Negreira - REGULAMENTO DO ¿PROGRAMA NEGREIRA CONCILIA (MADRUGADORES E MERENDAS), DIVERVERÁN, CAMPAMENTO URBANO RESPIRA E NADAL LÚDICO

Publicación provisional: 15/03/2021 BOP Nº: 49
Publicación definitiva: 07/05/2021 BOP Nº: 85
Aplicable dende: 08/05/2021

Preámbulo

Na Estratexia Europea 2020 por un crecemento intelixente sustentable e integrador destaca a necesidade de desenvolver políticas que promovan a igualdade entre sexos co fin de incrementar a participación da poboación laboral, contribuíndo así ao crecemento e á cohesión social

O noso Estatuto de Autonomía dispón no seu artigo 4.2º que lles corresponderá aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, arredando os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

Así mesmo a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, ten por obxecto facer efectivo o dereito de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes mediante a eliminación da discriminación da muller, calquera que fose a súa circunstancia ou condición, en calquera dos ámbitos da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural para acadar unha sociedade máis democrática, máis xusta e máis solidaria.

Como di o artigo 14.8 da antedita Lei, un dos criterios xerais de actuación dos poderes públicos será o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, no capítulo dedicado á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, prevé, entre outras actuacións, que se promova a ampliación do horario de apertura dos centros educativos públicos durante os días lectivos establecidos polo calendario escolar para atender ao alumnado menor de doce anos, en colaboración de coas asociacións de pais, nais e os municipios.

O Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021 (Plan Galego C+C) ten por finalidade a posta en marcha de actuacións de distinta índole que incidan na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar poñendo o foco nun reparto equitativo das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes.

A incorporación das mulleres ao mundo laboral e a configuración de novos modelos de familia motivou un dos cambios sociais económicos, culturais máis profundos dos últimos anos. A conciliación da vida laboral, familiar e persoal é unha necesidade que a afecta a cidadanía, en especial as mulleres. A corresponsabilidade atinxe a toda sociedade. As administracións públicas, en concreto a administración local como a máis próxima a cidadanía debe facilitar ás condicións necesarias para compatibilizar o horario laboral co ritmo habitual da familia.

O IV Plan de Igualdade do Concello de Negreira 2019-2022 dentro da área estratéxica 3 contempla entre os seus obxectivos, potenciar o desenvolvemento e a adecuación dos recursos municipais que favorecen a conciliación impulsado diferentes medidas que permitan harmonizar o traballo coa esfera privada en beneficio da poboación nicrariense.

Artigo 1. Obxecto

Estas normas teñen por obxecto regular o funcionamento do Programa Negreira Concilia, Campamento Urbano Respira, Diververán e Nadal lúdico.

Artigo 2. Definición do Programa

Negreira Concilia é un programa que ten a función de coidado e atención, de carácter lúdico, social e educativo, que o Concello de Negreira lles ofrece ás familias do municipio con necesidade de conciliar a vida familiar e laboral. Está dirixido a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos de idade.

Abarca dous períodos:

1. Servizos en períodos lectivos:

- Negreira Concilia Madrugadores:

A disposición das familias durante todo o período lectivo do ensino infantil e de primaria, en horario dende as 7:30 horas ata o inicio das clases. Consiste na ampliación do horario de apertura do centro escolar, prestando atención e coidado ao alumnado. As familias deben incorporarse ao servizo, como mínimo 30 minutos antes de comezar a xornada escolar.

- Negreira Concilia Merendas:

Consiste na ampliación do horario de saída do centro escolar tras o servizo de comedor en tres horas durante o período lectivo.

No servizo das merendas térase a opción de merendar sendo as familias dos menores as encargadas de aportar os alimentos.

2. Servizos en período non lectivo.

-Diververán:

Realizase durante os meses de verán, xullo e agosto, unha hora e media diaria (dous grupos segundo idade), nun periodo de tempo contemplado dende as 10.30 a 13.30.

- Nadal lúdico:

Realizarase durante as vacacións do nadal, en horario de 8.30 a 14:30 horas. Obradoiros de atención lúdica.

- Campamento Urbano Respira: Levaranse a cabo durante as vacacións de verán, durante os meses de xullo e agosto de 8:30 a 14:30 horas.

Consiste en actividades de ocio e tempo libre. Estos campamentos desenvolveranse por quendas:

- 1ª Quenda: Desde o 1 ao 15 de xullo

- 2ª Quenda: Desde o 16 ao 31 xullo

- 3ª Quenda: Desde o 1 ao 15 de agosto

- 4ª Quenda: Desde o 16 de agosto ao 31 de agosto

Será común a estes servizos:

- A flexibilidade horaria debe garantir, salvo casos de urxente necesidade, a cobertura dun horario troncal de 10:00 a 13:30 horas.

- A opción de almorzar e merendar nos programas Campamento urbano Respira, Negreira Concilia Merendas, Diververán e Nadal Lúdico con alimentos aportados polas familias dos menores que acudan a este servizo.

- Os días do calendario laboral marcados como festivos locais, autonómicos e estatais, non se prestarán os servizos.

Artigo 3. Obxectivos

O obxectivo xeral é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral mediante a prestación de servizos as familias con persoal especializado, traballando cos menores a igualdade de xénero.

Os obxectivos específicos son:

a) Aproveitar o tempo para realizar actividades lúdicas e recreativas.

b) Colaborar coas familias na adquisición por parte dos/as menores de hábitos saudables de vida, consumo, alimentación e utilización do tempo libre.

c) Establecer unha metodoloxía de traballo que contribúa ao desenvolvemento global dos rapaces e rapazas, fomentando a súa creatividade, autonomía, comunicación e socialización.

d) Garantir o coidado e atención dos menores por persoal debidamente cualificado.

e) Potenciar o benestar das unidades familiares.

Artigo 4. Principios reguladores dos servizos

a) Flexibilidade e multifuncionalidade: conforme á casuística ou necesidade de cada unidade familiar, poderase acceder ao servizo en diferentes momentos e horarios.

b) Benestar do menor.

c) Personalización: cada intervención será o resultado do contacto previo coa unidade familiar, tratando de darlles resposta ás súas necesidades.

d) Educar en igualdade evitando estereotipos de xénero.

Artigo 5. Persoas usuarias

Enténdense como persoas usuarias do servizo aos responsables das rapazas e rapaces (persoa ou persoas que teñan atribuída a patria potestade, tutela ou representación legal, de acordo co Código civil e normativa complementaria) e aos propios menores.

As idades dos menores estará comprendida entre os 3 anos (escolarizados) e os 12 anos, segundo as convocatorias.

A alta nos servizos do programa pódese solicitar cando se inicie ou con posterioridade, si hai prazas vacantes.

As persoas usuarias dos servizos de ¿Negreira Concilia Madrugadores", ¿ Negreira Concilia Merendas" ¿Campamento Respira", ¿Diververán" e ¿Nadal Lúdico" poden ser fixas ou ocasionais. Son fixas as/os que soliciten e utilicen ditos servizos, independentemente de que o uso sexa cotiá ou en días fixos determinados. Son ocasionais as persoas que utilicen o servizo en días soltos.

As persoas usuarias con carácter ocasional deben comunicarlle o uso do servizo ao monitorado presencialmente ou por teléfono cunha antelación mínima de 48h, salvo circunstancias excepcionais.

Se a persoa usuaria con carácter fixo non vai utilizar o servizo algún día, deberá comunicarllo ao monitorado presencialmente ou por teléfono cunha antelación mínima de 24 h.

A baixa nos servizos do programa é libre e pódese presentar en calquera momento por escrito perante as oficinas municipais encargadas de supervisar o servizo, segundo o establecido nas distintas convocatorias.

Solicitarase informe médico que acredite o nivel de autonomía.

Artigo 6. Dereitos e deberes das persoas usuarias

1. Son dereitos das persoas usuarias do programa:

a) O acceso aos servizos segundo os requisitos e condicións que establecen estas normas; sen discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

b) A consideración debida á dignidade da persoa por parte do persoal dos servizos e das demais persoas usuarias.

c) A protección dos seus datos persoais de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

d) A intimidade persoal tendo en conta as condicións de funcionamento dos servizos.

e) A asistencia individualizada acorde coas súas necesidades específicas.

f) A darse de baixa nos servizos por vontade propia.

g) A dispor de información comprensible sobre o funcionamento dos servizos e das medidas que se adopten respecto dos rapaces e de canto afecte á súa educación.

h) Recibir educación con suxeición aos principios de tolerancia, convivencia democrática e os valores de igualdade.

i) Aprender hábitos alimenticios sans, normas básicas de hixiene e comportamento.

2. Son deberes das persoas usuarias:

a) Cumprir as normas de funcionamento dos servizos.

b) Facilitar unha información veraz e manter actualizados os datos necesarios para alta, permanencia nos servizos.

c) Manter unha conduta inspirada na tolerancia, na colaboración e no mutuo respecto.

d) Comunicar a baixa cando proceda.

e) Responsabilizarse daquelas situacións en que por motivos de saúde e malestar, sexa necesario a recollida do menor usuario dos servizos.

f) Facer un uso responsable dos servizos.

Artigo 7. Prestación dos servizos

a) Período lectivo: ¿ Negreira Concilia Madrugadores" e ¿Negreira Concilia Merendas"

· Negreira Concilia Madrugadores: Prestarase de luns a venres, días lectivos, durante o período escolar, no ¿CEIP de O Coto". O horario abarca dende as 7:30h ata o inicio das clases.

· Negreira Concilia Merendas : : Prestarase de luns a venres, días lectivos, durante o período escolar, no ¿CEIP de O Coto". Consiste na ampliación do horario de saída do centro escolar tras o servizo de comedor en tres horas durante o período lectivo.

b) Período non lectivo. Abarcará varios servizos: ¿Nadal Lúdico", e ¿Campamento Urbano Respira". En horario de 8:30 a 14.30 h. ¿Diververán" en horario de 10.30 a 13.30.

c) Os horarios dos dous períodos poderán ser modificados

Os servizos inclúen as accións que se relacionan a continuación e que deberán diferenciarse en función do menor, estas estarán a cargo do monitorado:

- Garantir hábitos de hixiene (extremando precaucións debido ó Covid).

- Seguimento especial aos rapaces de menos idade ou con dificultades.

- Planificar e realizar actividades lúdico-educativas.

- Apoio na realización das tarefas escolares.

- O monitorado será o vínculo coas familias. Informaranlles a elas e ao Concello das incidencias que se produzan.

- Controlar as asistencias ou ausencias dos rapaces e rapazas a través dos modelos normalizados.

- Custodiar a documentación persoal das persoas usuarias do servizo.

- Deixar recollidas as instalacións e limpo o mobiliario e os utensilios usados, así como os espazos utilizados para a realización de actividades complementarias.

- Facilitarlle ás coordinadoras municipais toda a documentación que sexa requirida para o desenvolvemento dos servizos.

- Realizar as demais funcións que se lles atribúan desde o Concello para o seu correcto funcionamento.

Artigo 8. Tramitación de acceso ao servizo e número de prazas.

1. A solicitude de admisión axustarase ao modelo normalizado e será asinada polo/a responsable do menor. Tramítase nas oficinas municipais encargadas de supervisar o servizo e o período de presentación dependerá de cada unha das convocatorias.

Achegará a seguinte documentación:

- Modelo normalizado de ficha de inscrición

- DNI dos responsables do menor

- Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica entre ambos

- Tarxeta sanitaria do/a menor

- Declaración do IRPF e no caso de non presentala certificación negativa

- Xustificante bancario de ingreso do prezo público

2. O persoal técnico responsable do servizo, unha vez analizadas e aceptadas as solicitudes, contactarán coas persoas solicitantes para requirir a documentación complementaria ou adicional que se precise.

3. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas ofertadas, establecido en cada convocatoria, realizarase unha selección das familias por orde de inscrición. Para a adxudicación das prazas terase en conta a orde dos seguintes criterios:

1º criterio.-Familias con menores empadroados no Concello de Negreira.

2º criterio.- Familias que aporten Informe Social que indique a necesidade do servizo en base a circunstancias socioeconómicas e familiares.

3º criterio.- Familias numerosas.

4º criterio.-Familias monoparentais.

5º criterio.- Familias con fillas/os de mulleres vítimas da violencia de xénero.

6º criterio.- Familias nas que algún das/os proxenitores teñan o seu posto de traballo no Concello de Negreira.

4. O número máximo de prazas dispoñibles establecerase nas convocatorias dos distintos servizos. Alcaldía, ou a concelleir@ delegad@ en función da demanda dos mesmos, poderá decidir a súa suspensión en caso de que non se cubran o 25% das prazas ofertadas; así como poderá establecer o número de prazas reservadas para as persoas usuarias fixas, usuarias ocasionais e as destinadas a atender emerxencias sociais que xurdan ao longo do curso. As emerxencias serán informadas polos servizos sociais básicos e específicos do Concello e, se é o caso, terán prioridade fronte ás persoas usuarias ocasionais. Esta última modalidade poderá ser eliminada para atender a un maior número de usuarias fixas.

Artigo 9. Publicación da listaxe de admitidos no servizo

A listaxe de admisión do servizo será publicada no taboleiro de edictos e na páxina web do Concello de Negreira

Artigo 10 . Listaxe de espera

De non haber prazas suficientes para satisfacer a demanda do servizo, trala listaxe definitiva, elaborarase unha listaxe de espera. Os rapaces en situación de espera irán accedendo ao servizo na orde na que figuren nesa listaxe. Na listaxe de espera incluiranse as persoas que soliciten a alta no servizo con posterioridade á súa posta en marcha.

Artigo 11. Casos especiais

As persoas usuarias do servizo deberán notificar calquera problema de saúde (alerxias e intolerancias a calquera tipo de alimento) que serán atendidas especificamente.

Se o menor se ten que medicar, deberá achegar un informe médico no que se especifique a cantidade e o medicamento, así como unha autorización do responsable. Non se lle administrarán medicamentos sen o cumprimento destes requisitos.

Os menores que padezan febre (a partir dos 37,5º) ou enfermidades contaxiosas non poden acceder ao servizo.

Artigo 12. Persoal

O persoal deberá acreditar titulación en monitor/a de ocio e tempo libre ou no ámbito da educación, e formación en igualdade. Así mesmo presentar informe médico de estar capacitado para o desenvolvemento dos servizos e certificado acreditativo de non ter antecedentes penais en delitos sexuais.

Artigo 13. Extinción dos servizos

1. Serán causas de baixa nos servizos:

a) O incumprimento dos requisitos establecidos.

b) A solicitude da persoa responsable do menor.

c) A comprobación da falsidade nos documentos ou datos achegados, con independencia das infraccións administrativas e/ou penais que a devandita conducta constitúa.

d) A falta de asistencia continuada sen causa xustificada.

e) A falta de pagamento das cuotas establecidas tal e como figura no artigo art 7 da Ordenanza reguladora do prezo público pola utilización dos servizos de conciliación da vida laboral e familiar.

f) O Concello de Negreira resérvase o dereito de admisión e de exclusión temporal ou definitiva do servizo aos menores que se comporten de forma incorrecta ou cuxos responsables non respecten as normas de funcionamento do mesmo. Antes de adoptar esa decisión, daráselle audiencia ás persoas responsables dos/as menores.

 2. O Concello de Negreira resérvase a posibilidade de extinguir a prestación de calquera destos servizos, en caso de que se tiveran que suspender durante dous anos consecutivos por non acadar a participación mínima establecida no artigo 8.4.

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA

Esta ordenanza reguladora entrará en vigor a partires do día seguinte da sua publicación definitiva no BOP.