Vilasantar - ORDENANZA REGULADORA DAS OPERACIÓNS FORESTAIS DE CORTA, DEPÓSITO E TRANSPORTE DE MADEIRA NO CONCELLO

Publicación provisional: 10/01/2013 BOP Nº: 7
Publicación definitiva: 08/05/2013 BOP Nº: 87
Aplicable dende: 26/07/2021

Artigo 1.-Obxecto da ordenanza

Consonte ao disposto nos artigos 77 do Real Decreto 1372/1986, de 13 de xuño, polo que se aproba el Regulamento de Bens das Entidades Locais e os artigos 25 e 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, o concello de Vilasantar estabelece a presente ordenanza reguladora das actividades de corta e saca de madeira no ámbito do termo municipal de Vilasantar, co fin de facela compatible coa preservación das vías públicas, seguridade vial, bens municipais e medio natural do concello.

As actividades afectadas pola ordenanza son todas aquelas operacións que se desenvolvan para a obtención da madeira e o seu transporte, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta, como poden ser o desprazamento de vehículos e maquinaria ou os accesos ao terreo; como as posteriores destinadas ao depósito da madeira, a carga e o seu transporte.

A ordenanza establece a figura do permiso municipal obrigatorio para a realización dos traballos referidos e as normas para a súa tramitación, a imposición dunha fianza e os mecanismos sancionadores establecidos para garantir o seu cumprimento.

Artigo 2.-Autorización para as actividades de corta e saca

Establécese a obrigatoriedade da obtención de autorización municipal previa para a realización de cada operación de corta ou tala forestal e transporte de madeira dentro do termo municipal do Concello de Vilasantar. Esta autorización deberá ser solicitada nas dependencias municipais no modelo oficial facilitado para o efecto.

Exceptúanse desta obriga, sen menoscabo da responsabilidade dos efectos que produza a actividade, aquelas operacións de natureza non industrial destinadas ao abastecemento doméstico de leña realizadas por particulares con vehículos agrícolas.

Artigo 3.-Solicitudes

Para a obtención de autorización municipal para realizar traballos de corta e saca de madeira, as persoas físicas ou xurídicas que o soliciten deberán entregar nas dependencias municipais o impreso formal debidamente cuberto no que figuren os seguintes datos e documentos xuntos requiridos:

- NIF, nome completo e domicilio fiscal da persoa ou entidade, e domicilio a efectos de notificación de ser diferente.

- No caso de ser persoa xurídica: documento auténtico onde consten as identidades dos administradores e do representante legal da entidade.

- Referencia e plano catastral das parcelas onde se van desenvolver os labores.

- Lugares, días e horarios no que se van desenvolver os traballos de corta, almacenaxe e transporte da carga, con referencia expresa da localización dos puntos de amoreamento e carga de madeira ou biomasa.

- Copia da autorización da autoridade forestal para a realización da corta ou, de non ser precisa, declaración responsable do cumprimento da normativa forestal vixente.

- Copia dos permisos de circulación do vehículo ou conxunto de vehículos cos que se van desenvolver os labores ou documento oficial no que conste a súa masa máxima autorizada.

- Xustificante de depósito de fianza nos termos recollidos na presente ordenanza.

As solicitudes de autorización entregaranse como mínimo un mes antes do inicio dos traballos. A súa concesión poderá estar suxeita ás restricións temporais ou condicións técnicas motivadas que decida o Concello.

Non poderán solicitar esta autorización aquelas persoas físicas ou xurídicas que como consecuencia de traballos anteriores cometesen infraccións contra a presente ordenanza e teñan danos pendentes de reparar ou de resarcimento ao concello; aqueles que teñan pendente o pago dalgunha sanción contemplada na presente ordenanza ou aquelas empresas que participasen nos traballos e sexan susceptibles de ser responsables do pagamento dos danos.

A falta de resolución expresa por parte do Concello nese prazo suporá que se entenda denegada a autorización.

Artigo 4.-Deber de fianza

Os solicitantes de cada autorización de corte e saca de madeira deberán presentar coa solicitude o xustificante de presentación dunha fianza a favor do Concello de Vilasantar por cada un dos puntos de amoreamento e carga de madeira ou biomasa, os cales deberán ser sinalados de forma precisa na documentación á que se refire o artigo 3 desta ordenanza e que deberán localizarse fóra da zona de dominio público. Serán válidas todas aquelas fianzas presentadas a través dos procedementos establecidos pola lexislación vixente, co fin de responder do arranxo dos posibles danos que se puideran chegar a producir nas vías de dominio público empregadas para as labores das actividades afectadas pola ordenanza así como da súa limpeza.

Establécense dúas contías atendendo ao peso máximo autorizado do maior dos vehículos ou conxunto de vehículos empregados. Se o seu peso máximo autorizado non supera as 16 Tm. fíxase unha fianza de mil seiscentos euros (1.600,00 €) e se algún vehículo supera esta masa máxima autorizada, entón ascende a tres mil cen euros. (3.100,00 €).

A fianza será reintegrada e/ou cancelada previo informe favorable dos servizos técnicos municipais, unha vez finalizada a corta forestal, no prazo de dous meses, sen prexuízo de que , de non obter dito informe favorable, se produza a incautación definitiva da mesma, e a aplicación do réxime sancionador e demais consecuencias legais esixibles.

Artigo 5.-Normas e obrigas para a realización dos traballos

- Prohíbese a ocupación das vías públicas e do seu dominio con depósitos de madeira, pólas ou ramaxe; así como das canalizacións, gabias, pasos ou todo lugar que dificulte o paso ou acceso a propiedades ou vías.

- Preservarase o estado das vías públicas empregadas para a realización dos traballos de corta, almacenaxe, carga ou transporte; correspondendo ao responsable da corta o deber de comunicar ao concello calquera dano producido e a obriga de proceder á reparación dos desperfeitos producidos no firme, gabias, canalizacións ou outros elementos.

- Prohíbese a realización de desprazamentos de terras que polas súas características teñan a consideración de movementos de terra a efectos da normativa urbanística.

- Os traballos ocuparán só o espazo indispensable da vía pública, permitindo sempre a circulación e cumprindo as disposicións normativas vixentes que regulan o tráfico, circulación e seguridade vial, especialmente as referidas a sinalización de traballos na calzada, corte de carrís ou desviacións na vía.

- O responsable da corta deberá retirar da vía pública nun prazo máximo de 48 horas calquera refugallo ou sucidade resultado da corta, depósito ou transporte da madeira.

Artigo 6.-Responsabilidade

Serán responsables, a efectos do cumprimento de todas as obrigas e responsabilidades recollidas nesta ordenanza, por esta orde:

- A persoa ou entidade solicitante da autorización municipal para realizar o traballo.

- A persoa ou persoas titulares da empresa ou establecemento mercantil que realice os labores.

Artigo 7.-Infraccións e procedemento sancionador

Contra o previsto nesta ordenanza, establécese o seguinte cadro de accións consideradas como infraccións moi graves, graves e leves.

Constitúen infraccións moi graves:

- A realización de traballos de corta e saca de madeira sen a preceptiva autorización municipal.

- Causar danos nas pistas municipais por valor superior a 3.000 euros.

- O depósito de madeira na vía pública.

- Calquera actuación que supoña unha situación de risco para a seguridade vial.

- A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas graves firmes na vía administrativa.

Constitúen infraccións graves:

- Deixar as vías municipais en deficiente estado de sucidade, segundo o informe municipal.

- Causar danos nas pistas municipais por valor inferior a 3.000 euros.

- Non repor ao seu estado orixinal as gabias e dominio público empregado para o acceso aos terreos.

- A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas leves.

Consideraranse infraccións leves:

- Calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao Concello.

As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

- Infraccións leves: multa de ata 300,00 euros.

- Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 300,01 euros e 1.500,00 euros.

- Faltas moi graves: multa de contía comprendida entre 1.500,01 euros e 3.000,00 euros.

Sen prexuízo das sancións que correspondan, cando o Concello teña coñecemento de calquera feito contrario ao recollido na presente ordenanza ordenará a paralización da actividade e comunicará aos responsables das cortas a obriga de restituír calquera dano provocado establecendo un prazo de quince días para proceden á súa reparación.

Estas sancións poderán ser reiterativas por cada semana sen cumprimento do esixido ou manténdose na situación de infracción tipificada, podendo dar lugar a multa coercitiva ao abeiro do disposto no artigo 103 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, ou a normativa que legalmente a substitúa en termos similares. A resolución do expediente sancionador corresponde á Alcaldía.

- Se os danos fosen irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual ao valor dos bens destruídos ou ao importe do deterioro dos danos.

- O procedemento sancionador será o establecido na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común , e cos criterios expostos no Título XI da Lei 7/1985, modificada pola Lei 57/2003, de modernización do goberno local.

Disposición derradeira

A presente ordenanza foi aprobada definitivamente polo pleno do concello o día 10-12-2020 e entrará en vigor unha vez publicado completamente o seu texto e transcurra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei de Bases de réxime local, quedando derrogadas cantas outras disposicións do mesmo rango normativo, en canto se opoñan ou contradigan o disposto na presente.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.