar puntualmente os cargos que o Concello lle formule conforme ós prezos e tarifas aprobados, así como os que se deriven da prestación dos servizos complementarios a que fai referencia o presente regulamento.
A obrigatoriedade do pago íntegro dos consumos de auga se considerará extensiva ós casos en que os mesmos se orixinaran por fuga, avaría, ou defecto de construción ou conservación das instalacións interiores, ou por calquera outra causa non imputable ó Concello.
b) Os abonados deberán, en interese xeral e no seu propio, comunicar así mesmo ó Concello calquera avaría ou perturbación (fugas, perdas de presión, verteduras incontroladas, etc.) que, ó seu xuízo, se produzan na rede de distribución pública ou nas instalacións privadas.
Igualmente, deberán notificar ó Concello as manipulacións nas redes ou os usos indebidos de auga que poidan ser causa grave de contaminación ou perigo de accidente para persoas ou bens.
c) Facilitar o libre acceso ás instalacións ou recintos, ós empregados do Concello ou persoa autorizada para o desenvolvemento dos traballos relacionados coa realización de lecturas, inspeccións, obras e reparacións.
d) Cando o abonado desexe causar baixa no subministro, estará obrigado a interesar ó Concello dita baixa cunha antelación mínima de 48 horas, para poder efectuar a lectura do contador, precintado do mesmo e facturar o consumo correspondente.
e) Cando nunha mesma finca, xunto á auga do servizo municipal, existirá auga doutra procedencia, o abonado virá obrigado a establecer nas instalacións interiores medios axeitados para evitar a entrada desas augas na rede xeral.
O Concello non se responsabilizará da calidade das augas nas instalacións interiores, advertíndose ós abonados da responsabilidade en que poden incorrer, de producirse, por retroceso, a alteración das condicións de potabilidade das augas da traída pública.
f) O abonado, baixo a súa exclusiva responsabilidade, non poderá:
1. Inserir nas tubaxes de abastecemento, sen previa autorización do Concello, bombas ou calquera aparato que modifique ou poida afectar ás condicións da rede de distribución no seu entorno e, consecuentemente, interfiran co servizo prestado a outros abonados.
2. Revender ou ceder, incluso a título gratuíto, o auga subministrada polo Concello.
3. Modificar os accesos ós contadores e aparatos de medida, sen comunicación ó Concello.
4. Utilizar o auga do servizo público para fines distintos ós contratados.
5. Manipular as instalacións interiores xerais, nin instalar elementos nelas.
6. Realizar consumos de auga que non sexan controlados polo equipo de medida ou introducir calquera alteración nas instalacións que permitise estes consumos.
7. Ocasionar voluntariamente ou por conduta neglixente fugas de auga.
8. Romper ou alterar os precintos de medida.
Artigo 5.-Dereitos dos abonados.
Serán dereitos dos abonados:
a) Dispor permanentemente de subministro de auga potable, de acordo coas condicións que figuren no seu contrato, sen outra limitación que as establecidas no presente regulamento e as demais disposicións de aplicación.
b) Ser informado de tódalas cuestións derivadas da prestación e funcionamento do servizo en relación ó seu subministro, así como recibir contestación por escrito, no prazo regulamentario previsto, ás consultas formuladas por idéntico procedemento.
Artigo 6.-Reclamacións dos abonados.
1. Toda persoa física que, en nome propio ou en representación de terceiros, desexe formular reclamación contra os empregados do Concello ou contra o que considere calquera anomalía no funcionamento do mesmo, poderá facelo mediante escrito dirixido ó Concello.
2. Nas reclamacións que poidan formularse sobre o cumprimento das condicións do servizo, o reclamante deberá acreditar a condición de abonado e estar ó día no pago dos recibos correspondentes.
3. As reclamacións que se formulen por danos e prexuízos que se causen polo Concello rexeranse pola lexislación aplicable, tendo en conta a natureza das mesmas e o seu carácter contractual ou extra contractual.
4. As reclamacións faranse dentro das primeiras 48 horas despois de producirse os danos.
CAPÍTULO II.-PÓLIZA DE ABONO, SUBMINISTRO DE AUGA E CONEXIÓN DE VERTEDURAS
Artigo 7.-Pólizas de abono.
Denomínase póliza de abono ó contrato subscrito entre o Concello e o abonado, que inclúe os termos e condicións pactados para o subministro de auga.
Para a petición do subministro:
- No caso de vivenda nova o usuario presentará solicitude e xustificante de aboamento da correspondente taxa.
- No caso dunha obra, o peticionario presentará a licenza para a mesma, realizándose un contrato de auga de obra que se terá que dar de baixa unha vez finalizada.
- No caso dunha industria ou comercio o usuario presentará solicitude e xustificante de aboamento da correspondente taxa.
En ningún caso se procederá ó subministro se non están realizados os anteriores requisitos.
Farase un contrato dos servizos de abastecemento por cada vivenda, local ou dependencia independentes, aínda que pertenzan ao mesmo dono, sexan contiguas, estean ocupadas ou valeiras.
Nos casos en que estea constituída a comunidade de propietarios con contador xeral único, esta deberá subscribir unha póliza de abono xeral, que deberá incluír unha cota fixa, e/ou un mínimo equivalente ao nº de locais e vivendas que poidan ser utilizadas de forma independente.
Non se subscribirá contrato de subministro a aquel usuario con recibos pendentes de cobro, sexa cal fora a situación do novo subministro solicitado.
Baixo ningún concepto faranse concesións gratuítas, calquera que sexa o carácter e natureza do peticionario, considerándose caducadas as que actualmente poidan existir, de tal modo que non se considerarán ¿consumos municipais", os consumos daquelas dependencias, que sendo municipais, teñan contratada a súa xestión cunha empresa privada.
Todos os acordos anteriores quedarán en suspenso á entrada en vigor do presente regulamento.
O traslado de domicilio e ocupación do mesmo local por persoa distinta á que formalizou o contrato, esixe novo contrato, ou no seu caso, a subrogación do anterior, sempre que se cumpran tódolos requisitos deste regulamento.
Non se autorizarán altas nin baixas temporais, excepto no especificado no artigo 10.
Artigo 8.-Solicitude de acometida. Utilización do subministro.
1. A solicitude de acometidas ás redes de distribución de auga potable deberá presentarse, para cada finca que legal ou fisicamente constitúa unha unidade de edificación, debendo cada unha delas satisfacer as condicións previstas neste regulamento.
Consideraranse unidades de edificación independentes os edificios dun só portal, ou cada un dos portais no caso de que existan varios nun mesmo edificio. No caso de que un mesmo edificio ou construción teña máis dun acceso, o Concello poderá decidir a conveniencia de realizar, a medida que lle sexan solicitadas, máis dunha acometida.
2. Queda expresamente prohibida a utilización dun subministro de auga por outra finca ou propiedade distinta daquela para a que se contratou, aínda cando pertenzan ó mesmo dono.
3. Naqueles casos nos que, a xuízo do Concello, exista causa xustificada, o titular do uso dun local comercial ou industrial de planta baixa dun inmoble, poderá contratar, a súa costa, acometidas independentes.
4. O Concello está autorizado para vixiar as condicións e forma na que os abonados utilizan o servizo de abastecemento.
Artigo 9.-Servizo a novas edificacións e novas urbanizacións.
1. As extensións das redes de abastecemento para edificacións novas ou antigas que non o posúan serán a cargo do abonado e pasarán á rede municipal.
2. As instalacións das redes de abastecemento propias de urbanizacións, novas rúas ou polígonos, serán executadas a cargo do promotor, con suxeición ó correspondente proxecto técnico necesariamente aprobado polo Concello. A traza destas redes será sempre polos viais públicos.
3. O permiso de acometida de subministro para o polígono ou urbanización, así como para os solares e inmobles radicados nel, estará supeditado a que previamente se acredite o cumprimento das condicións seguintes:
- Os esquemas das redes interiores de distribución, así como as demais instalacións relacionadas, deberán ter sido aprobados polo Concello do servizo e proxectados por técnico competente, debendo ser executados por conta do promotor ou propietario da urbanización ou polígono, e con cumprimento das normas técnicas previstas a tal fin.
- O Concello poderá esixir, tanto durante o desenvolvemento das obras como na súa recepción ou posta en servizo, as probas hidráulicas e ensaios necesarios, co fin de garanti-la idoneidade de execución e o cumprimento das especificacións de calidade que afecten ós materiais previstos no proxecto, sendo os gastos derivados de tales probas a cargo do promotor ou propietario da urbanización.
4. En ningún caso estará facultado o promotor ou executor da urbanización para realizar as acometidas de abastecemento nos posibles edificios, soares ou parcelas da mesma, o cal é competencia exclusiva do Concello.
5. O enlace das redes interiores coas conducións exteriores que forman a rede pública xestionada polo Concello, así como as modificacións ou eventuais reforzos ás mesmas que houberan de efectuarse nelas, como consecuencia das novas demandas impostas pola urbanización, quedarán perfectamente delimitadas no proxecto previo e executaranse sempre polo Concello e a cargo do promotor ou propietario da urbanización.
6. Poderase denegar a solicitude de acometida ou acometidas as súas redes polas causas ou circunstancias seguintes:
a) Por incumprimento do estipulado neste regulamento no que se refire a documentación e requisitos previos para a conexión ás redes públicas.
b) Cando algunha parte das instalacións xerais deba discorrer por propiedade de terceiros, sen que se acredite a constitución da servidume de paso, inscrita no Rexistro da Propiedade ou non se adquira a franxa de terreo afectada.
c) Cando a presión no punto de acometida de abastecemento sexa insuficiente para un correcto servizo, e non se instalaran, a cargo do abonado, o grupo de elevación e alxibe correspondentes.
O Concello poderá, se o abonado o acepta expresamente, contratar o servizo sen responsabilizarse das deficiencias producidas pola falta de presión, termo este que quedará debidamente reflectido no contrato.
d) Cando a presión no punto de acometida de abastecemento se considere excesiva para o servizo, e non se instalaran, a cargo do abonado, as medidas de redución de presión axeitadas.
Artigo 10.-Tomas de auga provisionais e temporais.
1. Excepcionalmente, o Concello poderá conceder acometidas ou tomas de auga con carácter provisional ou temporal para obras.
2. En ningún caso se utilizará para vivendas e locais a auga subministrada para unha acometida de obra. Ó finalizar as obras, o construtor ou promotor comunicará este feito ó Concello e quedará clausurada automaticamente esta acometida, rexéndose o subministro polas condicións xerais establecidas.
3. Ata a sinatura das pólizas definitivas do servizo, manterase en vigor a póliza do servizo provisional para obra, sendo o construtor ou solicitante autorizado o responsable de aboar toda a auga consumida, que se lle facturará á tarifa de obra, independentemente do uso que houbera tido.
Artigo 11.-Contratante e titular do contrato.
1. O contratante do subministro será o titular ou titulares da finca, local ou industria a abastecer, ou quen o represente legalmente, a salvo das excepcións que se detallan neste artigo. Os dous servizos serán dados de alta a nome da mesma persoa.
No seu caso, o contratante poderá ser o inquilino, con autorización bastante da propiedade. Esta autorización implicará a asunción, por parte do propietario, das eventuais responsabilidades e do resarcimento de danos ó Concello, no caso de incumprimento do contrato de subministro por parte do inquilino.
2. Non poderá ser abonado do subministro de auga quen, habendo sido con anterioridade para outra finca, local ou industria, fora penalizado con suspensión de subministro ou resolución do contrato por falta de pago ou medida regulamentaria, a non ser que satisfaga integramente as súas anteriores obrigacións, cos recargas, intereses e gastos que houbera lugar.
3. Toda acometida destinarase exclusivamente ós usos para os que houbera sido solicitada e concedida, debendo comunicar o abonado previamente ao Concello calquera modificación, solicitando a súa aprobación e a formalización dun novo contrato no que se inclúan as circunstancias modificadas.
4. Nos casos de cambio de titularidade da finca, local ou industria abastecidos, e cando sexa o propietario o abonado titular do contrato de subministro, ambos deberán comunicar fidedignamente, dentro do prazo dun mes, o cambio habido, co fin de proceder a formalizar un novo contrato de subministro a nome do novo titular.
5. Nos casos nos que os titulares do contrato de subministro foran os inquilinos, o novo inquilino deberá substituír a autorización do propietario a que se fai referencia no apartado primeiro deste artigo, por outra similar o seu nome.
Se houbera modificación de propiedade da finca, local ou industria sen cambio de titularidade do contrato de subministro, o novo propietario entenderase inescusablemente subrogado nas responsabilidades asumidas polo anterior propietario en relación cos incumprimentos do contrato e resarcimento de danos que puideran causar ó Concello os inquilinos do inmoble, cando non os houberan asumido estes.
6. Nos casos en que o solicitante dos servizos sexa unha comunidade de propietarios, só poderá contratar os mesmos o seu representante legal, debidamente acreditado.
7. Nos casos en que se soliciten os servizos para execución de obras, o contratante deberá ser o titular da licenza municipal.
Artigo 12.-Altas e baixas no servizo.
Toda alta no servizo será obxecto de solicitude do interesado, e subscrición da correspondente póliza na que se fará constar as características do subministro e que producirá efectos económicos dentro do trimestre no que comece o disfrute do servizo e coa facturación correspondente ó trimestre completo.
No caso de contadores colectivos, cada unha das vivendas ou locais subministrados a través dese contador abonará a cota de ¿Alta de Contrato" e ¿Fianza" especificadas na ordenanza fiscal correspondente.
Cada vez que se produza unha alta pagaranse as taxas municipais de acordo co establecido na ordenanza fiscal.
As baixas solicitaranse polo titular do contrato subscribindo a correspondente solicitude, e previa comprobación e pago dos recibos pendentes do trimestre no que se solicita a baixa, pasarase orde para corte de subministro e precintado da chave de paso.
Artigo 13.-Tipos de subministros.
A prestación do servizo clasificarase segundo o especificado na ordenanza fiscal polos tipos de tarifas, pero como norma xeral será:
1. Usos domésticos. Son aqueles nos que a auga se utiliza exclusivamente para atender necesidades primarias da vida, preparación dos alimentos e hixiene persoal.
Aplicarase esta modalidade exclusivamente a locais destinados a vivendas, sempre que neles non se realice actividade industrial, comercial, profesional, nin de servizos de calquera tipo.
2. Usos comerciais. Son aqueles nos que a auga se utiliza para o acondicionamento, limpeza ou hixiene en establecementos profesionais, comerciais ou de servizos.
3. Usos industriais. Son aqueles nos que a auga constitúe un elemento directo ou indirecto dun proceso de produción.
Aplicarase esta modalidade a todos os locais ou establecementos nos que se desempeñe unha actividade industrial, así como a centros de ensinanza, deportivos, clubes sociais e recreativos, garaxes e, en xeral, para todos aqueles non destinados a vivenda.
Terán tamén a consideración de usos industriais aqueles usos, potencialmente domésticos, para os que, como resultado das inspeccións e análises que realizará o servizo municipal ou os laboratorios autorizados ó efecto, se determinará unha contaminación improcedente das augas residuais, sen prexuízo das responsabilidades nas que incorrerá o actuante.
4. Usos municipais. Son aqueles que corresponden ós edificios e instalacións municipais.
O Concello instalará contadores en todos e cada un dos puntos de subministro que lle afecten, calculándose polos servizos técnicos do Concello os consumos municipais onde, polas características de ditos puntos, non poida instalarse un contador.
Non se considerarán consumos municipais, os das dependencias que sendo municipais teñan contratada a súa xestión a unha empresa privada.
5. Uso para obras. Son aqueles nos que a auga se usa na construción.
6. Usos especiais. Considéranse subministros especiais aqueles non incluídos nas modalidades anteriores.
Artigo 14.-Causas de suspensión do subministro.
1. Para a suspensión do servizo de abastecemento a un abonado, o Concello deberá seguir o procedemento legal previsto ó efecto.
A utilización inadecuada por parte dun abonado do servizo ocasionará a suspensión do servizo de abastecemento, como medida complementaria.
2. O Concello poderá suspender o servizo de abastecemento a un abonado nos seguintes casos:
a) Se tivese pendentes de pago un ou máis recibos correspondentes ó importe do servizo conforme ó estipulado na ordenanza fiscal.
b) Por falta de pago, das cantidades resultantes de liquidacións en firme de fraude, ou no caso probado de reincidencia no mesmo.
c) En tódolos casos en que o abonado empregue a auga que se lle subministre, en forma ou para usos distintos dos contratados.
d) Cando o abonado estableza ou permita establecer derivacións na súa instalación para subministro de auga a outros locais ou vivendas diferentes á consignada na súa póliza de servizo.
e) Cando o abonado non teña instalado contador (ou se atope avariado e non proceda á substitución do mesmo a pesar da comunicación do servizo) para control do consumo de auga.
f) Cando o abonado manipule o equipo de medida falseando desa forma as medicións do consumo realizado.
g) Cando o abonado non permita a entrada no local a que afecta a póliza de servizo, en horas hábiles ou de normal relación co exterior, ó persoal que, autorizado polo Concello e provisto da súa correspondente documentación acreditativa, trate de revisar as instalacións, sendo preciso, en tal caso, que se faga constar a negativa ante testemuñas, ou en presenza dalgún axente da autoridade.
h) Por neglixencia do abonado respecto á reparación de avarías nas súas instalacións, que poidan causar danos ás redes, á vía pública ou a terceiros.
i) No caso de que o abonado utilice a auga para rego de hortas, cultivos ou zonas verdes en terreos anexos á vivenda habitual, cando por causas excepcionais, o alcalde prohiba os consumos para estes usos, e así o dispoña mediante bando.
3. Os gastos orixinados para o restablecemento serán por conta do abonado, que non recuperará o servizo ata que proceda ó seu pago.
Artigo 15.-Reservas de auga.
1. O Concello poderá establecer as condicións e prioridades no uso de auga potable no suposto de restricións por seca, catástrofes ou accidentes graves nas instalacións de captación, tratamento ou distribución da auga, utilizando o seu mellor criterio para reducir o dano á poboación afectada, e comunicando as medidas adoptadas ás autoridades competentes, e a poboación a través dos medios de difusión máis axeitados.
2. Os abonados que prevean utilizar a auga para alimentar aparatos ou instalacións que poidan verse danados como consecuencia dunha interrupción ou diminución de presión en subministro, en todos os locais nos que se desenvolve calquera tipo de actividade no que a auga represente unha permanente e inescusable necesidade para a saúde pública ou seguridade de persoas e bens, e, especialmente, en centros hospitalarios, almacéns de produtos inflamables e combustibles e grandes centros comerciais deberán dispor de depósitos de reserva con capacidade suficiente, e adoptar, en xeral, as medidas necesarias para garantir a continuidade do servizo, sen prexuízo do que establezan as regulacións específicas de cada sector.
Igualmente, as industrias nas que a auga represente un elemento indispensable no proceso de produción ou conservación de produtos, deberán dispor de depósitos de reserva, de forma que quede asegurado o seu autoabastecemento mínimo durante ó menos 24 horas.
O prestador do servizo quedará exonerado de responsabilidade civil nestes casos, que polas súas características especiais deberán proverse de medios de reserva.
3. O Concello non será responsable dos danos que poida ocasionar unha eventual falta de subministro motivada por avarías ou pola normal manipulación da rede.
Artigo 16.-Depósitos e grupos de presión particulares.
1. En todos os edificios, nos que a presión da rede no punto de acometida poida ser insuficiente para o correcto abastecemento, o abonado estará obrigado á instalación dun grupo elevador e depósito que garantan o abastecemento regular a todas as vivendas ou locais da finca.
2. Como medida de hixiene e control, recoméndase que estes depósitos dispoñan dos medios adecuados para a súa fácil e eficaz limpeza periódica. Obrigatoriamente, deberán estar provistos dun rexistro de entrada, desaugue e tubo de ventilación.
O desaugue do depósito de reserva irá conectado á rede de saneamento.
3. Os depósitos de reserva conectaranse obrigatoriamente ó tramo de acometida interior, é dicir, con posterioridade ó emprazamento do contador.
Artigo 17.-Avarías en instalacións interiores.
1. Enténdese por instalación interior de abastecemento a comprendida a partir da chave de rexistro de acometida. Quedará excluído o contador como parte da instalación interior.
2. O propietario dun edificio será responsable das avarías que se produzan na instalación interior e realizará, ao seu cargo, coa maior rapidez que lle sexa posible e, en todo caso, dentro dun prazo máximo de cinco días naturais, á reparación das avarías que se presenten a partir da chave de rexistro e antes do contador. Transcorrido dito prazo sen que se reparara a avaría, o Concello procederá ó corte de subministro ata que se efectúe a reparación, e inspeccionará a instalación con posterioridade á mesma, antes de reanudar o servizo.
3. Se, a xuízo do Concello ou de técnico competente, se determinara que existe perigo grave para a seguridade das persoas por mal estado das instalacións, ou ameaza de danos graves, o Concello poderá suspender o subministro de forma inmediata, poñéndoo en coñecemento do interesado. Neste caso, como naqueles outros nos que exista necesidade de acometer a reparación con urxencia, o Concello poderá repercutir ó abonado os gastos en que se incorrera, debidamente xustificados.
Artigo 18.-Sistemas contraincendios.
1. A conexión á rede pública de abastecemento das acometidas para sistemas contraincendios esixirá a sinatura dun contrato específico entre o Concello e o abonado.
Dito contrato terá a mesma tramitación e carácter que os de subministro ordinario e estará, polo tanto, suxeito ás mesmas prescricións reguladas por aqueles. A utilización da rede contra incendios será unicamente con ese fin.
2. As redes interiores de incendio serán sempre independentes das restantes existentes na finca, e non poderá ser conectada derivación algunha para outros usos.
3. Nas instalacións contraincendios instalaranse aparatos medidores de consumo. No caso de utilizar este servizo para outro uso que non sexa o de extinción de incendios, a auga consumida facturarase de acordo coas tarifas vixentes en cada momento.
Artigo 19.-Bocas de rega contra incendios.
1. O Concello situará, de oficio ou a petición dos abonados e, con cargo ó peticionario, as bocas de rega contra incendios que lle sexan solicitadas, de acordo coas instrucións que en cada caso, sinale o Concello.
Artigo 20.-Subministro temporal para obras de urbanización e actuacións en dominio público.
1. Para a execución de obras de urbanización e daquelas instalacións que se realicen nas rúas, vías públicas ou bens de dominio público, o Concello autorizará, a petición da entidade pública ou do contratista adxudicatario da obra, o uso da auga procedente das bocas de rega.
2. Cando o solicitante sexa o contratista da obra ou o propietario da actuación, deberá constituír previamente ante o Concello para responder de eventuais danos sobre as instalacións públicas, un depósito equivalente ó dobre do valor de reposición da boca de rega. O depósito será devolto ó contratista, unha vez transcorrido o prazo de utilización do subministro, se non se houberan producido danos.
3. O consumo de auga a que se refire o presente artigo será aboado polo contratista, segundo o consumo rexistrado polo contador que o Concello houbera instalado a tal efecto.
4. Salvo os casos previstos nos anteriores números deste artigo, a utilización das bocas de rega, só estará permitida ós servizos públicos de extinción de incendios e a outros servizos municipais, calquera que sexa a forma de xestión, quedando exentos de pago os consumos que se produzan pola utilización daquelas.
CAPÍTULO III.-SERVIZO DE ABASTECEMENTO
1.-ACOMETIDAS
Artigo 21.-Acometidas de abastecemento.
a) Denomínase rede de distribución de auga potable ó conxunto de tubaxes, cos seus elementos de manobra, control e accesorios, instalado en rúas, prazas, camiños e demais vías públicas para distribuír auga á poboación.
b) Enténdese por acometida de abastecemento, o ramal que, partindo dunha tubaxes de distribución, conduza a auga ó pé do edificio ou ó límite da propiedade que se desexa abastecer. Esta acometida comprende desde o collarín de toma na tubaxe xeral, ata a chave de rexistro situada nunha arqueta de rexistro, ó pé da edificación ou límite da propiedade. Estará formada por unha tubaxe única de características específicas segundo o caudal e presión de auga a subministrar.
c) Como norma xeral, non se concederán ailladamente acometidas de subministro de auga potable, tramitándose simultaneamente ambas solicitudes. As obras correspondentes executaranse, na medida do posible, ó mesmo tempo, sempre que exista rede de auga e colectores en servizo.
Artigo 22.-Características da acometida.
A determinación das características das novas acometidas ou da ampliación do servizo dun inmoble e a súa instalación, serán sempre competencia exclusiva do servizo de augas, quen realizará os traballos correspondentes a cargo do peticionario, segundo os prezos aprobados polo Concello. Así mesmo o servizo determinará as modificacións, que na rede existente, deberán efectuarse como consecuencia da petición, e que tamén satisfará o peticionario, entendéndose que esta modificación pertence, a tódolos efectos, ó patrimonio municipal. Caso de non aboar o solicitante esta modificación non se procederá ó subministro.
Toda persoa que desexe acometida de abastecemento de auga potable, fará unha solicitude no Concello o cal a remitirá ó servizo municipal de augas, que realizará un informe das condicións necesarias para a conexión e o entregará no Concello para que procedan o seu estudio e aprobación, si o consideran oportuno.
A aprobación por parte do Concello será trámite indispensable para proceder á conexión á rede municipal, así como un orzamento, segundo tarifa vixente, do custo de ditas acometidas, que satisfará o solicitante antes de dar comezo as obras.
Artigo 23.-Subministro a unha urbanización.
No caso de solicitude de subministro a unha urbanización privada, poderá facerse de dous modos distintos:
- Se os propietarios da urbanización desexan que a rede xeral interior siga sendo privada, co consentimento do Concello instalaráselle un contador xeral no límite da rede municipal e facturaráselle a nome da comunidade o importe da lectura total do mesmo, con tantos mínimos e/ou cotas de servizo e mantemento como vivendas e puntos de consumo comunitario existan no interior da urbanización.
Neste caso, tódalas avarías que se produzan a partir do contador xeral serán por conta da comunidade.
- Se queren instalar contadores individuais de consumo, terán que ceder a rede xeral que pasará a ser de propiedade municipal, aplicándose a cada vivenda o especificado neste regulamento, e procedéndose por parte do servizo á instalación das acometidas individuais e os contadores correspondentes, así como os dos consumos comunitarios que serán facturados á comunidade.
- Antes da recepción da rede por parte municipal, inspeccionaranse os materiais que a constitúen e efectuaranse as probas de presión e estanqueidade que o Concello considere necesarias, con cargo ó promotor ou propietario da urbanización. Se o resultado das probas é satisfactorio procederase á recepción.
Artigo 24.-Conservación de acometidas.
Se na ordenanza municipal estivese prevista cota de conservación de acometidas de abastecemento, as reparacións das avarías nas acometidas, que sexan debidas o seu normal uso corresponderán ó servizo de augas con cargo a esta cota, sen que se produza ningún outro cargo ó abonado por este motivo.
Se a avaría fose debida a outras razóns diferentes ás do seu normal uso a reparación ou substitución será realizada polo servizo de augas, e facturarase ó abonado o importe da reparación.
2.-CONTADORES
Artigo 25.-Contadores.
1. Os contadores ou medidores de caudais de subministro de auga potable serán dos tipos aprobados e verificados polas Delegacións de Industria ou Organismos competentes.
2. O Concello manterá unhas existencias de contadores, adecuadas ás necesidades e caudais de subministro, para a súa venda ós abonados que o soliciten. A venda de ditos contadores realizarase de conformidade coas tarifas aprobadas polo Concello.
3. É obrigación do abonado a conservación en bo estado do aparato de medida e do recinto no que se aloxa, así como do acceso ó mesmo.
4. A reparación ou substitución dos contadores avariados, ó inicio do contrato, será realizada polo Concello.
5. Todos os puntos de consumo e de subministro deberán dispor de contadores para controlar os caudais tanto rexistrados como subministrados. O custo da instalación destes contadores correrá a cargo do usuario pertinente.
6. O Concello comprometerase a efectuar a instalación do contador nun período non superior ó día laborable posterior ó de contratación.
7. O Concello deberá comprometerse a colocar no prazo de seis meses, os contadores ós usuarios que actualmente non o posúen, incluídas as dependencias municipais. Os traballos e elementos necesarios para este fin, serán de conta exclusiva dos abonados.
Artigo 26.-Colocación e conservación dos contadores.
1. As operacións de conexión e desconexión dos contadores só poderán executalas os empregados do servizo, prohibíndose a calquera outra persoa facer calquera operación neles. Así mesmo queda prohibido alterar os precintos que como garantía levan colocados os contadores. Se por calquera accidente se rompera un deles, pasarase inmediatamente aviso ó servizo, quen levará a efecto a reposición o antes posible.
O custo de instalación e/ou conexión quedará determinado polo correspondente cadro de prezos.
2. No caso de existencia de cota de conservación de contadores, a substitución ou reparación dos inutilizados ou avariados polo seu normal uso ou antigüidade, corresponderá ó Concello con cargo a esta cota. De non existir esta cota os gastos correspondentes serán por conta do abonado.
3. A substitución ou reparación dos contadores inutilizados ou avariados por outras razóns diferentes ás do seu uso normal (xeadas, actos vandálicos, etc.,) será por conta do abonado, en cuxo caso se lle notificará por escrito dándolle un prazo de 7 días para persoarse nas oficinas do Concello e abonar o importe correspondente á reparación ou substitución. De non facelo así, procederase ó corte do subministro.
4. O abonado poderá instalar, pola súa conta e para a súa propia administración, cantos contadores divisionarios de consumo estime convenientes.
O Concello guiarase, para a facturación de consumos, exclusivamente polos aparatos de medida do servizo, non vindo obrigado a aceptar as reclamacións que se apoien en lecturas dos contadores particulares non conexionados polo Concello.
En caso de rescisión de contrato ou de contadores conexionados por persoal distinto ó do servizo municipal de augas, o servizo procederá a retirar o contador do abonado que quedará depositado nas oficinas do servizo, e poderá pasar a recollelo dentro dos tres meses seguintes a súa retirada.
Artigo 27.-Contadores individuais e contadores comunitarios.
1. Toda vivenda unifamiliar, piso ou local comercial (independentemente de que sexa destinado a actividades industriais, ó exercicio profesional ou á prestación de calesquera servizos) disporá dun contador individual debidamente verificado pola Delegación de Industria. Non se autorizará a instalación de contadores comunitarios.
2. No caso de que existan comunidades de propietarios ou edificios con contador xeral instalados de antigo, o mínimo de abono obrigatorio e cotas de servizo e/ou mantemento, será o que corresponda á suma de tantos mínimos e cotas como número de vivendas ou locais constitúan a comunidade, incluídos os subministros a servizos propios da mesma. A comunidade de propietarios será a responsable do pago do recibo correspondente.
Neste caso se considerará un número de vivendas ou locais, a efectos de facturación, aqueles que poidan ser utilizadas de forma independente, aínda cando sexan dun mesmo propietario, estean ocupadas ou valeiras.
3. Os subministros existentes, sen contador medidor de caudal ou co contador estragado, estableceráselle un período de 7 días para a instalación de dito aparato, durante o cal se facturará o estimado polo servizo en función das características do subministro, e ó menos o dobre do mínimo marcado pola ordenanza en cada tipo de subministro. Pasado dito período procederase ó expediente de corte de subministro no caso de que sexa abonado ó servizo.
4. Nos casos en que nun mesmo edificio existan distintos tipos de subministro (doméstico, industrial, hostaleiro, etc.) instalaranse contadores independentes para cada un deles, pero se debido a esixencias técnicas, soamente se pode instalar un, o consumo total tarifarase conforme á tarifa máis alta correspondente ós englobados no contador único.
5. Non se permitirá estender unha mesma concesión a varias fincas ou edificacións, aínda no caso de estar contiguas e pertencer ó mesmo dono.
6. Os contadores estarán colocados nun lugar adecuado, de libre acceso, na planta baixa, cerca da chave de paso instalada fronte á finca de que se trate e sempre no exterior da vivenda. No caso de vivendas colectivas se situaranse nun compartimento ou caixa, mediante o sistema chamado de batería ou similar, de tal forma que o empregado lector do servizo poida libremente anotar as indicacións de todos os contadores nun só acto.
Os contadores situados no interior das vivendas serán trasladados ó exterior ou ó límite da propiedade no prazo máis breve posible.
Artigo 28.-Lectura de contadores.
1. O abonado estará obrigado a facilitar o acceso ó contador ó persoal do Concello, os cales deberán levar a oportuna identificación.
A lectura dos contadores polo Concello deberá facerse no período comprendido entre as nove e as vinte horas.
2. A lectura periódica dos contadores será realizada por empregados do Concello, debidamente acreditados. A lectura tomada determinará o consumo do abonado. A lectura e facturación de consumos farase trimestralmente.
3. Cando, por circunstancias alleas á vontade do Concello, non fose posible a lectura do contador do abonado, o empregado estará obrigado a deixar constancia da súa visita, depositando na caixa de correos do abonado ou similar, unha tarxeta na que reflectirá esa circunstancia e na que o abonado poderá reflectir a lectura efectuada por el mesmo.
O abonado deberá devolver o impreso de lectura debidamente cumprimentado antes dos seis días seguintes á data de entrega do mesmo polo lector. Os impresos de lectura recibidos polo Concello con posterioridade a este prazo poderán ser considerados nulos, realizándose a facturación como se o consumo fose cero nese período, e sen que de lugar a descontos por eses mínimos en facturacións posteriores.
Artigo 29.-Comprobación de contaxe do contador.
1. No caso de que un abonado estime que o volume de auga consumido na súa instalación non corresponda ó rexistrado polo seu contador, poderá solicitar a súa revisión ó Concello. O abonado deberá depositar a tal efecto a fianza ou tarifa correspondente á comprobación .
2. Si se probara que o funcionamento do contador é correcto, facturarase a comprobación por importe da fianza. Se o funcionamento do contador fora incorrecto, devolverase ó abonado a cantidade depositada como fianza, resultando os gastos de comprobación a cargo do Concello.
As tolerancias para verificación de contadores serán as que fixe, en cada caso, o Centro Nacional de Metroloxía ou organismo equivalente.
No caso de comprobación de funcionamento incorrecto, e exclusivamente para aqueles casos nos que o propoñente sexa o abonado, o Concello procederá a refacer as liquidacións por consumo de auga, corrixidas nos porcentaxes de desviación detectados, correspondentes ós tres meses anteriores ó momento da petición de verificación polo abonado.
3.- Se o abonado non estivese de acordo coa comprobación realizada polo Concello poderá solicitar da Delegación de Industria a verificación correspondente e correrán o seu cargo tódolos gastos que orixine esta, así como os gastos de desmontaxe e montaxe do contador por persoal do Concello, no caso de que a verificación dese como resultado que a medición do contador non é correcta.
CAPÍTULO IV.-REXIME ECONÓMICO
1.-FACTURACION, COBRO E INFORMACIÓN
Artigo 30.-Facturación.
Como norma xeral, a determinación dos consumos que realice cada abonado concretarase pola diferenza entre as lecturas dos dous períodos consecutivos de facturación. O importe da facturación calcularase de acordo coa ordenanza vixente en cada momento. O Concello poderá modificar o tipo de tarifa a aplicar ó usuario, se este usase o auga para fins distintos ós especificados no contrato.
1. Cando non sexa posible coñecer os consumos realmente realizados, como consecuencia de avaría no equipo de medida, a facturación do consumo efectuarase de acordo ó consumo realizado durante o mesmo período de tempo e na mesma época do ano anterior; de non existir referencia, liquidaranse as facturacións de acordo á media aritmética dos seis meses anteriores.
2. Naqueles casos nos que non existan datos históricos para obter a media ó que se alude no parágrafo anterior, facturarase a cota mínima trimestral.
3. A obrigatoriedade do pago considerarase extensiva ós casos no que o consumo se orixinase por fuga, avaría ou defecto de construción ou conservación das instalacións interiores, por causas non imputables ó Concello.
Artigo 31.-Precintado de contadores.
1. É obrigatorio o precinto de Industria en todos os aparatos de medida, en canto que as súas lecturas serven de base para a liquidación das facturacións por consumo de auga. Este precinto oficial garante:
a) Que o contador pertence a un sistema aprobado
b) Que o seu funcionamento no momento da instalación é correcto.
c) Que o seu mecanismo non sufriu modificación externa que puidera alterar o seu bo funcionamento.
2. O abonado nunca poderá manipular o aparato de medida, nin o seu precinto oficial, nin o precintado dos seus racores efectuado polo Concello. A súa conexión e precintado de racores será realizado sempre polo persoal do servizo.
3. No caso de que o abonado non tivese instalado o contador, ou este non rexistrase correctamente o consumo correspondente, daráselle una prazo de 72 horas para solicitar e aboar o subministro e instalación do aparato de medida; finalizado ese prazo sen haber subsanado a deficiencia procederase ó corte do subministro.
4. A facturación do servizo de abastecemento dunha vivenda ou local farase nun recibo, a nome do abonado de abastecemento.
5. Nos casos de comunidade de propietarios con contador xeral colectivo, a facturación do servizo farase no recibo de abastecemento e con cargo á comunidade.
Artigo 32.-Aboamento dos recibos.
1. O abonado poderá facer efectivo os importes facturados polo Concello preferentemente polo sistema de domiciliación bancaria, con oficina aberta no termo municipal ou, no seu defecto, nas oficinas do Concello en días hábiles e en horario de oficina.
2. No caso de devolución de recibos polas entidades bancarias, por causas imputables ó abonado, será por conta do mesmo a totalidade dos gastos que se produzan por motivo de dita devolución, incluída a liquidación de intereses de demora correspondentes.
Dúas devolucións consecutivas darán lugar á anulación da domiciliación bancaria.
3. Pasado o período voluntario e con dous ou máis recibos pendentes de pago, isto será causa de iniciación do expediente de suspensión de subministro, sen prexuízo que o importe impagado quede incluído no procedemento de prema.
4. Para os casos de morosidade no aboamento dos recibos, o Concello autorizará a xestión do corte de subministro. Correrán a cargo do abonado os gastos de dita xestión (elaboración de comunicados, certificado de correos, etc.) si se realizase o pago antes de efectuarse o corte, así como os de reposición de subministro, no caso de que o corte se levase a cabo.
5. No caso de rotura de precintos por parte do abonado, este feito será notificado mediante o expediente correspondente ó Concello, e o infractor será penalizado cunha sanción igual ó importe do subministro correspondente a 12 meses polo mínimo de consumo e importe da cota de servizo na tarifa contratada.
Artigo 33.-Información ó abonado sobre a facturación.
O abonado poderá obter do Concello calquera información relacionada coas lecturas, facturacións, comprobacións de contador, cobros, tarifas aplicadas e, en xeral sobre toda cuestión relacionada co subministro que se xerara nun período de dous anos anteriores á data de presentación da petición correspondente.
Artigo 34.-Devolución de ingresos indebidos.
1. O abonado terá dereito a reclamar a devolución de ingresos indebidos do Concello. A devolución das cantidades percibidas indebidamente deberá ser inmediata, unha vez que se comprobe o erro de facturación, de medida, ou calquera outra causa que provocara o erro.
2. Cando o abonado presente unha reclamación para a devolución de ingresos indebidos, expresará de forma clara e concisa os conceptos polos que reclama e os fundamentos de reclamación, e se acompañarán á mesma os xustificantes dos ingresos supostamente indebidos e calquera outra documentación que ó caso corresponda.
3. O Concello queda obrigado a resolver a reclamación á maior brevidade.
4. Non será atendida ningunha reclamación sobre consumo de auga que non sexa formulada polo abonado ou persoa que lle represente legalmente.
Artigo 35.-Baixa no servizo.
Cando o abonado desexe causar baixa no subministro, virá obrigado a aboar tódolos recibos pendentes e o importe total da facturación do trimestre en que cause baixa.
2.-INSPECCIÓN E SANCIÓNS
Artigo 36.-Acta de inspección.
1. A actuación dos inspectores acreditados polo Concello reflectirase nun documento que adoptará unha forma de acta, e na que quedarán reflectidos o nome e domicilio do abonado inspeccionado, día e hora da mesma, e os feitos contrastados.
Unha copia desta acta, asinada polo inspector, entregaráselle ó abonado.
2. Os inspectores ó efecto deberán invitar ó abonado, ó persoal dependente do mesmo, familiar ou calquera outra persoa que poida actuar de testemuña a que presencie a inspección e asine a acta, podendo o abonado facer constar, coa súa sinatura, as manifestacións que estime pertinentes. A negativa a facelo non afectará a tramitación e conclusións que se establezan posteriormente. O abonado poderá dirixirse, posteriormente, aínda que dentro das corenta e oito horas seguintes, coas alegacións que estime oportunas, ó Concello. Non se tomarán en consideración as manifestacións que non veñan asinadas polo abonado titular ou quen acredite a súa representación.
Artigo 37.-Liquidación do fraude.
1. O Concello, en posesión da acta, formulará a liquidación do fraude, distinguíndose, a efectos da devolución e as responsabilidades do fraude, os seguintes casos:
a) Que non exista contrato algún para o subministro de auga.
b) Que por calquera procedemento, se manipulara ou alterara o rexistro do contador ou aparato de medida.
c) Que se realizaran derivacións de caudal, permanente ou circunstancial, antes dos equipos de medida.
d) Que se utilice a auga para usos distintos dos contratos, afectando á facturación dos consumos segundo a tarifa a aplicar.
2. O Concello practicará a correspondente liquidación, segundo os casos, da seguinte forma:
Caso a.-Formularase unha liquidación por fraude, que incluirá un consumo equivalente á capacidade nominal do contador que regulamentariamente houbese correspondido ás instalacións utilizadas para a acción fraudulenta, cun tempo de oito horas diarias de utilización e durante o prazo de tres meses.
Caso b.-Si se falseasen as indicacións do contador ou aparato de medida instalado, por calquera procedemento ou dispositivo que produza un funcionamento anormal do mesmo, tomarase como base para a liquidación da contía do fraude a capacidade de medida do caudal nominal do contador, computándose o tempo a considerar en oito horas diarias e durante un período de tres meses, descontándose os consumos que durante este período de tempo foran abonados polo autor do fraude.
Caso c.-Se o fraude se efectuou derivando o caudal antes do aparato do contador, liquidarase como no caso primeiro, e sen facer desconto pola auga medida polo contador.
Caso d.-Neste caso, a liquidación da contía da auga utilizada en forma indebida practicarase a favor do Concello, aplicando ó consumo a diferenza existente entre a tarifa correspondente ó uso real que se está dando á auga, e as que, en dito período, se aplicaron en base ó uso contratado. Dita liquidación farase por un período dun ano.
3. En todos os casos, o importe do fraude deducido estará suxeito ós impostos que lle foran repercutibles.
4.Contra as liquidacións que formule o Concello, o abonado poderá formular as reclamacións que considere oportunas, no prazo de quince días a contar desde a notificación de dita liquidación, sen prexuízo das demais accións en que se consideren asistidos.
Artigo 38.-Descontos por fugas.
Se no período de facturación se constata a existencia dunha fuga de auga na rede interna de subministración do contribuínte e o volume facturado ten unha consideración desproporcionada en virtude da fuga, os tipos de gravame do terceiro tramo de consumo, serán os establecidos para o segundo tramo, segundo taxa aprobada na ordenanza vixente no seu momento e aplicable para todo tipo de abonados.
A estes efectos, terá a consideración de volume desproporcionado aquel que reúna os seguintes requisitos:
- Que o volume facturado sexa superior ao quíntuplo do volume medio dos períodos de facturación inmediatamente anteriores que representen o ciclo dun ano de facturación.
Cando o abonado doméstico careza dun histórico de consumo anterior de 1 ano debido á súa recente data de alta no servizo, o volume medio de consumo calcularase en función do número de persoas ( por defecto consideraranse 3) e tendo en conta unha dotación de 151 litros por persoa/día.
Cando o abonado sexa non doméstico, o volume medio de consumo calcularase por estimación obxectiva por parte do Concello.
- Que os técnicos do Concello verifiquen que efectivamente o consumo desproporcionado foi debido a unha fuga na instalación interior de abonado e que este procedeu á reparación da devandita fuga no prazo dunha semana desde que se lle comunique o consumo excesivo.
Artigo 39.
Toda actuación, comportamento ou conduta que incumpra a normativa deste regulamento, dará lugar á imposición de sancións ós infractores, conforme ó previsto neste regulamento e na normativa sectorial aplicable, sen prexuízo e con independencia da esixencia de danos e prexuízos, e das responsabilidades de orde penal que procederan.
Disposicións finais
1. Para o non previsto neste regulamento, estarase ó establecido nas leis e disposicións regulamentarias de carácter xeral ditadas sobre a materia.
2. Derróganse cantas disposicións anteriores se opoñan ó preceptuado neste regulamento.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O egulamento non dispón a súa entrada en vigor, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."