Santa Comba - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS MUNICIPAIS EN RELACIÓN COAS OPERACIÓNS FORESTAIS, ACCESOS ÁS FINCAS E CONSERVACIÓN DAS MESMAS

Publicación provisional: 07/12/2018 BOP Nº: 232
Publicación definitiva: 25/01/2018 BOP Nº: 18
Aplicable dende: 12/02/2018

Exposición de motivos

Esta ordenanza ten como finalidade a de velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir os mesmos, como consecuencia das operacións de saca de madeira e usos equiparables, comprendéndose dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta de madeira como as posteriores. Resulta tamén prioritario o interese en protexer as persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para elo é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

Para que esto se cumpla é primordial que as vías públicas non estén invadidas pola maleza que provén das fincas colindantes, ou, que as pólas das árbores non impidan o paso por ditas vías como sucede en moitos casos.

O uso dos camiños e vías públicas municipais en condicións óptimas é un dereito de toda a comunidade de usuarios, e esixe dunha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do Concello, tanto públicos como privados, xa que son moi frecuentes os danos e desperfectos que ás veces ocasionan estas actividades nos nosos camiños. Así mesmo é necesario ter unha normativa que obrigue ós propietarios das fincas colindantes coa vía pública a mantelas en óptimas condicións.

Trátase, en definitiva, con esta ordenanza, de facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade vial.

TÍTULO I.-XENERALIDADES

CAPÍTULO I.-HABILITACIÓN NORMATIVA

Artigo 1.

A regulamentación por medio da presente ordenanza fundaméntase no uso das competencias que lle atribúen ao Concello os artigos 25.2d) e 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; os artigos 6,80.2.d) e 286 e seguintes da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia; e os artigos 74 e seguintes do R.D. 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das corporacións locais.

 

CAPÍTULO II.-OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

 

Artigo 2.-Obxecto.

A presente Ordenanza ten por obxecto a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, fronte aos danos e desperfectos que poden sufrir os mesmos como consecuencia das sacas de madeira ou outros usos (susceptibles de danar as vías e camiños municipais) que se produzan dentro do termo municipal, así como a limpeza da maleza que invade as vías públicas ou cunetas, e os peches das fincas, ademáis de regular a construcción e conservación dos salvacunetas.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

1.-A presente ordenanza é de aplicación ás operacións de saca e outras relacionadas co ámbito forestal, ademáis de regular tamén os accesos ás fincas, as araduras e traballos que se realizan en fincas extremeiras coa vía pública, e o sobrevuelo das árbores que afecte ó dominio público.

Entenderase por operacións de saca de madeira a totalidade das que se desenvolvan para a obtención de madeira de tala, tanto as previas á corta de madeira (desprazamentos de vehículos e/ou maquinaria, preparación dos terreos, accesos ás fincas) como as posteriores (preparación, depósito, carga e transporte).

2.-Inclúense no ámbito de aplicación desta ordenanza outras operacións ou usos susceptibles de danar as vías e camiños municipais, valoradas polos servizos técnicos en base aos pertinentes informes policiais.

3.-Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza:

- As talas puntuais de exemplares de árbores illadas

- As podas e refaldes en plantacións forestais

- O clareo de rebrotes de cepa e limpeza de predios

- As talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico con vehículos agrícolas

- A eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens

TÍTULO II.-A PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS MUNICIPAIS FRONTE AOS DANOS E DESPERFECTOS OCASIONADOS COMO CONSECUENCIA DAS SACAS DE MADEIRA

Artigo 4.-Comunicación previa.

1.-Aos efectos de garantir a preservación do medio ambiente e da conservación dos camiños e pistas municipais, é obrigatorio a comunicación de tala por parte da persoa física ou xurídica que actúe en calidade de madeireiro, cunha antelación mínima de oito días hábiles, sen prexuicio da obtención doutras autorizacións sectoriais que sexan necesarias para a tala das plantacións forestais.

A comunicación realizada ó concello de Santa Comba non eximirá da obriga de obter os restantes permisos e licencias que resulten procedentes conforme a normativa sectorial.

2.-Na comunicación de tala deberá constar:

- Identificación do propietario do monte e do madeireiro, con designación do representante deste, no suposto de ser unha persoa xurídica.

- Especie de madeira obxecto da tala, así como toneladas a extraer.

- Identificación nun plano do catastro ou do SIXPAC do monte afectado e referencia catastral do mesmo, así como indicación do lugar de depósito da madeira á espera da súa saca, e, viais a utilizar para o transporte da madeira.

- Data prevista do inicio e remate dos traballos.

- Identificación da empresa/s encargada/s da tala, depósito, carga e transporte da madeira (razón social, N.I.F., vehículos cos que se van a realizar as operacións de depósito, carga e transporte así como a indicación da súa marca, modelo, segundo modelo oficial).

- Xustificante da solicitude de permiso de tala achegado previamente ante a Consellería competente en materia forestal, segundo modelo oficial.

- Xustificante do depósito de garantía, en base ó regulado no artigo 6 da presente ordenanza.

3.-De calquera xeito, poderase facer unha comunicación de tala para varios montes ou parcelas catastrais, cando os traballos vaian a efectuarse de forma simultánea, debendo constar os datos de cada unha das parcelas nas que se vaia a realizar a tala, e será o madeireiro encargado da tala o responsable dos desperfectos ocasionados nos viais de acceso aos lugares da tala, como consecuencia tanto da mesma como do depósito, carga e transporte da madeira, quedando obrigado á reparación dos mesmos, incluíndo a limpeza e retirada dos restos forestais resultantes. No suposto de non ser identificado o madeireiro, será responsable o propietario do monte ou da parcela catastral.

4.-Unha vez presentada a solicitude e a documentación completa, a policía local comprobará, en base a documentación aportada na comunicación previa, o estado físico dos camiños e vías que vaian ser utilizados, obtendo as fotografías que sexan pertinentes para acreditar a súa realidade física. Unha vez realizada a inspección e á vista do informe pertinente o Concello comunicará, ao promotor o prazo para realizar os traballos.

5.-O Concello, excepcionalmente, poderá denegar ou limitar o acceso e/ou o lugar de depósito por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, de forma motivada, tendo en conta o seu estado, a resistencia do seu firme, a súa ubicación, a súa utilización na data solicitada para outros fins, ou calquera outra causa xustificada.

6.-No caso de que nas operacións de depósito, carga e transporte interveñan vehículos de empresas distintas á que se encarga da tala, estarán obrigados a subrogalos na súa fianza, ou ben a que a deposite a propia empresa de transporte. En caso contrario, a persoa ou empresa encargada da tala, será responsable directa dos danos ocasionados nas vías públicas municipais ou a terceiros que circulen por elas como consecuencia das operacións de depósito, carga e transporte de madeira da tala.

Artigo 5.-Requisitos e obrigas.

1.-Son obrigas do madeireiro encargado de realizar as operacións de saca da madeira as seguintes:

- Presentar nas oficinas municipais o escrito de comunicación previa nos termos indicados no artigo anterior.

- Sinalizar os viais situados nas zonas de extracción e lugar de depósito de madeira, conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade vial.

- Limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños, cunetas ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

- Os depósitos de rolla, ramas ou podalla non poderán invadir a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, bueiros, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestructura auxiliar ou anexa ao viario, nin supoñer risco para os usuarios da vía.

- Repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.

- Responder dos danos e desperfectos ocasionados nos lugares da tala, viais de acceso, instalacións e demais infraestructuras, como consecuencia da realización das actividades de saca de madeira.

- As limpezas ou reparacións deberán realizarse nun prazo máximo de 7 días, a partir da retirada da madeira, ou da interrupción dos traballos antes da finalización dos mesmos.

- Deberán adoptarse as medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte da madeira, estean en todo momento libres de pólas, podalla, barro ou calquera outro elemento que supoña risco para os usuarios da vía.

- Constituír a garantía a prol do Concello, conforme ao establecido no artigo 6 da presente ordenanza.

2.-Non poderán levar a cabo as actividades reguladas na presente ordenanza, no ámbito do territorio do Concello de Santa Comba, as persoas físicas ou xurídicas que manteñan débedas derivadas de expedientes abertos en cumprimento dos preceptos da presente ordenanza ata a conclusión do expediente ou a liquidación dos importes pendentes.

3.-En caso de que o madeireiro incumpra algunha das obrigas contidas na presente ordenanza, o Concello requirirao para o seu cumprimento, outorgándolle o prazo máximo de quince días hábiles, a contar dende ó seguinte á recepción do requerimento. Cando o madeireiro non puidera ser identificado, serán responsables do cumprimento desas obrigas os propietarios dos montes e/ou parcelas de que se trate.

4.-O disposto no apartado anterior deste artigo, enténdese sen prexuicio da imposición das sancións que correspondan polos incumprimentos desta ordenanza.

5.-En ningún caso poderán iniciarse os traballos de tala, sen contar previamente coa autorización sectorial correspondente, cando as parcelas obxecto da actuación, estean afectadas pola normativa sectorial de augas, patrimonio, estradas ou calquera outra que resulte de aplicación.

6.-As vías públicas non se poderán utilizar para almacenamento de madeira, aínda que se autoricen as operacións para a súa carga, solicitando de ser o caso, o permiso municipal correspondente de ocupación de vía pública municipal, quedando suxeita no caso de existir ás taxas correspondentes. No suposto de referirse á vías de titularidade da Xunta de Galicia ou da Deputación Provincial da Coruña, con carácter previo deberá obter autorización destes organismos. Non obstante, as cunetas quedarán sempre limpas e en bo estado de utilización.

 

Artigo 6.-Garantías.

1.-A empresa madeireira, suxeita a presente ordenanza, establecerá unha fianza a favor do Concello, en calquera das formas establecidas no Texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, aprobado por Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, co obxecto de responder diante de posibles danos non reparados voluntariamente. En ningún caso se poderán realizar as operacións de corta sen ter constituído previamente a fianza e tela depositado no Concello.

Establécense dúas categorías a efectos de fixación de fianzas:

a) Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 Tm, 1.500 € ou o correspondente seguro de responsabilidade civil por una contía non inferior a 50.000,00 €.

b) Vehículos con peso máximo autorizado igual ou maior de 16 Tm, 3.000,00 € ou o correspondente seguro de responsabilidade civil por unha contía non inferior a 75.000,00 €.

2.-En caso de incumprimento, por ocasionarse desperfectos nas vías, servizos e infraestructuras municipais, o Concello procederá de conformidade co establecido nos apartados 3.º e 4.º do artigo 5 desta ordenanza. Transcorrido ese prazo sen que se de cumprimento ao requerimento, o Concello acordará a realización dos traballos que sexan necesarios, a costa do obrigado, sobre o importe da garantía depositada. Neste suposto, deberá depositar unha nova garantía para responder por futuras actuacións/operacións.

3.-Cando as cantidades depositadas en concepto de garantía resulten insuficientes para sufragar os traballos mencionados no parágrafo anterior, recadarase a diferencia en concepto de ingreso de dereito público. Todo elo sen prexuicio da imposición das sancións que correspondan polo incumprimento desta ordenanza.

TÍTULO III.-LIMPEZA DE FINCAS E TRABALLOS AGRÍCOLAS

CAPÍTULO I.-LIMPEZAS

 Artigo 7.-Limpeza de fincas e solares extremeiros coa vía pública.

Polo que atinxe a roza da vexetación estarase ao regulado nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis da Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, deste xeito:

a) É obriga dos propietarios das fincas a realización das tarefas de roza, evitando que a vexetación das fincas da súa propiedade, invada a vía pública, cunetas e pasos de auga.

b) Así mesmo, é obriga dos propietarios de fincas extremeiras coa vía pública, a poda das pólas das árbores que partindo da súa propiedade invadan a vía pública nunha altura inferior de 4,5 metros. No caso de árbores de froita estarase ao disposto no artigo 591 do Código Civil.

c) En caso de incumprimento do establecido nos apartados anteriores deste artigo, o Concello poderá notificar ás persoas responsables as súas obrigas en materia de limpeza de fincas extremeiras coa vía pública. Se no prazo de 15 días naturais, a contar dende o seguinte á recepción do requerimento, os titulares das fincas non acometen as tarefas de limpeza, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria dos citados traballos de limpeza, repercutindo os custos destes traballos nos propietarios da parcela e, todo iso, sen prexuicio de seren comunicado, no caso de que non sexa competencia do concello, á Consellería competente nesta materia para que se inicie o procedemento sancionador que corresponda.

CAPÍTULO II.-TRABALLOS AGRÍCOLAS EN FINCAS EXTREMEIRAS COA VÍA PÚBLICA

 

Artigo 8.-Arado e outros traballos agrícolas en fincas extremeiras coa vía pública.

O límite de aradura debe ser o límite do noiro ou do terraplén ata onde chegue a maquinaria sempre realizando o traballo dentro da propia finca sen invadir o límite do dominio público.

A invasión das cunetas para o seu cultivo como se foran parte da finca extremeira constitúe apropiación do dominio público e uso indebido do mesmo, sendo obxecto de sanción por parte do Concello.

Todos os traballos que impliquen emprego de maquinaria deberán efectuarse dentro dos límites da propia finca, quedando prohibida a realización de manobras de xirado, arrastre de apeiros ou calquera outra que poida implicar danos á vía pública.

O arrastre de terras ou calquera outro material, que dificulte ou supoña perigo para a circulación, debido á entrada ou saída de maquinaria da vía pública deberá de ser retirada polo causante coa maior celeridade posible, sendo responsable o causante da infracción.

TÍTULO IV.-CERRAMENTOS E ACCESOS ÁS FINCAS

CAPÍTULO I.-CERRAMENTOS

 Artigo 9.-Cerramentos en fincas extremeiras coa vía pública.

Os cerramentos en fincas extremeiras coa vía pública estarán suxeitos ao réxime xeral de comunicación previa de obras ou á obtención da oportuna licenza.

De acordo co vixente PXOM as distancias serán:

En solo de núcleo rural os peches aliñaranse a unha distancia mínima de 4 metros dende o eixo do vial (quedando sempre a cuneta libre).

En solo rústico as distancias dos peches serán de 5 metros ó eixo da vía, excepto si o único uso do predio é o agrícola-gandeiro e si se trata dun peche desmontable (tipo estacas e alambrada), que poderá realizarse a 3 metros do eixo da vía. En todo caso, deberá deixarse unha distancia de 2 metros ao borde exterior da cuneta, si está construída e a distancia resultara maior que as anteriores.

 CAPÍTULO II.-ACCESOS ÁS FINCAS OU SALVACUNETAS

 Artigo 10.-Construcción de salvacunetas.

O concello poderá limitar os accesos dende os camiños públicos ás fincas particulares e establecer con carácter obrigatorio os lugares en que teñen que construirse estes accesos por razóns técnicas.

A construcción de salvacunetas estará sometida ao réxime de comunicación previa ou licencias, dacordo coa lexislación urbanística aplicable.

Estes accesos ou salvacunetas deben construirse con tubaría de cemento ou similar con paramentos debidamente reforzados con formigón e cun diámetro mínimo de 40 cm ou 315 mm no caso de tubo de PVC, debendo permitir o libre transcorrer das augas ao seu través, mantendo o nivel correcto para elo. Excepcionalmente poderá obrigarse ao emprego dun diámero superior ou inferior cando sexa xustificable por razóns técnicas e os técnicos municipais o autoricen.

Os gastos de construcción destes accesos correrán a cargo dos seus beneficiarios, e será tamén da súa responsabilidade o seu mantemento e substitución.

Os accesos ou salvacunetas manteranse permanentemente en perfecto estado, mantendo libre a luz dos tubos co fin de permitir o perfecto transcorrer das augas, en caso contrario, os danos causados nas vías públicas motivados polo atranco intencionado, correrán a cargo do propietario do mesmo, reservándose o Concello o dereito de levantar dita entrada se con iso se minimizan os danos na vía, correndo os gastos de reposición por conta do seu propietario e todo iso sen prexuicio do inicio do correspondente expediente sancionador.

Artigo 11.-Conservación de cunetas e sumidoiros.

Os titulares das fincas colindantes con camiños, ou usufructuarios e arrendatarios estarán obrigados a proceder á limpeza da calzada nos supostos en que sobre a mesma se vertan terras, biomasa, etc, con motivo de labores agrícolas, forestais, desmontes, etc.

Queda prohibido o vertido de puríns na calzada, cunetas, taludes e terrapléns dos camiños públicos municipais.

Queda expresamente prohibido o depósito nas cunetas de restos constructivos ou entullos, de materia vexetal, plásticos ou outros materiais, que poidan causar danos na maquinaria dos servizos municipais cando se fan as labores de mantemento.

En caso de precisar de colaboración por parte do Concello na conservación das mesmas, comunicarase en tempo e forma debida, co fin de minimizar os danos que poida ocasionar a súa obstrucción. No caso de non comunicalo, o causante asumirá a responsabilidade dos posibles danos que se rexistren.

O concello poderá realizar ou construir novas cunetas, canos ou sumidoiros, que permitan unha mellor distribución das augas co fin de diminuir o dano nas vías públicas e mellorar a súa conservación.

TÍTULO V.-RÉXIME SANCIONADOR

O incumprimento do diposto na presente ordenanza sancionarase segundo o establecido nos seguintes artigos, ao abeiro do título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local. O réxime sancionador rexirase polo disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

CAPÍTULO I.-INFRACCIÓNS

Artigo 12.

As infraccións administrativas desta ordenanza tipíficanse en leves, graves e moi graves:

1.-Consitúen infraccións leves:

a) Non achegar a documentación requerida antes de efectuar a tala da madeira.

b) A non comunicación da tala por parte do madeireiro no prazo sinalado.

c) O incumprimento polo propietario do monte ou parcela da obriga de identificar ao madeireiro.

d) A realización de actividades reguladas na presente ordenanza, no ámbito do territorio do Concello de Santa Comba, polas persoas físicas ou xurídicas que manteñan débedas derivadas de expedientes abertos por incumprimento dos preceptos da presente ordenanza.

e) Calquera acción ou omisión que infrinxa as disposicións desta ordenanza e non estea tipificada expresamente nela como moi grave ou grave.

f) A falta de mantemento de limpeza das cunetas.

2.-Constitúen infraccións graves:

a) Actuacións que supoñan o deterioro das vías e camiños municipais.

b) Non proceder á reparación dos danos e/ ou limpeza dos restos forestais dentro do prazo sinalado de quince días hábiles, dende o seguinte ó remate ou interrupción dos traballos.

c) A realización das actividades de saca de madeira sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.

c) Non achegar ou falsear os datos que se esixen segundo o artigo 4 desta ordenanza.

d) Obstruír a acción instructora ou investigadora da Policía Local ou técnicos municipais.

e) O depósito da madeira nas vías públicas e o vertido dos residuos procedentes das operacións reguladas na presente ordenanza en lugares non autorizados expresamente para elo.

f) A reincidencia na comisión de dúas infraccións leves da mesma natureza, no prazo dun ano.

3.-Consitúen infraccións moi graves:

a) Actuacións de deterioro grave e relevante das vías e camiños municipais que non permitan a circulación de vehículos.

b) Non proceder á reparación e/ou limpeza dos restos forestais dentro do prazo sinalado de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte da notificación do requerimento municipal.

b) Efectuar desprazamentos de terra que polas súas caracterísitcas deben ser considerados como movementos de terra.

c) Usar as vías públicas para almacén ou depósito de madeira de forma que supoñan un risco para os usuarios da vía.

d) A non adopción das medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte de madeira estean en todo momento libres de pólas, podalla, barro ou calquera outro elemento que supoña risco para os usuarios da vía.

e) Os depósitos de rolla, pólas ou podalla que invaden a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, menoscaben a funcionalidade das cunetas, bueiro, canalizacións, pontes ou calquera outra infración ou anexa ao viario, ou supoñan risco para os usuarios da vía.

4.-Sen prexuicio da sanción administrativa que se impuxera, quen infrinxa a presente ordenanza terá a obriga de repoñer e restaurar as cousas ao ser e estado anteriores (reparación e limpeza) a infracción cometida e dos danos e prexuicios causados, na forma e condicións establecidas polo órgano que impuxo a sanción.

A tal fin a resolución sancionadora determinará o contido desta obriga, así como o prazo para a súa execución.

5.-A prescripción de infraccións e sancións non afectará á obriga de repoñer ou restaurar as cousas ó seu ser e estado primitivo, nin a indemnizar polos danos e prexuicios causados.

CAPÍTULO II.-SANCIÓNS

Artigo 13.-Responsables.

1.-Serán responsables das infraccións sinaladas no artigo anterior as persoas físicas e xurídicas que as cometan.

2.-Os propietarios dos montes e/ou parcelas serán responsables das infraccións de que se trate no suposto de non identificar aos madeireiros, unha vez sexan requeridos polo Concello, e transcorrido o prazo de dez días hábiles a contar dende o seguinte ao da recepción do requerimento.

Artigo 14.-Sancións.

1.-As infraccións administrativas sancionaranse con multa nas seguintes contías:

Infracción leve: serán sancionadas con multa de contía variable dende 50 € ata 750 €.

Infracción grave: serán sancionadas con multa de contía variable dende 751 € a 1.500 €.

Infracción moi grave: serán sancionadas con multa de contía variable dende 1.501 € a 3.000 €.

2.-A imposición das sancións pecuniarias anteriormente sinaladas non eximirá aos responsables dos feitos de repoñer a realidade física alterada, e de realizar os traballos de reparación e limpeza que a tal fin sexan sinalados na resolución que se dite.

Disposición final.-Entrada en vigor

A ordenanza comezará a rexer:

a) Se se producen reclamacións ou suxestións, resolución de todas as presentadas dentro do prazo e aprobación definitiva polo Pleno, ao abeiro do artigo 49.c) da Lei 7/85 de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, non entrando en vigor ata a publicación completa do seu texto.

b) Se non se producen reclamacións ou suxerencias, entenderase definitivamente adoptado o acordo ata entón provisional, ao abeiro do artigo 49.c) da Lei 7/85 de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

c) Segundo o artigo 70.2) da Lei 7/85 de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, entrará en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2) da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (quince días hábiles).