Ordes - ORDENANZA REGULADORA DAS TERRAZAS E DOUTRAS OCUPACIÓNS DO DOMINIO PÚBLICO MUNICIPAL

Publicación provisional: 19/02/2013 BOP Nº: 34
Publicación definitiva: 09/04/2013 BOP Nº: 67
Aplicable dende: 08/03/2022

I.-EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

A Lei 33/2003, do 3 de novembro, de Patrimonio das Administracións Públicas, establece no seu artigo 84, de carácter básico segundo o expresado na Disposición Final 20 deste texto normativo, que ninguén pode, sen título que autorice outorgado pola autoridade competente, ocupar bens de dominio público ou utilizalos en forma que exceda o dereito de uso que, de ser o caso, corresponde a todos. Prosegue o mesmo texto legal indicando que as concesións e autorizacións sobre bens de dominio público rexeranse en primeiro termo pola lexislación especial reguladora de aquelas e, a falta de normas especiais ou en caso de insuficiencia das mesmas, polas disposicións da Lei de Patrimonio estatal.

O artigo 75 do Real Decreto 1372/1986, polo que se aprobou o regulamento de bens das entidades locais, establece a clásica distinción entre aproveitamento común xeral e especial, e normal e anormal, dos bens de dominio público, dispoñéndose nos sucesivos preceptos os modos en que pode levarse a cabo este aproveitamento.

Mediante a presente ordenanza vense a pechar o réxime normativo regulador de diferentes formas de ocupación do dominio público municipal.

TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS COMÚNS

ARTIGO 1.-OBXECTO DA ORDENANZA.

1. O obxecto da presente ordenanza é regular certas formas de ocupación do dominio público municipal no termo municipal de Ordes, e, en particular, as condicións nas que se poderán emprazar terrazas vinculadas a establecementos hostaleiros sobre terreos de titularidade pública e privada.

2. A presente ordenanza non se aplicará aos actos de ocupación do dominio público de carácter hostaleiro que se realicen con motivo da celebración das festas patronais, feiras e festexos populares, que se rexerán polas súas normas específicas.

3. Non son obxecto desta ordenanza a instalación de quioscos ou instalacións permanentes en espazos exteriores de dominio público municipal., as cales suxeitaranse á previa concesión administrativa.

ARTIGO 2.-DISCRECIONALIDADE E LIMITACIÓN DAS AUTORIZACIÓNS.

1. As autorizacións reguladas nesta ordenanza concederanse de acordo coas necesidades cidadás e a previsión de usos que poda concorrer para cada zona concreta.

2. O outorgamento das autorizacións que impliquen ocupación do dominio público é discrecional en atención á harmonización dos usos e actividades que concorren e a outros intereses públicos.

3. As concesións para o uso privativo do dominio público son excepcionais e só se concederán nos casos nos que haxa un interese público no uso ou actividade que se pretenda desenvolver.

 

TÍTULO PRIMEIRO. AUTORIZACIÓNS PARA INSTALACIÓN DE TERRAZAS

CAPÍTULO I.-DEFINICIÓNS

 ARTIGO 3.-CONCEPTO DE TERRAZA.

Aos efectos desta Ordenanza, entenderase por terrazas as instalacións emprazadas en terreos de dominio público ou privado, abertas ou cerradas, formadas por mesas, cadeiras, parasoles, toldos, paraventos, xardineiras ou outros elementos desmontables, nas que se desenvolva unha actividade accesoria a un establecemento principal de hostalaría tal como bar, café-bar, cafetería, restaurante ou similares.

 CAPÍTULO II.-CONDICIÓNS DAS TERRAZAS

 ARTIGO 4.-UBICACIÓN.

- As terrazas que se instalen no dominio público deberán permitir en todo caso un itinerario peonil permanente, de acordo co disposto na normativa de accesibilidade e supresión de barreiras.

- Non poden dificultar o tráfico de peóns, existindo en todo momento unha zona libre de 0,90 metros con calquera obstáculo.

- Non deben impedir ou dificultar a visibilidade da vía pública.

- En principio só poden instalarse as terrazas na fronte e no ancho da fachada do establecemento de hostalería, se outras circunstancias non o impiden (pasos de peóns, paradas de autobuses, saídas de emerxencia, aparcadoiros subterráneos, etc.). Deben estar separadas das entradas dos garaxes de edificios e dos colectores de lixo, fixándose en cada caso a distancia mínima previo informe técnico municipal. Non obstante, excepcionalmente, poderase permitir instalación de terrazas na beirarrúa que superen a liña do establecemento, debendo neste suposto acreditar documentalmente a conformidade dos limítrofes.

- Nos casos en que se poida ocupar na calzada as zoas reservadas de aparcamento será preciso informe previo. O largo da instalación, preferentemente, non poderá superar a zona ocupada pola fachada e o ancho da terraza non poderá ser superior en ningún caso a 1,80 metros para espazos con estacionamento en liña e a 4,50 metros para espazos con estacionamento en batería (e sempre con unha marxe de 0,30 metros aos carrís de circulación de vehículos), determinándose independentemente polo Concello o longo asignado. Nos casos das prazas públicas e rúas peonís o Concello estudará cada caso independentemente para ditaminar as dimensións das plataformas ou terrazas a colocar. O concello reservase o dereito a decidir en función das circunstancias o lugar máis conveniente en cada caso

- O Concello de Ordes, mediante Resolución motivada, poderá modificar a autorización concedida, de xurdiren circunstancias imprevistas ou sobrevidas ou calquera modificación que se produza na sinalización por motivos de ordenación do tráfico que poida afectar as novas condicións de dita ordenación, a cal obrigará ás terrazas afectas as novas condicións da ordenación. Así mesmo, en todo momento o Concello, mediante Resolución motivada, poderá modificar a autorización concedida. As modificacións das autorizacións concedidas non xerarán dereito a indemnización ningunha, sen prexuízo de que, de ser o caso, orixine na devolución da parte proporcional das taxas aboadas ao Concello.

ARTIGO 5.-MOBILIARIO.

1. Colocaranse as mesas, cadeiras e demais mobiliario sobre a beirarrúa de tal maneira que non obstaculicen xamais as entradas a un portal, a unha vivenda, aos cruces de pasos de peóns ou calquera outro espazo que sexa de interese público xeral.

2. No suposto de colocarse tarimas, estas serán de material ignífugo; e de situarse no marxe da calzada estarán á mesma altura ca beirarrúa, e obrigatoriamente terán varandas de protección peonil, debendo contar nos marxes con sinalización reflectinte. O perímetro da terraza quedará delimitado, polos lados que dean á calzada, por elementos verticais continuos mediante material ríxido para conformar ao novo aliñamento de referencia para discapacitados visuais cunha altura mínima de 1 metro. Non poderán afectar ao funcionamento dos servizos públicos municipais, especialmente aos pozos de rexistro e sumidoiros de pluviais pertencentes á rede municipal de saneamento e recollida de pluviais. No caso de instalarse sobre un pozo de rexistro ou sumidoiro, deberán dispor dun sistema que permita o fácil acceso aos mesmos.

 ARTIGO 6.-TOLDOS, CUBERTAS E CERRAMENTOS.

1. As terrazas abertas poderán cubrirse unicamente mediante toldos pregables. Neste tipo de terrazas permitirase a colocación de mamparas ou paraventos transparentes non ancorados.

2. As terrazas cerradas poderán cubrirse con elementos facilmente desmontables. Os cerramentos destas terrazas, ademais de seren tamén facilmente desmontables, deberán ter un deseño que favoreza a permeabilidade das vistas e a percepción da paisaxe.

3. Os toldos ou cerramentos non superarán no seu punto mais alto a cota mais baixa da cara inferior do forxado que forme o teito do andar baixo da edificación en cuxo fronte se sitúe a terraza, nin os tres metros de altura.

ARTIGO 7.-OBRIGAS E PROHIBICIÓNS.

OBRIGAS

1. Cumprir as condicións impostas polo Concello de Ordes na autorización concedida, cinguíndose estritamente á zona autorizada sen superala baixo ningún concepto, e evitando que os clientes o fagan .

2. Colocar en sitio visible, adherida á porta ou escaparate do establecemento, mediante un marco axeitado ou funda de plástico, o permiso/distintivo correspondente para que poida se visto e consultado pola policía local ou calquera outro representante das FFCCSS dende a rúa, sen necesidade de esixir a súa exhibición.

3. O titular do establecemento que solicite a instalación da terraza, deberá dispoñer do correspondente seguro de responsabilidade civil para cubrir os posibles riscos que puideran derivarse do funcionamento da mesma, tanto respecto aos clientes, como ao Concello ou a terceiros.

4. Os titulares das autorizacións de terraza teñen a obriga de manter estas e os elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, hixiene, seguridade e ornato, así como recompoñer o pavimento e os danos ocasionados no mesmo.

5. Os titulares das autorizacións de terraza deberán colocar as mesas e cadeiras e demais elementos dentro do perímetro autorizado.

6. As terrazas unicamente poderán realizar a mesma actividade e expender os mesmos produtos que o establecemento hostaleiro do que dependen.

7. Os titulares de autorizacións de terrazas abertas outorgadas sobre dominio público deberán introducir no interior do establecemento as mesas, cadeiras e outros elementos similares durante o horario de peche do establecemento, deixando o dominio público libre. Excepcionalmente, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, as mesas e cadeiras poderán ser amoreadas en zonas de dominio público próximas ao establecemento hostaleiro das que dependan, sempre e cando non impidan nin obstaculicen o paso polas beirarrúas.

8. Colocaranse as mesas, cadeiras e demais mobiliario de tal forma que non poderá obstaculizarse o acceso á calzada dende os portais das fincas e edificios nin dificultar a manobra de entrada ou saída nos vaos, así como nos pasos de peóns ou calquera outro espazo que sexa de interese público.

9. Os titulares das autorizacións coidarán do mantemento da orde nas terrazas, debendo solicitar a actuación da Policía Local en caso de alteración da orde ou molestia para a veciñanza.

10. Manterase en perfecto estado a beirarrúa, reparando os danos que puideran producirse, como responsable de calquera deterioro que sufra o dominio público.

11. En calquera caso de ocupación será obrigatoria a instalación dunha papeleira con cinceiro para dar servizo xeral aos usuarios do establecemento, cunha dimensión máxima dun metro cadrado. Na citada superficie non poderán servirse aos clientes e, en caso ningún, disporán de asentos.

12. Corresponde ao titular da licenza a limpeza diaria da superficie ocupada unha vez rematada a xornada de apertura ao público. Todo o espazo ocupado pola terraza deberá quedar limpo todas as noites trala retirada da terraza

PROHIBICIÓNS

1. Prohíbese a colocación nas terrazas de frigoríficos, máquinas expendedoras de produtos, máquinas de xogos e similares.

2. Prohíbese almacenar ou amorear produtos, caixas de bebidas, residuos e outros materiais nas terrazas ou nas súas inmediacións.

3. Prohíbese a instalación de mostradores e outros elementos para o servizo da terraza no exterior do establecemento.

4. Prohíbese instalar e usar nas terrazas aparatos audiovisuais, equipos de música, amplificadores e outros elementos que produzan emisións acústicas de calquera tipo.

ARTIGO 8.-CONDICIÓNS DE DENEGACIÓN.

En virtude das notas de inalienabilidade e imprescritibilidade dos bens de dominio público, a mera concorrencia dos requisitos necesarios para que a ocupación poida ser autorizada, non outorga dereito ningún á obtención da licenza. O Concello de Ordes, considerando todas as circunstancias reais ou previsibles, terá plena liberdade para conceder ou denegar a licenza, facendo prevalecer o interese xeral sobre o particular.

En particular, a autoridade municipal competente poderá denegar a autorización destas en calquera dos seguintes supostos:

1. Cando incumpran os requisitos esixidos na presente Ordenanza.

2. Cando a instalación supoña un prexuízo para a seguridade viaria ou diminución da visibilidade, e cando dificulte o sensiblemente o tráfico de peóns.

3. Cando supoña para a súa atención atravesar a calzada.

4. Cando impida ou dificulte gravemente o uso de equipamentos ou mobiliario urbano (fontes, cabinas telefónicas, etc.).

5. Cando se instalen en xardíns públicos ou comunitarios.

6. Temporalmente cando se atope en tramitación expedientes administrativos de disciplina urbanística ou de contaminación acústica que afecten ao establecemento de hostalería .

7. Cando resulte inadecuado ou discordante co entorno, menoscabando o interese de espazos públicos ou de carácter histórico

8. Cando poida incidir na seguridade dos edificios e locais próximos.

ARTIGO 9.-HORARIOS DE FUNCIONAMENTO E LIMITACIÓN DE RUÍDOS.

1. Os titulares de autorizacións de terrazas poderán desenvolver a súa actividade nas mesmas, como máximo, coincidindo co horario oficial do establecemento hostaleiro das que dependan.

2. Os horarios recollidos no apartado anterior poderán modificarse para a totalidade do municipio ou para áreas concretas do mesmo como consecuencia da zonificación acústica prevista na normativa de ruídos.

3. Os titulares de autorización de terraza deberán en todo caso respectar os límites de ruído recollidos na normativa aplicable.

 CAPÍTULO III.-PROCEDEMENTO PARA A OBTENCIÓN DA AUTORIZACIÓN DE TERRAZA

SECCIÓN I

PROCEDEMENTO PARA A OBTENCIÓN DA AUTORIZACIÓNS DE TERRAZA EN TERREOS DE DOMINIO PÚBLICO

 ARTIGO 10.-AUTORIZACIÓNS.

1. A instalación de terrazas abertas ou cerradas no dominio público requirirá a previa obtención dunha autorización municipal, segundo os trámites previstos na presente ordenanza.

2. A obtención da autorización de terraza pechada levará consigo a da realización das obras que resulten pertinentes.

ARTIGO 11.-SOLICITANTES.

1. Poderán solicitar a autorización de terraza os titulares de establecementos de hostalaría incluídos no epígrafe relativo a actividades de restauración do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, que conten coas correspondentes licencias, e que desenvolvan a súa actividade nos locais lindeiros co dominio público que se pretenda ocupar.

2. En casos debidamente xustificados poderanse outorgar autorizacións para a colocación da terraza nun dominio público próximo ao local no que se desenvolva a actividade.

ARTIGO 12.-PRECARIEDADE E REVOGABILIDADE.

1. As autorizacións de terraza outorgaranse en función do cumprimento dos requisitos previstos na presente ordenanza, das características da vía ou terreo onde se pretende a instalación e das circunstancias obxectivas en cada caso concorrentes.

2. As autorizacións de terraza outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiro, entendéndose concedidas en precario.

3. O peticionario da autorización de terraza non ostenta un dereito preexistente á súa obtención, polo que nin a presentación da solicitude nin o pagamento das taxas correspondentes autorizan ao interesado para instalar a terraza.

4. As autorizacións de terraza poderán ser deixadas sen efecto temporalmente ou directamente revogadas en calquera momento cando produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese xeral ou menoscaben o uso público, ou por calquera outro motivo de interese público xustificados, sen que o seu titular teña dereito a indemnización.

ARTIGO 13.-AUTORIZACIÓNS SECTORIAIS.

As autorizacións de terraza outorgaranse sen prexuízo da obtención polo interesado das autorizacións sectoriais que eventualmente poidan resultar esixibles en cada caso.

ARTIGO 14.-DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA.

1. Nas solicitudes de autorización de terraza en dominio público detallarase o número e características dos seus elementos integrantes, e acompañarase a seguinte documentación:

- Identificación da licenza municipal de actividade do establecemento para o que se solicita a terraza e, de ser o caso, da resolución administrativa que admita o último cambio de titularidade de aquela.

- Declaración responsable indicando non ter débedas coa facenda municipal.

- Duración pola que se solicita a autorización.

- Plano de situación sobre a cartografía oficial do planeamento urbanístico.

- Plano de situación da terraza , no que se reflictan a superficie a ocupar , a lonxitude da fachada do establecemento, ancho de beirarrúa ,distancias ás esquinas, paradas de autobuses, saídas de emerxencia, pasos de vehículos, así como os elementos de mobiliario existentes na área de influencia da ocupación.

- Memoria descritiva do tipo de ocupación que se vai a realizar e do mobiliario que se pretende instalar. Deberá expresar o número de mesas e cadeiras a instalar, así como calquera outro tipo de elemento auxiliar (veladores, toldos, antucas, etc.) e a superficie de m2 a ocupar.

- Reportaxe fotográfica do emprazamento na que se aprecie o espazo público a ocupar e o seu entorno.

- Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil e recibo de pago en vigor que cubra o período de instalación.

2. As solicitudes deberán indicar, así mesmo, o período para o cal se solicita a autorización.

ARTIGO 15.-TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA.

A primeira instalación de terraza, ou as sucesivas nas que se produzan modificacións das condicións iniciais, desenvolverase conforme ao seguinte procedemento:

1. Iniciarase mediante solicitude que conterá, polo menos, os datos necesarios esixidos pola lexislación reguladora do procedemento administrativo, á que se xuntará a documentación requirida nesta ordenanza.

2. Os servizos municipais examinarán a solicitude e a documentación aportada. De apreciarse carencias documentais, requirirase ao interesado para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue a documentación esixible, con indicación de que, de así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, previa resolución, arquivándose a solicitude.

3. Unha vez completada a documentación, previo pago da correspondente tarifa informarase a solicitude, indicándose os requisitos ou as medidas correctoras que a instalación proxectada deberá cumprir no caso de resultar autorizable. E ditarase resolución.

4. De non ditarse resolución no prazo legalmente previsto, a solicitude entenderase denegada por silencio administrativo.

ARTIGO 16.-CONTIDO DA AUTORIZACIÓN.

A autorización de terraza indicará as dimensións do espazo sobre o que se autoriza a instalación da terraza, a súa situación, elementos a instalar, de ser o caso cerramentos desmontables a empregar, o horario de funcionamento, as limitacións de índole ambiental ás que quede condicionada e o seu período de funcionamento autorizado.

 ARTIGO 17.-TITULARIDADE DAS AUTORIZACIÓNS.

1. As autorizacións que se outorguen ao abeiro da presente ordenanza habilitan aos titulares dos establecementos de hostalaría para a instalación e explotación directa das terrazas, sen que poidan ser obxecto de arrendamento ou cesión a terceiros.

2. Sen prexuízo do anterior, a transmisión da licenza de actividade do establecemento principal levará consigo a transmisión da autorización de terraza que estea vixente en cada momento.

 ARTIGO 18.-DURACIÓN.

1. As autorizacións poderán ser, en función da solicitude, ben anuais, ben mensuais. Non obstante poderán solicitarse autorizacións por período de tempo superior ao mes, agrupándose neste caso os meses da solicitude, non sendo en caso algún fraccionables os meses naturais.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, poderanse outorgar autorizacións diarias, ao longo da celebración de actividades ou eventos especiais (ExpoOrdes, Festas patronais, etc.).

 ARTIGO 19.-RENOVACIÓN.

1. Os interesados poderán solicitar a renovación das autorizacións de terraza con anterioridade ao vencemento do período de funcionamento autorizado sen necesidade de achegar a documentación indicada no artigo 14, sempre que non varíen as características da terraza. A duración das autorizacións renovadas axustarase ao previsto no artigo 18.

2. Os beneficiarios de autorizacións de terraza co período de funcionamento expirado poderán solicitar novas autorizacións de terraza sen necesidade de achegar a documentación indicada no artigo 14, sempre e cando nunha declaración responsable se indique que as características da terraza son as mesmas que as autorizadas anteriormente e que se está ao corrente coa facenda municipal.

3. En calquera dos supostos sinalados nos parágrafos anteriores deberán achegar, xunto coa solicitude, copia do seguro de responsabilidade civil.

 ARTIGO 20.-ORDE DE RETIRADA.

A instalación de terrazas ou o desenvolvemento de actividade nas mesmas sen a preceptiva autorización ou sen axustarse ás condicións impostas, dará lugar á inmediata orde de retirada. De non ser executada voluntariamente polo interesado, executarase subsidiariamente polo Concello de Ordes, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer, sendo de conta do obrigado os custes de tal execución subsidiaria.

 ARTIGO 21.-CAUSAS DE EXTINCIÓN.

Sen prexuízo do disposto nas demais normas de aplicación, as autorizacións de terrazas extinguiranse polas seguintes causas:

a) Vencemento do prazo previsto.

b) Revogación da autorización por causas xustificadas de interese público.

c) Mutuo acordo.

d) Falta de pago dos tributos correspondentes á ocupación.

e) Anulación ou revogación da licenza de actividade do establecemento de hostalaría do que depende a terraza.

SECCIÓN II

PROCEDEMENTO PARA A COLOCACIÓN DE TERRAZA EN TERREOS DE TITULARIDADE PRIVADA

 ARTIGO 22.-SOLICITANTES.

Poderán solicitar a autorización de terraza aberta os titulares de establecementos de hostalaría incluídos no epígrafe relativo a actividades de restauración do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, que conten coas correspondentes licencias, e que desenvolvan a súa actividade nos locais lindeiros co dominio privado que se pretenda ocupar.

ARTIGO 23.-AUTORIZACIÓN DE TERRAZA EN TERREOS DE TITULARIDADE PRIVADA.

1. A instalación de terrazas abertas en terreos de titularidade privada requirirá a previa presentación polo interesado dunha declaración responsable na que manifeste, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos establecidos no capítulo II do Título I da presente ordenanza e que se compromete a manter o seu cumprimento durante o período de tempo no que manteña a terraza.

2. A presente ordenanza non se aplicará ás terrazas cerradas que se pretendan instalar en terreos de titularidade privada, agás no relativo ás condicións contidas no capítulo II do Título I da presente ordenanza.

 ARTIGO 24.-DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA.

Á declaración responsable á que fai referencia o artigo 23 acompañarase a seguinte documentación:

a) Identificación da licenza municipal de actividade do establecemento para o que se solicita a terraza e, de ser o caso, da resolución administrativa que admita o cambio de titularidade de aquela.

b) Autorización asinada polo propietario do terreo.

c) Plano de situación sobre a cartografía oficial do planeamento urbanístico.

d) Plano de detalle no que se reflictan a superficie a ocupar, así como a disposición dos elementos da terraza.

e) Memoria xustificativa da proporción entre a ocupación proposta e as instalacións e servizos das que dispoña a actividade principal.

f) Reportaxe fotográfica do emprazamento no que se aprecie o espazo a ocupar e o seu entorno.

 ARTIGO 25.-TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA.

1. A presentación da declaración responsable e da documentación indicada no artigo 24 levará consigo automaticamente a obtención da autorización de terraza, sen prexuízo do que resulte do exercicio das potestades administrativas de comprobación, control e inspección que se realice polo concello.

A inexactitude ou falsidade en calquera dato, manifestación ou documento achegado, de carácter esencial, ou o incumprimento dos requisitos esixidos determinará a imposibilidade de continuar co funcionamento da terraza, sen prexuízo das responsabilidades nas que poda incorrer o solicitante.

2. A autorización antes indicada entenderase obtida deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros, así como da obtención polo interesado das autorizacións sectoriais que eventualmente poidan resultar esixibles en cada caso.

3. O titular da terraza deberá adaptarse aos eventuais condicionantes que, á vista dos informes municipais, se impoñan a través de resolución ditada polo órgano competente para conceder a autorización.

4. Resultará de aplicación ás autorizacións reguladas nesta sección o previsto nos artigos 17 e 20 da presente ordenanza.

 ARTIGO 26.-VIXENCIA DA AUTORIZACIÓN.

1. A autorización de terraza ao aire libre en terreos de titularidade privada ten vixencia indefinida.

2. A revogación ou perda da licenza de actividade do establecemento principal levará consigo a extinción da autorización de terraza.

TÍTULO SEGUNDO. OUTRAS OCUPACIÓNS DO DOMINIO PÚBLICO MUNICIPAL

ARTIGO 27.-CALDEIRAS DE POLBO E POSTOS DE VENDA DESMONTABLES.

1. A instalación de caldeiras de polbo e postos de venda desmontables de carácter provisional e ocasional no dominio público municipal requirirá a presentación da correspondente solicitude no rexistro do concello.

2. A autorización de ocupación outórgase deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros.

3. O indicado no apartado anterior enténdese deixando a salvo necesidade de obter calquera outra autorizacións que resulten esixibles a cada concreta actividade, e de cumprir a normativa sectorial aplicable á mesma.

4. A ocupación deberá realizarse respectando as condicións do capítulo II do Título I que puideran aplicarse en función da concreta actividade desenvolvida, e particularmente as condicións de seguridade, salubridade, limpeza e hixiene.

5. Os horarios de funcionamento serán os que estableza a autorización en función das circunstancias concorrentes, no marco da normativa reguladora da actividade que se desenvolva, e sen que poidan exceder dos previstos no artigo 9 da presente ordenanza.

ARTIGO 28.-DELIMITACIÓN DE ESPAZOS PARA VENDA.

O concello poderá delimitar no dominio público espazos destinados á instalación de postos temporais de venda. A explotación destes espazos adxudicarase en réxime de publicidade e libre concorrencia de acordo coas condicións da convocatoria que se realice en cada caso.

ARTIGO 29.-PUBLICIDADE E OUTROS OBXECTOS NO DOMINIO PÚBLICO.

Nas terrazas poderanse colocar elementos publicitarios. Con carácter xeral só se autoriza a colocación de elementos publicitarios, carteis informativos, elementos ornamentais ou calquera outro obxecto de titularidade privada no dominio público, a aqueles locais que conten coa correspondente licenza de ocupación de dominio público.

 

TÍTULO TERCEIRO. RÉXIME SANCIONADOR E DA REPOSICIÓN DA LEGALIDADE

CAPÍTULO I.-RÉXIME SANCIONADOR

 ARTIGO 30.-INSPECCIÓN.

Corresponde aos axentes da Policía Local e aos inspectores municipais a inspección e control do cumprimento do disposto na presente ordenanza.

ARTIGO 31.-POTESTADE SANCIONADORA.

As infraccións a esta Ordenanza serán sancionadas polo órgano competente municipal, previa instrución do correspondente expediente, de conformidade cos principios e procedemento regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo común e no Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

ARTIGO 32.-INFRACCIÓNS.

Constitúen infraccións a esta ordenanza os actos ou omisións que contraveñan o disposto nela, que se clasifican en leves, graves e moi graves.

ARTIGO 33.-RESPONSABLES.

Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións ou elementos que ocupen o dominio público, ou os que desenvolvan a actividade infractora.

ARTIGO 34.-INFRACCIÓNS LEVES.

Considéranse infraccións leves:

- A colocación sen autorización de elementos publicitarios, carteis informativos, elementos ornamentais ou calquera outros obxectos de titularidade privada no dominio público, cando non teña o carácter de grave ou moi grave.

- O incumprimento de calquera outra obriga prevista nesta ordenanza que non sexa constitutiva de infracción grave ou moi grave.

ARTIGO 35.-INFRACCIÓNS GRAVES.

Considéranse infraccións graves:

- A reiteración ou reincidencia en calquera infracción leve, pola comisión, no termo dun ano, de dúas faltas leves da mesma natureza.

- A instalación de terrazas abertas sen cumprir os requisitos esixidos pola ordenanza ou a autorización outorgada. Entenderase en todo caso que é falta grave a instalación de elementos para os que non teña autorización. Neste caso liquidaranse, a maiores, as taxas correspondentes como se a ocupación efectiva fose anual.

- A provocación de danos ao dominio público ou de calquera das súas instalacións e elementos, mobles ou inmobles, cando non teñan a consideración de moi graves.

- O desenvolvemento da actividade na terraza por quen non sexa titular da autorización.

- O incumprimento dos horarios sinalados na presente ordenanza.

- A realización nas terrazas de actividades non autorizadas con prexuízo para a seguridade ou tranquilidade públicas.

ARTIGO 36.-INFRACCIÓNS MOI GRAVES.

Considéranse infraccións moi graves:

- Non dispoñer de autorización municipal para a instalación da terraza ou fora do período autorizado. Neste caso, e sen prexuízo da sanción que poida corresponder, liquidaranse as taxas por ocupación como se a ocupación efectiva fose anual.

- O impedimento do uso dun espazo público a persoas con dereito á súa utilización e, polo tanto, a instalación no dominio público de terrazas cerradas sen autorización ou fora do período autorizado.

- A ocultación, manipulación ou falsidade nos datos consignados na solicitude ou na documentación anexa achegada en orde á obtención da correspondente licenza.

- O deterioro grave e relevante dos espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, mobles ou inmobles.

- A falta de vixencia do seguro de responsabilidade civil.

- A reincidencia pola comisión de dúas faltas graves da mesma natureza no período dun ano.

ARTIGO 37.-SANCIÓNS.

1. As infraccións a esta Ordenanza tipificadas nos artigos anteriores serán sancionadas:

- As leves, con multa de ata 150 €.

- As graves, con multa de 151 € ata 450 €, que poderá acompañarse da suspensión temporal da autorización de terraza por un período non superior a un mes, sen dereito a indemnización ningunha.

- As moi graves, con multa de 451 € ata 3.000 €, que poderá acompañarse da suspensión temporal da autorización de terraza por un período non superior a tres meses, sen dereito a indemnización ningunha, ou da revogación da mesma.

2. Para a modulación das sancións atenderase á existencia de intencionalidade ou reiteración, á natureza dos prexuízos causados, ao beneficio obtido, e á reincidencia pola comisión no termo de un ano de mais dunha infracción da mesma natureza, cando así se sinale por resolución firme.

ARTIGO 38.-PRESCRICIÓN.

1. As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

2. As sancións impostas por infraccións leves prescriben ao ano, por infraccións graves aos dous anos e por infraccións moi graves aos tres anos.

3. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse dende o día no que a infracción se cometese, e o das sancións dende o día seguinte a aquel no que adquirira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

ARTIGO 39.-REINCIDENCIA.

A comisión de tres infraccións graves determinará a revogación automática da autorización de terraza e a retirada inmediata dos seus elementos, así como a imposibilidade de obter autorización durante o prazo de dous anos, a contar dende a data da resolución pola que se impoña a terceira sanción.

CAPÍTULO II.-MEDIDAS DE REPOSICIÓN DA LEGALIDADE

 ARTIGO 40.-MEDIDAS DE REPOSICIÓN DA LEGALIDADE.

A imposición de sancións será compatible coa esixencia ao infractor da reposición do dominio público ao estado anterior á comisión da infracción, así como a indemnización polos danos e prexuízos causados.

ARTIGO 41.-MEDIDAS CAUTELARES.

Coa iniciación do expediente sancionador e con carácter preventivo, poderá acordarse a suspensión do funcionamento das terrazas non autorizadas e a retirada dos seus elementos, así como o cese de calquera outra actividade ou ocupación do dominio público sen autorización e a retirada dos elementos utilizados para a mesma.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Os titulares de establecementos hostaleiros que veñan ocupando o dominio público municipal con terrazas deberán retiralas no prazo dun mes, a contar dende a entrada en vigor da presente Ordenanza, a non ser que obteñan a correspondente autorización, que deberá solicitarse dentro do mesmo prazo.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

As determinacións dos artigos 8 e 9 e concordantes da presente ordenanza tamén serán aplicables ás ocupacións que se desenvolvan sobre dominio público titularidade doutras administracións.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor de conformidade co establecido nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.