Vilarmaior - ORDENANZA FISCAL Nº 14, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO MUNICIPAL DE SANEAMENTO

Publicación provisional: 06/10/2021 BOP Nº: 191
Publicación definitiva: 25/11/2021 BOP Nº: 184
Aplicable dende: 01/01/2022

ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E NATUREZA.

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 27 e 57 do RDL 2/2004, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este concello establece a taxa pola prestación do servicio municipal de saneamento e depuración de augas residuais, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal que atende ao previsto nos artigos 20 a 27 do citado RDL 2/2004.

ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.

De acordo co previsto nos artigos 57 e 20.1.4.r) do RDL 2/2004, constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación do servicio municipal de saneamento, tratamento e depuración de augas residuais, servicio de recepción obrigatoria, desde o momento da efectiva prestación do mesmo.

ARTIGO 3.-SUXEITOS PASIVOS.

1. Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 36 da Lei xeral tributaria, que soliciten ou sexan usuarios do servicio e as que resulten beneficiadas ou afectadas por dito servicio.

2. Terán a consideración de suxeitos pasivos substitutos dos contribuíntes, os propietarios das vivendas ou locais nos que se preste o servicio, que poderán repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os beneficiarios do servicio.

ARTIGO 4.-RESPONSABLES.

1. Serán responsables solidariamente, das obrigas tributarias do suxeito pasivo establecidas nesta ordenanza, as persoas físicas e xurídicas a que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

ARTIGO 5.-COTA TRIBUTARIA.

A cota tributaria, é a contida nas tarifas seguintes:

Inmobles destinados a vivenda

47 €/ano

Inmobles destinados a locais comerciais, industriais e outros

47 €/ano

Formalización de alta por conexión á rede

10 €


ARTIGO 6.-DEVENGO.

O período impositivo será o ano natural e a taxa devengarase o 01 de xaneiro de cada ano. No caso de inicio no servico en data diferente ao 01 de xaneiro as cotas se calcularán proporcionalmente ao número de trimestres naturais que restan para finalizar o ano, incluído o do comezo da prestación do servicio.

As débedas por esta taxa poderán esixirse polo procedemento administrativo de constrinximento, de acordo co Regulamento xeral de recadación.

Anualmente formarase un padrón no que figurarán os suxeitos pasivos e as cotas tributarias que se liquiden a cada un deles por aplicación da presente ordenanza. O padrón aprobarase inicialmente e será exposto ao público polo prazo de quince días a efectos de reclamacións no Boletín Oficial da Provincia e no concello, e producirá efectos de notificación de liquidación a cada un dos suxeitos pasivos. Transcorrido o prazo de exposición ao público, o concello resolverá sobre as reclamacións presentadas e aprobará definitivamente o padrón.

ARTIGO 7.-EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa.

ARTIGO 8.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

No relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como á determinación das sancións que correspondan, aplicarase o disposto na Lei xeral tributaria, de acordo co establecido no artigo 11 do RDL 2/2004.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal, que consta de oito artigos, entrará en vigor o día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.