Cabanas - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 25, REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DO PUNTO DE ATENCIÓN DA INFANCIA AS VIÑAS.
Artigo 1.º.-Fundamento legal.
De conformidade co previsto no artigo 127, en relación co artigo 41, do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o prezo público pola prestación do servizo público do punto de atención á infancia que se rexerá pola presente ordenanza.
Artigo 2.º.-Natureza.
Os prezos públicos regulados nesta ordenanza constitúen prestacións patrimoniais de carácter público que se satisfarán polos usuarios que voluntariamente soliciten a inclusión no programa desenvolto polo Concello de Cabanas no punto de atención á infancia das Viñas.
Artigo 3.º.-Obrigados ó pago.
Están obrigados ó pago do prezo público regulado nesta ordenanza quen se beneficien dos servizos prestadas por este Concello a que se refire o artigo anterior. En concreto, os pais/nais, titores/ras e, en xeral, aquelas persoas que ostentan a patria potestade dos nenos/as, que estean matriculados no PAI.
Artigo 4 .º.-Contía.
1. A contía do prezo público regulado nesta ordenanza será a fixada na tarifa seguinte:
A) Prezo servizo básico de atención educativa do centro de luns a venres (cinco días a semana).
O prezo pola atención educativa en réxime de xornada completa de 8 horas no centro fíxase en 164,01 € mensuais.
Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no artigo 5.2.A) desta ordenanza.
En réxime de media xornada, o prezo da atención educativa reducirase no 50% do prezo que se corresponda aboar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar. B) Prezo horario ampliado.
Con carácter excepcional os/as usuarios/as poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.
- Ampliación estancia de cada hora adicional do horario adxudicado: 20,50 €/mes.
O prezo da hora adicional non estará suxeito a ningunha redución C) Prezo por servizos complementarios.
- BONOS por horas para todos os fogares, que por calquera circunstancia desexen deixar os seus nenos/as o coidado no PAI en momentos concretos (sempre e cando o permita a ocupación). Estes BONOS terán un custo de:
35 € para bonos de 10 horas (dez horas).
65 € para bonos de 20 horas (vinte horas).
Para horas soltas o prezo será de 5 € hora.
Para tódolos usuarios que desexen que se lles de a alimentación os seus fillos (a cal terán que traer cada día) establécese unha tarifa de 20 € cada mes. No caso de días soltos a tarifa será de 2 € por día.
2. Prezo de matrícula.
Engadirase en concepto de matrícula o importe de 95 € para a primeira matrícula no centro e 60 € para renovación en exercicios posteriores, que se fará efectivo nun solo pago cada ano.
Artigo 5.º.-Aplicación dos prezos públicos mensuais, exencións e bonificacións.
1. De conformidade co disposto no artigo 9 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, non se recoñece beneficio tributario algún, agás os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais, ou os previstos expresamente en normas con rango de Lei, así como os establecidos nesta ordenanza.
2. Non obstante, de acordo co sinalado no artigo 44.2 do referido texto refundido, establécense as seguintes exencións e bonificacións:
A) Ás contías dos prezos establecidos no artigo 4.º.1.A), aplicaranse reducións segundo a renda per capita mensual da unidade familiar:
- Inferiores ó 50 por cento do IPREM: prezo da praza 0 €.
- Entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM: prezo da praza 33,83 €.
- Entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM: prezo da praza 67,65 €.
- Entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM: prezo da praza 108,65 €.
- Entre o 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM: prezo da praza 129,16 €.
- Entre o 150 e o 200 por cento do IPREM, prezo da praza 142,49 €.
- Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM: prezo da praza 164,01 €.
B) Sobre as contías dos prezos establecidos no artigo 4.º.1.C), aplicaranse as seguintes bonificacións:
Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar:
- Inferior ó 50 por cento do IPREM: bonificación do 100%.
- Entre o 50 e o 100 por cento do IPREM: bonificación do 50%.
C) Ademais, segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto nos artigos 5.2.A) e 5.2.B), aplicaranse as seguintes bonificacións que non son acumulables entre si:
- Nenos/as pertencentes a familias monoparentais: bonificación do 20%.
- Matriculación do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar: bonificación do 100%.
- As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota.
3. Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas. Para a aplicación das bonificacións teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza no PAI, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da de indicación da declaración do IRPF.
Artigo 6.º.-Regras e definicións para a determinación da renda per cápita mensual da unidade familiar.
6.1. Para aplicación dos prezos públicos e reducións establecidos nesta ordenanza, a renda per càpita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:
a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:
I. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.
II. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
III. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.
A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.
b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.
O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.
c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.
Artigo 7.º.-Obriga de pagamento.
A obrigación de pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza nace dende que se inicie a prestación do servizo.
Artigo 8.º.-Normas de xestión.
O prezo de matrícula aboarase no momento de formalizar a inscrición.
A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberase aboar polos interesados nos 10 primeiros días de cada mes, na entidade/s financeiras que indique o Concello, a tal efecto os usuarios preferentemente deberán domicilia-los recibos.
Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, a cota correspondente ao dito mes ingresarase nos dez días naturais seguintes á data de ingreso.
A falta de asistencia da nena ou do neno ao centro non supón redución nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.
A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa exixencia polo procedemento administrativo de constrinximento, orixinará a perda do dereito á praza.
No relativo ao pagamento da tarifa que corresponda ó período no suposto que o centro permanecera pechado por vacacións ou por calquera outro motivo, estarase ao disposto no Regulamento do servizo do PAI.
Artigo 9.º.-Actualización dos prezos, delegación na Xunta de Goberno Local.
No suposto que algunha actividade non se atope tarifada na presente Ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías segundo o IPC, delégase na Xunta de Goberno Local, conforme os artigos 47 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, e 23.2.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, o establecemento da contía ou a actualización da mesma segundo o IPC, á proposta do servizo técnico correspondente co previo informe do Interventor municipal.
Os prezos públicos establecidos nesta ordenanza actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xuño anterior.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia ¿As Viñas" do Concello de Cabanas aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 26 de maio de 2021, derroga a publicada no BOP n.º 58, do 27 de marzo de 2015, e entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir do día 1 do mes seguinte a súa entrada en vigor, continuando vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación.