Porto do Son - Nº 14, ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DAS ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA E BAILE
Artigo 1.º.-Fundamento legal e obxecto.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Porto do Son establece a taxa pola prestación dos servizos das escolas municipais de música e baile, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 57 do citado Real decreto lexislativo.
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación dos diversos servizos das escolas municipais de música e baile.
Artigo 3.º.-Suxeito pasivo.
Son suxeitos pasivos da taxa regulada nesta ordenanza as persoas físicas e xurídicas, e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que se matriculen en calquera das actividades relativas ás escolas municipais de música e baile, de acordo co artigo 5.º desta ordenanza.
Artigo 4.º.-Responsables.
1.-Responderán solidariamente das obrigacións tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas ás que se refiren os artigos 42 da Lei xeral tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios da débeda tributaria as persoas ou entidades que se recollen no artigo 43 da Lei xeral tributaria e co alcance que sinala dito artigo.
Artigo 5.º.-Cota tributaria.
As tarifas desta taxa estructúranse nos seguintes epígrafes:
Epígrafe 1: Escola Municipal de Danza
- Por cada materia ou disciplina:
¿ Inscrición de novos alumnos 50,00 €
¿ Curso académico 120,00 €
¿ Por cada materia ou disciplina adicional 75,00 €
Epígrafe 2: Escola Municipal de Gaita
- Por cada materia ou disciplina:
¿ Inscrición de novos alumnos 50,00 €
¿ Curso académico 120,00 €
¿ Por cada materia ou disciplina adicional 75,00 €
Epígrafe 3: Escola Municipal de Música
- Por cada materia ou disciplina:
¿ Inscrición de novos alumnos 50,00 €
¿ Curso académico 120,00 €
¿ Por cada materia ou disciplina adicional 75,00 €
Artigo 6.º.-Beneficios fiscais.
Establécense as seguintes bonificacións:
a ) Bonificación do 50% da cota tributaria para segundos membros da unidade familiar e do 75% para os terceiros e sucesivos membros da unidade familiar.
Enténdese por membro da unidade familiar pais, nais e descendentes (non divorciados ou separados legalmente) que figuren no libro de familia, así como, membros de familias monoparentais, e parellas de feito debidamente inscritas no rexistro administrativo correspondente, e os seus descendentes sempre que convivan nunha mesma vivenda, acreditándose esta circunstancia cos datos obrantes no padrón de habitantes do Concello de Porto do Son.
b) Bonificación do 50% da cota tributaria para os usuarios que, dentro da escola na que estean matriculados, teñan a cualificación de profesional, o que supón que deberán participar nas actuacións que organice o Concello. Só poderán beneficiarse desta bonificación na escola na que teñan a dita categoría. A estes efectos, os profesores das escolas deberán emitir un informe motivado no que establezan que alumnos poden distinguirse con esa cualificación. A listaxe, que será aprobada pola Alcaldía, será remitida ao Concello, que aplicará de oficio a bonificación.
c) Bonificación do 50% da cota tributaria para os usuarios empadroados en Porto do Son que acrediten unha renda per capita da unidade familiar igual ou inferior ao IPREM mensual. A bonificación deberá solicitarse coa seguinte documentación:
- Fotocopia cotexada do DNI/NIE do solicitante.
- Fotocopia cotexada do libro de familia na que consten todos os seus membros.
- Fotocopia cotexada da última declaración da renda ou certificado de imputación de rendas de Facenda integrantes da unidade familiar. Para estes efectos, entenderase por unidade familiar o núcleo formado polo matrimonio ou parella de feito, así como os ascendentes e descendentes menores de 21 anos que convivan con eles no mesmo domicilio. Esta idade ampliarase ata os 25 anos mentres que se realicen estudos axeitados á súa idade e titulación ou encamiñados á obtención dun posto de traballo. Incluiranse os estudos realizados en centros educativos públicos ou privados, sempre que teñan unha duración lectiva dun curso académico.
- Fotocopia cotexada doutros xustificantes de ingresos económicos, no seu caso.
- O empadroamento do alumno en Porto do Son comprobarase de oficio.
O importe da renda per capita mensual da unidade familiar será o cociente resultante de dividir a renda mensual da unidade familiar polo número de membros desta.
A renda mensual resultará de dividir entre 12 a renda anual da unidade familiar, que á súa vez será o resultado da suma dos rendementos percibidos por cada membro da unidade familiar menos os gastos deducibles.
A solicitude poderá presentarse coa inscrición e, neste caso, só se esixirá o depósito previo do 50% da cota tributaria. No caso de que a resolución da solicitude fose denegatoria, aprobarase a liquidación da taxa e notificarase ao interesado para o pagamento do 50 por 100 restante nos prazos do artigo 62.2 da Lei xeral tributaria.
Artigo 7.º.-Vindicación.
A taxa vindicarase no momento de presentar a solicitude de inscrición.
Artigo 8.º.-Normas de xestión.
1).-Para acceder a calquera das actividades das escolas de música e baile, deberá formalizarse o documento de inscrición por parte do alumno e acreditar o pagamento da taxa. No caso de que este sexa menor de idade, a inscrición deberá formalizarse por calquera dos pais ou titores do mesmo. O documento de inscrición deberá presentarse no Rexistro do Concello, xunto co xustificante de ter pagadas as taxas correspondentes, dacordo co apartado seguinte.
2).-O pagamento da taxa realizarase no momento da inscrición mediante o réxime de autoliquidación polo importe da cota correspondente segundo o seguinte detalle:
a) Inscrición de novos alumnos: 50,00€
b) Curso académico: 40,00€ no momento da inscrición (abrangue as ensinanzas que se imparten no período de outubro a decembro). E establécense 2 cotas restantes de 40,00€ cada una, que se pasarán o cobro nos meses de xaneiro e abril, (referidos a cubrir o custe das ensinanzas dos períodos de xaneiro a marzo e de abril a xuño respectivamente) mediante domiciliación bancaria na conta designada polo usuario ou representante legal do mesmo, para o que se elaborará o correspondente padrón pola Tesourería Municipal.
c) Por cada materia de inscrición adicional: 25,00€ no momento da inscrición (abrangue as ensinanzas que se imparten no período de outubro a decembro). E establécense 2 cotas restantes de 25,00€ cada una, que se pasarán o cobro nos meses de xaneiro e abril, (referidos a cubrir o custe das ensinanzas dos períodos de xaneiro a marzo e de abril a xuño respectivamente) mediante domiciliación bancaria na conta designada polo usuario ou representante legal do mesmo, para o que se elaborará o correspondente padrón pola Tesourería Municipal.
Naqueles casos de alumnos con dereito á bonificación, aplicárase a mesma na autoliquidación e nas cotas restantes, sempre que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 7º da presente ordenanza
3).-Mentras non se acredite o pagamento da taxa non se poderá formalizar a inscrición e, polo tanto, non se poderá asistir ás clases.
4).- Nos casos de solicitudes de inscrición con data posterior o inicio da escola, e ou baixa anterior o seu remate, a cota tributaria ratearase en meses naturais.
5).- Para causar baixa nas referidas escolas, deberá presentarse a correspondente solicitude de baixa no Rexistro Xeral do Concello.
Artigo 9.º.-Infraccións e sancións.
Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e á imposición de sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria.
Disposición derrogatoria.
Unha vez que entre en vigor esta ordenanza quedará derrogada a Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servicios das escolas municipais de música e baile, publicada no BOP n.º 28, do 27.01.2011.
Disposición final.
Esta ordenanza foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o día 12 de xullo de 2012 e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no BOP, aplicándose mentres non se acorde a súa derrogación ou modificación.