Sada - ORDENANZA XERAL DE LIMPEZA E MEDIO AMBIENTE

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 04/01/2005 BOP Nº: 2
Aplicable dende: 24/01/2005

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

 

CAPÍTULO I.

ARTIGO 1.-

Esta ordenanza ten por obxecto a regulación das actividades relativas a:

- Limpeza de vías e espacios públicos.

- Recollida de lixo e residuos sólidos urbanos, o seu transporte ó vertedoiro e, de se-lo caso, o seu tratamento.

- Mantemento e conservación de terreos, edificacións e instalacións de titularidade pública ou privada en boas condicións estéticas, de salubridade e de seguridade.

- Medidas de protección do medio ambiente natural e urbano.

 ARTIGO 2.-

No non regulado expresamente na presente ordenanza será de aplicación o disposto na Lei 10/97 de 22 de agosto, de Residuos sólidos urbanos de Galicia; na Lei 10/98 de 21 de abril, de Residuos e na Lei 1/1995 de 2 de xaneiro de Protección ambiental de Galicia.

CAPÍTULO II.- DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA.

ARTIGO 3.-

1.- A limpeza da vía pública, rúas, glorietas, prazas, zonas axardinadas e espacios públicos en xeral, así como a dos mercados na vía pública, praias, e a recollida dos residuos procedentes da mesma será realizada pola Administración Municipal, ben directamente ou a través das empresas concesionarias do servicio, coa frecuencia e a través das formas que determine o Concello.

2.- A limpeza das rúas e solares de dominio privado deberá efectuarse polos seus propietarios.

 ARTIGO 4.-

1.- Corresponderá ós propietarios ou no seu caso ós habitantes dos inmobles, manter limpos os patios de luces.

2.- Queda expresamente prohibido que as persoas que realicen a limpeza de locais, portais ou edificios arroxen ás beirarrúas ou á calzada os restos que barran dos interiores.

3.- Igualmente queda prohibido baldear a vía pública con auga, xabón ou lixivia da limpeza de interiores.

4.- Prohíbese o depósito en pozos, rexistros e rede de saneamento de calquera producto resultante da limpeza urbana.

 ARTIGO 5.-

1.- A limpeza de solares corresponderá ós propietarios dos mesmos, sen prexuízo da obriga de proceder ó seu valado na forma en que regulamentariamente se estableza nas Ordenanzas Municipais.

2.- Dende os solares particulares, non pode sobresaír á vía pública ningunha clase de vexetación ou maleza.

3.- O Concello poderá ordenar, de oficio ou por solicitude de calquera persoa interesada, a execución das obras ou traballos necesarios para repoñer ou conservar aquelas condicións, co sinalamento do prazo de realización e coa advertencia de execución subsidiaria polo propio Concello e a cargo do obrigado.

 ARTIGO 6.-

1.- Prohíbese arroxar á vía pública todo tipo de residuos como colillas, cáscaras, papeis ou calquera outro desperdicio similar. Os que transiten polas rúas, prazas, xardíns e outros espacios libres públicos e quixeran desprenderse de residuos de pequena entidade, como os anteriormente mencionados, utilizarán as papeleiras instaladas a tal fin.

2.- Os usuarios deberán absterse de toda manipulación sobre as papeleiras; movelas, envorcalas ou arrancalas, así como calquera outro acto que deteriore a súa presentación ou as faga inutilizables para o uso a que están destinadas.

3.- A instalación, mantemento e reposición de papeleiras realizarase ben pola Administración Municipal ou mediante concesión administrativa por unha empresa privada.

4.- Os danos causados ás papeleiras, que signifiquen a necesidade da súa reposición, serán sufragados polos que os ocasionasen, sen prexuízo das sancións reflexadas na presente ordenanza.

5.- Os danos que se causen en árbores ou en outro mobiliario urbano, serán así mesmo sufragados polas persoas que os tivesen ocasionado, independentemente das sancións que lles correspondan de acordo a esta ordenanza.

 ARTIGO 7.-

Queda prohibido realizar calquera operación que poida ensuciar as vías e espacios libres públicos e de forma especial:

a) Lavar ou limpar vehículos, así como cambiar ós mesmos o aceite e outros líquidos.

b) Manipular ou seleccionar lixos ou residuos urbanos, producindo a súa dispersión, dificultando a súa recollida ou alterando os seus envases.

c) Sacudir prendas ou alfombras na vía pública ou sobre a mesma, dende os edificios.

d) Ter a roupa tendida á vía pública, sen prexuízo da prohibición xenérica de instalar tendedeiros nas fachadas dos inmobles.

e) Satisface-las necesidades fisiolóxicas na vía pública.

 ARTIGO 8.-

1.- Queda prohibido repartir ou lanzar carteis, folletos ou follas soltas, ensuciando os espacios públicos.

2.- Terán a condición de actos independentes a efectos de sanción cada actuación separada no tempo e no espacio, contraria ó establecido no número anterior, sendo responsables da infracción aquelas persoas físicas ou xurídicas que promovan ou xestionen a publicidade, e, no seu defecto e salvo proba en contrario, aquelas a favor das cales se faga a mesma.

 ARTIGO 9.-

1.- Os que estean á fronte de quioscos ou postos autorizados na vía pública, ben sexa situados illados ou en mercadiños, deberán dispor das súas propias papeleiras e están obrigados a manter limpas tanto estas papeleiras como o espacio no que desenrolen o seu cometido e as súas proximidades durante o horario en que realicen a súa actividade e a deixalo no mesmo estado unha vez finalice esta.

2.- A mesma obriga incumbe ós donos de cafés, bares e establecementos análogos, en canto á superficie da vía ou espacio libre que se ocupe con veladores e cadeiras, así como a beirarrúa correspondente á lonxitude da súa fachada, debendo retirar todo tipo de envases, plásticos, papeleiras,e demais obxectos da súa pertenza no momento do peche do establecemento.

No caso de reiteración, ademais das sancións poderá revocarse a licencia ou suspendela polo prazo de un ano.

 ARTIGO 10.-

1.- Terminada a carga e descarga de calquera vehículo con observancia das normas que para tales actividades establece a Ordenanza de Circulación, procederase a limpar as beirarrúas e calzadas que fosen ensuciadas durante a operación, retirando da vía pública os residuos vertidos.

2.- Están obrigados ó cumprimento deste precepto os donos dos vehículos e, subsidiariamente, os titulares dos establecementos ou fincas en que se fixera a carga ou descarga.

 ARTIGO 11.-

O persoal de establecementos ou industrias que utilicen para o seu servicio vehículos e os estacionen na vía pública, deberán limpar debidamente e coa frecuencia necesaria, o espacio ocupado polos mesmos.

ARTIGO 12.-

1.- Os propietarios e conductores de vehículos que transporten terras, escombros, materiais pulverulentos, áridos, formigón, cartóns, papeis ou calquera outra materia similar, terán que tomar cantas medidas sexan precisas para cubrir tales materiais durante o transporte e evitar que, a causa da súa natureza, por efecto da velocidade do vehículo ou do vento, caian sobre a vía pública auga, po ou parte dos materiais transportados.

2.- Nos vehículos que se utilicen en zona de obras, antes de saír á vía pública, deberá procederse ó lavado dos baixos e rodas.

 ARTIGO 13.-

As obras nas que se produzan cantidades de escombros superiores a 1 m3, terán que utilizar para o seu almacenamento na vía pública contedores adecuados, para o que se contará coa preceptiva licencia municipal.

 ARTIGO 14.-

1.- As persoas que conduzan cans ou outros animais polas vías ou espacios públicos, ademais de levalos atados e con buceira e cumprir os demais requisitos establecidos nas disposicións legais vixentes, deberán obrigatoriamente recoller e limpar as súas dexeccións. O Concello poderá establecer zonas onde levar a cabo as mesmas.

2.- No caso de que as dexeccións queden depositadas nas beirarrúas, xardíns ou outras zonas destinadas ó tránsito peonil, a persoa que conduza ó animal está obrigada á súa limpeza inmediata, e deberá deposita-los restos en papeleiras ou en contedores de lixo.

3.- Queda totalmente prohibido o acceso dos cans ás praias na época de verán dende o 1 de maio ata o 15 de outubro, podendo a Alcaldía establecer calquera outra prohibición ou limitación que por razóns hixiénico-sanitarias sexan procedentes.

4.- Serán sancionadas as persoas que alimenten animais na vía pública con gran cantidade de comida.

TÍTULO II.- RECOLLIDA DE RESIDUOS SÓLIDOS.

 

CAPÍTULO I.- NORMAS XERAIS.

ARTIGO 21.-

A recollida de residuos sólidos será establecida polo Concello, cos itinerarios, frecuencia e horario que se consideren oportunos, e prestarase, ben directamente pola Administración Municipal ou a través de concesión administrativa.

 ARTIGO 22.-

1.- Da recepción de residuos sólidos urbanos farase cargo o persoal do Servicio municipal ou no seu caso da empresa concesionaria.

2.- Ningunha persoa física ou xurídica poderá dedicarse á recollida, transporte ou aproveitamento dos residuos sólidos urbanos, e industriais asimilables ou non asimilables, calquera que sexa a súa natureza (papel, vidro, madeira, plásticos, pilas, baterías), sen a previa concesión ou autorización municipal.

CAPÍTULO II.- RESIDUOS DOMICILIARIOS.

ARTIGO 23.-

1.- Enténdese por residuos domiciliarios os que proceden da normal actividade doméstica, así como os producidos en establecementos comerciais que pola súa natureza e volume sexan asimilables ós anteriores.

2.- O Concello disporá que en todo o Municipio ou en sectores ou zonas determinadas, se presenten por separado ou se depositen en recipientes especiais aqueles residuos susceptibles de distintos aproveitamentos, tales como papel, cartón, vidro, latas, pilas, etc.

3.- Será obriga do servicio municipal de recollida ou da empresa concesionaria, o baleirado dos contedores propios do servicio de limpeza que se utilicen para depositar as varreduras e desperdicios procedentes de papeleiras.

4.- Prohíbese a utilización por parte dos particulares dos contedores propios do servicio de limpeza.

 ARTIGO 24.-

1.- O depósito dos residuos domiciliarios farase obrigatoriamente no tipo de recipiente normalizado que en cada caso sinale o Concello e que serán subministrados por este en número suficiente para atender as necesidades dos habitantes, previo informe das necesidades reais. Os comerciantes que polo volume de lixo precisen un maior número de contedores, deberán adquiri-los pola súa conta, si ben deberán ser homologados polo Concello.

2.- Os usuarios de tales recipientes teñen a obriga de conservalos en adecuadas condicións de hixiene, non podendo ser lavados na vía pública.

3.- As operación de lavado e limpeza que, no seu caso esixan os recipientes normalizados, serán efectuados periodicamente polo Concello ou empresa concesionaria do servicio, agás nos casos de contedores individuais que deberán ser lavados e mantidos en bo estado polos usuarios dos mesmos.

4.- Os titulares dos establecementos que manexen ou utilicen productos perecedoiros deberán depositalos, sempre dentro de bolsas, en contedores individuais non podendo usar os comunitarios.

5.- As caixas de cartón de grandes dimensións deben ser fraccionadas e empaquetadas correctamente antes de introduci-las no contedor normalizado co fin de que ocupen o menor espacio posible.

 ARTIGO 25.-

1.- Nas zonas nas que existan recipientes normalizados, os veciños depositarán neles os residuos, e o persoal do vehículo colector baleirará o contido dos recipientes no camión e depositaraos baleiros onde se encontraban.

2.- Nun e noutro suposto, a lixo e desperdicios depositaranse en bolsas perfectamente cerradas e sen líquidos, non podendo deixarse nos contedores antes das 20:00 horas.

ARTIGO 26.-

1.- Os contedores estarán situados na vía pública, naqueles lugares que se determinen pola Administración Municipal.

2.- No suposto de que os establecementos comerciais xeneren un elevado número de residuos asimilables a urbanos, o Concello poderalles esixir que instalen, ó seu cargo, un sistema de compactación previo dos residuos que se depositarán nos contedores normalizados.

 ARTIGO 27.-

1.- Nos centros públicos ou privados, mercados, galerías de alimentación, centros sanitarios, etc., a recollida efectuarase polo servicio municipal ou empresa concesionaria

2.- Os productores e posuidores de residuos sólidos urbanos deberán dispolos para a súa recollida no tipo de recipiente normalizado que en cada caso sinale o Concello en atención á natureza dos refugallos, ás características do sector ou vía pública e á planificación do servicio.

3.- O Concello adquirirá a propiedade do lixo dende a súa entrega e recollida, calquera que sexa a forma da prestación do servicio.

CAPÍTULO III.- RESIDUOS INDUSTRIAIS.

ARTIGO 28.-

Serán considerados residuos industriais especiais aqueles que polas súas características non poidan ser clasificados como inertes ou asimilables ós residuos urbanos e en xeral os que presenten un risco potencial para a saúde pública ou o medio ambiente.

 ARTIGO 29.-

Os productores e posuidores de residuos industriais especiais, estarán obrigados á adopción de cantas medidas sexan necesarias para asegurar que o transporte, tratamento, eliminación, ou, no seu caso, aproveitamento dos mesmos, se realice sen risco para as persoas

 ARTIGO 30.-

1.- Para desfacerse dos residuos industriais será necesaria a correspondente autorización municipal, indicándose á vista da natureza e características dos mesmos, o lugar para a súa eliminación ou aproveitamento.

2.- Os productores de residuos que poidan resultar tóxicos ou perigosos, deberán previo á súa recollida, realizar un tratamento para eliminar ou reducir a súas características, así como adoptar as medidas para asegurar o seu traslado.

 ARTIGO 31.-

1.- Estes residuos deberán ser depositados en vertedoiros de seguridade ou eliminados da forma que legalmente corresponda segundo a súa natureza.

2.- A xestión dos residuos de orixe industrial que teñan a consideración legal de tóxicos ou perigosos deberase facer a través dunha empresa debidamente autorizada e de conformidade coas disposicións da normativa correspondente.

CAPÍTULO IV.- RESIDUOS ESPECIAIS. TERRAS E ESCOMBROS.

ARTIGO 32.-

1.- Queda terminantemente prohibido depositar nos recipientes normalizados os escombros procedentes de calquera clase de obras.

2.- Poderá autorizarse o vertido de escombro non asimilable nos terreos que propoña o solicitante sempre que se trate de material inerte, exista estudio de impacto ambiental e conte co informe favorable dos técnicos municipais.

3.- Nos supostos de utilización de escombro ou terras para recheos ou utilización en terreos particulares, deberá solicitarse previamente a preceptiva licencia municipal, acompañada no seu caso de memoria sobre impacto ambiental.

4.- Queda prohibido acumular productos perecedoiros en solares ou terreos.

 ARTIGO 33.-

1.- Prohíbese depositar na vía pública toda clase de escombros ou restos procedentes de obras de construcción e remodelación de edificios ou de obras realizadas no interior dos mesmos, sexa na súa totalidade ou nalgunha das vivendas.

ARTIGO 34.-

1.- Os residuos e materiais do artigo anterior só poderán almacenarse na vía pública utilizando contedores de obra adecuados.

2.- A colocación de contedores de obra requirirá autorización municipal, previo abono das taxas correspondentes

3.- Os contedores de obra deben estar dotados dos dispositivos adecuados que permitan mantelos cubertos cando non sexan utilizados, para preservar o ornato urbano e evitar que outras persoas arroxen neles lixos domiciliarios ou trastes inútiles.

4.- Cando os contedores de obra se encontren cheos de escombros procederase, nun prazo non superior ás 24 horas, á súa retirada e substitución por outro baleiro. A estes efectos os materiais depositados non poderán rebasar en ningún caso o plano delimitado polas arestas superiores do contedor, estando prohibido o uso de suplementos ou engadidos para aumenta-la capacidade do recipiente.

En caso de incumprimento, o Concello poderá retira-lo contedor, que unha vez baleiro quedará en depósito ata a súa devolución previo pago dos custos a que ascenda a retirada, transporte e vertido.

5.- Os contedores deberán ser retirados os venres antes das 20 horas e non poderán ser instalados de novo antes das 8 horas do luns. Caso de que houbera días festivos na semana, tamén deberán ser retirados os contedores.

 MOBLES, ENSERES E OBXECTOS INÚTILES.

 ARTIGO 35.-

1.- Queda prohibido depositar na vía pública obxectos para reserva de espacio.

2.- Queda prohibido o abandono de vehículos nas vías públicas. Entenderase que un vehículo está abandonado:

- Cando o estado de sucidade exterior ou interior indique o abandono.

- Cando teña unha ou mais rodas baixas ou careza dalgunha.

- Cando acumule sucidade baixo o vehículo a consecuencia da inmobilidade.

- Se o vehículo ten cristais rotos, portas abertas, falta de asentos ou outros danos semellantes.

- Cando careza de placas de matrícula.

- Cando o propietario se encontre en paradoiro descoñecido, sen ningún familiar ou apoderado que se faga cargo da retirada.

Cando se xustifique o falecemento do titular con anterioridade polos herdeiros, concederáselle prórroga ata que se resolvan os correspondentes actos xurídicos.

3.- As persoas que desexen desprenderse de tales elementos solicitarano ó Concello que lles indicará data de recollida.

 ANIMAIS MORTOS

 ARTIGO 36.-

1.- As persoas que necesiten desprenderse de animais mortos realizarán os trámites oportunos pola súa conta e de acordo a normativa vixente.

2.- Queda terminantemente prohibido abandonar animais mortos en calquera tipo de terreo ou vía pública.

ARTIGO 37.-

A retirada de animais mortos na vía pública será competencia do servicio municipal de limpeza ou da empresa concesionaria do servicio

 RESIDUOS CLÍNICOS

ARTIGO 38.-

A efectos desta ordenanza considéranse residuos clínicos os procedentes de vendaxes, gasas, algodón, xiringas, restos de medicamentos, e en xeral todo residuo que se produza en clínicas, sanatorios, hospitais, laboratorios e demais establecementos sanitarios de carácter análogo.

 ARTIGO 39.-

1.- Os residuos procedentes de centros sanitarios han de estar debidamente envasados e cerrados utilizando para o caso recipientes normalizados.

2.- En ningún caso se permitirá o depósito ou vertido de materiais radioactivos, nin restos patolóxicos.

3.- Non se autorizará o vertido no Termo Municipal debendo facelo nos lugares autorizados pola Comunidade Autónoma.

 OUTROS RESIDUOS.

 ARTIGO 40.-

Inclúese neste apartado calquera outros residuos non sinalados especificamente entre os especiais ou aqueles que, procedendo de actividades comerciais , esixan unha recollida, transporte ou tratamento selectivo por razón das condicións anormais en que os mesmos se puideran atopar.

 ARTIGO 41.-

Non se permitirá o vertido de productos químicos, materias graxas, oleaxinosas, líquidos e calquera outro material non asimilable ou que sexa propio de vertedoiros industriais ou especiais.

 ARTIGO 42.-

Para o baleirado de fosas sépticas será obrigatorio o permiso municipal previo pago das taxas correspondentes. Informaráselle detalladamente ós interesados das dilixencias a realizar para tal fin.

TÍTULO III.- MEDIO NATURAL FORESTAL.

 

CAPÍTULO I.- PROTECCIÓN DO MEDIO NATURAL FORESTAL.

ARTIGO 43.-

1.- Os titulares dos terreos agrícolas e forestais deberán mantelos en condicións de limpeza e hixiene adecuadas á súa natureza, e libres de silvas, mato e broza que poidan se-la orixe ou facilita-la propagación de incendios. Esa obriga deberá ser especialmente observada ó chega-la época de máximo perigo de lume forestal sinalada pola Consellería de Medio Ambiente.

2.- O Concello poderá ordenar, de oficio ou por solicitude de calquera persoa interesada, a execución dos traballos necesarios para repor ou conserva-las condicións de limpeza citadas co sinalamento dun prazo de realización e coa advertencia de execución subsidiaria polo propio Concello a cargo do obrigado, tal e como establece a Ordenanza de limpeza de predios aprobada polo Pleno o 23-8-2001.

 ARTIGO 44.-

O incumprimento do deber regulado no artigo anterior comportará a iniciación do correspondente expediente sancionador, coa imposición da multa que corresponda segundo a lexislación aplicable e sen prexuízo das responsabilidades nas que poida incorre-lo responsable no caso de que chegue a declararse o lume.

 ARTIGO 45.-

En terreos forestais e agrícolas está prohibido botar:

a) Mistos prendidos ou cigarros sen apagar

b) Lixos, cristais, restos industriais ou calquera clase de obxecto que comporte perigo de lume forestal

c) Foguetes, globos ou calquera outro trebello que conteña lume ou poida orixinalo, a non ser nas festas locais e sempre coas debidas precaucións e con autorización municipal e comunicación ó servicio de defensa contra incendios forestais da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente.

 ARTIGO 46.-

1.- Na época de máximo perigo de lume forestal declarada pola Consellería competente, está prohibido prender lume ó aire libre en calquera clase de terreos forestais ou agrícolas.

2.- Os excursionistas e grupos de acampada soamente poderán facer lume nas lareiras preparadas para esa finalidade ou en lugares sen risco de propagación. Neste caso adoptarán as máximas precaucións e farán sempre a fogueira no centro dun círculo de 5,00 m de radio espido de vexetación. Aseguraranse da total extinción do lume denantes de abandonar o lugar.

 ARTIGO 47.-

1.- Fóra da época de máximo perigo, para a utilización do lume en traballos agrícolas e forestais será de cumprimento obrigatorio:

a) A comunicación previa ó servicio de defensa contra incendios forestais, coa antelación mínima dun día, cando se trate de residuos agrícolas amoreados.

b) A autorización previa do servicio de defensa contra incendios forestais, que se solicitará con antelación mínima de dous días, cando se trate de calquera outro tipo de queima, tales como residuos forestais, queimas controladas de mato ou pastos, etc.

2.- As queimas autorizadas deberanse facer sempre con suxeición ás normas dictadas polo Servicio de defensa contra incendios forestais, e en concreto:

a) O lume non se poderá iniciar antes de saír o sol e deberá quedar totalmente extinguido dúas horas antes do solpor.

b) Denantes do inicio do lume farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de alomenos 5,00 m de ancho arredor do perímetro no que se vai queimar.

c) Non se poden facer queimas en días de vento, e se este se levantase trala iniciación da queima suspenderase inmediatamente a operación.

d) Non se pode deixar a vixilancia da zona queimada ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se rexistrasen lapas ou brasas.

e) Deberase contar con persoal e material abondo para o seu debido control.

 ARTIGO 48.-

1.- Calquera persoa que advirta a existencia ou iniciación dun lume forestal está obrigada a intentar apagalo coa máxima rapidez se as condicións o permiten e, en todo caso, a informar o máis lixeiro posible ós axentes da autoridade máis próximos.

2.- As persoas que requiridas para iso pola autoridade competente ou polos seus axentes se neguen ou resistan sen causa xustificada a colaborar con eles na extinción dun lume forestal serán denunciadas e sancionadas de conformidade co que dispón a lei.

 ARTIGO 49.-

1.- Se con motivo dos traballos de extinción de lumes forestais fose preciso, a criterio da autoridade que os dirixa, entrar en terreos forestais e agrícolas ou utilizar os camiños existentes e realizar neles traballos, como por exemplo, abrir devasas de urxencia ou anticipa-la queima, mediante cortalumes, de determinadas áreas que se xulgue que van a ser consumidas polo incendio, poderanse facer todas esas operacións aínda cando non se poida contar coa autorización dos donos dos terreos. Nestes casos informarase o máis axiña posible á autoridade xudicial para os efectos legais procedentes.

2.- Tamén se poderán utilizar as augas públicas e privadas nas cantidades que sexan precisas para a extinción do lume, aínda que neste último caso se opoña o seu titular.

 ARTIGO 50.-

Será necesaria a licencia municipal, sen prexuízo das outras autorizacións administrativas que fosen procedentes de conformidade coa lexislación específica aplicable, para a realización da corta de árbores ou especies que estean integradas en masas e espacios boscosos, arbóreos e parques.

TÍTULO IV.- RÉXIME SANCIONADOR.

 

CAPÍTULO I.- NORMAS XERAIS.

ARTIGO 51.-

1.- O servicio de inspección e os axentes da Policía Municipal denunciarán cantas infraccións se produzan en relación coas normas da presente Ordenanza.

2.- Igualmente haberá de denuncia-las infraccións o persoal da empresa concesionaria, nos supostos de xestión indirecta do servicio.

3.- Toda persoa natural ou xurídica poderá denunciar ante o Concello as infraccións da presente Ordenanza.

 ARTIGO 52.-

1.- As responsabilidades derivadas do incumprimento das obrigas sinaladas na presente Ordenanza, serán esixibles non só polos actos propios, senón tamén polos de aquelas persoal de quen se deba responder e polo proceder de animais dos que se fose propietario.

2.- Cando se trate de obrigas colectivas, a responsabilidade será atribuída á respectiva comunidade de propietarios ou habitantes do inmoble cando non estea constituída e, ó efecto, as denuncias formularanse contra a mesma, ou no seu caso, a persoa que ostente a súa representación.

3.- Cando se trate de depósito de lixo ou de sacudida de alfombras ou prendas á vía pública fora de hora e non se poida detectar o infractor exacto do edificio, notificaráselle ó Presidente da Comunidade de Veciños, e poderá responsabilizarse á comunidade da infracción, caso de non comunicar o nome e domicilio do infractor.

 ARTIGO 53.-

1.- Considéranse infraccións administrativas en relación cas materias á que se refire esta Ordenanza, os actos ou omisións que contraveñan o establecido nas normas que integren o seu contido.

2.- As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves, conforme se establece nos artigos seguintes.

CAPÍTULO II.- PROCEDEMENTO SANCIONADOR E SANCIÓNS.

ARTIGO 54.-

1.- Para impor unha sanción derivada dunha infracción recollida na presente Ordenanza, deberá incoarse o oportuno expediente sancionador, que se tramitará conforme ó Real Decreto 1398/1993 de 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento sancionador para o exercicio da potestade sancionadora.

2.- Compete á Alcaldía a imposición das sancións previstas na presente Ordenanza.

 ARTIGO 55.-

1.- Considéranse infraccións Leves:

a) A falta de limpeza das rúas particulares ou outros espacios libres do mesmo carácter.

b) A falta de limpeza nos solares.

c) Arroxar desperdicios á vía pública, así como realiza-las operacións prohibidas no artigo 7, agás cambia-lo aceite e outros líquidos ós vehículos.

d) O incumprimento das disposicións en materia de limpeza, nos suposto do artigo 9.

e) Non manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles dende a vía pública.

f) Expoñer alimentos ou outros productos comerciais na vía pública ou vehículos.

g) Deixar na vía pública residuos procedentes da limpeza de escaparates, portas ou toldos de establecementos comerciais.

h) Resgar, ensuciar ou arrancar carteis ou anuncios colocados nos lugares ou emprazamentos autorizados.

i) En relación cos contedores e cubos normalizados, a falta de coidado cos mesmos, colocalos na vía pública ou retiralos fóra do tempo establecido, utilizar outros distintos ós autorizados ou sacar lixo que os desborde.

j) Deposita-lo lixo ou desperdicios sen bolsa nos contedores ou na vía pública.

k) Utilizar os contedores do Servicio de limpeza para deposita-los residuos domiciliarios.

2.- Considéranse infraccións Graves:

a) A reincidencia en tres infraccións leves.

b) Cambia-lo aceite e outros líquidos ós vehículos na vía e espacios libres públicos.

c) Realizar actos de propaganda mediante reparto, lanzamento de carteis, follas soltas, etc., que ensucien os espacios públicos.

d) Omitir as operacións de limpeza despois da carga ou descarga de vehículos ou incumprir as obrigas do artigo 11.

e) Incumprir as normas relativas á retirada de escombros procedentes de obras nas vías públicas que sinala o artigo 13.

f) A non recollida inmediata dos excrementos evacuados polo animal nas vías públicas.

g) Colocar carteis en lugares non permitidos e realizar inscricións ou pintadas.

h) Usar indebidamente ou danar os contedores subministrados polo Concello, así como causar deterioro ás papeleiras.

i) Abandonar mobles ou enseres na vía ou espacios públicos.

j) Abandonar cadáveres de animais, ou a súa inhumación en terreos de dominio público.

k) Abandonar vehículos nas vías públicas.

l) Levar cans ou outros animais ás praias.

m) Alimentar ós animais na vía pública.

3.- Considéranse infraccións Moi Graves:

a) Reincidencia en dúas faltas graves.

b) Dedicarse á recollida, transporte ou aproveitamento de residuos sen a debida autorización.

c) Non proporcionar ó Concello os datos relativos á natureza dos residuos ou facilitar información falsa sobre os mesmos.

d) Non retirar os contedores de obras no prazo establecido.

e) Vertido de lixo e residuos sólidos en lugares non autorizados.

f) Queimar lixo.

g) Depositar residuos clínicos no termo municipal.

 ARTIGO 56.-

Como contía das sancións fíxanse as seguintes:

a) Faltas Leves: apercibimento e multas de 30 a 90 Euros.

b) Faltas Graves: multas de 90,01 a 600 Euros.

c) Faltas Moi Graves: multas de 600,01 a 3000 Euros. Nos supostos de reincidencia nestas faltas, imporanse as sancións previstas na Lei 10/1998 de 21 de abril, de Residuos.

 ARTIGO 57.-

Para determina-la contía da sanción atenderase ás circunstancias concorrentes nos feitos que a motivaron, tales como natureza da infracción, grao de intencionalidade e reincidencia, así como aqueles factores que poidan considerarse como atenuantes ou agravantes.

 ARTIGO 58.-

A prescrición das faltas producirase:

a) Infraccións Leves: 3 meses

b) Infracción Graves: 6 meses.

c) Infraccións Moi Graves: 1 ano.

DISPOSICIÓN FINAL.

 A presente Ordenanza, que consta de cincuenta e oito artigos e unha disposición final, entrará en vigor logo de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días a que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.