San Sadurniño - Ordenanza Fiscal nº T-6, reguladora da taxa por ocupación do dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de subministros de interese xeral

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 12/12/2023 BOP Nº: 235
Aplicable dende: 01/01/2024

Artigo 1º. FUNDAMENTO E NATUREZA

Ao amparo do previsto nos artigos 57, 20 e 24.1 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, que regula a taxa por utilización privativa das vías públicas municipais, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou a unha parte importante da veciñanza, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.

Artigo 2º. FEITO IMPOÑIBLE

1.- Constitúe o feito impoñible da taxa o desfrute da utilización privativa, ou os aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, a favor de empresas ou entidades que utilizan o dominio público para prestar os servizos de subministracións que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou unha parte importante da veciñanza.

2.- O aproveitamento especial do dominio público producirase sempre que, para a prestación do servizo de subministración, se deban utilizar antenas, instalacións ou redes que materialmente ocupan o solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, con independencia de quen sexa o titular daquelas.

3.- En particular, comprenderán entre os servizos referidos nos apartados anteriores, as subministracións de auga, gas, electricidade, telefonía fixa e outros medios de comunicación que se presten, total ou parcialmente, a través de redes e antenas fixas que ocupan o dominio público municipal.

4.- O pagamento da taxa regulamentada nesta Ordenanza supón a exclusión expresa da exacción doutras taxas derivadas da utilización privativa ou o aproveitamento especial constituído no solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, necesarios para a prestación dos servizos de subministracións de interese xeral.

Artigo 3º. SUXEITOS PASIVOS

1.- Son suxeitos pasivos as empresas ou entidades explotadoras de servizos de subministración que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou a unha parte importante da veciñanza, tales como os de abastecemento de auga, subministración de gas, electricidade, telefonía (fixa) e outros análogos, así como tamén as empresas que explotan a rede de comunicación mediante sistemas de fibra óptica, televisión por cable ou calquera outra técnica, independente do seu carácter público ou privado.

A estes efectos, inclúense entre as empresas explotadoras dos ditos servizos as empresas distribuidoras e comercializadoras dos mesmos.

2.- Teñen a consideración de suxeitos pasivos as empresas ou entidades explotadoras a que se refire o apartado anterior, tanto se son titulares das correspondentes redes a través das cales se efectúan as subministracións como se, non sendo titulares das ditas redes, o son de dereitos de uso, acceso ou interconexión ás mesmas.

3.- Tamén serán suxeitos pasivos da taxa as empresas e entidades, públicas ou privadas, que presten servizos, ou exploten unha rede de comunicación no mercado, segundo o disposto nos artigos 6 e concordantes coa Lei 32/2003, de 3 de novembro, xeral de telecomunicacións.

4.- As empresas titulares das redes físicas, ás cales nos lles resulte aplicable o que se prevé nos apartados anteriores, están suxeitas á taxa por ocupacións do solo, o subsolo e o voo da vía pública, regulamentada na Ordenanza fiscal correspondente.

Artigo 4º. SUCESORES E RESPONSABLES

1.- As obrigas tributarias pendentes das sociedades e entidades con personalidade xurídica disoltas e liquidadas transmitiranse aos socios, copartícipes ou cotitulares, que quedarán obrigados solidariamente ata os límites seguintes:

a) Cando non exista limitación de responsabilidade patrimonial, a contía íntegra das débedas pendentes.

b) Cando legalmente se limitase a responsabilidade, o valor da cota de liquidación que lles corresponda.

Poderán transmitirse as débedas xeradas na data de extinción da personalidade xurídica da sociedade ou entidade, aínda que non estean liquidadas.

2.- As obrigas tributarias pendentes das sociedades mercantís, en supostos de extinción ou disolución sen liquidación, transmitiranse ás persoas ou entidades que sucedan, ou sexan beneficiarios da operación.

3.- As obrigas tributarias pendentes das fundacións, ou entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, en caso de disolución das mesmas, transmitiranse aos destinatarios dos bens e dereitos das fundacións, ou aos partícipes ou cotitulares das ditas entidades.

4.- As sancións que procedan polas infraccións cometidas polas sociedades e entidades ás cales se refiren os apartados anteriores esixiranse aos sucesores daquelas, ata o límite do valor da cota de liquidación que lles corresponda.

5.- Responderán solidariamente da débeda tributaria as persoas ou entidades seguintes:

a) As que sexan causantes ou colaboren activamente na realización dunha infracción tributaria. A súa responsabilidade esténdese á sanción.

b) Os partícipes ou cotitulares das entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, en proporción ás súas respectivas participacións.

c) Os que sucedan por calquera concepto na titularidade de explotacións económicas, polas obrigas tributarias contraídas polo anterior titular e derivadas do seu exercicio.

Exceptúanse de responsabilidade as adquisicións efectuadas nun procedemento concursal.

6.- Responderán subsidiariamente da débeda tributaria:

a) Os administradores de feito ou de dereito das persoas xurídicas que non realizaran os actos necesarios da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias ata os límites seguintes:

- Cando se cometeran infraccións tributarias responderán da débeda tributaria pendente e das sancións.

- En supostos de cesamento das actividades, polas obrigas tributarias xeradas, que se atopen pendentes na fecha de cesamento, sempre que non fixeran o necesario para o seu pagamento ou tomaran medidas causantes da falta de pagamento.

b) Os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades e entidades que non realizaran as xestións necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias xeradas con anterioridade.

7.- A responsabilidade esixirase en todo caso nos termos e de acordo co procedemento previsto na Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º- BASE IMPOÑIBLE E COTA TRIBUTARIA

1.-As bases de imposición e tipos de gravame son os comprendidos nas seguintes tarifas:

Tarifa primeira: Palomillas, transformadores, caixas de amarre, distribución e rexistro, cables, rieles, tuberías e outros análogos:

* Palomillas para suxeitar cables, cada unha, 0,24 €.

* Caixas de amarre, distribución e rexistro, cada unha, 8,09 €.

* Cables de alimentación ou condución de enerxía eléctrica, por metro lineal ou fracción: 0,04€.

* Condución telefónica aérea, adosada ou non a fachadas, por cada metro lineal ou fracción: 0,04 €.

* Ocupación de vía pública con tuberías para a condución de auga, por cada metro lineal ou fracción: 0,07 €.

Tarifa segunda: postes:

* Postes de calquera material, cada un: 4,04 €; a Alcaldía poderá conceder bonificacións de ata 50% do importe desta tarifa cando os postes instalados por particulares con outros fins sexan ó mesmo tempo utilizados por algún servicio municipal.

Tarifa terceira: Básculas, aparellos ou máquinas automáticas:

* Por cada báscula: 40,41 €.

* Cabinas fotográficas, por cada metro ou fracción: 8,09 €.

* Aparellos ou máquinas de venda ou expedición automática de calquera produto ou servicio, non especificado noutros epígrafes: 40,41 €.

Tarifa cuarta: Aparellos surtidores de combustibles e análogos:

* Ocupación da vía pública ou terreos municipais con aparellos surtidores de combustibles, por cada metro cadrado ou fracción: 0,81 €.

* Ocupación do subsolo das vías públicas con depósitos de combustibles, por cada metro cúbico ou fracción: 1,62 €.

Artigo 6º. PERÍODO IMPOSITIVO E XERACIÓN DA TAXA

1.- O período impositivo coincide co ano natural agás nos supostos de inicio ou cesamento na utilización ou aproveitamento especial do dominio público local necesario para a prestación da subministración ou servizo, casos nos que procederá aplicar o rateo trimestral, conforme ás seguintes regras:

a) Nos supostos de altas por inicio de actividade liquidarase a cota correspondente aos trimestres que restan para finalizar o exercicio, incluído o trimestre no que ten lugar a alta.

b) No caso de baixas por cesamento de actividade liquidarase a cota que corresponda aos trimestres transcorridos dende o inicio do exercicio, incluíndo aquel no que se orixina o cesamento.

2.- A obriga de pagamento da taxa regulamentada nesta Ordenanza nace nos momentos seguintes:

a) Cando se trata de concesións ou autorizacións de novos aproveitamentos, no momento de solicitar a licenza correspondente.

b) Cando o desfrute do aproveitamento especial a que se refire o artigo 1 desta ordenanza non requira licenza ou autorización, dende o momento en que se iniciou o devandito aproveitamento. A tal efecto, enténdese que comezou o aproveitamento especial cando se inicia a prestación de servizos aos usuarios que o soliciten.

3.- Cando os aproveitamentos especiais do solo, subsolo ou voo das vías públicas se prolonguen durante varios exercicios, a xeración da taxa terá lugar o 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural.

Artigo 7º. RÉXIME DE DECLARACIÓN E INGRESO

1.- Establécese o réxime de autoliquidación para cada tipo de subministración, que terá periodicidade trimestral e comprenderá a totalidade dos ingresos brutos facturados no trimestre natural ao que se refira. O cesamento na prestación de calquera subministración ou servizo de interese xeral, comporta a obriga de facer constar esta circunstancia na autoliquidación do trimestre correspondente, así como a data de finalización.

2.- Poderase presentar a declaración final o último día do mes seguinte ou o inmediato hábil posterior a cada trimestre natural. Presentarase ao Concello unha autoliquidación para cada tipo de subministración efectuado no termo municipal, especificando o volume de ingresos percibidos por cada un dos grupos integrantes da base impoñible, segundo detalle do artigo 5.3 desta Ordenanza. A especificación referida ao concepto previsto na letra c) do mencionado artigo, incluirán a identificación da empresa ou empresas subministradoras de servizos ás que se facturarán cantidades en concepto de peaxe.

A contía total de ingresos declarados polas subministracións a que se refire o apartado a) do mencionado artigo 5.3 non poderá ser inferior á suma dos consumos rexistrados en contadores, ou outros instrumentos de medida, instalados neste Concello.

3.- As empresas que utilicen redes alleas deberán acreditar a cantidade satisfeita aos titulares das redes co fin de xustificar a minoración de ingresos a que se refire o artigo 5.2 da presente Ordenanza. Esta acreditación acompañarase da identificación da empresa ou entidade propietaria da rede utilizada.

4.- Expedirase un documento de ingreso para a persoa interesada, que lle permitirá satisfacer a cota nos lugares e prazos de pagamento que se indiquen.

Por razóns de custo e eficacia, cando da declaración trimestral dos ingresos brutos se deriven dunha liquidación de cota inferior a 6 euros, acumularase á seguinte.

5.- A presentación das autoliquidacións despois do prazo fixado no punto 2 deste artigo comportará a esixencia das recargas de extemporaneidade, segundo o disposto no artigo 27 da Lei Xeral Tributaria.

6.- A empresa ¿Telefónica de España, S.A.U.", á cal cedeu Telefónica, S.A. os diferentes títulos habilitantes relativos a servizos de telecomunicacións básicas en España, non deberá satisfacer a taxa porque o seu importe queda englobado na compensación do 1,9% dos seus ingresos brutos que satisfai este Concello.

As restantes empresas do ¿Grupo Telefónica" están suxeitas ao pagamento da taxa regulamentada nesta ordenanza.

Artigo 8º. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

1.- A falta de ingreso da débeda tributaria que resulta da autoliquidación correcta da taxa dentro dos prazos establecidos nesta ordenanza, constitúe infracción tributaria tipificada no artigo 191 da Lei Xeral Tributaria, que se cualificará e se sancionará consonte o disposto no devandito artigo.

2.- O resto de infraccións tributarias que se poidan cometer nos procedementos de xestión, inspección e recadación desta taxa tipificaranse e sancionaranse de acordo co que se prevé na Lei Xeral Tributaria, no Regulamento Xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributarias, aprobado por Real Decreto 1065/2007 e na Ordenanza Xeral de Xestión, Inspección e Recadación dos ingresos de dereito público municipais.

3.- A falta de presentación de forma completa e correcta das declaracións e documentos necesarios para que se poida practicar a liquidación desta taxa constitúe unha infracción tributaria tipificada no artigo 192 da Lei Xeral Tributaria, que se cualificará e se sancionará consonte o disposto no devandito artigo.

Disposición adicional 1ª. MODIFICACIÓN DOS PRECEPTOS DA ORDENANZA E DAS REFERENCIAS QUE FAI Á NORMATIVA VIXENTE, CON MOTIVO DA PROMULGACIÓN DE NORMAS POSTERIORES

Os preceptos desta Ordenanza fiscal que, por razóns sistemáticas reproduzan aspectos da lexislación vixente e outras normas de desenvolvemento, e aquelas nas que se fagan remisións a preceptos desta, entenderase que son automaticamente modificados e/ou substituídos no momento no que se produza a modificación dos preceptos legais e regulamentarios de que traen causa.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente actualización entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024.