Laracha A - Ordenanza municipal reguladora das axudas económicas por emerxencia social do Concello da Laracha

Publicación provisional: 06/05/2016 BOP Nº: 86
Publicación definitiva: 05/08/2016 BOP Nº: 148
Aplicable dende: 06/08/2016

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os poderes públicos deberán asegurar a protección social, económica e xurídica da familia,así como a protección das persoas en situación de necesidade, desamparo, circunstancias graves ou de urxente necesidade por carencias económicas e socio-familiares. A Constitución española atribúe a competencia nesta materia a través do artigo 148.1.20 ás Comunidades Autónomas e estas, no marco dos seus estatutos, promulgaron as leis de servizos sociais (en Galicia, a Lei 13/2008,do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia).

Pola súa banda , a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece nas competencias dos municipios a prestación de servizos sociais e de promoción e inserción social.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia, establece como principio de responsabilidade pública, entre outros, dispensar especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e mais a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

Afondando nas competencias que a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, atribúe aos concellos, sinálase significativamente o disposto no artigo 60 (competencias para a creación, xestión e mantemento de servizos sociais comunitarios básicos), artigo 18 c) (prestacións económicas destinadas a satisfacer necesidades pecuniarias valoradas dos individuos ou das familias e a estimular a súa incorporación social e laboral), artigo 18.3.(recoñecemento efectivo do dereito a unha intervención, un programa, un servizo ou unha prestación de carácter esencial).

As axudas deberán concederse unicamente seguindo os criterios establecidos na presente ordenanza, mediante unha valoración profesional que teña en conta a tipoloxía do problema ou a necesidade social que se vaia a cubrir, a pertinencia da axuda económica para dar resposta á demanda ou necesidade, o seu grao de urxencia, a non existencia doutros medios ou recursos para solucionala, a prevención da situación de risco e/ou desprotección para persoas maiores e a necesidade de evitar deterioración de situacións persoais que poidan rematar en procesos de exclusión social.

Resulta imprescindible ter en conta aos sectores máis vulnerables e articular procedementos ou mecanismos de intervención que permitan acadar unha igualdade real e efectiva no acceso aos recursos dos servizos sociais implantados resultando necesario establecer estratexias diferenciadas co fin de evitar situacións que poñan en risco a exclusión social da poboación.

O procedemento a seguir non é o xeral de concorrencia competitiva que fixa a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, pois resulta implícita nas prestacións a conceder e nas condicións sociais dos beneficiarios as razón de interese público social, humanitarias e outras que dificultan unha convocatoria pública de conformidade e co establecido no artigo 22.2 c) da citada Lei.

Artigo 1.-RÉXIME XURÍDICO.

As prestacións de emerxencia social concedidas rexeranse polo disposto na presente ordenanza e nas disposicións que se adopten para a súa aplicación e desenvolvemento.

Artigo 2.-CONCEPTO.

1.-A presente Ordenanza ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas de emerxencia social municipais, entendidas como prestacións non periódicas de natureza económica destinadas a aquelas persoas integradas nunha unidade de convivencia cuxos recursos económicos resulten insuficientes para facer fronte a gastos específicos de carácter ordinario ou extraordinario, co fin de previr, evitar ou paliar, situacións de marxinación social.

Tamén se pode considerar emerxencia calquera situación de catástrofe sobrevida por accidente, inundación, afundimento ou calquera outra que sexa imprevisible e ante á que a persoa non dispoña de recursos para a súa solución.

2.-A finalidade destas axudas é dar unha resposta rápida e inmediata ás necesidades persoais ou unidades familiares que se atopen nunha situación de carencia urxente para que poidan evolucionar cara a súa autonomía e integración social, dado que estas axudas son un apoio temporal.

Dado que o réxime normativo e as atencións ás que respondan as axudas económicas obxecto desta Ordenanza, serán sempre temporais para paliar necesidades extraordinarias e urxentes das persoas afectadas por unha situación de emerxencia. En todo caso, terán carácter finalista, debendo ser utilizadas para o fin para o que foron concedidas; son intransferibles. Para a súa concesión é necesaria a existencia de crédito nos orzamentos municipais.

Cando así o determine o persoal técnico do Departamento de Servizos Sociais deberán estar enmarcadas nun proceso de intervención social, no que se inclúa unha análise completa da situación familiar coa aceptación expresa, por parte do beneficiario/a das condicións que figuran no deseño do proxecto de intervención social.

Artigo 3.-PERSOAS BENEFICIARIAS.

1.-Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas individuais ou unidades familiares que carezan de medios económicos e nas que concorran factores de risco social e precisen dunha axuda para satisfacer as súas necesidades básicas, sempre como un apoio á intervención social.

2.-Enténdese por unidade familiar de convivencia as persoas que vivan soas ou o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción ou acollemento ou por parentesco ata o 4.º grao por consanguinidade e ata o 2.º grao por afinidade.

Cando por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento, unha familia se vexa obrigada a residir con outra, non perderá a condición de unidade de convivencia independente.

3.-Nunha unidade familiar un dos seus membros terá a condición de persoa beneficiaria das axudas, aínda que se outorguen en beneficio da unidade familiar.

Artigo 4.-REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.

1.-Residir e estar empadroado/a no municipio da Laracha de forma ininterrompida, un período mínimo de 6 meses anteriores á formulación da solicitude, coas seguintes excepcións:

- As vítimas de violencia de xénero

- As persoas emigrantes galegas, que sexan orixinarias do concello da Laracha, cando fixen aquí a súa residencia.

- As persoas estranxeiras, refuxiadas ou con solicitude de asilo en trámite, así como as que teñan autorizada a súa estancia por razóns humanitarias, sempre que en todos os casos cumpran o resto dos requisitos para solicitar esta axuda.

2.-Dispor dunha renda per cápita mensual igual ou inferior ó 75% do IPREM, deducidos dos ingresos líquidos, os gastos de alugueiro ou amortización da vivenda (ata un máximo de 250 euros). Para efectos do cómputo de ingresos poderase solicitar calquera documentación que se considere necesaria para a acreditación dos recursos económicos familiares no momento de realizar a solicitude. No caso dun só membro da unidade familiar, o límite de ingresos será o equivalente ó importe da pensión non contributiva deducidos dos ingresos líquidos, os gastos de alugueiro ou amortización da vivenda (ata un máximo de 250 euros).

3.-Capital mobiliario: entenderanse medios económicos suficientes no que respecta ós recursos procedentes do capital mobiliario e para a valoración da concesión das presentes axudas, os que superen 2 veces o importe do IPREM, en contas de aforros e/ou investimentos de toda a unidade familiar (tomarase o saldo recollido nos movementos bancarios dos 6 meses anteriores á data da solicitude).

4.-Capital inmobiliario: que a persoa solicitante ou calquera membro da unidade familiar non sexa propietario/a ou usufructurario/a de bens inmobles que, polas súas características, valoración, posibilidade de venda ou calquera outra forma de explotación, indique de xeito notorio a existencia de medios materiais suficientes para atender ó gasto obxecto da solicitude, agás a propiedade destinada a vivenda habitual.

5.-Non dispoñer de outros bens mobles ou inmobles que indiquen signos externos de riqueza.

6.-No caso de ter expediente aberto nos servizos sociais, que a unidade familiar cumprira co plan de traballo e/ou seguimento establecido polos servizos sociais comunitarios básicos ou polo servizo especializado que corresponda.

Artigo 5.-RÉXIME DE INCOMPATIBILIDADES.

Estas axudas serán incompatibles con calquera outra prestación pública, dereito á percepción económica ou ingreso privado que lles puidese corresponder ás persoas beneficiarias para a mesma finalidade, agás naqueles casos en que sexa considerado oportuno outorgar axudas de maneira complementaria, en virtude da gravidade da situación socioeconómica e familiar reflectida nos informes sociais, sen que a suma de todas elas supere o importe do custo da necesidade a cubrir.

Artigo 6.-DETERMINACIÓN DOS RECURSOS ECONÓMICOS.

1.-Para determinar os ingresos a partir dos cales procede o recoñecemento das axudas, teranse en conta os ingresos económicos de toda a unidade familiar.

2.-Computaranse como recursos da unidade familiar a totalidade dos ingresos que se obteñan polos conceptos de rendementos de traballo, retribucións, rendas, prestacións ou calquera outro título, nos 6 meses anteriores á data da solicitude. Terase en conta a última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas. Cando esta non proceda ou non sexa obrigatorio realizala, acreditaranse os ingresos con certificacións dos organismos correspondentes ou no seu defecto cunha declaración xurada, e certificado negativo da correspondente Delegación Tributaria.

Artigo 7.-GASTOS SUSCEPTIBLES DE AXUDAS.

As axudas de emerxencia social recoñécense para ser aplicadas aos gastos extraordinarios polas seguintes situacións de necesidade:

a) Necesidades básicas non cubertas por outros sistemas de protección:

- Cobertura de necesidades básicas con carácter xeral: alimentos (alimentos perecedoiros como complemento ás achegas de entidades de iniciativa social, así como alimentos para bebés ou persoas con dietas especiais debido a restricións alimenticias prescritas por un facultativo: celíacos, intolerancias, diabéticos¿), vestiario e demais indispensables para o desenvolvemento da vida diaria.

- Gastos sanitarios: gastos de farmacia destinados ó pago de produtos farmacéuticos prescritos por un facultativo do Servizo Galego de Saúde e outros de análoga natureza. Coidados sanitarios, desprazamentos, próteses e axudas técnicas que non estean incluídas no catálogo do Sergas e se valoren como necesarias para alcanzar unha maior autonomía ou mellora nos coidados que precisa o solicitante.

b) Axudas de uso e mantemento da vivenda:

- Importes pendentes para evitar o desafiuzamento.

- Equipamento e mobiliario básico.

- Arranxos na vivenda habitual, que por valoración técnica se estimen necesarios no referente ó mantemento e conservación da vivenda.

- Pago de recibos de luz, auga, gas, cotas comunitarias e outros similares cos que contraera unha débeda.

c) Trasporte ou gastos derivados de desprazamentos:

- A recursos asistenciais ou sanitarios fora do propio municipio cando sexan debidos a tratamentos, xestións ou actividades que non poidan ser levados a cabo dentro deste.

- Desprazamentos dentro propio municipio cando estes sexan motivados polas xestións ou actividades relacionadas co programa de educación familiar, asistencia a recursos sociais ou sanitarios.

d) Axudas para a realización de actividades de inserción socio-laboral.

- Asistencia a cursos de formación regrada ou non: matrículas, material e transporte.

e) Axudas para aloxamento alternativo:

- Aloxamento de urxencia, manutención e gastos de desprazamento en casos de vítimas de violencia de xénero e as persoas dependentes delas.

- Cando sexa imposible a permanencia da persoa ou familia no seu domicilio habitual por situación de catástrofe e/ou situación persoal, familiar, sanitaria ou social.

f) Axudas para sepelio:

- Cubriranse os gastos básicos do sepelio; en casos excepcionais e debidamente xustificados poderanse cubrir gastos de incineración.

g) Outros gastos excepcionais, non recollidos nos apartados anteriores, valorados polo persoal técnico do departamento de servizos sociais, como indispensables para prever a marxinación e exclusión social, así como favorecer a normalización de individuos e familias.

Artigo 8.-ORZAMENTO.

A dispoñibilidade orzamentaria destas axudas virá dada polo establecido no orzamento municipal anual, na partida consignada a tal efecto.

Artigo 9.-CONTÍA DAS AXUDAS.

En concepto de subsistencia ata o 50% do IPREM ata un máximo de 3 meses ó ano.

Por calquera outro concepto: ata un máximo do 200% do IPREM anuais, en unha ou varias solicitudes por diferentes conceptos. No mesmo ano non se concederá máis dunha axuda polo mesmo concepto, tanto ó solicitante como a outro membro da unidade familiar.

Cando a situación o faga necesario, logo da valoración e proposta razoada do persoal técnico do departamento de servizos sociais que o fará constar no informe social, e de forma excepcional, o importe poderá alcanzar o 100% da axuda solicitada.

XESTIÓN E PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DAS AXUDAS

Artigo 10.-FORMA, LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.

1.-As solicitudes, acompañadas pola documentación especificada no artigo 6, formalizaranse conforme ao modelo establecido no deste regulamento (Anexo I), e presentaranse no rexistro municipal ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-Os expedientes poderán ser incoados de oficio, mediante informe social emitido polo persoal técnico de servizos sociais, cando concorran circunstancias extraordinarias ou urxentes que así o aconsellen.

3.-As solicitudes das axudas de emerxencia social poderán presentarse en calquera momento do ano.

Artigo 11.-DOCUMENTACIÓN.

1. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Orixinal do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade. No suposto de estranxeiros/as, documento acreditativo da súa identidade.

b) Orixinal do libro de familia ou documentación equivalente e demostrativa da filiación.

c) Orixinal da sentenza de separación ou divorcio ou do convenio regulador ou documento regulador das relacións paterno-filiais, se é o caso.

d) Volante de empadroamento colectivo no que conste a data de alta. O certificado será solicitado á oficina xeral municipal por parte dos servizos sociais do Concello.

e) Último recibo aboado do IBI e IVTM (no caso de ser titulares de bens). O certificado será solicitado á oficina de recadación municipal por parte dos servizos sociais do Concello.

f) Copia do contrato de alugueiro ou do préstamo hipotecario da vivenda, e os últimos xustificantes de pagamento, se é o caso.

g) Xustificación de ingresos de todas as persoas integrantes da unidade familiar que se atopen en idade laboral relativo aos 6 meses anteriores á presentación da solicitude. Para esta xustificación compre presentar a seguinte documentación acreditativa:

Nóminas de todos os membros da unidade familiar computables e que perciban haberes.

Certificación de percibir ou non prestacións económicas por parte do Servizo Público de Emprego.

Certificación de percibir ou non prestacións ou pensións por parte da Seguridade Social.

Autorización ao Concello da Laracha para acceder aos datos tributarios debidamente asinada por todos os membros que formen parte da unidade familiar de convivencia ou certificación dos mesmos expedida pola axencia tributaria (anexo II).

Extracto de movementos da contas bancarias das que sexan titulares ou cotitulares, nos 6 meses anteriores á petición da axuda

Naqueles casos nos que non sexa posible achegar a documentación específica sinalada sobre os ingresos, solicitarase declaración responsable.

h) Declaración xurada de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas polo mesmo concepto polas distintas administración públicas competentes ou institucións privadas (anexo III).

i) No caso de padecer enfermidade, informe médico emitido polo sistema público de saúde que acredite tal circunstancia, si fose o caso e se lle requirira.

k) Certificado de grao de discapacidade e/ou grao de dependencia, se é o caso.

l) Documentación acreditativa da situación de necesidade determinantes da solicitude. Esta documentación debe ser orixinal, así como o xustificante do custo ou orzamento nos casos que proceda.

m) Certificación da conta bancaria na que deba efectuarse o ingreso( Anexo IV), de ser o caso, ou documento de pagamento delegado (anexo V).

n) Informe de vida laboral.

ñ) No caso de vítimas de violencia de xénero deberá presentar documentación xustificativa.

o) Declaración responsable de estar o corrente no pago das débedas a Facenda e á Seguridade Social e de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición para obter a condición de beneficiario da axuda. (Anexo VI).

Artigo 12.-PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DA AXUDA.

1. Presentada a solicitude, ben de oficio ou a instancia de parte, conforme ao establecido nesta ordenanza e acompañada da documentación establecida no artigo 11, serán os servizos sociais quen reciban o expediente e comproben que a solicitude está completa.

2. No caso de que a solicitude estivera incompleta e non reunira os requisitos necesarios para a súa tramitación, requirirase a persoa solicitante para que, de conformidade co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, emende os defectos e/ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo así, entenderase que desiste do seu pedimento, previa resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 de dito texto legal.

3. Dende o departamento de Servizos Sociais remitirán a solicitude ó departamento de intervención coa finalidade de verificar a existencia de crédito adecuado e suficiente en atención á natureza do gasto pretendido. No suposto de tratarse de reparacións dunha vivenda que estean suxeitas a licenza de obra, daráselles traslado igualmente ó arquitecto técnico municipal co fin de que emita informe técnico sobre a oportunidade da obra pretendida e os trámites necesarios para o outorgamento da licenza ou sometemento ao réxime de comunicación previa.

4. Os servizos sociais do Concello da Laracha realizarán cantas actuacións estimen necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos presentados pola persoa solicitante, en virtude dos que debe pronunciarse a resolución, procederán á avaliación das solicitudes e emitirán o corresponde informe social que será vinculante, sobre a procedencia ou non da axuda e, se é o caso, o informe de intervención social personalizado.

5. A concesión das axudas reguladas na presente norma, está limitada pola dispoñibilidade orzamentaria establecida nos orzamentos do Concello da Laracha no exercicio ao que se imputen aos gastos. Por tanto, a concesión de axudas ao abeiro deste regulamento supeditarase en todo momento ao crédito dispoñible existente na aplicación orzamentaria de imputación do gasto.

Artigo 13.-RESOLUCIÓN E NOTIFICACIÓN.

1. De acordo co artigo 21.1 s) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, as axudas contempladas neste regulamento serán resoltas pola alcaldía, concedendo ou denegando a axuda solicitada, sen prexuízo das delegacións que poidan autorizarse, de acordo co previsto na citada norma.

2. A resolución adoptada, debidamente motivada, será notificada ás persoas interesadas no domicilio que figure no expediente a efectos de notificacións. A resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá ser recorrida potestativamente en reposición no prazo dun mes, conforme ao establecido no artigo 116 e seguintes da lei 30/1992, do 26 de novembro,de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

3. En calquera caso, o Concello da Laracha denegará a axuda solicitada cando, aínda reunindo o/a solicitante todos os requisitos necesarios para acceder á esta, se esgotara a correspondente aplicación orzamentaria.

4. De xeito excepcional poderá ditarse unha resolución provisional cando concorran circunstancias graves, extraordinarias ou urxentes que así o aconsellen, ata que sexa completado o expediente, logo da certificación de crédito orzamentario.

Artigo 14.-FORMA DE PAGAMENTO E XUSTIFICACIÓN.

O importe de concesión librarase mediante un único pagamento.

O libramento faráselle preferentemente á persoa ou entidade que esta autorice (pagamento delegado) que preste o servizo para o que se solicita a axuda, e unha vez realizado o mesmo. Excepcionalmente, previo informe social, poderase facer o pagamento directamente ao solicitante. Os pagamentos faranse mediante transferencia bancaria ou anticipo a xustificar.

A axuda xustificarase no prazo dun mes dende que se lle notifique a concesión da axuda, e farase mediante facturas ou outros documentos orixinais de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, que deberán ser presentadas no rexistro xeral do Concello da Laracha.

Nos casos de obras de adecuación das vivendas, o prazo pódese ampliar ata os seis meses.

ARTIGO 15.-OBRIGAS DA PERSOA BENEFICIARIA.

Son obrigas da persoa beneficiaria:

a) Destinar a axuda á finalidade concedida.

b) Acreditar ou xustificar a realización da actividade financiada, e o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión da axuda.

c) Permitir e facilitar a actuación dos Servizos Sociais para avaliar a situación e comprobar a aplicación da axuda á finalidade para a que se concedeu.

d) Comunicar ao concello calquera variación que se produza na situación socio-económica e familiar no prazo de 10 días. Este caso dará lugar a unha nova valoración da situación que poderá modificar, manter ou extinguir a axuda inicialmente concedida.

e) Gardar as facturas referidas aos gastos das mesmas durante o prazo dun ano, no caso de axudas para necesidades primarias.

ARTIGO 16.-SEGUIMENTO DAS AXUDAS.

Serán os servizos sociais municipais os que fagan o seguimento das situacións de necesidade protexidas polas axudas de emerxencia, así como o destino que se lles dea. Poderán solicitarlles ás persoas beneficiarias a información ou a documentación necesaria para o exercicio desta función de forma axeitada.

ARTIGO 17.-REINTEGRO E RÉXIME SANCIONADOR.

1.-A ocultación ou falsidade dos datos ou documentos achegados pola persoa perceptora da axuda, a non xustificación da axuda, así como o feito de destinar a axuda a un fin distinto daquel para a que foi concedida, implicará o impedimento de presentar unha nova solicitude por un período de dous anos, sen prexuízo das responsabilidades que desta conduta se puideran derivar.

2.-Procederá a revogación da axuda e o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas máis o interese legal do diñeiro que resulte de aplicación, dende o momento de aboamento da axuda, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar.

b) Ocultación ou falsidade de datos ou documentos que serviran de base para a concesión ou obtención da axuda sen reunir as condicións requiridas, ou o incumprimento das obrigas e requisitos establecidos con carácter xeral nestas bases.

c) Incumprimento da finalidade para a que se concedeu.

d) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión.

3.-Ademais, procederá o reintegro do exceso nos supostos en que, por concesión de subvencións ou axudas doutras administracións públicas, a contía das axudas outorgadas supere o custo da actividade para o que se concedeu a mesma.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza entrará en vigor ao día seguinte de ser publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ós     días hábiles seguintes a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."