Carnota - ORDENANZA REGULADORA DA VENDA AMBULANTE

Publicación provisional: 15/05/2012 BOP Nº: 91
Publicación definitiva: 17/08/2012 BOP Nº: 156
Aplicable dende: 04/12/2018

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente ordenanza é regular o exercicio da venda ambulante dentro do termo municipal de Carnota.

A devandita ordenanza dítase en virtude do disposto nos artigos 25.2 g) e h) e 84.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; 1.2 e 5 do Decreto do 17 de xuño de 1955, polo que se aproba o Regulamento de servizos das corporacións locais; na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia; no Real decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria. Así mesmo, tivéronse en conta os principios da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 2. Concepto

Considérase venda ambulante ou non sedentaria a realizada por persoas comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou nos lugares debidamente autorizados en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións tenda.

Artigo 3. Exclusións

Non terán a consideración de venda ambulante os seguintes casos:

a) Actividades comerciais reguladas pola Lei 1/1996, do 5 de marzo, de actividades feirais de Galicia e as súas normas de desenvolvemento.

b) Venda directa exercida polos agricultores no seu termo municipal ou termos limítrofes, limitada á súa propia produción.

c) Venda de obxectos de artesanía realizada polos propios produtores, con motivo das festas, feiras e acontecementos populares.

d) Venda puramente ocasional de xornais, plantas e flores, así como de obxectos usados de pertenza particular do vendedor.

Artigo 4. Modalidades

1. O exercicio da venda ambulante só poderá realizarse baixo as seguintes modalidades:

a) Venda ambulante en mercados periódicos: aquela autorizada nos mercados situados en poboacións, en lugares e espazos determinados, cunha periodicidade habitual establecida. Dentro desta epígrafe están encadradas, entre outras as realizadas en feiras populares, en mercados de postos e en rastros.

b) Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos aos mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes nas poboacións.

c) Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública: aquela autorizada para un números de postos, situacións e períodos determinados.

d) Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas, ou acontecementos populares.

e) Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda: aquela realizada nos citados medios e autorizada en zonas ou lugares determinados.

2. Mercados periódicos. Os mercados periódicos celebraranse na Praza de San Gregorio de Carnota, os mércores de 8.30 a 14.30 horas e na Praza da Solaina do Pindo, os xoves de 8.30 a 14.30 horas. As áreas dos correspondentes mercados están delimitadas nos planos que figuran como anexos III e IV da presente ordenanza.

Os postos de venda serán obxecto de sinalización nun plano, que se achegará anexado á resolución de autorización, e a venda só poderá realizarse no lugar sinalado.

Para supostos ou eventos excepcionais por resolución da Alcaldía poderán habilitarse espazos distintos dos sinalados.

3. Postos desmontables instalados na vía pública. A Alcaldía poderá autorizar o exercicio da venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública, durante todo o ano. O outorgamento da licenza estará suxeito á obtención da correspondente autorización sectorial para instalar o posto.

4. Mercados ocasionais. Mediante resolución da Alcaldía fixaranse os días de celebración dos mercados ocasionais, así como o lugar e horarios de celebración destes.

5. Camións e vehículos tenda. A venda en camións tenda con carácter itinerante polos diferentes lugares do termo municipal poderá realizarse en días laborais, das 8.00 ás 20.00 horas. A instalación de camións e vehículos tenda en mercados periódicos e ocasionais rexerase polo establecido nos puntos 2 e 4 deste artigo respectivamente.

6. Con carácter excepcional, a Alcaldía poderá autorizar a venda ambulante noutros emprazamentos con motivo de festas, acontecementos populares e celebracións especiais. A Alcaldía poderá suspender ou modificar a data de celebración do mercado cando as circunstancias o aconsellen, ou por causa de orde pública.

Artigo 5. Regulación dos postos

Os postos de venda ambulante non poderán situarse nos accesos a edificios de uso público, establecementos comerciais e industriais, nin en lugares que dificulten o acceso e a circulación.

As operacións de descarga e instalación dos postos haberán de efectuarse media hora antes da prevista para o comezo do mercado. A desmontaxe e retirada efectuarase media horas despois do remate, deixando o lugar en perfecto estado de limpeza.

As dimensións dos postos desmontables non excederán en ningún caso de 2,5 metros de fondo e de 8 metros de fronte.

A organización, intervención e inspección da venda ambulante correspóndelle ao alcalde ou concelleiro no que delegue.

Artigo 6. Regulacións dos produtos obxecto de venda

Poderán ser ofrecidos á venda artigos téxtiles, de artesanía, bixutería, marroquinería e artigos de coiro ou pel, florería, calzado, confección, droguería, de ornato de pequeno volume, así como produtos alimenticios que non estean expresamente prohibidos pola normativa vixente.

Só poderá autorizarse a venda de produtos perecedoiros, de alimentación e de herbodietética cando se cumpran as condicións sanitarias e hixiénicas que establece a lexislación sectorial sobre a materia para cada tipo de produto.

As persoas que carezan do carné de manipulador de alimentos non poderán vender produtos alimenticios.

Artigo 7. Autorización municipal

1. O exercicio da venda ambulante requirirá a previa autorización municipal para cada emprazamento concreto e por cada unha das modalidades de venda ambulante que o comerciante se propoña exercer.

Para a concesión da referida autorización será necesario cumprir os seguintes requisitos:

1. Estar dado ou dada de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e, de ser o caso, no imposto de actividades económicas.

2. Cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produtos.

3. Estar en posesión, de ser o caso, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos.

4. Satisfacer as taxas e os tributos fixados na correspondente ordenanza fiscal municipal.

5. Dispoñer dos permisos de residencia e de traballo que, en cada caso, sexan esixibles, de se tratar de persoas estranxeiras.

6. As persoas xurídicas deberán acreditar os seguintes extremos: o CIF, a acta de constitución, os estatutos e a escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa.

7. Dispoñer de seguro de responsabilidade civil.

2. A autorización municipal para o exercicio da venda ambulante rexerase polos seguintes parámetros:

a) O prazo de duración será como norma xeral o de cinco anos, a non ser que por razóns de amortización dos investimentos e unha remuneración equitativa dos capitais investidos se faga necesario outorgala por outro prazo.

b) Pode ser revogada unilateralmente por incumprimento das condicións do seu outorgamento ou da normativa vixente.

c) A licenza poderáselle conceder tanto a persoas físicas como a persoas xurídicas, sexan sociedades mercantís ou cooperativas.

d) Será persoal e transferible a outras persoas físicas ou xurídicas, logo da súa comunicación ao Concello. O novo titular terá que reunir os requisitos esixidos nesta ordenanza para o exercicio da actividade, e quedará subrogado nos dereitos e obrigacións que corresponderían ao titular cedente. A transmisión dunha autorización non afectará ao seu período de vixencia, que se manterá polo tempo que reste ata a finalización do prazo de duración, nin levará implícita ningunha modificación das condicións do posto.

O Concello poderá comprobar e inspeccionar, en todo momento, os feitos, actividades, transmisións e demais circunstancias da autorización concedida, notificándolle, cando corresponda, aos órganos autonómicos de defensa da competencia os feitos dos que teñan coñecemento no exercicio das súas funcións, que poidan constituír infracción á lexislación de defensa da competencia.

e) No caso de impedimento temporal ou transitorio para o exercicio da venda que autoriza a licenza municipal, o titular, mantendo tal condición, poderá ser substituído, previa autorización municipal, polos familiares en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, sempre que o familiar proposto non sexa titular doutra autorización e que estea dado de alta na seguridade social, cando proceda, todo o cal deberá documentarse adecuadamente.

f) Os titulares da autorización ou licenza, nos mercados periódicos, poderán designar a un suplente, cuxos datos persoais se farán constar na autorización. Exclusivamente estará habilitado para o exercicio da venda ambulante cando por causa de enfermidade, por atender a obrigacións públicas ou oficiais de carácter inescusable, por circunstancias de forza maior ou outras de carácter excepcional, o titular estea imposibilitado para o exercicio da actividade, e só poderá substituílo durante o tempo no que concorran tales circunstancias. O suplente non poderá ser titular doutra licenza deste Concello para o exercicio da venda ambulante. A condición de suplente non xerará dereito ningún de cara á posterior concesión de licenzas para o exercicio da venda ambulante.

g) O titular da autorización poderá contratar persoal que o asista na atención do posto.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes de autorización ou licenza para o exercicio da venda ambulante presentaranse, con carácter xeral, polo menos cunha antelación de un mes respecto da data fixada ou prevista para o inicio da actividade.

2. As ditas solicitudes formularanse no modelo normalizado que figura como anexo I da presente ordenanza,

3. Xunto coa referida solicitude, o solicitante presentará a seguinte documentación:

a) Copia do DNI, pasaporte ou NIE para os cidadáns comunitarios, ou NIE e permiso de traballo para os cidadáns non comunitarios.

b) Dúas fotografías tamaño carné do titular e/ou do traballador autorizado pola sociedade que exercerá a actividade comercial.

c) UN compromiso asinado, segundo o modelo que figura como anexo II da presente ordenanza, na que manifeste:

- O cumprimento dos requisitos establecidos.

- Estar en posesión da documentación que así o acredite a partir do inicio da actividade.

- Manter o seu cumprimento durante o prazo de vixencia da autorización.

- Estar dado de alta na epígrafe correspondente do imposto de actividades económicas e estar ao corrente no pago da tarifa ou, en caso de estar exentos, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios.

- Estar ao corrente no pago das cotizacións da Seguridade Social.

- Os prestadores procedentes de terceiros países deberán acreditar o cumprimento das obrigacións establecidas na lexislación vixente en materia de autorizacións de residencia e traballo.

- Reunir as condicións esixidas pola normativa reguladora do produto ou produtos obxecto da venda ambulante ou non sedentaria.

- Ter subscrito póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra calquera clase de risco derivado do exercicio da súa actividade comercial.

- Declaración expresa de que o solicitante coñece a normativa sectorial aplicable no termo municipal.

4. A circunstancia de estar dado de alta e ao corrente do pago do imposto de actividades económicas ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios, deberá ser acreditada, a opción do interesado, ben por el mesmo, ben mediante autorización ao concello para que verifique o seu cumprimento.

Artigo 9. Contido da autorización

A autorización municipal de exercicio da venda ambulante terá como mínimo o seguinte contido:

a) Nome e apelidos ou denominación social, domicilio e DNI/CIF do titular da autorización.

b) Modalidade de venda ambulante que se autoriza.

c) Determinación dos artigos que poden ser obxecto de comercialización.

d) Determinación da localización e dimensións do posto, así como os lugares ou itinerario, días, horario e frecuencia para os que se autoriza o exercicio da venda ambulante.

e) Determinación do número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia do titular da autorización.

f) Referencia á obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina do mercado e a protección do consumidor.

g) Condicións particulares ás que, de ser o caso, quede suxeito o titular da autorización.

h) Período de vixencia da autorización.

Artigo 10. Concesión das autorizacións

1. As autorizacións, que serán concedidas pola Alcaldía, sen prexuízo do réxime de delegacións, están suxeitas á comprobación polo Concello do cumprimento polo peticionario dos requisitos esixidos nesta esta ordenanza.

2. A concesión das autorizacións efectuaranse seguindo os seguintes criterios:

a. Terán prioridade aquelas solicitudes nas que as actividades sexan novas ou pouco desenvoltas nos mercados.

b. Cando non existan actividades contempladas no anterior punto ou non se dispoña de espazo para atender a tódalas solicitudes, o procedemento para a concesión de autorización será o seguinte:

-Durante a primeira quincena de cada ano publicarase un anuncio no taboleiro de edictos do Concello e na páxina web municipal cos postos de venta ambulante que quedaron libres na anualidade anterior e que se consideran necesario cubrir. Os interesados terán un prazo de quince días para presentar a correspondente solicitude e, a adxudicación da autorización tramitarase a través do procedemento de concorrencia competitiva que se estableza en cada momento.

3. Non se concederá máis dunha autorización ao nome dunha mesma persoa física ou xurídica.

4. Antes da adxudicación nun mercado periódico dun posto a un novo titular, deberán resolverse as peticións de traslado ou permuta de postos que formulen os vendedores xa situados, evitándose, en todo caso, a concentración de postos dun mesmo tipo e debendo constar, no caso das permutas, o consentimento dos titulares do posto obxecto desta.

5. Os comerciantes que solicitasen un posto nun mercado periódico e non se lle concedeu pasarán a formar parte dunha bolsa para cubrir de forma provisional as baixas que se produzan. Bolsa que se creará segundo o indicado no punto 2 deste artigo.

Artigo 11. Obrigas dos titulares da autorización

1. Son obrigas dos titulares das autorizacións para o exercicio da venda ambulante, así como calquera persoa que ocupe a vía pública para a venda, as seguintes:

- Pagar as taxas correspondentes ao aproveitamento especial da vía pública.

- Ter exposta para o público e para as autoridades que realicen actuacións inspectoras, en forma facilmente visible, a autorización municipal e un enderezo para a recepción das posibles reclamacións durante o exercicio da actividade.

No caso de venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda e de postos desmontables cubertos, a identificación e o domicilio do comerciante deberá figurar tamén nas portas ou bandas laterais daqueles, ben sexa impresos directamente ou mediante carteis adheridos, e coas dimensións e carácteres necesarios para que resulten perfectamente visibles para o público.

- Colocar nun lugar visible para os consumidores a lista de prezos.

- Acatar as ordes da autoridade municipal ou da persoa encargada da boa orde de desenvolvemento da actividade, facilitando toda a documentación que lle sexa requirida.

Exercer pública e pacificamente a actividade sen producir molestias á veciñanza. Queda prohibido usar aparellos de megafonía que polo seu volume resulten molestos, segundo o establecido na normativa sobre contaminación acústica vixente.

- Exercer a actividade ou vender exclusivamente os produtos ou xéneros para os que fosen autorizados.

- De utilizaren pesas ou medidas, telas debidamente homologados pola autoridade competente.

- Manter as instalacións, postos e demais elementos de venda nas debidas condicións de seguridade, hixiene, conservación e limpeza. Deberán, ao remate da xornada comercial, deixar limpos de residuos os espazos ocupados.

- Mostrar a factura de compra dos produtos cando sexa requirido polas autoridades competentes e amosar os xustificantes do pagamento das taxas aos axentes municipais cando o requiran.

- Deixar limpo de residuos, desperdicios ou envoltorios o espazo do posto concedido.

- Reparar os desperfectos que se ocasionen nos bens de titularidade municipal.

- Observar as normas sanitarias que establezan as disposicións vixentes.

- Cumprir cantas obrigas impoñan as disposicións aplicables por razón da actividade que exerzan, especialmente en materia de disciplina de mercado e comercialización.

- Cumprir as demais disposicións desta ordenanza.

Artigo 12. Permuta de postos

Nos mercados periódicos e ocasionais poderá ser autorizada polo Concello a permuta de postos por solicitude dos titulares das correspondentes licenzas ou autorizacións, solicitude que se presentará por escrito ao Concello, asinada por ambos os interesados, e que non producirá efecto ata que non conte coa debida aprobación municipal e abono, no seu caso, da taxa correspondente.

Artigo 13. Revogación das autorizacións

As autorizacións para o exercicio da venda ambulante poderán ser revogadas polo Concello cando se considere conveniente en atención á desaparición das circunstancias que as motivaron, sen que isto dea lugar a indemnización ou compensación ningunha, agás á devolución da parte proporcional das taxas pagadas, cando corresponda.

Son causas de revogación da autorización, previa audiencia do titular e resolución da Alcaldía, seguindo o procedemento determinado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre outras as seguintes:

a) A desaparición das circunstancias que motivaron o seu outorgamento ou a aparición doutras que, de existiren, xustificarían a súa denegación.

b) A concorrencia de causas de utilidade pública ou interese xeral, tales como a execución de obras ou reestruturación dos emprazamentos nos que se sitúe o mercado, ou por incompatibilidade sobrevinda da instalación con outros servizos e obras que se estean executando na zona.

c) A supresión do propio mercado ou feira ou redución da súa capacidade.

d) O incumprimento das condicións fixadas na licenza que dean lugar á súa revogación, previa tramitación do expediente administrativo, dándolle audiencia ao interesado.

e) A non utilización do posto durante 3 días consecutivos ou 8 alternos nun ano, sen causa xustificada, no caso dos mercados periódicos.

f) A reiterada falta de limpeza do posto e do seu entorno, unha vez finalizado o mercado.

g) A ocupación do posto por algunha persoa non autorizada conforme ao disposto nesta ordenanza.

Artigo 14. Extinción das autorizacións

As autorizacións para a venda ambulante extinguiranse polas seguintes causas:

a) A finalización do período polo que se autoriza a venda, sen prexuízo da posibilidade de renovación, cando as circunstancias e o tipo de venda ambulante así o permitan.

b) A renuncia ou abandono por parte do titular.

c) A imposición dunha sanción pola comisión dunha infracción clasificada como moi grave.

d) A morte do titular da licenza, podendo, neste caso, concederse unha nova licenza aos seus familiares en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, polo tempo que quede ata completar o período autorizado, dándolles preferencia a aqueles que colaboraran co titular.

e) A extinción da personalidade xurídica da entidade ou sociedade titular da licenza, podendo neste caso concederse unha nova licenza, polo tempo que restase, a calquera dos seus socios integrantes, que deberá, en todo caso, reunir os requisitos esixidos para o exercicio da venda ambulante.

f) A constitución por parte do titular, por si só ou con terceiros, dunha entidade ou forma asociativa cuxa finalidade sexa o exercicio da venda ambulante, podendo neste caso concederse unha nova licenza polo tempo que restase, á nova persoa resultante, que deberá cumprir os requisitos esixidos para o exercicio da venda ambulante

Artigo 15. Competencias inspectoras

A Administración galega, a través da dirección competente en materia de comercio, e os concellos, no exercicio das súas funcións de vixilancia, poderán inspeccionar os produtos, actividades, instalacións e establecementos comerciais, así como recabar das súas persoas titulares canta información resulte necesaria, co fin de garantir o cumprimento da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e da presente ordenanza.

O exposto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias inspectoras noutros ámbitos sectoriais nos que, en razón á materia, outros departamentos da Xunta de Galicia resulten competentes.

O Concello vixiará o debido cumprimento do establecido nas autorizacións por parte dos seus titulares. A Policía Local velará polo mantemento da orde e polo cumprimento do disposto nesta ordenanza e na restante normativa aplicable.

Artigo 16. Infraccións

No marco da presente ordenanza, constitúen infraccións administrativas as accións ou omisións que afecten ao exercicio da venda ambulante, das tipificadas nos artigos 104, 105 e 106 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

As referidas infraccións, que se clasifican en leves, graves e moi graves, serán obxecto de sancións administrativas, previa instrución do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 17. Reincidencia

Entenderase por reincidencia a comisión, no período dun ano, de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así fose declarada por resolución firme.

Malia isto, para cualificar unha infracción como moi grave só se atenderá á reincidencia en infraccións graves, e a reincidencia en infraccións leves só determinará que unha infracción deste tipo sexa cualificada como grave cando se incorrese en máis de dúas infraccións de carácter leve, cando así fose declarado por resolución firme.

Artigo 18. Prescrición das infraccións

As infraccións reguladas na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia prescribirán aos tres anos, as cualificadas como moi graves; aos dous anos, as cualificadas de graves e aos seis meses, as cualificadas como leves.

Estes prazos contaranse a partir da realización do acto sancionable ou do remate do período de comisión se se tratase de infraccións continuadas.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador. O prazo de prescrición volverá a correr en caso de que o expediente sancionador estea paralizado durante máis de un mes por causa non imputable á persoa presuntamente infractora.

Artigo 19. Sancións

As infraccións sinaladas darán lugar ás seguintes sancións:

1. Apercibimento á persoa infractora

2. Multa

3. Incautación e perda da mercadoría

4. Peche do establecemento ou suspensión da actividade comercial da que se trate por prazo non superior a un ano.

Artigo 20. Contía das multas

- As infraccións leves serán sancionadas cun apercibimento ou unha multa de ata 500 euros.

- As infraccións graves, cunha multa de 501 ata 5000 euros.

- As infraccións moi graves, cunha multa de 5001 ata 100000 de euros

Artigo 21. Graduación

Para a graduacións das infraccións e sancións aplicables terase en conta a transcendencia social da infracción, a natureza dos danos causados, o volume da facturación a que afecta, o grao de voluntariedade ou intencionalidade da persoa infractora, a contía do beneficio obtido, a capacidade ou solvencia económica da empresa, o prazo de tempo durante o que se cometeu a infracción e a reincidencia.

Artigo 22. Competencia sancionadora

A competencia para iniciar os procedementos sancionadores derivados das infraccións tipificadas na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, corresponderalle a quen ostente a titularidade das respectivas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de comercio.

Sen embargo, a dita competencia corresponderalle á dirección xeral competente en materia de comercio no caso de infraccións administrativas que afecten ao ámbito territorial de dúas ou máis provincias da Comunidade Autónoma galega.

A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores corresponderalle:

- Nos supostos de infraccións moi graves, ao Consello da Xunta de Galicia.

- Nos supostos de infraccións graves, a quen ostente a titularidade da consellería competente en materia de comercio.

- Nos supostos de infraccións leves, á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de comercio, cando afectaran unicamente ao seu ámbito territorial, e á persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio nos casos de infraccións que afectaran ao ámbito territorial de dúas ou máis provincias do territorio galego.

As infraccións tipificadas no artigo 105.a.1 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, no tocante á licenza municipal de apertura e no apartado d do mesmo precepto, relativo á venda ambulante ou non sedentaria, sancionaranse polas persoas titulares das alcaldías, de conformidade co previsto na mencionada lei.

DISPOSICIÓN FINAL PRIMEIRA

As normas contidas nesta ordenanza son complementarias, neste municipio, á Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia e ao Real decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria. Así mesmo, tivéronse en conta os principios da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA

Tramitación.- Unha vez sexa aprobada inicialmente polo pleno da Corporación, será sometida a información pública polo prazo mínimo de 30 dias para a presentación de reclamacións e suxerencias, de conformidade co artigo 49 da lei 7 /1985, co publicación do texto completo. No caso de que non se presentara ningunha reclamación entenderase definitivamente adoptado o acordo ata entonces provisional.

ANEXOS

ANEXO I. SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN DE VENDA AMBULANTE NO MUNICIPIO DE CARNOTA

1. Solicitante

Nome e apelidos ou razón social:

DNI/CIF/NIE/Pasaporte:

Nacionalidade:

Enderezo:

Municipio:

CP e provincia:

Teléfono:

Correo electrónico:

2. Representante

Nome e apelidos:

DNI/NIE/Pasaporte:

Nacionalidade:

Enderezo:

Municipio:

CP e provincia:

Teléfono/s:

Correo electrónico:

3. Modalidade de venda e emprazamento para o que se solicita a autorización

 

4. Datos da actividade da venda ambulante solicitada

Días e horario solicitado:

Descrición dos produtos ou artigos de venda:

Descrición das instalacións (medidas e estrutura). No caso de camión ou vehículo tenda, matrícula, marca, modelo e cor:

5. Datos da persoa autorizada para a venda

Nome e apelidos:

DNI/NIE/Pasaporte:

Relación familiar ou laboral:

6. Autorización para a verificación de datos (marque o cadro no caso de autorización)

o Autorizo ao Concello de Carnota para comprobar a circunstancia de estar dado/a de alta e ao corrente no pagamento do Imposto de Actividades Económicas ou, de ser o caso, no Censo de Obrigados Tributarios

7. Documentación que se achega coa solicitude

o Copia compulsada do DNI/NIE/Pasaporte

 

o Permiso de traballo (só para estranxeiros/as non comunitarios/as)

 

o Dúas fotografías tamaño carné do titular e/ou traballador autorizado

 

o Declaración responsable

 

o Xustificante de estar dado de alta no epígrafe correspondente do Imposto de Actividades Económicas ou, no caso de estar exentos, estar dado de alta no Censo de Obrigados Tributarios

 

o Só para as persoas xurídicas: o CIF, a acta de constitución, os estatutos e a escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa

 

Carnota, de de 20

 

Asdo.: ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.

 

ALCALDE DO CONCELLO DE CARNOTA

ANEXO II. DECLARACIÓN E COMPROMISO PARA SOLICITAR UNHA AUTORIZACIÓN DE VENDA AMBULANTE

NO MUNICIPIO DE CARNOTA

 

 

1. Solicitante

Nome e apelidos ou razón social:

DNI/CIF/NIE/Pasaporte:

Nacionalidade:

Enderezo:

Municipio:

CP e provincia:

Teléfono:

Correo electrónico:

2. Representante

Nome e apelidos:

DNI/NIE/Pasaporte:

Nacionalidade:

Enderezo:

Municipio:

CP e provincia:

Teléfono/s:

Correo electrónico:

3. Declaración e compromiso

 

Declaro que ao inicio da actividade de venda ambulante, para a que solicito autorización, comprométome a estar en posesión da documentación que acredite o cumprimento de todos e cada un dos requisitos esixidos na lexislación vixente e comprométome a manter o cumprimento destes requisitos durante toda a vixencia da autorización:

 

o Estar dado/a de alta na epígrafe correspondente do Imposto de Actividades Económicas e estar ao corrente no pago da tarifa ou, en caso de estar exento, estar dado de alta no Censo de Obrigados Tributarios.

 

o Estar ao corrente no pago das cotizacións da Seguridade Social.

 

o Cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produtos

 

o Estar en posesión, de ser o caso, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos.

 

o Satisfacer as taxas e tributos fixados na correspondente ordenanza municipal

 

o Dispoñer do seguro de responsabilidade civil

 

o No caso de estranxeiros, cumprir coas obrigas establecidas na lexislación vixente en materia de autorizacións de residencia e de traballo

 

Carnota, de de 20

 

Asdo.: ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza non dispón a súa entrada en vigor, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."