Teo - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos

Publicación provisional: 31/01/2009 BOP Nº: 25
Publicación definitiva: 08/04/2009 BOP Nº: 80
Aplicable dende: 14/06/2021

Artigo 1.º.-Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa por expedición de documentos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 57 do citado Real Decreto Lexislativo 2/2004.

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e dos expedientes de que entenda a Administración ou as autoridades municipais.

2. A estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fora provocada polo particular ou redunde no seu beneficio aínda que non mediara solicitude expresa do/a interesado/a.

3. Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais, así como as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos, os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera índole e os relativos á prestación de servizos ou realización de actividades de competencia municipal e a utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens de dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal ou polos que se esixa un prezo público por este concello. Tampouco estará suxeita a esta Taxa a expedición de documentos esixidos polas Administracións Públicas na tramitación de expedientes para a concesión de axudas ou subvencións, pensións non contributivas, xustiza gratuita e outros beneficios asistenciais de carácter social.

Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 36 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria que soliciten, provoquen ou en favor dos que se faga a expedición do documento ou a tramitación do expediente.

Artigo 4.º.-Responsables.

1. Serán responsables solidarios das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigos 41 e 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores de feito e de dereito das persoas xurídicas, os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Artigo 5.º.-Cota tributaria.

A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

Artigo 6.º.-Tarifas.

1. As tarifas que se aplicarán para a exacción desta taxa serán as seguintes:

1.

Procesos selectivos que inclúan exercicios escritos ou orais incluídos na oferta de emprego público municipal:

 

1.1

Grupo A1 ou asimilado

25,00 €

1.2

Grupo A2 ou asimilado

25,00 €

1.3

Grupo B ou asimilado

25,00 €

1.4

Grupo C1 ou asimilado

20,00 €

1.5

Grupo C2 ou asimilado

20,00 €

1.6

Agrupacións profesionais ou asimilado

12,00 €

2.

Informes e certificacións:

 

2.1

Informacións urbanísticas

45,00 €

2.2

Informes urbanísticos

15,00 €

2.3

Informes policiais relativos a accidentes de circulación

45,00 €


Artigo 7.º.-Devengo.

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se presente a solicitude que inicia a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ao tributo.

2. Nos casos a que se refire o apartado 2 do artigo 2.º, o devengo producirase cando teñan lugar as circunstancias que provoquen a actuación municipal de oficio, ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado, pero redunde no seu beneficio.

3. As certificacións ou documentos que expida a Administración municipal a petición dos xulgados ou tribunais para toda clase de preitos, cando sexan probas propostas a instancia de parte, non se entregarán nin remitirán sen que previamente se abone a correspondente cota tributaria.

Artigo 8.º.-Declaración e ingreso.

1. A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, procedendo o ingreso nas entidades financeiras autorizadas polo concello ou polo procedemento do selo municipal adherido ao escrito de solicitude da tramitación do documento ou expediente ou nestes mesmos se aquel escrito non existira ou a solicitude non fora expresa.

2. Os escritos recibidos polos condutos a que se fai referencia no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, que non veñan debidamente reintegrados, serán admitidos provisoriamente, pero non poderá dárselles curso sen que se subsane a deficiencia, para o que se requirirá ao interesado para que no prazo de dez días abone as cotas correspondentes; co apercibimento de que transcorrido o devandito prazo sen efectualo teranse os escritos por non presentados e será arquivada a solicitude. Nestes casos, a tarifa incrementarase co importe dos gastos de correo que se orixinen.

3. O pagamento desta taxa poderase esixir en efectivo, substituíndose o selo municipal por un recibo duplicado, un dos exemplares unirase ao escrito e outro á copia que se devolve ao interesado.

Artigo 9.º.-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que lle correspondan a estas en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 183 e seguintes da Lei 58/2003, Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión de 28.01.2009, e entrará en vigor unha vez se produza a publicación do seu texto no BOP. A presente ordenanza permanecerá vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.