Pontedeume - Ordenanza fiscal número 13, reguladora da taxa polo aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións de interese xeral

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 12/12/2023 BOP Nº: 235
Aplicable dende: 01/01/2024

ARTIGO 1º. NATUREZA, OBXECTO E FUNDAMENTO.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e artigo 331 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, este Concello establece a Taxa por aproveitamento especial do dominio público local mediante caixeiros automáticos de entidades financeiras instaladas na fachada de establecementos e con acceso directo dende a vía pública.

ARTIGO 2º. FEITO IMPOÑIBLE

Constitúe o feito impoñible da Taxa o aproveitamento especial do dominio público con caixeiros automáticos de que se serven as entidades financeiras para prestar os seus servizos e que sexan instalados na fachada de establecementos e con acceso directo dende a vía pública.

ARTIGO 3º. SUXEITOS PASIVOS

Son suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades que se sinalan no artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria a cuxo favor se outorguen as licenzas ou quenes se beneficien do aproveitamento, se se procedera sen a oportuna autorización ou en calquera caso, a entidade titular do caixeiro automático.

Terán a condición de substitutos do contribuínte os propietarios do edificio ou locais onde se coloquen os aparellos ou máquinas obxecto desta Taxa.

ARTIGO 4º. RESPONSABLES

Serán responsables solidarios e subsidiarios da débeda tributaria as persoas físicas e xurídicas citadas nos artigos 42 e 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

ARTIGO 5º. EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS

Non se recoñecerá exención nin bonificación algunha nos importes das cotas tributarias reguladas na

presente ordenanza.

ARTIGO 6º. COTA TRIBUTARIA

A contía da taxa regulada nesta Ordenanza será:

Por unidade de caixeiro automático ou máquina expendedora ó ano: 1.560,18 €

ARTIGO 7º. PERÍODO IMPOSITIVO E DEVENGO

1. O período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio do aproveitamento especial, en cuxo caso, o período impositivo axustarase a esta circunstancia co conseguinte prorrateo da cota, calculándose as tarifas proporcionalmente ao número de trimestres naturais que resten para finalizar o ano, incluído o de comezo do aproveitamento especial.

Asi mesmo e, en caso de baixa por cese no aproveitamento, as tarifas serán prorrateables por trimestres naturais, excluído aquel no que se produza o dito cese. A tal fin, os suxeitos pasivos poderán solicitar a devolución da parte da cota correspondente aos trimestres naturais nos que non se producira o aproveitamento citado.

2. A taxa devindícase e nace a obriga de contribuír cando se trate de aproveitamentos xa autorizados e, en tanto non se solicite a súa baixa, por anos naturais, o primeiro día do período impositivo.

Cando se trate de novos aproveitamentos, a taxa devindícase e nace a obriga de contribuír, no momento do outorgamento da correspondente autorización administrativa ou, no seu defecto, desde o momento en que se realice materialmente o aproveitamento real e efectivo.

ARTIGO 8º. NORMAS DE XESTIÓN

1. As persoas ou entidades interesadas na concesión dos aproveitamentos regulados por esta Ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licenza ou autorización administrativa correspondente antes do inicio do aproveitamento.

Debendo presentar solicitude á que achegarán a seguinte documentación:

a) Un plano a escala ou croquis de situación, onde se indique a ubicación da máquina expendedora ou caixeiro automático.

b) Unha memoria explicativa na que indique a natureza da maquinaria e a necesidade da súa colocación, así como a previsión da intensidade de uso que vai provocar na vía pública e a sua ocupación, con avaliación do cumprimento de accesibilidade de espazos públicos.

2. Nos supostos de alta no tributo, se establece o réxime de autoliquidación na xestión de cobro desta taxa. O pago realizarase no momento de presentar a solicitude de outorgamento da correspondente autorización administrativa.

Este ingreso terá o carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1.1 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, quedando elevado a definitivo ao concederse a licenza correspondente.

Non se tramitará o expediente sen que quede acreditado o pago correspondente.

3. Nos sucesivos exercicios, a taxa liquidarase por Padrón de cobro periódico por recibo nos prazos establecidos.

Así mesmo, o Padrón estará constituído por todos os caixeiros e máquinas expendedoras sometidos a tributación o 1 de xaneiro de cada ano mediante esta taxa e que foran declarados ou incluídos de oficio polo Servizo de Xestión Tributaria do Concello.

O aproveitamento entenderase prorrogado en tanto non se presente a baixa debidamente xustificada polo interesado. A tal fin os suxeitos pasivos deberán solicitar a oportuna declaración de baixa no prazo de quince días hábiles seguintes a aquel en que se retire a instalación. A presentación da baixa do caixeiro automático surtirá efectos a partires do primeiro día do trimestre natural seguinte ao da presentación da dita baixa.

Sexa cal sexa a causa que se alegue en contrario, a non presentación da baixa coas especificacións anteriores, determinará a obriga de continuar aboando a taxa.

4. Cando se produza un aproveitamento suxeito a esta taxa sen a preceptiva autorización municipal previa ou sen a oportuna declaración de alta, sen prexuízo das medidas que resulten procedentes en exercicio das facultades demaniais e potestades administrativas do Concello, e imposición das sanciones que resulten procedentes; iniciarase o expediente regularizador que corresponda, practicándose a liquidación pertinente.

A regularización do aproveitamento, cando sexa procedente, requirirá o pago da liquidación practicada, sen prexuízo das demais medidas que resulten pertinentes.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente modificación da Ordenanza Fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do 1 de xaneiro de 2024, e se manterá vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.

NOTA DEL SAEM

No BOP nº 33 de data 18/02/2025, cambiouse o número desta ordenanza, segundo o acordo plenario celebrado o día 28/09/2023.