Padrón - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 29, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS NAS INSTALACIÓNS DAS PISCINAS MUNICIPAIS DO CAMPO DO SOUTO E DE A ESCRAVITUDE
ÍNDICE
- ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E RÉXIME XURÍDICO
- ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE
- ARTIGO 3.-DEVENGO
- ARTIGO 4.-OBRIGADOS TRIBUTARIOS
- ARTIGO 5.-BASE IMPOÑIBLE
- ARTIGO 6.-TARIFAS
- ARTIGO 7.-NORMAS DE XESTIÓN
- ARTIGO 8.-EXENCIÓNS, REDUCIÓNS E DEMÁIS BENEFICIOS LEGALMENTE APLICABLES
- DISPOSICIÓN DERROGATORIA
- DISPOSICIÓN FINAL
ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E RÉXIME XURÍDICO.
En uso das facultades normativas outorgadas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, o Concello de Padrón establece a taxa pola prestación de servizos nas instalacións das piscinas municipais do Campo do Souto e de A Escravitude, cuxa regulación se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao previsto nos artigos 20 e seguintes do citado real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo.
ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación de servizos e a utilización das instalacións deportivas da piscina cuberta municipal do Campo do Souto e da piscina descuberta de A Escravitude.
ARTIGO 3.-DEVENGO.
A taxa considerarase devengada, nacendo a obriga de contribuír, coa iniciación da prestación do servizo, que será no momento no que se formalice a correspondente matrícula, ou no momento no que se solicite a utilización das instalacións deportivas das piscinas municipais.
ARTIGO 4.-OBRIGADOS TRIBUTARIOS.
1. Son obrigados tributarios, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria que soliciten a utilización das instalacións ou a prestación dos servizos suxeitos á presente taxa, e quen as utilice aínda sen obter a preceptiva autorización.
2. Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.
3. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores e liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.
ARTIGO 5.-BASE IMPOÑIBLE.
A determinación da contía que hai que pagar realizarase mediante o sistema de cota fixa segundo as tarifas recollidas no artigo seguinte.
ARTIGO 6.-TARIFAS.
PISCINA CUBERTA DO CAMPO DO SOUTO
PREZO
ENTRADAS UNITARIAS
Piscina adulto 3,90 € uso
Piscina infantil 2,60 € uso
Ximnasio 3,90 € uso
Completa (piscina + ximnasio) 5,00 € uso
ABONADOS DE TEMPADA
Matrícula abonados 25,00 € único
Individuais 25,50 €/mes
Familiares 35,50 €/mes
Reducido 20,00 €/mes
Mañá 20,00 €/mes
CURSOS ABONADOS
1/día/semana 3,00 €/mes
2/días/semana 6,00 €/mes
3/días/semana 9,00 €/mes
CURSOS NON ABONADOS
Matrícula 15,00 €
Adultos 1/día/semana 16,00 €/mes
Adultos 2/días/semana 26,00 €/mes
Adultos 3/días/semana 34,00 €/mes
Infantil1/día/semana 16,00 €/mes
Infantil 2/días/semana 26,00 €/mes
Infantil 3/días/semana 34,00 €/mes
Nenos 1/día/semana 13,00 €/mes
Nenos 2/días/semana 20,00 €/mes
Nenos 3/días/semana 26,00 €/mes
Colexios infantil 11,00 €/mes
Colexios primaria 9,00 €/mes
OUTROS:
Cambio de modalidade de abonado 3,00 €
Expedición de novo carne por perda 5,00 €
Suplemento abono familiar (18-24 anos) 10,00 €
PISCINA DESCUBERTA DE A ESCRAVITUDE
ENTRADAS UNITARIAS
PREZO
Adulto (a partir de 18 anos)
2,50 €
Rapaz (ata 14 anos)
1,00 €
Reducida (rapaces de 14 a 17 anos; xubilados e pensionistas)
2,00 €
BONOS DE 20 ENTRADAS
PREZO
Adulto (a partir de 18 anos)
30,00 €
Rapaz (ata 14 anos)
10,00 €
Reducida (rapaces de 14 a 17 anos; xubilados e pensionistas)
25,00 €
ARTIGO 7. NORMAS DE XESTIÓN
A. DESCRICIÓN DAS TARIFAS
A.1. Descrición das tarifas da piscina cuberta do Campo do Souto:
- Matrícula abonado.-Abonarase ao comezo do uso da instalación. O seu obxecto é a realización dos trámites administrativos necesarios e aparellados a un alta na prestación do servizo. Esta cota abonarase a primeira vez que se inscriba na instalación ou actividade. A súa tarifa é fixa. En caso de baixa deberá pagarse de novo ao inscribirse. Permite o acceso a todos os servizos da intalación en todo o horario de apertura. Permite descontos nos cursos e actividades.
- Abonados.-Son abonados, nos seus diferente tipos, segundo se especifica a continuación, aquelas persoas que abonan unha taxa mensual a cambio dun uso sen límite das instalacións do edificio da piscina municipal, e sempre dentro do horario de apertura das instalacións.
- Tipos de abonados:
- Abonado individual: é a persoa física maior de 18 anos que accede á instalación.
- Abonado individual matinal: é a persoa física maior de 18 anos que accede á instalación en horario matinal de luns a venres.
- Abonado individual reducido: é a persoa física con discapacidade recoñecida de máis dun 33%, maiores de 65 anos e usuarios das actividades deportivas do Concello, que premanecen de alta no servizo. Enténdese por usuario con discapacidade aquel que presente unha discapacidade igual ou superior ao 33% segundo certificado expedido polo órgano competente da Xunta de Galicia.
- Abonado familiar: enténdese incluído neste concepto de abonado familiar a calquera dos responsables dunha unidade familiar, o seu cónxuxe ou similar, e fillos e fillas menores de 18 anos. Descontos nos cursos e actividades para todos os integrantes do abono.
Suplemento abono familiar.-Taxa a engadir para cada membro da unidade familiar entre 18-24 anos para seguir formando parte do abono familiar.
Cambio modalidade abonado.-Taxa polo cambio dunha modalidade de abonado a outra.
Entrada piscina adultos: aboarase no momento de acceder á instalación. Na piscina do Campo do Souto a entrada diaria está limitada a 1,5 horas de uso da instalación, para persoas de 15 anos ou máis.
Entrada piscina nenos: aboarase no momento de acceder á instalación. Na piscina do Campo do Souto a entrada diaria está limitada a 1,5 horas de uso da instalación, para persoas con menos de 15 anos.
Entrada a ximnaiso.-O acceso ao ximnasio a persoas maiores de 15 anos. A entrada diaria está limitada a 1,5 horas de uso da instalación.
Entrada completa.-Acceso a tódolos servizos de piscina, ximnasio e complementarios para persoas maiores de 15 anos.
- Cursos e actividades acuáticas.-Son actividades de promoción específicas e á marxe do sistema de abonos, que poden estar participadas por abonados ou por cursillistas non abonados e están baixo a dirección dun/ha monitor/a.
Cursos adultos: actividades dirixidas para aprendizaxe ou mantemento en auga ou seco, para maiores de 15 anos.
Cursos nenos: actividades dirixidas para aprendizaxe ou mantemento en auga ou seco, para persoas de 7 a 14 anos.
Cursos infantil: actividades dirixidas para aprendizaxe ou mantemento en auga ou seco, para persoas de 6 meses a 6 anos.
Cursos abonados: curso de calquera das características anteriores para beneficiarios dos diferentes sistemas de abonos ca mesma taxa independentemente da idade e actividade.
Colexios (natación escolar): Taxa reservada para os alumnos que participan na oferta Municipal de Actividades Acuáticas para Escolares 1 día á semana segúndo o calendario escolar, que acudan en grupos formados por alumnos do mesmo centro.
A.2. Descrición das tarifas da piscina descuberta de A Escravitude:
- Entrada unitaria: aboarase no momento de acceder á instalación. Na piscina descuberta de A Escravitude a entrada unitaria dá dereito ao disfrute das instalacións durante toda a xornada con independencia da hora de entrada.
- Bonos de 20 entradas: Establécese unha tarifa especial para os usuarios da instalación que desexen adquirir un abono para toda a tempada estival que lles dará dereito ao acceso á piscina descuberta de A Escravitude durante 20 xornadas completas. Os bonos non son intercambiables entre as distintas categorías senón que será preciso un abono específico para cada unha das tres categorías recollidas (adulto, rapaz e reducida). Abonarase no momento da súa adquisición. Os bonos caducarán aos tres meses da súa expedición.
B. INGRESO DAS TAXAS.
B.1. Piscina cuberta do Campo do Souto:
- As liquidacións que se practiquen en concepto de taxa pola prestación de servizos e a utilización das instalacións da piscina cuberta do Campo do Souto poderán esixirse en réxime de autoliquidación facilitándose os impresos correspondentes pola empresa concesionaria da xestión da piscina municipal nas propias instalacións deportivas.
- Para as entrada unitarias, a taxa abonarase no momento de acceder á instalación.
- A cota de inscrición de abonados e a cota de mantemento do abono, así coma os distintos bonos (individuais e familiares) e os cursos de natación e actividades acuáticas, poderán ser pagados en calquera das contas bancarias que teña aberta a empresa concesionaria de xestión da piscina municipal, podendo establecerse o sistema de domiciliación bancaria.
- Cando por causas non imputables ao suxeito pasivo e debidamente documentadas o servizo non se preste ou desarrolle, procederase á devolución do importe correspondente, agás os períodos de peche obrigados.
B.2. Piscina descuberta de A Escravitude:
- Para as entradas unitarias o pagamento da taxa efectuarase no momento de entrar no recinto da piscina descuberta de A Escravitude mediante autoliquidación.
- O bono expedirase na Tesourería Municipal previo depósito do importe da taxa correspondente e a mesma liquidarase polo procedemento de cuño municipal impreso mecanicamente no bono no momento de entrar no recinto da piscina descuberta de A Escravitude con indicación da data de acceso.
ARTIGO 8.-EXENCIÓNS, REDUCIÓNS E DEMÁIS BENEFICIOS LEGALMENTE APLICABLES.
De conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, non se recoñece beneficio tributario algún, salvo os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais ou veñan previstos en normas con rango de Lei.
ARTIGO 9.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS.
Para a cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que a elas corresponden en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
A presente ordenanza fiscal número 29, reguladora da taxa pola prestación de servizos nas instalacións das piscinas municipais do Campo do Souto e da Escravitude derroga a ordenanza fiscal número 29, reguladora da taxa pola prestación de servizos nas instalacións das piscinas municipais do Campo do Souto e da Escravitude publicada no Boletín Oficial da Provincia n.º 73, do 21-04-2015.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza estará en vigor tras a preceptiva aprobación plenaria e exposición pública da mesma e será de aplicación de acordo co disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo cal se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais mentres non se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.