Teo - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA UTILIZACIÓN DOS SERVIZOS DE CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR
Artigo 1º. Fundamento e natureza
En virtude do artigo 41 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, que aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de Teo impón o prezo público por servizos de conciliacion da vida familiar e laboral. O citado prezo é un recurso público de titularidade municipal e se regulará pola presente Ordenanza Reguladora, polo citado RDL 2/2004, de 5 de marzo, polo Real Decreto 939/2005, de 29 de xullo, Regulamento Xeral de Recadación, e demais normas concordantes.
Artigo 2º.-Servizos que grava o prezo público
O prezo público que regula a presente Ordenanza esíxese pola utilización do servizos de conciliación da vida familiar e laboral do concello de Teo. As condicións nas que se prestan estes servizos recóllense no correspondente regulamento, e son:
1.- Conciliación durante os períodos lectivos.
· Teo madruga
Programa de conciliación da vida laboral e familiar que se desenvolver dende ás 07.30 horas ate o comezo das aulas, durante todos os días do período lectivo do ensino infantil e de primaria. Este servizo consiste:
· Servizo de gardería
· Servizo de almorzo para o alumnado interesado.
· Teo coida
Programa de conciliación da vida laboral e familiar que se desenvolver a partir do remate das aulas, durante a tarde, durante todos os días do período lectivo do ensino infantil e de primaria. Este servizo consiste:
· Servizo de gardería
· Servizo de merenda para o alumnado interesado.
2. Conciliación durante os períodos non lectivos. Diverteo
Os servizos de conciliación teñen un importante cometido durante os períodos non lectivos, xa que deben dar resposta a necesidade de atención que nenos e nenas teñen satisfeita durante o seu período escolar.
Horario entre ás 07.30 horas e as 15.30.
Servizos:
· Atención lúdica
· Servizo de alimentación:
o Almorzo
o Xantar
Programa de conciliación da vida laboral e familiar que se desenvolvera nos seguintes períodos:
· Dende o 1 de setembro ate o inicio das curso escolar
· Durante as vacacións do nadal
· Durante as vacacións de semana santa
· Dende o remate do curso escolar ate o 30 de xuño.
· Do 1 ao 15 de xullo
· Do 16 ao 31 de xullo
· Do 1 ao 15 de agosto
· Do 16 a 31 de agosto
Artigo 3º.- Obrigados ao pagamemto
Están obrigados ao pagamento das cantidades que se establecen como prezo as/os nais/pais dos nenos e das nenas que fagan uso dos servizos sinalados no artigo anterior, no seu defecto, os/as familiares ou titores/as legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.
Artigo 4º. - Criterios e variables para a determinación do importe do prezo público
Para a determinación do importe mensual do prezo público mensual que recolle o artígo 5, teranse en conta os seguintes criterios e variables:
1.- A renda per cápita mensual da unidade familiar, que se computará segundo as seguintes regras:
a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:
1. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.
2. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada, e os que convivan na vivenda familiar e non teñan ingresos.
3. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
b) A renda serán os ingresos totais da unidade familiar do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no que se pretenda que produza efectos. Calcularase como a suma das rendas de cada membro da unidade, e para elo se terán en conta a base impoñible xeral e a base impoñible de aforro da declaración do IRPF correspondente.
Polo tanto, os ingresos totais anuais se acreditarán mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.
c) A renda per cápita anual calculase dividindo os ingresos totais polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por 12.
Artigo 5º.-Importe do prezo público
As tarifas do prezo público para cada servizo e segundo os niveis de renda, son os que se expoñen de seguido:
1) Conciliación durante os periodos lectivos:
· Teo madruga
- O prezo mensual polo servizo de gardería e almorzo é de 50 € por cada usuario ou usuaria ao mes.
- A utilización do servizo de gardería sen almorzo terá un prezo mensual de 40 €.
- No caso de utilización do servizo por días soltos o curso será do 25 %, para cada día, da cota que lle correspondería do prezo mensual para todos os días lectivos
- Usuarios ocasionais, o prezo pola prestacións dos servizos de gardería e almorzo será de 4 € e de 3.5 sen servizo de almorzo. Neste caso non se aplicaran as exencións e bonificación excepto que servizos sociais de Teo, informe de xeito excepcional da incapacidade económica da unidade familiar.
· Teo coida
- A utilización do servizo de gardería terá un prezo mensual de 40 €.
- O prezo mensual polo servizo de gardería e merenda (no caso de necesitar este servizo) é de 50 € por cada usuario ou usuaria ao mes.
- No caso de utilización do servizo por días soltos o curso será do 25 %, para cada día, da cota que lle correspondería do prezo mensual para todos os días lectivos
- Usuarios ocasionais, o prezo pola prestacións dos servizos de gardería será de 3.5 €, e se é con merenda 4 €. Neste caso non se aplicaran as exencións e bonificación excepto que servizos sociais de Teo, informe de xeito excepcional da incapacidade económica da unidade familiar".
2. Diverteo
· O prezo do servizo de Diverteo, que incluíra atención educativa e de tempo libre, almorzo e xantar, será de 9 € diarios. O computo total será a multiplicación desta cifra polo número de días lectivos de cada unha das convocatorias.
· A utilización do servizo completo sen almorzo serán 8.5 € diarios
· A utilización do servizo completo sen xantar 5.5 € ao día.
· A utilización do servizo, sen comedor será de 5 € por día.
Artigo 6º.- Exencións e bonificacións
Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes descontos:
1.- Exencións:
· A emisión dun Informe Social do departamento de servizos sociais que indique a necesidade do servizo sen que haxa posibilidades económicas para abonar o custo do servizo, determinara a bonificación do 100% da cota.
2.- Bonificacións:
· Cando asistan ao mesmo servizo varios irmáns de xeito simultáneo, o segundo irmán e sucesivos terán un desconto dun 25% sobre a cota despois de aplicarlle os descontos correspondentes por razón de renda e por outras circunstancias familiares.
· Cando os usuarios ou usuarias pertenzan a unha unidade familiar que teña unha renda per cápita igual ou inferior ao 50% do IPREM Anual terán dereito a unha bonificación do 50% da cota. Terase en conta o IPREN anual do exercicio ao que corresponda a declaración do IRPF.
· Os usuarios e usuarias que pertenzan a familias numerosas segundo a definición da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas terán unha bonificación do 25% da cota resultante despois de aplicarlle os descontos correspondentes por razón de renda. Esta situación deberá acreditarse mediante a presentación do correspondente título de familia numerosa.
· Os usuarios e usuarias que pertenzan a familias monoparentais segundo a definición da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establecida no apartado c) do artigo 4, terán unha bonificación do 25% da cota resultante despois de aplicarlle os descontos correspondentes por razón de renda. Esta situación deberá acreditarse mediante a presentación do Libro de familia no que figuren un/ha proxenitor/a e os/as menores, así como o certificado de convivencia. No caso de falecemento dun/ha proxenitor/a, presentarase, ademais da documentación anterior, o certificado de defunción. De existires outro proxenitor ou proxenitora coa obriga do pagamento da pensión de alimentos que non contribúa economicamente ao sustento da descendencia común, requiriranse tamén o testemuño do convenio xudicialmente aprobado ou da resolución xudicial que declare o dereito de alimentos, o testemuño de ter instado a execución da resolución que declare aquel dereito e a certificación expedida polo/a secretario/a xudicial que acredite o resultado infrutuoso desa execución. Con carácter excepcional, por estar en curso o proceso xudicial correspondente, poderase eximir da entrega desta última documentación mediante informe do departamento de Servizos Sociais do concello de Teo.
· Cando os usuarios ou usuarias pertenzan a unha unidade familiar que teña unha renda per cápita igual ou inferior ao 75% do IPREM Anual terán dereito a unha bonificación do 25% da cota. Terase en conta o IPREM988 anual do exercicio ao que corresponda a declaración do IRPF".
Artigo 7º. Cálculo anual-.
A determinación da renda e demais factores que inflúan na cota, determinarase para a todas as actividades de conciliación unha soa vez e terán validez para todas as demais actividades. A primeira actividade do ano escolar será o Diverteo do mes de setembro. Ós usuarios e usuarias que participen nunha actividade determinaranse a renda e as bonificación para o resto ate o diverteo de agosto, incluído. De igual xeito a documentación necesaria para facer este procedemento será entregada so na primeira das actividades de conciliación nas que participe, e constituíran un expediente único para cada neno ou nena para ese curso.
Artigo 8º.-Revisión dos prezos.
A) VARIACIÓN INTERANUAL DO IPC
Os prezos públicos establecidos no artigo 5 actualizaranse cada curso escolar en función da variación interanual experimentada polo IPC para a Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal se modificará o cadro de prezos desta ordenanza.
B) ALTERACIÓN DAS VARIABLES DE CÁLCULO DO IMPORTE
O importe a pagar polos usuarios do servizo poderá modificarse ao longo do curso cando varíen as súas circunstancias familiares ou económicas, que determine unha variación no cálculo do prezo final e os descontos aplicables.
Artigo 9º.-Réxime de pagamento e xestión
Na matricula do Teo madruga e Teo coida poderá indicarse unha data de alta no servizo distinta da prevista para o inicio do curso. Neste caso non poderá ser posterior ao 1 de outubro, e abonarase o servizo dende ese día, aínda que a matricula fora feita no período ordinario.
A baixa provoca a extinción da obriga de pago sempre que se faga con unha antelación mínima de cinco días hábiles ao remate do mes anterior en que a baixa xurdirá efectos. No caso de baixas no medio dun mes en curso, as comunicadas entre o día 1 e 10, darán lugar a devolución da metade da mensualidade. As comunicadas con posterioridade ao día 10, non dan lugar a dereito á devolución da mensualidade abonada previamente.
As baixas de Diverteo unha vez comezada a actividade non darán lugar a devolución do pago realizado como matrícula. As que se produzan antes poderán dar lugar a devolución cando esta baixa estea xustificada por un motivo de forza maior ou de enfermidade de calquera persoa da unidade familiar
Disposicións
Disposición Derogatoria
Queda derogada a Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa por servizos de conciliacion da vida persoal e familiar vixente ata hoxe no concello de Teo.
Disposición Transitoria
Os prezos públicos recollidos nesta ordenanza comezaran a aplicarse a partir da edición do Diverteo do mes de xuño.
Disposición Derradeira
A presente Ordenanza Reguladora entrará en vigor a partires do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e manterá a súa vixencia indefinidamente en tanto non sexa modificada ou derogada expresamente.