Arzúa - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS E RECREATIVAS NAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
1.-Fundamento e naturaleza.
De conformidade co previsto no artigo 127 do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo; en relación cos artigos 41 a 47 desta norma, e no exercicio da potestade regulamentaria recoñecidas ás entidades locais nos artigos 4, 49, 70.2 e concordantes da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, este Concello establece o prezo público pola realización de actividades deportivas e recreativas nas instalacións deportivas municipais.
2.-Concepto.
Os prezos públicos regulados na presente ordenanza son ingresos de dereito público que se satisfarán polos usuarios que voluntariamente soliciten a realización das actividades deportivas e recreativas que se organicen nas instalacións deportivas municipais.
3.-Obrigados ao pagamento.
Están obrigados ao pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza os/as solicitantes ou beneficiarios/as da prestación do servizo.
No suposto de que os beneficiarios sexan menores de idade e/ou incapacitados/as, consideranse obrigados ao pagamento aos pais, ás nais, aos titores ou quen ostente a súa representación legal.
4.-Contía.
4.-Contía.
As contías do prezo público pola realización de actividades deportivas serán únicas para a totalidade da tempada anual e por cada hora semanal, e dará dereito a participar en calquera actividade do programa deportivo municipal, de acordo cos seguintes importes:
I. Curso completo.
| PREZO/HORA/TEMPADA |
Ata 17 anos de idade | 24,79 € |
Entre 18 e 60 anos | 41,32 € |
Maiores de 60 anos | 28,92 € |
II. Escolas de verán e actividades puntuais mensuais:
| PREZO/HORA/MES |
Ata 17 anos de idade | 3,31 € |
Entre 18 e 60 anos | 7,44 € |
Maiores de 60 anos | 4,13 € |
Sobre o importe da cota repercutirase o IVE correspondente.
5.-Normas de xestión.
1.-Establecense dous prazos únicos de inscrición nas actividades de curso completo. O primeiro prazo será de 15 días naturais e será establecido e publicitado con antelación suficiente polo Departamento Municipal de Deportes. Rematado este prazo abrirase un novo prazo de 30 días naturais para cubrir as prazas vacantes na actividade correspondente.
Rematado este segundo prazo non se admitirán novas inscricións.
2.-Para as Escolas de Verán e actividades puntuais, fixarase un único prazo que será publicitado e difundido dende o Departamento Municipal de Deportes.
3.-A obriga de pagar o prezo público nace dende o momento en que se formalice a inscrición, debendo aboarse en réxime de autoliquidación na totalidade do importe, se se optara por un único pago, ou polo importe do primeiro prazo da mesma se se elexira fraccionar a cota resultante en dous aprazamentos.
4- No impreso de autoliquidación deberá constar a validación mecánica ou selo da entidade bancaria a través da cal se acredita o pagamento da liquidación correspondente.
5.-A inscrición non será formalizada ou carecerá de validez, se non consta documentalmente que se efectuou o pagamento do prezo público.
6.-No mesmo impreso de autoliquidación, asinarase un apartado para autorizar a domiciliación bancaria do pagamento fraccionado posterior ao realizado conxuntamente coa solicitude de inscrición.
7.-Os pagamentos a que se refiren os apartados anteriores poderán liquidarse de duas formas:
1. Nun único pago por curso, que deberá aboarse conxuntamente coa solicitude de inscrición.
2. Fraccionado en duas partes: A primeira, polo 60 por 100 do importe que corresponda, que deberá acreditarse no momento da inscrición, e a segunda polo 40 por 100 restante que será cargada na conta bancaria que designe o suxeito pasivo antes do 10 de febreiro inmediato seguinte.
8.-As baixas que se produzan surtirán efectos a partir do prazo seguinte a aquel que non houbera sido aboado, sen que proceda realizar a devolución da cota correspondente a aquel que xa fora ingresado.
9.-Os suxeitos pasivos terán dereito á devolución do prezo -na parte proporcional que corresponda- cando a prestación do servizo non se poidera realizar por causa imputable ao Concello, despois da solicitude do interesado, da acreditación do pagamento e do informe do Animador Deportivo municipal xustificativo dos motivos que poideran dar lugar a devolución.
En ningún caso se entenderá por causa imputable ao Concello a orixinada, motivada ou promovida por vontade propia ou actuacións dos interesados.
10.-Para o suposto de que algún recibo fora devolto, efectuarase un requerimento, otorgando un prazo de dez días aos interesados para presentar alegacións, advertindolle:
a) Que se non atende o pagamento daráselle de baixa no curso e actividades nas que estivera matriculado, mediante notificación da Resolución da Alcaldía correspondente.
b) Que se tramitará o procedemento de recadación das cotas adebedadas en vía de prema con ofrecemento dos recursos procedentes.
Nas devolucións de recibos por causas non derivadas de erros materiais ou outros non imputabeis ao Concello, o importe das cotas incrementarase nun 10% sobre as contías dos recibos devoltos para compensar a actividade administrativa que se xenera nos procedementos de requerimento e novas remesas de cobro que tiveran que realizarse.
Artigo 6.º.-Bonificacións e descontos.
No caso de inscribirse máis dun membro da unidade familiar na actividade, teranse en conta as seguintes bonificacións:
b) 30% de bonificación: 2.º membro da unidade familiar en calquera actividade
c) 40% de bonificación a partir do 3.º membro da unidade familiar en calquera actividade
Para aplicar este tipo de bonificacións será preciso aportar un certificado de convivencia.
No caso de inscribirse unha mesma persoa en varias actividades, aplicaranse as seguintes bonificacións aplicables só en actividades de curso completo:
2.ª escola: desconto do 40%
3.ª escola: desconto do 60%
En todos os casos a porcentaxe de bonificacións aplicarase a aquel membro da unidade familiar que se inscriba nos cursos cuxas contías acaden un menor importe.
Non se poderán acumular as bonificacións por inscrición de varios membros da unidade familiar coas de participación dun mesmo membro en varias actividades.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
De conformidade co establecido no artigo 44 do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, declárase expresamente a existencia de razóns sociais e de interese público que aconsellan a fixación do prezo público por debaixo do custo da actividade, xa que se trata de promover o acceso ao deporte á poboación, de conformidade co mandato establecido no artigo 43 da Constitución Española, a cal establece que os poderes públicos fomentarán a educación física e o deporte, e a adecuada utilización do ocio.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza de prezo público, que foi aprobada polo Pleno deste Concello en sesión celebrada o día 12 de xullo de 2013, modificada por acordo plenario do 30/06/2017, entrará en vigor unha vez se cumpra o esixido no artigo 49 da Lei de bases do réxime local e se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, e teña transcorrido o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2 da Lei de bases do réxime local.