Sada - ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS DE HOSTELARÍA EN TERREOS DE USO PÚBLICO
ÍNDICE
CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.- Obxecto
Artigo 2.- Licenzas
Artigo 3.- Requisitos xerais
Artigo 4.- Prohibicións e limitacións
Artigo 5. Actividades incluídas.
Artigo 6.- Actividades excluídas
Artigo 7.- Efectos
Artigo 8.- Dereitos derivados da licenza
Artigo 9.- Obrigas
CAPITULO II. PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DA LICENZA
Artigo 10.- Réxime xurídico
Artigo 11.- Capacidade para solicitar a licenza.
Artigo 12.- Requisitos da solicitude
Artigo 13.- Competencia para o outorgamento da licenza
Artigo 14.- Prazo de resolución
Artigo 15.- Vixencia da licenza
CAPÍTULO III. CONDICIÓNS PARTICULARES DAS LICENZAS
Artigo 16.- Limitacións de emprazamento
Artigo 17.- Horario de actividade na terraza
Artigo 19.- Remate do período de ocupación
CAPÍTULO IV. RÉXIME FISCAL
Artigo 20.- Taxas
CAPITULO V. INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR.
Artigo 21.- Inspección
Artigo 22.- Infraccións
Artigo 23.- Sancións
Artigo 24.- Aplicación das sancións
Artigo 25.- Persoas responsables
Disposición Transitoria.-
Disposición Final.-
CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
1. A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público.
2. Aos efectos desta Ordenanza enténdese por terraza o conxunto de mesas, cadeiras e instalacións móbiles provisionais, como parasoles, toldos, xardineiras ou calquera outro elemento análogo anexas a un establecemento hostaleiro situado en inmoble ou local, en liña de fachada ou fronte ao establecemento, e sen barra de servizo distinta da do propio establecemento.
3. Aos efectos desta Ordenanza establécense dúas categorías: Enténdese por terraza categoría ¿a" o conxunto de mesas, cadeiras, toneles, cinceiros e instalacións móbiles provisionais, como parasoles, toldos de fachada, ou calquera outro elemento análogo anexas a un establecemento hostaleiro situado en inmoble ou local, en liña de fachada ou fronte ao establecemento, e sen barra de servizo distinta da do propio establecemento.
Enténdese por terraza exenta categoría ¿b" o conxunto de mesas, cadeiras, toneles, cinceiros e instalacións desmontables provisionais, como parasoles, toldos exentos, mamparas, xardineiras ou calquera outro elemento análogo anexas a un establecemento hostaleiro. Situarase no fronte ou no lateral do establecemento no caso de prazas e rúas abertas a unha distancia mínima de 3 mts da fachada da edificación e sen barra de servizo distinta do propio establecemento. No caso de estar ocupado o lateral do establecemento por unha zona de aparcamento ou similar considérase como lateral exclusivamente a estes efectos o contiguo a dita zona.
4. A presente Ordenanza é aplicable a todos os espazos (vía pública, espazos libres, zonas verdes, etc.) do municipio, de uso público, sexan de titularidade pública ou privada. Esta condición de uso público virá determinada en función tanto da situación de feito, como por aplicación das determinacións do planeamento vixente.
5. Unicamente quedan excluídas do ámbito desta Ordenanza as terrazas situadas en espazos de titularidade e uso privados.
6. A instalación de terrazas nos espazos públicos é un uso común especial de ditos espazos, suxeito a decisión discrecional do Concello, polo que a súa autorización deberá atender a criterios de compatibilización do uso público coa utilización privada, debendo prevalecer nos casos de conflito, a utilización pública do devandito espazo e o interese xeral cidadán.
Artigo 2.- Licenzas
1. A ocupación de terreos definidos no artigo 1 suxeitarase á previa licenza administrativa.
2. A licenza obxecto desta Ordenanza é independente das demais autorizacións que correspondan en virtude de normativa sectorial ou da que regule a ocupación de solo de dominio público distinto do municipal. En consecuencia, a instalación de terrazas en superficie de dominio público de costas ou portuario esixe a previa concesión da licenza regulada nesta Ordenanza.
Artigo 3.- Requisitos xerais
1. Con carácter xeral, as instalacións ás que se refire a presente ordenanza terán sempre natureza temporal, serán facilmente desmontables e, ademais, rexeranse polo disposto no Capítulo III.
2. Ademais do establecido no Capítulo III, os emprazamentos deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:
a) Queda prohibida a ocupación de:
- Acceso aos inmobles
- Entradas a galería visibles
- Bocas de rego e hidrantes de incendio
- Saídas de emerxencia
- Paradas de transporte público regularmente establecidas
- Aparellos de control de tráfico
- Centros de transformación, arquetas de rexistro de servizo público e sumidoiros.
- Pasos peonís sinalizados
- Calzadas con circulación de vehículos
- Prazas delimitadas de aparcadoiro público
- zonas de carga y descarga
b) Non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada ou saída de vaos permanentes de paso para vehículos.
c) Con carácter xeral, queda totalmente prohibido perforar o pavimento ou anclar no mesmo calquera elemento que compoña a terraza e poida ser causa de deterioro do mesmo. Non obstante, permitiranse estas operacións para a instalación de toldos exentos, cando as mesmas estean debidamente xustificadas e se realicen baixo a supervisión dos Servizos Técnicos Municipais, nas zonas da Unidade de Execución ¿A" do Plan Parcial das Brañas, Avenida da Praia e Avenida do Porto. Neste suposto os solicitante deberán achegar garantía (aval solidario e indefinido, seguro de caución ou finanza en metálico) para a reposición do solo público ao estado anterior á instalación dos ditos anclaxes.
d) Prohíbese o peche lateral e da cuberta da terraza con elementos fixos, agás separadores, cunha altura máxima de 1,80 metros sempre e cando sexan diáfanos ou realizados con material transparente, e toldos móbiles.
Nas terrazas exentas da categoría b), situadas na Avenida da Praia e na Avenida do Porto permítese o pechamento lateral, do fondo e do fronte. Neste último caso poderá pecharse como máximo 1/3 da lonxitude do dito fronte, cunha altura de 2,20 mts.
e) As terrazas serán accesibles de acordo co Real Decreto 505/2007 de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados e edificacións, ou norma que o substitúa.
Artigo 4.- Prohibicións e limitacións
1.- Queda absolutamente prohibida a instalación de billares, futbolines, máquinas recreativas, de azar, expendedoras de bebidas, grelladas, barras de servizo, e de calquera outro tipo análogo, nas terrazas obxecto de regulación na presente ordenanza.-
Poderase realizar, previa autorización municipal, a instalación puntual de stands promocionais de produtos relacionados coa actividade do local ao que pertence a terraza.-
No caso das terrazas exentas da categoría b) permítese unha mesa de apoio, na dita zona, para o desenvolvemento da actividade. Esta servirá unicamente de soporte aos elementos de menaxe e aos produtos destinados a consumo na terraza. Non poderá utilizarse como barra de servizo, nin dedicarse a calquera uso que desvirtúe o seu carácter estritamente auxiliar. A superficie máxima a ocupar será de 2 m2 e cunha altura máxima de 0,80 m. Non poderá dispoñer de desaugues, lavadoiro, nin de subministración de auga, electricidade nin gas.
2.- Así mesmo queda estritamente prohibida a instalación de calquera clase de aparellos reprodutores de imaxe e son, así como a celebración de espectáculos ou actuacións musicais, agás autorización municipal expresa.
Nas terrazas exentas da categoría b) poderán autorizarse televisores e equipos de música ambiente, sen que poida superar o límite de inmisión máxima nas vivendas regulado na vixente ordenanza de protección contra a contaminación acústica do Concello de Sada e sen que en ningún caso a emisión acústica poida ser maior de 75 dB.
3.- Prohíbese o almacenamento de produtos, caixas de bebida ou outros materiais na superficie de ocupación da terraza.
4.- Prohíbese sacar do recinto da terraza calquera tipo de bebida en envases de plástico, vidro ou cristal, en congruencia co disposto no artigo 7.4 da Ordenanza Municipal de Bebidas alcohólicas.
5.- No caso de edificios incluídos no Inventario de Bens Culturais non se permitirán toldos de fachada.
Artigo 5. Actividades incluídas
A licenza para instalar terrazas dará dereito a expender e consumir na mesma os mesmos produtos que poidan selo no interior do establecemento do cal dependan.
Artigo 6.- Actividades excluídas
A presente ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación da vía pública que, sendo de carácter hostaleiro, se realicen con ocasión de feiras, festexos, actividades deportivas ou análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.
Artigo 7.- Efectos
1.- Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros e con carácter revogable. O exercicio da actividade realizarase a risco e ventura dos interesados.
2.- A licenza terá carácter persoal e non poderá ser arrendada, subarrendada nin cedida, directa ou indirectamente a terceiros, en todo ou en parte.
3.- O titular da licenza quedará obrigado diante do Concello de Sada ao cumprimento das obrigas derivadas do seu outorgamento.
4.- A eficacia xurídica da licenza quedará vinculada ao cumprimento das súas condicións e ao pago das taxas e tributos correspondentes.
5. O outorgamento da licenza non exime do cumprimento das disposicións da Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, modificada pola Lei 42/2010, do 30 de decembro.
Artigo 8.- Dereitos derivados da licenza
1.- O titular da licenza terá dereito a exercer as actividades nos termos previstos na propia licenza, con suxeición ás prescricións establecidas nesta ordenanza así como na lexislación sectorial e ordenanzas municipais de aplicación.
2.- As terrazas poderán instalarse durante todo o período para o cal teñan autorización.
3.- Como consecuencia de necesidades públicas de urbanización, implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, o concello, poderá revocar ou suspender a licenza concedida, sen dereito a indemnización a favor do interesado. Neste caso, devolveráselle de oficio a parte do tributo que corresponda proporcionalmente ao tempo en que non poida manter instalada a terraza.
Artigo 9.- Obrigas
1.- Serán por conta do titular da licenza a instalación dos elementos e, no seu caso, a realización, á súa costa, das obras necesarias para a instalación dos toldos, para o cal, en calquera caso, deberá estar en posesión da correspondente licenza.
No suposto da terraza exenta de categoría b) incluiranse os custes de reposición do pavimento ao seu estado orixinal, garantizándose mediante aval bancario solidario e indefinido, fianza en metálico ou seguro de caución.
2.- Será obriga dos titulares das terrazas manter as mesmas e os elementos que as compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A tales efectos, estarán obrigados a dispor dos elementos de recollida e almacenamento dos residuos necesarios para manter limpo o espazo público.
3.- Queda prohibido almacenar ou amorear xunto ás terrazas produtos, materiais e elementos móbiles (mostradores e cámaras), así como residuos propios da instalación (restos de comida, botellas, etc), tanto por razóns de estética e ornato, como por hixiene nas terrazas, permitíndose unicamente o almacenamento da vaixela e elementos similares nas mesas auxiliares que se definen no art. 4 desta ordenanza para as terrazas exentas.
4.- Será obrigatorio, para poder instalar terrazas anexas a establecementos dedicados a restaurante ou cafetaría, estar en posesión da autorización turística autonómica que ampare tal establecemento.
5.- Deberán figurar en lugar visible, enmarcados e coa debida claridade, as listas de prezos e o título habilitante para a instalación da terraza, no que se especifique o número de mesas autorizadas, debendo axuntarse plano de situación selado polo concello.
6.- O titular está obrigado ao cumprimento efectivo das ordenanzas municipais e, especialmente, da de protección contra a contaminación acústica e a de prohibición do consumo de bebidas alcohólicas nas vías e outros lugares públicos do Municipio de Sada.
7. O titular obrigase a estender ao ámbito da terraza o seu seguro de reponsabilidade civil.
CAPITULO II. PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DA LICENZA
Artigo 10.- Réxime xurídico
1.- A licenza obxecto desta Ordenanza tramitarase de acordo co previsto na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.
2.- Para a súa concesión serán precisos os informes técnicos e xurídicos preceptivos e, en todo caso, un informe da Policía Local.
Artigo 11.- Capacidade para solicitar a licenza
Poderán solicitar a licenza os titulares das licenzas de apertura dos establecementos hostaleiros descritos no artigo 1 desta ordenanza, sempre que a actividade se desenvolva coa lexislación xeral e sectorial que regula a mesma.
Artigo 12.- Requisitos da solicitude
1. As licenzas solicitaranse ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Sada.
2. Ademais dos datos xerais de identificación do solicitante e do estabelecemento hostaleiro, acompañarase á solicitude a seguinte documentación:
a) Licenza de apertura e funcionamento do establecemento.
b) Autorización dos propietarios dos inmobles estremeiros, no caso de que a solicitude contemple unha terraza encostada á fachada do edificio e pretenda rebasar a porción desta ocupada polo establecemento.
Non terán a consideración de estremeiros os portais de acceso a vivendas, garaxes, etc e si o primeiro local próximo a cada lado. Neste caso respectarse un ancho libre minimo de 2,00 mts para o acceso a portais de vivenda; 1,50 mts para o acceso peonil a garaxe; e 3,50 mts para o vado do garaxe.
c) As terrazas exentas de categoría ¿b" requirirán a achega dun proxecto técnico no que se acrediten as condicións de solidez e seguridade da instalación así como o cumprimento da normativa de aplicación. Unha vez instalada, achegarase o certificado final da instalación de acordo co proxecto presentado asinado por técnico competente.
d) Todas as solicitudes de terraza requirirán a presentación dunha memoria descritiva dos elementos de mobiliario que se pretenden instalar na terraza, debéndose cuantificar, en todo caso, o número de mesas e cadeiras.
e) Plano-croquis de situación acotado, que especifique a área da terraza, os elementos e mobiliario a instalar, e se cuantifique a superficie de ocupación, onde figuren acoutadas as distancias respecto ó local propio e ao límite da beirarrúa ou calzada.
Igulemente achegarase plano-croquis do estado da terraza recollida segundo o art. 18 desta ordenanza.
f) No seu caso, plano de instalacións eléctricas exteriores, indicando e especificando as proteccións necesarias.
g) No seu caso, autorización ou concesión de dominio público, referida á superficie da terraza, outorgada pola Administración competente.
h) No seu caso, autorización turística expedida polo órgano autonómico competente.
3. Na solicitude deberase indicar o período de tempo para o cal se solicita licenza e a data de inicio da actividade.
Artigo 13.- Competencia para o outorgamento da licenza
Será competente para o outorgamento da licenza o Sr. Alcalde-Presidente ou concelleiro en quen delegue.
Artigo 14.- Prazo de resolución
1. O Concello de Sada resolverá as solicitudes de terrazas da categoría ¿a" o prazo máximo de 10 días dende a súa solicitude. No suposto de non ser resolta expresamente entenderase outorgada por silencio administrativo, sen prexuízo de que non poderán adquirise facultadades contrarias á normativa urbanística nin ao contido desta ordenanza. Asemade, o Concello poderá ditar en cada momento as medidas oportunas para garantir a correcta aplicación desta ordenanza, coa imposición das sancións que, de ser o caso, correspondan.
1.- O prazo máximo de resolución das terrazas correspondentes á categoría ¿b" é de dous meses, transcorridos os cales os interesados poderán entender desestimada a súa petición por silencio administrativo negativo.
Artigo 15.- Vixencia da licenza
1.- A licenza outorgarase por prazo máximo dun ano, e deberá solicitarse con anterioridade á súa instalación.
2.- A licenza entenderase tacitamente prorrogada, por sucesivos períodos, cando nin o Concello nin o interesado comuniquen por escrito, antes do seu vencemento, a vontade contraria á súa prórroga.
3.- A modificación das condicións da licenza obriga necesariamente a un novo trámite de solicitude e, no seu caso, concesión.
CAPÍTULO III. CONDICIÓNS PARTICULARES DAS LICENZAS
Artigo 16.- Limitacións de emprazamento
1.- A superficie susceptíbel de ocupación con terrazas non poderá exceder de 2/3 da superficie autorizábel do mesmo, cun máximo de 100 m2.
2.- A ocupación da beirarrúa non poderá ser nunca superior aos 2/3 de largura libre da mesma, debéndose deixar libre para paso de peóns, polo menos, unha largura de 1,50 metros. Ademais, no interior dos soportais deberá garantirse unha largura mínima para o paso peonil de 1,20 m con estreitamentos puntuais cun paso mínimo de 0,90 m.
No suposto de beirarrúa en contacto coa zona de carga e de descarga, deixarase un paso libre mínimo de 2,00 metros.
3.- No caso de establecementos estremeiros, o espazo susceptible de ocupación distribuirase equitativamente entre os solicitantes, de acordo coa largura de fachada de cada establecemento afectado.
4.- As terrazas exentas da categoría ¿b" permitiranse exclusivamente en prazas e rúas abertas situadas na avenida da Praia e na Avenida do Porto.
5.- Permitirase a instalación de terrazas en bulevares e rúas peonís nas que existan establecementos situados en inmobles sempre que a zona peonil supere os tres metros de largura. A franxa de zona peonil ocupable non excederá do 50% da súa largura, debéndose deixar, en todo caso, un espazo mínimo libre de 1,80 metros.
6.- Non se autorizarán terrazas en beirarrúas cunha largura inferior a 2,30 metros, agás a colocación de toneles e similares que sempre terán que deixar un paso libre de 1,50 mts.
7.- Aos efectos de aplicación do disposto nesta Ordenanza, a ocupación estimada para unha mesa e catro cadeiras enfrentadas dous a dous, de lado ou diámetro inferior a 0,80 mts considerarase unha superficie de ocupación teórica por cada mesa de 1,80 x 1,80 metros cadrados, malia que a efectos tributarios aplicarase exclusivamente o módulo definido na ordenanza fiscal correspondente. Se a mesa tivese lado ou diámetro superior a 0,80 mts, a dita superficie aumentarase no correspondente exceso.
No caso de existir máis dunha fila de mesas deberá deixar un espazo entre elas para poder acceder ás mesmas (incluíndo a zona de ocupación das cadeiras) que será como mínimo de 0,50 mts.
Artigo 17.- Horario de actividade na terraza
1.- O horario de funcionamento das terrazas situadas en solo público será ata as 2:30 os luns, martes, mércores, xoves e domingos e ata as 3.00 horas os venres, sábados e vésperas de festivos. Nas festas patronais (do Carme e as de Agosto, na ¿Semana Grande") permitirase que estean abertas ata as 4.00 horas.
2.- O horario de peche implicará o cese efectivo de todas as actividades desenvoltas na terraza e, en consecuencia, os usuarios non poderán permanecer na terraza a partir de dito momento, polo cal o persoal do establecemento deberá obrigar ao desaloxo efectivo da mesma.
Artigo 18.- Orde e limpeza diaria
Os titulares de licenzas de terrazas teñen a obriga ao remate de cada xornada realizar os labores de limpeza necesarios no período para o que teñan concedida a correspondente licenza.
Ao rematar o horario de funcionamento da terraza categoría ¿a", todo o mobiliario deberá quedar retirado ou recollido e apilado na menor superficie posible da área de ocupación da terraza, no punto que menos influencia teña para o tránsito peonil. A recollida de mesas e cadeiras non deberá efectuarse mediante o seu arrastre nin tampouco se permitirá a suxección dos acopios das mesas e cadeiras mediante cadeas metálicias que non teñan protección de plástico en todo o seu percorrido.
Artigo 19.- Remate do período de ocupación
1.- Rematado o período de instalación autorizado por licenza, o titular da terraza deberá deixar completamente expedita a porción de superficie que viñese ocupando, retirando tódolos elementos que a ocupan ao día seguinte do remate do período de ocupación.
O titular deberá deixar o pavimento no seu estado orixinal".
2.- En caso de incumprimento do previsto no apartado anterior, serán retirados polo Concello mediante execución subsidiaria a costa do titular.
CAPÍTULO IV. RÉXIME FISCAL
Artigo 20.- Taxas
1.- O titular da licenza deberá abonar as exaccións fiscais que correspondan e de conformidade coa ordenanza fiscal correspondente.
CAPITULO V. INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR
Artigo 21.- Inspección
O alcalde e, no seu caso, o concelleiro en quen delegue, a través dos servizos municipais, serán competentes para controlar o estrito cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza.
Artigo 22.- Infraccións
As accións ou omisións que contraveñan o disposto na presente Ordenanza constitúen infraccións á mesma, que se clasifican en leves, graves e moi graves.
1. Son faltas leves:
a) A falta de ornato na terraza e o seu entorno
b) O deterioro leve dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos lindeiros co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
c) Calquera outra infracción que non sexa cualificada como grave ou moi grave.
d) A falta de exposición en lugar visible para os usuarios e veciños do documento da licenza e do plano daquela.
e) Almacenar ou apilar produtos, envases o residuos na zona da terraza ou en calquera lugar de vía pública.
2. Son faltas graves:
a) A instalación dun maior número de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares que os autorizados.
b) Instalar elementos de mobiliario non autorizados pola licenza, así como a colocación na terraza de calquera outra clase de elementos, que non sexan mesas, cadeiras e elementos auxiliares aos mesmos, fóra do recinto do establecemento
c) A falta de aseo, hixiene ou limpeza nos elementos do establecemento, sempre que non constitúa falta leve ou moi grave
d) O deterioro grave dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos lindantes co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza
e) O incumprimento do réxime de distancias mínimas de paso de peóns.
f) O incumprimento do horario de apertura ou peche da terraza en menos dunha 60 minutos.
g) A comisión de dúas infraccións leves no prazo de 12 meses.
h) La instalación de instrumentos o equipos de audio o video non autorizados mediante licenza.
i) O incumprimento da obriga de retirar ou recoller e apilar o mobiliario da terraza, ao rematar o seu horario de funcionamento.
j) A non exhibición do documento da licenza aos axentes da autoridade.
3. Son faltas moi graves:
a) A reiteración de tres faltas graves nun período de 12 meses.
b) A desobediencia ós lexítimos requirimentos dos inspectores e autoridades
c) A venda de produtos non autorizados
d) Non contar coa preceptiva licenza de instalación da terraza.
e) A cesión da explotación da terraza a pesoa distinta do titular da licenza de actividade.
f) O incumprimento das medidas de restauración da legalidade que se adopten.
g) A negativa ou a obstaculización da labor inspectora.
h) O incumprimento do horario de peche en máis dunha hora.
i) A realización de espectáculos ou actuacións non autorizada de forma expresa.
A acumulación anual de sancións poderá ser tido en conta polo Concello no procedemento de resolución da renovación da licenza ou dos seus termos.
Artigo 23.- Sancións
1.- As faltas leves sancionaranse con multa de 60 a 300 €
2.- As faltas graves sancionaranse con multa entre 301 e 1000 €, podendo ser acordada a suspensión da licenza por período máximo de dous meses.
3.- As faltas moi graves sancionaranse con multa entre 1001 € e 2000 €, podendo incluso ser revocada a licenza.
Artigo 24.- Aplicación das sancións
Na aplicación das sancións establecidas no artigo anterior, atenderase ao grao de culpabilidade, beneficio obtido, entidade da falta cometida, perigosidade que implique a infracción, incidencia ambiental, reincidencia ou reiteración e demais circunstancias agravantes ou atenuantes que concorran.
Considerarase como circunstancia atenuante o cese da actividade en canto á infracción cometida de modo voluntario trala inspección e a pertinente advertencia polo axente da autoridade, e como circunstancia agravante o incumprimento dos requirimentos efectuados pola administración para a paralización dos actos e a restauración ao permitido e a obstrución á función inspectora.
O responsable da infracción (titular da licenza) terá dereito a unha reducción do 50% no importe da sanción, sempre cando mostre a súa conformidade coa súa contía con carácter previo á finalización do procedemento sancionador. No suposto de rematar o procedemento sancionador, terá dereito a unha bonificación do 20% no seu importe o suposto de efectuar o seu pagamento no prazo de quince días hábiles e renunciar expresamente a calquera impugnación ao respecto. En calquera dos dous supostos anteriores, para aplicar as ditas bonificacións, deberá repoñer voluntariamente a realidade física alterada.
Artigo 25.- Procedemento sancionador e persoas responsables
1.- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento sancionador é de seis meses, contados a partir do día seguinte á súa incoación mediante resolución municipal, sen prexuízo da incoación dun novo procedemento sancionador entrementres non prescriba a infracción.
2.- Aos efectos do réxime sancionador terán a consideración de persoas responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares do establecemento vencellado á terraza.
Disposicións
Disposición Transitoria.-
Todas aquelas terrazas que no intre da entrada en vigor da presente Ordenanza tivesen autorización para tempadas anteriores, deberán adecuarse á vixente Ordenanza antes do 1 de xaneiro de 2013.
Disposición Derrogatoria.-
Queda derrogada a ordenanza reguladora da instalación de terrazas no municipio de Sada, aprobada definitiva polo Concello Pleno o 24 de xaneiro de 2008 e publicada integramente o BOP nº 40 do 18 de febreiro de 2008.
Disposición Final.-
A presente Ordenanza, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 28 de xuño dous mil doce, entrará en vigor logo de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.