Neda - Ordenanza nº 15, reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras con finalidade lucrativa

Publicación provisional: 13/01/1999 BOP Nº: 9
Publicación definitiva: 13/01/1999 BOP Nº: 9
Aplicable dende: 24/05/2021

Artigo 1.-Fundamento e natureza

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ó disposto no artigo 38 da citada Lei 39/88.

Artigo 2.-Feito impoñible

Constitúen o feito impoñible da presente taxa as autorizacións para realiza-la ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Artigo 3.-Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria e 23 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, a prol de quen se outorguen as autorizacións por ocupación da vía pública con mesas, cadeiras, tribunas e outros elementos análogos, ou quen se beneficie do dito aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna licencia ou autorización.

Artigo 4.-Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria. Están obrigados ó pagamento da taxa regulada nesta ordenanza as persoas ou entidades que ó seu favor se outorguen as licencias, ou quen se beneficien do aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna autorización.

Artigo 5.-Exencións.

Non estarán obrigados ó pagamento desta taxa, as administracións públicas polos aproveitamentos inherentes os servicios públicos de comunicacións que exploten directamente e por tódolos que inmediatamente interesen a seguridade cidadá ou á defensa nacional.

Artigo 6.-Cota tributaria.

1) A cota tributaria do taxa regulada nesta ordenanza será a fixada nas taxas contidas no apartado seguinte, atendendo a superficie ocupada polos aproveitamentos expresada en metros cadrados.
2) As tarifas da taxa serán as seguintes:
a) Por cada metro cadrado de superficie ocupada con mesas e cadeiras e outros elementos: 1,10 €/mes.
b) Por cada metro cadrado de superficie ocupada con toldos ou marquesiñas fixados na vía pública: 1,10 €/mes.
3) Ós efectos dispostos para a aplicación do apartado anterior (numero 2), terase en conta o seguinte:
a) Si o número de metros cadrados do aproveitamento non fose enteiro redondearase por exceso para obte-la superficie ocupada.
b) Os aproveitamentos poden ser anuais, cando se autoricen para todo o ano natural, e temporais, cando o período autorizado comprende parte dun ano natural.
Todólos aproveitamentos realizados sen autorización administrativa consideraranse anuais.

Artigo 7.-Normas de xestión

1) As cantidades esixibles de acordo coas taxas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreductibles polo período anual ou de temporada autorizado.

2) As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia, realiza-lo depósito previo a que se refire o artigo 8.2 a) seguinte do aproveitamento e os elementos que se van a instalar, así como un plano detallado da superficie que se pretende ocupar e da súa situación dentro do municipio.

3) Os servicios técnicos deste concello comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións de non encontrar diferencias cás peticións de licencias; se se desen diferencias, notificaranse estas ós interesados e xiraranse, no seu caso, as liquidacións complementarias que procedan, concedéndose as autorizacións complementarias emendadas as diferencias polos interesados e, no seu caso, realizados os ingresos complementarios que procedan.

4) Os aproveitamentos autorizaranse sempre discrecionalmente e sen prexuízo de terceiros.

5) En caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar a este concello a devolución do importe ingresado.

6) Non se consentirá a ocupación da vía pública ata que sexa aboado o depósito previo a que se refire o artigo 8.2 a) seguinte e fose obtida a correspondente licencia polos interesados. O incumprimento deste mandato poderá dar lugar á non concesión da licencia sen prexuízo do pagamento da taxa e das sancións e recargos que procedan.

7) Unha vez autorizada a ocupación entenderase prorrogada mentres non se acorde a súa caducidade pola comisión municipal de goberno ou se presente baixa xustificada polo interesado. Non obstante, se o interese xeral esixise a supresión do aproveitamento, a Administración municipal revogará a licencia concedida, requirindo o titular para que suprima, á súa costa, o aproveitamento.

8) Para a tramitación das baixas deberán retirarse previamente tódolos elementos que sexan obxecto desta taxa.

As baixas producirán efectos a partir do día primeiro do período natural de tempo sinalado no epígrafe da taxa que corresponda. Sexa cal fose a causa que se alegue en contrario, a non presentación da baixa determinase a obriga de continuar aboando a taxa.

9) As autorización terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia.

10) As licencias anularanse:

a) Por uso indebido.

b) Por cambia-las circunstancias en base as que se concedeu a licencia.

c) Por non conservar en perfecto estado a porción de dominio público ocupada.

d) En xeral, por incumprimento de calquera das obrigas impostas nesta ordenanza ou na licencia de autorización.

11) Cando a utilización privativa ou o aproveitamento especial levase aparellada a destrucción ou deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pagamento da taxa a que houbese lugar, estará obrigado ó reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrucción ou reparación e o depósito previo do seu importe.

Se os danos fosen irreparables, a entidade local será indemnizada en contía igual o valor dos bens destruídos ou ó importe do deterioro dos danos.

Artigo 8.-Devengo e cobramento.

1) A obriga do pagamento da taxa regulada nesta ordenanza nace:

a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos da vía pública, no momento de solicita-la a correspondente licencia.

b) Tratándose de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, o día primeiro de cada un dos períodos naturais de tempo sinalados nas taxas.

2) O pagamento da taxa realizarase:

a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na oficina de Recadación municipal ou onde estableza o concello, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.

Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 47.1 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, quedando elevado a definitivo ó concederse a licencia correspondente.

b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídos os contribuíntes no padrón desta taxa, na oficina da Recadación municipal, durante o período de tempo que oportunamente sinale.

As cotas non satisfeitas nos prazos establecidos, faranse efectivas polo procedemento administrativo de constrinximento de acordo co establecido pola lexislación vixente.

c) Non obstante o disposto no apartado anterior, se o número de contribuíntes fose moi reducido non se procedera á formación do padrón correspondente, notificándose persoalmente ós obrigados, o pagamento desta taxa e o período de cobranza, e cando quedarían incursas en constrinximento as cotas que aqueles non fixesen efectivas dentro do prazo voluntario.

Se polo contrario o número de contribuíntes fose elevado, anualmente formarase o padrón dos afectados ó pagamento por esta taxa, que será aprobado pola comisión municipal de goberno e exposto ó público no Boletín Oficial da Provincia e taboleiro de anuncios da Corporación, por termino de quince días, para os efectos de reclamacións. No dito anuncio notificarase o período de cobranza e cando quedan incursas en constrinximento as cotas non satisfeitas.

Artigo 9.-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria e na Ordenanza fiscal xeral.

Disposición Transitoria.

Suspéndese a aplicación do importe da taxa aplicable regulado no artigo 6 da presente ordenanza durante todo o exercicio 2021 como consecuencia da situación actual provocada pola pandemia da COVID-19, e a declaración do estado de alarma aprobado polo Real Decreto 926/2020, de 25 de outubro, e actualmente prorrogado ata o 09/05/2021 polo Real Decreto 956/2020, de 3 de novembro.

DISPOSICIÓN FINAL.-

A presente Ordenanza Fiscal foi aprobada polo Pleno en data 20 de setembro do 2007 e publicada no BOP número 273 de data 26 de novembro do 2007 e comezará a rexer o día 1 de xaneiro do 2008, e manterase en vigor mentres non se acorde a súa derrogación ou a súa modificación expresa.