Santa Comba - Ordenanza fiscal nº 5, reguladora do imposto de construccións, instalacións e obras
Artigo 1º.- Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto na devandita lei, pola presente ordenanza fiscal e na Ordenanza Xeral de Xestión, Recadación e Inspección dos tributos municipais
Artigo 2º.- Feito impoñible.
1.- O Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras é un tributo indirecto cuxo feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou bora para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, teñan ou non a devandita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ao concello da imposición.
2.- Son construcións, instalacións e obras suxeitas ao imposto todas aquelas nas que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior; e en particular as seguintes:
a) As obras da nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.
b) As obras de modificación ou de reforma que afecten á estrutura, ao aspecto exterior ou á disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalación existente.
c) As obras provisionais.
d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.
e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto ás obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.
f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.
g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.
h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa o seu emprazamento.
i) Os usos e instalacións de carácter provisorio.
j) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.
k) As instalacións subterráneas dedicadas aos aparcamentos, ás actividades industriais, mercantís ou profesionais, aos servizos públicos ou a calquera outro uso a que se destine o subsolo.
l) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licenza ou comunicación previa de obras municipais, sempre que se trate de construcións, instalacións ou obras.
ll) Derrubamentos.
m) Aliñacións e rasantes.
n) As que se realicen en cemiterios.
ñ) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise licenza de obra ou urbanística, ou comunicación previa de obra.
3.- Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aqueloutras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos, a licenza de obra aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ao interesado.
Artigo 3º.- Supostos de non suxeición
Non estarán suxeitas ao imposto regulado na presente ordenanza:
a) As obras, construcións e instalacións que, debendo ser entregadas ao municipio, fosen executadas por outras administracións públicas en virtude de convenio de colaboración ou cooperación co Concello.
b) As obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público ou asociacións veciñais en bens de uso ou servizo público municipal, coa autorización previa do órgano correspondente.
c) As obras que consistan en construción e reconstrución de muros, como consecuencia da necesidade de ensanche das vías públicas se se efectou a cesión gratuíta dos terreos polos propietarios.
d) As obras, construcións e instalacións que promovan dentro do termo municipal de Santa Comba as entidades supramunicipais das que forme parte o Concello.
e) A execución de obras de urbanización realizadas polos propietarios afectados, sempre e cando se entreguen posteriormente ao municipio.
f) As obras realizadas nos centros públicos e nos centros privados concertados sempre que estas se realicen nos niveis de educación obrigatoria.
g) As obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público, asociacións, entidades ou comunidades veciñais, sen ánimo de lucro, para prestación de servizos que revirtan no interese xeral dos veciños, coa autorización previa do órgano correspondente.
Artigo 4º.- Exencións.
Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.
Artigo 5º.- Suxeitos pasivos e substitutos do contribuínte.
1.- Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.
Aos efectos deste punto, terán a consideración de donos das construcións instalacións ou obras quen soporten os gastos ou custos que comporten a súa realización.
2.- Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen solicite as correspondentes licenzas ou comunicación previa de obras ou realicen as construcións, instalacións ou obras .
Para a aplicación deste apartado considerarase substituto de primeiro grao ao solicitante da licenza ou comunicación previa de obra e contra este obrigado exercitarase a acción administrativa dirixida ao cobro do imposto. Cando non exista solicitude de licenza ou comunicación previa de obra esixirase a presentación da declaración e o ingreso á empresa que realice a construción, instalación ou obra.
3.-O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
Artigo 6º.- Base impoñible.
A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra; e enténdese por tal, a estes efectos, o custo de execución material de desta.
Non formarán parte de dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre o custo de execución material.
A base liquidable do imposto será idéntica á base impoñible.
Artigo 7º.- Tipo de gravame e cota tributaria.
1.- A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible os seguintes tipos de gravame:
a) Tipo xeral: 2 %.
b) Construción de edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou calquera outro tipo de promocións que na solicitude de licenza de obra conteñan máis dunha vivenda unifamiliar: 3%
c) Construcción, instalacións e obras cuxo orzamento sexa de 2.000.000,00 € ou máis. A partir desta cifra incluída aplicarase o tipo de gravame do 4%.
2.-A cota líquida do imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota as bonificacións que establecesen no artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 8º.- Devindicación do imposto.
1.-A obriga de contribuír nace no intre de comezar a construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza ou sen a presentación da correspondente comunicación previa de obra ou declaración responsable.
2.- Aos efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, cando fora concedida a preceptiva licenza de obra municipal, no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ao mes da data do Decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local.
No caso de obras suxeitas á comunicación previa, entenderanse iniciadas transcorrido o prazo legalmente establecido.
Artigo 9º.- Bonificacións.
1.- Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.
A bonificación establécese no 25% dos gastos de execución material dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 50% da cota.
O suxeito pasivo deberá aportar, xunto coa solicitude da licenza ou comunicación previa de obra, o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.
No caso de obras suxeitas á comunicación previa, presentarase a documentación legalmente establecida.
2.-Establécese unha bonificación do 30 % a favor das construcións, instalacións ou obras referentes a actuacións protexidas en materia de vivenda, de conformidade co disposto no Decreto da Xunta de Galicia 199/2002, do 6 de xuño e demais normativa estatal é autonómica sobre a materia.
Para o goce da mesma, o suxeito pasivo deberá aportar, no momento previo á retirada da licenza, a cédula de cualificación provisional como VPO emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou declaración ou visado emitido polo mesmo Instituto considerando protexida a actuación en que consiste a construción, instalación ou obra.
3.-Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións e obras que, en edificacións e instalacións, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados. A bonificación establécese no 10% dos gastos de execución material das obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 30% da cota.
4.- Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:
· Dun 95 por 100 pola creación de máis de 20 postos de traballo
· Dun 75 por 100 pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo
· Dun 50 por 100 pola creación de ata 10 postos de traballo.
Esta bonificación será de aplicación únicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueloutras que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.
Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación presentando as altas na Seguridade Social e contratos de traballo dos novos empregados/as, así como canta documentación lle poida ser requirida polo Concello de Santa Comba de cara a comprobación do mantemento das circunstancias que se tiveron en conta para a concesión da respectiva bonificación.
Para poder gozar da bonificación prevista neste apartado, o suxeito pasivo beneficiario deberá estar ao corrente no pagamento das súas débedas coa Facenda Estatal, Autonómica e Local así como nas cotas correspondentes á Seguridade Social.
Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.
O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar ao inicio do correspondente expediente de reintegro.¿
5.- As bonificacións previstas neste artigo esixirán:
a) Solicitude do interesado.
b) Informe dos Servizos municipais correspondentes (Urbanismo, Cultura, Emprego, Medio Ambiente) e, en todo caso, informe do Servizo de xestión, recadación e inspección tributaria do Concello.
c) Acordo da Xunta de Goberno Local e, no seu caso, do Pleno.
6.- As solicitudes de bonificacións incluídas neste artigo deberán presentarse coincidindo coa solicitude das correspondentes licenzas ou presentación da correspondente comunicación previa de obras.
7.- As bonificacións aplicaranse sobre a cota íntegra do imposto e non poderán acumularse entre si.
Artigo 10º.- Normas de xestión.
1. Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza ou comunicación previa de obra urbanística, acompañada dos correspondentes presupostos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza ou comunicación previa de obra urbanística terá o valor de declaración tributaria, por canto dos presupostos que acompañan a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza ou comunicación previa de obra antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 11 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aplicarase o réxime de infraccións e sancións regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.
2. Concedida a licenza ou presentada a correspondente comunicación previa de obra ou adoptado o acordo aprobatorio ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal e, en todo caso, no prazo máximo dun mes contado a partir do momento no que se inicie a construción, instalación ou obra, incluso aínda cando non fose solicitada, concedida ou denegada a devandita licenza ou presentada a comunicación previa de obra, o suxeito pasivo estará obrigado a abonar a liquidación pertinente nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a prol daqueles.
A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial corrrespondente cando elo constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal en función dos módulos previstos na presente ordenanza, e que figuran como anexo da mesma.
3.- O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras.
4.- Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modificar a base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que resulte.
Para estes efectos, e no caso de que se modificara o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementara o presuposto, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal os suxeitos pasivos están obrigados a facer o ingreso da liquidación complementaria pola diferencia entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición a prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
5.- No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou comunicación previa de obra ou antes da caducidade da mesma e debidamente xustificada.
6.- Nos supostos de licenzas concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo as obras.
Disposición Adicional Única.-
As modificacións que se introduzan na regulación do imposto, polas leis de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.
Disposición derradeira.
A presente Ordenanza Fiscal será de aplicación a partir do día seguinte á súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata súa modificación ou derrogación expresa.