Sada - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 8, REGULADORA DA TAXA POR TÍTULOS HABILITANTES DE NATUREZA URBANÍSTICA

Publicación provisional: 21/03/1998 BOP Nº: 65
Publicación definitiva: 21/03/1998 BOP Nº: 65
Aplicable dende: 01/06/2023

Artigo 1º.- Fundamento e natureza

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985 , de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local , e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 20.4.h) do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por títulos habilitantes, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, as normas da cal atenden ao prevido no artigo 57 do citado Real decreto lexislativo 2/2004.

Artigo 2º. - Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa tendente a verificar se os actos de edificación e uso do solo a que se refire o artigo 142 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo de Galicia, así como a súa normativa de desenvolvemento, e que teñan que realizarse no término municipal, se axustan ao planeamento e lexislación urbanísticas e, no suposto de comunicacións previas de primeira ocupación, se a edificación pode destinarse ao uso pretendido, se se axusta ao proxecto técnico presentado e se cumpriron as condicións deste e os deberes urbanísticos a ela vencellados.

Artigo 3º. - Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria:

a) Solicitantes do titulo habilitante

2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte, os construtores e contratistas das obras, por imperativo expreso do artigo 23.2 b) do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (RD Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo), que virán obrigados o pagamento da Taxa e con eles entenderanse as actuacións municipais relativas á xestión e cobro do tributo.

Artigo 4º. - Responsables.

Serán responsables solidarios cos suxeitos pasivos os propietarios ou posuidores, ou, no seu caso, arrendatarios dos inmobles nos que se realicen as construcións, instalacións ou obras.

Artigo 5º. - Cota tributaria.

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota de tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, dende a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ao interesado do acordo recaído.

Artigo 6º. - Tarifa.

1.- A contía da taxa, polos títulos habilitantes de natureza urbanística será o resultado de aplicar ao Orzamento de Execución Material ou, no seu caso, orzamento-memoria detallado, a tarifa sinalada :

CONCEPTO

TARIFA (%)

Obras de nova planta, ampliación, reconstrución ou mellora:

Vivendas unifamiliares

0.5

Vivendas plurifamiliares

1,00

Naves, locais e outras instalacións:

- ≤ 200 m2 de superficie construída

- > 200 m2 de superficie construída

0,50

1,00

Comunicacións previas de primeira ocupación

Vivendas unifamiliares

0.5

Vivendas plurifamiliares

1,00

Naves, locais e outras instalacións:

- ≤ 200 m2 de superficie construída

- > 200 m2 de superficie construída

0,50

1,00

Demolición de construcións e movemento de terras:

1,00

Outras obras non descritas en apartados anteriores:

1

2.- A contía da taxa para os cambios de titularidade de licenzas é de 60 €.

3.- A contía da taxa por carteis visibles desde a vía pública é de 15,00 €/m2.

Artigo 7º. - Exencións.

No suposto de obras de rehabilitación interior de vivendas ou de reforma de locais con destino a actividades industriais ou comerciais gozarán de exención subxectiva aqueles contribuíntes que acrediten no momento da solicitude estar en situación legal de desemprego e non teñan ingresos anuais computables superiores ao IPREM vixente en cada momento e referido a toda a unidade familiar.

Artigo 8º. - Devengo.

1.Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para os efectos, entenderase iniciada dita actividade na data de presentación no Rexistro da oportuna solicitude da licenza urbanística ou a comunicación previa ou a declaración responsable

Artigo 9º. -Solicitude.

1. As persoas interesadas na obtención do titulo habilitante de natureza urbanística presentarán, previamente, no rexistro xeral coa oportuna solicitude o coa comunicación previa, achegando proxecto técnico visado polo Colexio Oficial respectivo, ou, no suposto de que a natureza do feito impoñible non requira ou esixa proxecto técnico, achegarase un orzamento-memoria detallado das obras a realizar. Tamén deberán aportar o resto da documentación necesaria exixida pola normativa correspondente (autorizacións sectoriais, nomeamentos de dirección de obra, etc)

2. Se despois de formulada a solicitude de licenza o a comunicación previa, se modificase ou ampliase o proxecto inicial deberá poñerse en coñecemento da Administración Municipal, achegando o novo orzamento ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias da modificación ou ampliación.

Artigo 10º. - Réxime de ingreso.

1.- De acordo previsto no artigo 27 do Real Decreto lexislativo 2/2004, establécese o réxime de autoliquidación da taxa, segundo o modelo establecido polo Concello. Para os efectos, o solicitante presentará, de xeito simultáneo á solicitude da licenza, xustificante de ter ingresado a cota tributaria correspondente.

2.- As autoliquidacións, unha vez comprobadas, terán natureza de liquidación provisional

Unha vez rematadas as obras, e previa comprobación dos servizos municipais, practicarase a liquidación definitiva e, no seu caso, conxuntamente coa comunicación previa de primeira ocupación.

Artigo 11º. - Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas corresponden en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento.

Disposición Derradeira.

A presente Ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 23 de febreiro de 2023, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir de dita data, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.