Boimorto - REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DO CONCELLO DE BOIMORTO.

Publicación provisional: 21/10/2024 BOP Nº: 203
Publicación definitiva: 16/04/2025 BOP Nº: 73
Aplicable dende: 12/05/2025

INDICE

Capítulo I. Obxecto e ámbito de aplicación

Capítulo II. Procedemento de ingreso

Capítulo III. Obxectivos do centro

Capítulo IV. Horario de apertura do PAI

Capítulo V. Horarios de permanencia dos nenos e nenas

Capítulo VI. Referente ás Familias

Capítulo VII. Servizos que poderá ofertar

Capítulo VIII. Normativa referente aos nenos/as

Capítulo IX . Promoción da integración e da igualdade entre nenos e nenas

Capítulo X. A Lingua

Capítulo XI. Persoal

Capítulo XII. Réxime de cobramento

Capítulo XIII. Medidas de seguridade e hixiene

Capítulo XIV. Libro de Reclamacións

Capítulo XV. Sistema de revisión das Normas de Funcionamento

Capítulo XVI Normativa de Aplicación

CAPÍTULO I.- DATOS DO CENTRO

Capítulo I. Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º

Estas Normas de Funcionamento (Regulamento de Réxime Interior) teñen por obxecto establecer a organización e funcionamento do Punto de Atención á Infancia (en adiante, PAI).

Artigo 2º

Constitúe o ámbito de aplicación destas normas o PAI de atención a primeira infancia que se configura como aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos.

O obxecto destes Puntos de Atención á Infancia é a prestación dunha atención asistencial en concellos que pola súa baixa poboación infantil ou outras circunstancias económico-sociais, necesitan prazas para a atención do colectivo de nenos/as entre 0 e 3 anos pero non precisan crear escolas infantís 0-3. Atendida a súa concepción como instrumento de desenvolvemento rural autorizaranse, analizadas as condicións anteriores, en concellos con menos de 5.000 habitantes. En concellos con maior poboación a autorización estará vinculada á necesidade de novas prazas asistenciais e á súa complementariedade coas ofertadas polas escolas infantís 0-3

Artigo 3º

Os PAI teñen como finalidade prestar unha atención de apoio aos pais/nais, titores/as ou gardadores dos/das nenos/as de entre 3 meses e 3 anos cando concorran situacións ou circunstancias que lles impidan o seu coidado. Ademais poderán atender aqueles casos que respondan a necesidades puntuais.

O centro conta cunha única unidade 0-3 autorizada con 20 prazas. Reservase en todo caso, un mínimo de 1 praza para os casos considerados de carácter urxente polos servizos sociais municipais.

1. Datos identificativos do centro

Nome do Centro: Punto de Atencion a Infancia de Boimorto

Enderezo: Praza Campo da Feira num. 2

Telefono 981 538 507 Fax 981 516 045

Coordinadora: Mª Teresa Gómez Cea

Titularidade

Entidade titular: Concello de Boimorto

CIF P1501000B

Enderezo: Vilanova, s/n. 15817 Boimorto

Representante legal: alcalde/sa do Concello de Boimorto

Nº de inscricion no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais: E- 628

Autorizacions

Data de permiso de inicio de actividade.- PIA: 8/03/2010

Licenza municipal: 31/08/2009

Capítulo II. Procedemento de ingreso

Artigo 4º

Poderán solicitar praza no PAI os nenos/as con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. O ingreso na PAI so se poderá realizar unha vez cumpridos os 3 meses.

As solicitudes de novo ingreso faranse no modelo oficial (Anexo I: Solicitude de novo ingreso no Punto de atención á infancia), e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello en horario de oficina, dentro do prazo establecido para tal efecto que será publicado no PAI e no taboleiro de anuncios do concello.

Dende a Administración responsable, prestarase a colaboración necesaria ós/ás usuarios/as para cubrir a solicitude, co fin de que os datos estean debidamente acreditados

No momento do seu ingreso, abriráselles un expediente persoal individual no que constarán, con carácter confidencial, os datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfono para avisos en casos de urxencia, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada.

Artigo 5º

1. Procedemento de novo ingreso e renovación de praza

1a) Procedemento de novo ingreso

O prazo para realizar as solicitudes de novo ingreso é durante todo o mes de maio.

Os pais/nais, titores/as ou representantes legais das persoas usuarias, deben coñecer antes de formalizar a solicitude de reserva de praza / matrícula as Normas de Funcionamento do centro. O PAI facilitaralle, polos medios acordados, as citadas Normas visadas polo Servizo de Inspección de Familia e Menores.

O sistema de admisión respectará o principio de igualdade e non discriminación. Atenderase as solicitudes segundo o baremo establecido e, no caso en que a documentación presentada sexa incorrecta ou insuficiente requirirase ás persoas solicitantes a súa emenda.

Asi mesmo, facilitarase aos proxenitores, titores/as ou representantes legais das persoas usuarias, un xustificante no que conste o número de inscrición da solicitude.

Se o neno/a non se incorporara o PAI perdería a praza agás causa xustificada de atraso na súa incorporación.

A non asistencia ao PAI 0-3 durante un período de 5 días sen xustificar dará lugar á baixa do alumno/a no programa de gratuidade.

· Sistema de admisión:

A selección das solicitudes efectuaranse en función dos criterios de admisión e outorgarase a praza ou posto prioritario na lista de espera.

Teñen prioridade na matrícula os irmáns e irmás dos nenos e nenas que están no centro.

No caso de que o número de solicitudes de nenos e nenas sexa superior ao de prazas dispoñibles, dado que se trata dun servizo municipal subvencionado, en parte polo concello, terán preferencia os fillos/as dos empadroados no termo municipal.

En segundo orde de preferencia atenderanse as solicitudes dos fillos/as de persoas que estando empadroados noutro concello teñan os seus postos de traballo ou estean estudando neste termo municipal, acreditándoo mediante certificado de empresa, contrato laboral ou matrícula do centro escolar segundo sexa o caso sempre e cando queden prazas vacantes.

En terceiro lugar poderán atenderse solicitudes de persoas usuarias doutros concellos non comprendidos nos apartados anteriores, sempre e cando queden prazas vacantes.

Os criterios para a orde de lista de admitidos e lista de espera será o seguinte:

1.º.¿Os/as nenos/as que soliciten o maior número de horas.

2.º.¿ Número de rexistro de entrada no Concello primando aos que primeiro rexistren dita solicitude. Tendo en conta que o número válido será o da última presentación de documentación.

Exceptuaranse a estes criterios:

1. Os/as nenos/as que necesiten unha praza previo informe de Servizos Sociais ou outra circunstancia que faga necesario ofertar o servizo ao neno/a.

2. Cando un irmán ou irmá da persoa solicitante teña praza renovada no centro, o neno/a será admitido automaticamente sempre que exista vacante.

3. Fillos/as do persoal do PAI por conciliación vida laboral e familiar.

4. Os nenos/as que se vaian incorporar ao segundo ciclo da educación infantil ao longo do ano natural en que cumpran os 3 anos de idade poden continuar no PAI ata a data na que se produza esa incorporación.

· Documentación a presentar coa solicitude:

Os/as pais/nais, titores/as ou representantes legais do neno/a presentarán a solicitude para o seu ingreso, achegándose con ela os seguintes documentos:

o Solicitude de ingreso asinada. (Anexo I).

o Fotocopia do DNI do pais/nai ou titor/a.

o Fotocopia do Libro de Familia ou certificado de Familia Numerosa.

o Certificado de empadroamento ou convivencia e no seu caso certificado de empresa, contrato laboral ou matrícula do centro escolar.

o No caso de nenos/as con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, informe do organismo competente no que se indique o grao de minusvalía así como a necesidade de integración.

o Informe dos servizos sociais nos supostos nos que sexa necesario por falta de acreditación documental suficiente ou pola situación especial na que viva a unidade familiar.

No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, o Concello, segundo o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá ó interesado para que, nun prazo de 10 días, emende os erros detectados con indicación de que, se así non se fixese se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

· Relación de admitidos:

Unha vez realizada proposta de entrada no PAI e formación de lista de espera polo persoal do centro asinando a dirección farase unha proposta inicial de selección á Alcaldía para a súa aprobación por decreto que será publicado no PAI no taboleiro de edictos do Concello e na páxina web.

· Solicitudes fóra de prazo:

As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas non se presentasen nos prazos fixados en convocatoria anual de novo ingreso, serán tramitadas pola coordinadora do PAI para a súa inclusión na lista de espera.

As vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas tendo en conta os criterios de admisión entre os solicitantes en lista de espera aprobada por decreto da Alcaldía cando se dean ditas vacantes e sexa necesaria a súa cobertura mantendo a lista de espera inicial aprobada coa prescrición en prazo de matrícula anual que non se verá afectada por solicitudes presentadas fóra de prazo .

No caso de ter irmán/s no centro, o neno/a pasará inmediatamente a ocupar o primeiro posto da lista de espera correspondente.

1b). Procedemento de renovación de praza

O prazo para solicitar a renovación de praza é os primeiros quince días do mes de abril.

As familias con nenos/as xa matriculados no PAI que desexen renovar prazas no mesmo centro, deberán cubrir a folla de reserva de praza (anexo III: Solicitude de reserva de praza no PAI de Boimorto) e xustificarán documentalmente os datos indicados.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello en horario de oficina, no período fixado de prescrición.

No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, o concello, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá ao interesado para que, nun prazo de 10 días, emende os erros detectados, con indicación de que, se así non se fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Dende a Administración responsable, prestarase a colaboración necesaria ás persoas usuarias para cubrir a solicitude, co fin de que os datos estean debidamente cubertos.

Non poderán reservar praza aqueles que manteñan mensualidades impagadas de calquera curso no momento de normalizar a solicitude.

Reservarase 1 praza para os supostos de máxima urxencia, entendendo por tales aqueles nos que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata. O ingreso nestes supostos estimarao o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Boimorto.

2. Documentación matrícula

Os/as interesados/as terán que presentar dentro dos 10 días seguintes á notificación de admisión, a seguinte documentación complementaria:

o Autorización xeral para o tratamento de audiovisuais, protección de datos, e todas as que se consideren oportunas asinadas polos pais/nais, titores/as e representantes legais do neno/a.

o De selo caso, informe médico do neno/a no que se reflictan as alerxias, intolerancias ou incidencias de calquera índole..

o Cartilla de vacinación actualizada segundo o calendario de vacinación infantil do Programa Galego de Vacinación ou calquera outra documentación do SERGAS que así o acredite.

o Fotocopia da Tarxeta sanitaria.

o Sentenza da demanda de divorcio ou documento que acredite quen ten a custodia do neno/a, réxime de visitas, horario para a recollida etc.

o Catro fotografías tamaño carné.

o Declaración de datos da unidade familiar (anexo II: Declaración datos da unidade familiar).

o Certificado conta bancaria para domiciliación.

o Declaración do IRPF.

o Todos aqueles outros datos/documentación que sexan oportunos incluir.

A non presentación da documentación en prazo entenderase como renuncia á praza.

3. Criterios de subvencionalidade

A Xunta de Galicia fomenta a gratuidade da atención educativa durante 11 meses ao ano. No suposto excepcional e xustificado, de facer uso do Punto de Atención á Infancia por un período superior ao subvencionado deberá ser aboado polas familias.

Para ter dereito ás axudas, os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

O PAI para a cal se solicitan as axudas aplicará un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería e as súas actualizacións.

Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estadía no PAI, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular ao centro durante un máximo de 8 h e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

A bonificación do 100 % do prezo corresponde á atención educativa e a matrícula, de ser o caso, dos nenos/as que asisten ao centro.

Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa, materiais e outros conceptos que supoñan un custo adicional cuantificable para o centro. O centro debe xustificar o custo adicional.

Para a atención educativa, establecerase o importe do prezo máximo que se vai aboar en función da renda e das circunstancias da unidade familiar, ao cal se deberán aplicar as reducións, descontos e exencións que se recollen no DECRETO 91/2014, de 17 de xullo, polo que se modifica o Decreto 49/2012, de 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3

Para o servizo de cociña, poderán percibir das persoas usuarias o importe de prezo máximo de 20€ mensuais e de 3€ no caso de días puntuais tal e como se reflicte na Ordenanza Fiscal nº17 Reguladora da taxa pola prestación do servizo do Punto de atención á infancia no Concello de Boimorto.

En cada expediente das persoas usuarias figurará o horario real de asistencia solicitado polos pais/nais, titores/as e representantes legais.

Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Capítulo III. Obxectivos do centro

Artigo 6º

Son obxectivos específicos os seguintes:

· Promover e fomentar o desenvolvemento integral dos nenos/as e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno/a. Coñecer o seu propio corpo e o das outras persoas, as súas posibilidades de acción e aprender a respectar as diferenzas.

· Facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc.

· Lograr un equilibrio afectivo satisfactorio desenvolvendo as súas capacidades emocionais e afectivas.

· Respectar a singularidade e diversidade de cada neno/a.

· Posibilitar a integración progresiva dos nenos/as na cultura do seu medio. Observar e explorar o seu contorno familiar, natural e social.

· Crear un ambiente que favoreza o desenvolvemento individual e grupal nas actitudes e nas actividades diarias. Adquirir progresivamente autonomía nas súas actividades habituais.

· Facilitar a adquisición progresiva de hábitos de orde, limpeza e conservación dos materiais, facendo uso axeitado destes.

· Facilitar a integración dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo

· Fomentar uso responsable das tecnoloxías dixitais.

· Promover hábitos saudables e sustentables a partires das rutinas.

· Promover modelos positivos que favorezan a aprendizaxe de actitudes baseadas nos valores de respecto, equidade, inclusión e convivencia e que ofrezan pautas de resolución pacífica e dialogada dos conflitos

· Promover, aplicar e desenvolver as normas sociais que promoven a igualdade de xénero.

Estes obxectivos serán desenvolvidos no Proxecto Educativo e na correspondente Proposta Pedagóxica do centro.

Capítulo IV. Horario de apertura da PAI

Artigo 7º

O PAI abrirá un mínimo de 8 horas diarias ou mais en xornada partida ou continuada, cinco días á semana de luns a venres e doce meses ao ano, salvo causa xustificada. As causas dos peches estarán acreditadas mediante documentos asinados polo/a representante legal ou o técnico/a competente.

Non obstante, poderá determinar os seu calendarios e horarios de apertura e peche ao público en función da demanda existente.

O horario de apertura e peche deberán figurar no taboleiro de anuncios de cada centro e no RUEPSS .

Os horarios de apertura e peche é de 8:00 a 16:00 horas 

Capítulo V. Horarios de permanencia dos nenos e nenas

Artigo 8º.

1. O horario máximo de permanencia dos nenos/as no centro será, con carácter xeral ,de oito horas diarias, agás causas excepcionais xustificadas nas que poderá ampliar o dito horario.

2. Horario amplo: Enténdese por horario amplo a atención os/ as nenos/ as por parte do centro polo menos durante 10 horas diarias ininterrompidas. Non obstante, evitarase que o/a neno/a prolongue a súa estancia no centro máis de 8 horas diarias, agás que circunstancias excepcionais, que deberán en todo caso quedar xustificadas documentalmente no expediente, o determinen.

Artigo 9º

Entradas e Saídas

a) O horario de entrada-saída dos nenos/as no centro débese caracterizar pola flexibilidade que requiran as necesidades da familia, sempre que non leve consigo alteración das actividades dos demais nenos/as e do normal funcionamento do centro. Non obstante, unha vez acordados co centro os horarios de entrada e saída dos nenos/as, as familias procurarán respectalos. En caso de atrasos inxustificados e reiterados, a coordinadora do centro está obrigada a adoptar as medidas oportunas poñéndoo en coñecemento das familias.

b) As familias e/ou representantes legais recollerán aos nenos e nenas ao remate da xornada. Nos casos nos que estes autoricen á coordinadora do centro para entregar ao neno ou nena a outra persoa, esta deberá ser debidamente identificada.

c) No caso de que o PAI realice algunha saída educativa do centro, será avisada por escrito e con antelación a todos os pais e nais, titores/as e representantes legais que deberán dar o seu consentimento, no caso de que non consintan a saída o/a neno/a quedará no centro co resto do persoal respectando a ratio. No caso de que sexa unha saída conxunta, se a familia non da o seu consentimento para a saída, o neno ou nena non poderán asistir nesa data, xa que o PAI permanecerá pechado.

Artigo 10º

A programación diaria de actividades terá a natural flexibilidade que esixan as características psicopedagóxicas e sociais dos nenos/as.

A programación destas actividades, concretarase no Proxecto Educativo de Centro.- PEC e a súa correspondente Proposta Pedagóxica.

Artigo 11º

Causas de baixa

Causarase baixa no PAI por algunha das circunstancias seguintes:

· Por incumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no PAI.

· Por solicitude dos pais/nais, titores/as ou representantes legais.

· Pola falta de pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar o que se refire a débeda.

· Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos presentados.

· Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

· Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas resolveranse a proposta da dirección do PAI ou por solicitude e con decreto da Alcaldía.

As baixas producidas por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que estean en lista de espera.

Capítulo VI. Referente ás familias

Artigo 12º

Dereitos e obrigas dos/das pais/nais, titores/as e representantes legais

Dereitos

· Ser informados/as, regularmente, da situación do neno ou nena no centro: desenvolvemento evolutivo, actitude, progresos¿

· Solicitar ampliación de dita información en titorías e reunións co persoal de atención

· Realizar unha visita ás instalacións e entrevistas persoais antes do comezo do curso.

· Coñecer o funcionamento do centro e o modo en que se formula o Proxecto Educativo de Centro.- PEC coa súa correspondente Proposta Pedagóxica antes da formalización da matrícula.

· Ser informados de aqueles sucesos que afecten a marcha ordinaria do funcionamento e das medidas adoptadas.

· Dispoñer das Normas de Funcionamento do centro visadas con carácter previo á realizar a reserva de praza/matrícula.

· Interpoñer queixas e reclamacións.

· Ser informado/a polo centro, de forma inmediata, de calquera accidente ou calquera circunstancia relevante.

Deberes/ obrigas

· Informar en todo momento da situación persoal do neno/a no referente ao seu proceso educativo na casa e no seu entorno: gustos, aversión, cambio na situación familiar¿etc.

· Ser puntuais na hora da traída e recollida do neno/a.

· Cumprir os horarios de asistencia solicitados.

· Ser puntuais no referente á contribución de material solicitado polo PAI, a pagos cando corresponda, enquisas enviadas, notificacións das baixas e cambios de horario.

· Colaborar na medida do posible nas actividades do PAI, que serán o eixo da relación familia-PAI.

· Cooperar dende a súa posición de responsables da educación dos/as nenos/as no proceso educativo.

· Avisar o PAI do cambio de persoas autorizadas de recoller ao neno/a no PAI..

· Respectar o Proxecto Educativo do Centro e a súa Proposta Pedagóxica, así como as Normas de Funcionamento visadas polo Servizo de Inspección de Familia e Menores.

· Non levar ás nenas e nenos o PAI cando non estean en condicións idóneas (procesos víricos, febre, ou calquera outra circunstancia¿)

Artigo 13º

Participación e relación cos pais e nais, titores/as e representantes legais

Para garantir a axeitada participación das familias serán de aplicación xeral as seguintes normas sobre a participación activa:

1. Fomento da relación estreita entre familia e o PAI xa que a educación nesta etapa enténdese como un proceso compartido.

2. A coordinación e o coñecemento da vida no PAI verase facilitado por:

· Entrevista inicial cos pais e nais, titores/as e/ou representantes legais co persoal de atención correspondente da cal deixarase constancia no expediente individual.

· Contactos diarios co/a educador/a.

· Participación en actividades : celebracións de festas, saídas do PAI...

· Colaboración na preparación de festas, celebracións, excursións...

A relación cos pais/nais, titores/as ou representantes legais, que deberá ser en todo caso fomentada pola coordinadora do centro, ten como principais obxectivos:

· O intercambio de Información.

· Participación na vida do centro.

· Compartir pareceres sobre incidentes, preocupacións, ilusións, actividades, etc.

O centro poñerá en coñecemento dos pais/nais, titores/as ou representantes legais de cada neno/a unha información sobre a súa evolución integral que terá como mínimo carácter trimestral e que se realizará a través de Informes evolutivos das areas establecidas de acordo a normativa vixente que establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

As visitas dos pais/nais, titores/as ou representantes legais dos nenos/as realizaranse de conformidade co horario establecido pola dirección para tal fin, logo de ser oído ao equipo técnico educativo, sempre e cando non dificulte a boa marcha do centro.

O PAI debe planificar o período de adaptación, tendo en conta que o neno ou nena rompe co lazo afectivo, coa figura de apego. O seu desenvolvemento a todos os niveis vai depender de como asimile este proceso. Polo tanto debe ser planificado coas familias xa que, van entrar nun lugar descoñecido con novas persoas e pasan de ser o centro de atención a un máis entre outros iguais.

Artigo 14º

Instrumentos de información para as familias

A través da comunicación no, día a día, nos momentos de entrada ou recollida das nenas ou nenos.

Todas as familias serán informadas do período de adaptación.

Recomendase que , con carácter xeral, se celebren as seguintes reunións:

· Realizaranse 2 reunións xerais coincidindo co inicio e remate do curso onde estarán presentes os pais, nais, titores/as ou representantes legais e o persoal do centro onde se informara das actividades que se desenvolveran, da normativa establecida en relación co centro e cantos aspectos poidan resultar do seu interese.

En todo caso, a coordinadora do centro informará por escrito ao principio do curso dos horarios de atención e información aos pais/nais, titores/as ou representantes legais dos nenos e nenas.

Artigo 15º

Asociación de Pais e Nais.- ANPAs

A asociación de pais e nais é o órgano de participación na vida do centro. A súa constitución e funcionamento fomentarase por parte da dirección.

Sen prexuízo do que establezan os seus propios estatutos, a asociación promoverá os seguintes fins:

a) Defender os dereitos dos pais/nais, titores/as ou representantes legais no relativo á prestación de servizos aos nenos/as.

b) Colaborar coa dirección e co persoal do centro para favorece-lo desenvolvemento integral da poboación atendida en todo canto supoña unha mellora da calidade na prestación dos servizos.

Capítulo VII. Servizos que poderá ofertar

Artigo 16º servizos básicos

1. Atención Educativa

O Punto de Atención á Infancia conta cun Proxecto Educativo de Centro.- PEC propio que se axusta na súa estrutura ao Decreto 150/2022, de 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación Infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e ao Decreto 95/2022 e as ensinanzas mínimas da educación infantil. Dito proxecto está a disposición das familias e autoridades competentes para a súa consulta.

O PAI atenderá a todas as facetas relativas ao desenvolvemento afectivo, ao movemento e aos hábitos de control corporal, ás manifestacións da comunicación e linguaxe, ás pautas elementais de convivencia e relación social, así como ao descubrimento das características físicas e sociais do entorno no que viven os nenos/as.

O centro facilitará o desenvolvemento educativo do alumnado, garantindo a súa formación integral, e contribuíndo ao pleno desenvolvemento da súa personalidade.

2. Servizo de cociña

O Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia define no seu artigo 26 b) ¿Como servizo de cociña, entendendo por tal a prestación consistente na achega dos medios persoais e materiais precisos para a adecuada distribución e consumo dos alimentos que traen as persoas usuarias¿.

As familias asinarán autorización para proporcionar os alimentos que se achegan cada día ao centro co compromiso de levar os alimentos segundo as medidas hixiénicas establecidas, isto é: envasados en recipientes axeitados e correctamente identificados coa data de consumo, nome e apelidos do neno e transportados en recipientes isotérmicos que manteñan a temperatura axeitada e con indicación de se precisan ou non refrixeración.

3. Servizo de horario ampliado.

Enténdese por horario amplo a atención os nenos e nenas por parte do centro polo menos durante 10 horas diarias ininterrompidas. Non obstante, evitarase que o/a neno/a prolongue a súa estancia no centro máis de 8 horas diarias, agás que circunstancias excepcionais, que deberán en todo caso quedar xustificadas documentalmente no expediente, o determinen.

O centro non oferta este servizo.

4. Actividades extra

As actividades extra, con carácter xeral, serán voluntarias e fora da xornada de atención educativa elixida pola familia, é dicir extraescolares.

As actividades extraescolares, cando proceda, serán aboadas polos pais/nais, titores/as ou representantes legais.

As actividades complementarias que realiza o PAI desenvólvense transversais ao currículo educativo e son gratuítas e obrigatorias para o alumnado.

O centro non oferta servizo de comedor nin de transporte.

Capítulo VIII. Normativa referente aos nenos/as

Artigo 17º.

Dereitos dos nenos/as

· A igualdade de oportunidades e a non discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, nivel social, conviccións morais ou relixiosas, asi como polas súas discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

· A satisfacer as súas necesidades de afecto, relación, xogo e accion, asi como, o respecto a sua integridade física e moral.

· A recibir en condicións de igualdade, unha formación que asegure, polo menos, a consecución dos obxectivos mínimos contemplados no proxecto educativo do centro.

· A que se respecte a liberdade de conciencia, conviccións relixiosas, morais ou ideolóxicas, nas que os seus pais ou representantes legais queiran educalos, asi como, a sua intimidade no que respecta a tales crenzas ou conviccións.

· Ao coidado, supervisión e promoción do seu desenvolvemento persoal, a levar o seu propio ritmo de aprendizaxe e desenvolvemento persoal.

· A que se respecte a sua integridade física e moral e a sua dignidade persoal, non podendo ser obxecto, en ningún caso, de tratos vexatorios ou degradantes.

· A utilización de todos os recursos materiais e infraestrutura do centro.

· A desenvolver nun ámbito cómodo, seguro e adaptado a sua idade.

· A que o seu rendemento sexa avaliado con plena obxectividade.

Deberes dos nenos/as

Sera obxectivo prioritario do centro, a través do persoal directivo e educativo, asi como dos pais/nais, titores/as e/ou representantes legais, ir concienciando aos/as nenos/as, conforme a capacidade das súas idades, dos seguintes deberes:

· Coñecer e cumprir as normas establecidas no centro.

· Coidar as instalacións e materiais postos ao seu servizo.

· Respectase aos seus compañeiros/as e formadores/as.

· Respectar as pertenzas dos demais compañeiros/as.

· Participar na medida do posible no desenvolvemento das actividades do centro.

Artigo 18º Normas de saúde, hixiene,vestiario e nutrición

1. Normas de saúde

1. Os nenos/as deberán acudir ao centro en boas condicións de saúde e hixiene.

2. No casos da aparición de enfermidades infecto-contaxiosas durante a súa asistencia ao centro deberá ser comunicada polos pais/nais, titores/as ou representantes legais á dirección deste.

3. No caso de observarse síntomas dun proceso infecto-contaxioso nos nenos/as no propio centro, informarase á dirección deste, e avisaranse os seus pais/nais, representantes legais ou titores/as, co fin de evitar a propagación da enfermidade entre os demais nenos e nenas. O reingreso no centro só será posible logo de transcorrido o período de contaxio.

4. No caso de enfermidade ou accidente sobrevido no centro, despois das primeiras atencións in situ e á maior brevidade posible, poñerase a dita circunstancia en coñecemento dos pais/nais, titores/as ou representantes legais do neno/a e, se é o caso, procurarase que o neno ou nena reciba a atención médica axeitada.

5. Cando se produza a falta de asistencia ao centro por un período superior a 3 días, debido a enfermidade ou outras circunstancias, os pais/nais, titores/as ou representantes legais deberán comunicar este feito á dirección do centro.

6. Nos casos excepcionais en que se deban administrar medicinas os nenos e nenas (porque supón un risco para saúde), deberán vir acompañadas da receita médica, actualizada á data do tratamento, na que constará o nome do neno/a, o nome do medicamento, forma, dose e periodicidade na administración. Non se lles administrará ningunha medicación que non veña acompañada da autorización por escrito dos proxenitores, titores/as ou representantes legais indicando as horas de administración da dose correspondente.

Evitarase,con carácter xeral, a administración de medicamentos no centro. As familias procurarán axustar a administración dos medicamentos nas horas que os nenos/as permanezan na súa casa, sempre que o tratamento o permita.

7. Con carácter xeral atenderase o disposto nas Guías de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia así como aos boletíns epidemiolóxicos nos que se fan actualización das recomendacións para a exclusión de escolas.

2. Normas de hixiene persoal

Todos os nenos e nenas asistirán en óptimas condicións hixiénicas.

3. Normas de vestiario

1. A roupa e o calzado debe ser cómodo evitando no posible botóns, peches ou tirantes. Débense descartar os modelos tipo buzo.

2. Por motivos de seguridade os/as nenos/as non poderán traer obxectos como pulseiras, medallas, cadeas. Evitáranse ademais os lazos, horquillas, pinzas, gomas e outros que poidan ser perigosos.

O PAI pode obrigar ao uso de uniforme. No obstante, as familias poderán elixir, libremente adquirir os uniformes básicos en establecementos da sua elección, e no caso de que o centro esixa que o uniforme inclúa logotipos, escudos ou outros emblemas, o centro favorecerá a adquisición separada de ditos elementos.

4. Normas de alimentación

1. Prestarase un especial coidado en atender os casos nos que o neno/a, en razón das súas circunstancias persoais, deba recibir alimentos de forma ou en horarios específicos, sen prexuízo de que estes deban ser facilitados pola familia.

2. Respectaranse os horarios establecidos para as comidas.

Artigo 19º

As dependencias do centro distribúense de acordo as dependencias autorizadas segundo o Permiso de inicio de Actividade da escola.- PIA ou as correspondentes modificacións substanciais do centro solicitadas a Inspección de Servizos Sociais

Uso das dependencias e do material

· Todo o material será coidado para o posterior desfrute dos demais.

· As dependencias deberán ser respectadas como ambiente educativo, polo que terán a obriga de permanecer ordenadas, limpas e estruturadas. 

Capítulo IX. Promoción da integración e da igualdade entre nenos e nenas

Artigo 20º

Integración do alumnado con NEAE.- Necesidades Específicas de Apoio Educativo

O centro promoverá, dentro das súas posibilidades, a integración dos nenos/as con necesidades educativas especiais ou outras necesidades educativas por dificultades específicas de aprendizaxe.- DEA, sempre e cando conten cos recursos materiais e humanos necesarios.

Nestes casos requirirase o informe previo dos Equipos de Valoración e Orientación sobre o grao de discapacidade e a súa necesidade de integración.

A efectos da orde de gratuidade, considerase que as nenas e nenos con NEAE ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte multiplicarase por dous.

Artigo 21º

Fomento da Igualdade entre nenos e nenas

1. O PAI/escola é o principal axente educativo da infancia. Nela non só se aprenden coñecementos senón que tamén se adquiren actitudes, valores e normas de comportamento

2. A educación non sexista implica a participación non só do persoal de atención educativa senón tamén da familia e a sociedade en xeral.

3. O centro programará actividades para promover a igualdade entre os nenos e nenas evitando os comportamentos discriminatorios por razón de sexo. As ditas actividades reflectiranse no proxecto educativo.

4. Estará presente na aula unha oferta de materiais de diferente tipo e coidarase dun xeito especial os materiais continuos, os inespecíficos e os elementos do medio natural e sociocultural que favorezan a relación coa identidade e creen ambientes significativos.

5. Deberase ter en conta o coidado na selección e emprego dos materiais e dos espazos de cara a evitar desigualdades por razón de xénero e a transmisión de actitudes e comportamentos sexistas a través do currículo oculto.

6. O achegamento do alumnado ao coñecemento dos elementos identitarios da cultura propia e tamén das outras, desde unha perspectiva aberta, crítica e ilustradora, que potencia en todo momento actitudes de respecto e aprecio.

Capítulo X . A lingua

Artigo 22º

Os documentos oficiais do centro entregaranse en galego ou castelán, a demanda das persoas solicitantes.

Na etapa de educación infantil o persoal educador empregará na aula as dúas linguas cooficiais, fomentando a participación en diferentes situacións de uso das dúas linguas cooficiais recoñecendo a importancia de ambas. As palabras e o vocabulario propio de cada unha das linguas cooficiais actuarán como nexo de unión desde o que enriquecer a bagaxe cultural e desenvolver a sensibilidade e a creatividade, de xeito que se lle ofrece á infancia, simultaneamente, a chave de acceso a unha cidadanía crítica, solidaria, igualitaria e comprometida coa sociedade.

Capítulo XI. Persoal

Artigo 23º

O centro cumprirá en todo momento as rateos de persoal establecidas na normativa de aplicación. A relación adulto coidador/neno/a será como máximo de 1/20.

En todo caso, sempre debe contar cunha persoa auxiliar a maiores do persoal que atenda o grupo.

Artigo 24º

1. O persoal de atención a nenos/as será o que estando en posesión da titulación ou habilitación correspondente realice funcións que segundo a súa categoría profesional se establezan no correspondente convenio colectivo.

2. O persoal de apoio á atención e coidado dos/das nenos/as é o que estando en posesión da titulación ou habilitación correspondente realice funcións que segundo a súa categoría profesional se establezan no correspondente convenio colectivo.

De acordo ao artigo 27.2, b) do Decreto 329/2005, do 25 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención a infancia, o persoal do PAI debera estar en posesión dalgunha das titulacions contempladas para o persoal de atención e apoio nas escolas infantís de 0-3 ou dalgún dos cursos de especialización na materia que, cun mínimo de 300 horas, recoñeza o órgano competente para a autorización do centro.

Outro persoal, cando o centro ofreza servizo de comedor, nas distintas modalidades, deberá dispoñer do persoal necesario para o desenvolvemento das funcións propias deste servizo segundo a súa categoría profesional e se establezan no correspondente convenio colectivo.

Artigo 25º

Procedemento para substitucións e imprevistos de persoal.

No caso de ser necesarias substitucións e cobertura por imprevistos estará a disposición do centro unha bolsa de emprego creada para tal fin.

Capítulo XII. Réxime de cobramento

Artigo 26º

No caso de que o PAI estea acollido as axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa, unha vez realizada a inscrición e constatada a asistencia ao centro, o pagamento efectuado en concepto de reserva de praza (se procede) será compensando con outros servizos ou conceptos distintos da atención educativa que preste o centro.

Se non se produce a incorporación no mes de setembro, data do inicio do curso, dun neno/a, agás causas xustificadas, non será devolta a cota da Reserva de Praza.

A non asistencia ao centro durante un período de 5 días sen xustificar dará lugar á baixa do alumno/a no programa da gratuidade.

As cotas do servizos de cociña, horario amplo (se procedera), horas extras, ou actividades extras, etc. serán detalladas no documento Relación de Prezos que se publicará no taboleiro de anuncios do centro e no apartado correspondente do RUEPSS. Ditos importes serán aboados polas familias.

Artigo 27º

Prezos

Os Prezos dos servizos prestados estarán desagregados por tipo de gasto e importes e deben ser aboados nos primeiros 5 días de cada mes e na Ordenanza Fiscal correspondente.

Artigo 28º

Recibos

No caso de acollerse as axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa, durante todo o período subvencionable a entidade entregaralles ás familias que o soliciten os xustificantes mensuais de pagamento en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lles correspondería aboar, coa lenda de prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia.

Artigo 29º

Réxime de reserva de praza para o caso de ausencias/vacacións

A no asistencia durante un período de 5 días sen xustificar dará lugar á baixa do neno ou da nena para a inclusión no programa da gratuidade na obtención da bonificación, polo que será a familia a que aboe o importe da atención educativa para non perder a praza.

No caso de vacacións ou ausencias, debidamente xustificadas, o centro reservará a praza do/a alumno/a.

A bonificación refírese ó 100% do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.

As familias poden escoller libremente o período de desfrute das vacacións, preferentemente nos meses de verán. A Xunta de Galicia non subvenciona o mes de agosto polo que será a familia a que o aboe se necesita dese mes pola necesaria conciliación laboral e familiar.

Capítulo XIII. Medidas de seguridade e hixiene

Artigo 30º

1. Medidas de seguridade e hixiene

O centro conta coas seguintes medidas de seguridade e hixiene en todas as súas instalacións:

· Técnico en riscos laborais encargado de implantar o Plan de Autoprotección coas medidas de emerxencia no centro.

· Medidas anti-incendios.

· Medidas de protección para evitar golpes e outras lesións nos nenos e nenas, tales como cantoneiras e antipilladedos.

· Caixa de primeiros auxilios para a asistencia inmediata, encargándose do seu mantemento o persoal responsable do centro.

· Asi mesmo, a escola terá contratado as seguintes pólizas de seguro :

- Póliza de Responsabilidade civil que garante a cobertura das indemnizacións das persoas usuarias e/ ou terceiros, vixente en todo momento

- Póliza de sinistros do edificio, con cobertura para a reparación dos posibles sinistros do edificio , vixente en todo momento.

- Póliza seguro de accidentes, con cobertura para as prazas autorizadas, vixente en todo momento.

· A escola deberá informar as persoas usuarias do protocolo en caso de emerxencia sanitaria: as actuacións a seguir ante unha situación de emerxencia sanitaria incluído o procedemento de actuación no caso de derivación a un centro hospitalario o cal incluirá a obriga de informar inmediatamente ás familias, titores/as e representantes legais

2. Persoal

· Os/as traballadores/as, contan con coñecementos acreditados de prevención de riscos laborais e de primeiros auxilios ante unha emerxencia.

· O persoal do centro mantén unha actitude activa e vixiante dirixida a prevención de incidentes e ao control e conservación dos espazos, material, ferramentas, e obxectos perigosos e instalacións.

· Todo o persoal que realice funcións de atención e coidado dos/das nenos/as deberá acreditar o seu correcto estado de saúde e con periodicidade anual someterase a un recoñecemento médico. Será igualmente preceptiva a vacinación do persoal contra a rubéola, co especial compromiso das mulleres en idade fértil de adoptar as medidas sanitarias preventivas que correspondan durante os 3 meses seguintes á vacinación.

· Todo o persoal de atención e coidado ten coñecementos básicos en primeiros auxilios.

· O persoal que manipule alimentos está en posesión do carné de manipulador segundo a normativa vixente.

· Todo o persoal do centro conta cun Certificado Negativo do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e Trata de Persoas.

Capítulo XIV. Libro de Reclamacións

Artigo 31º

O centro dispón dun libro de reclamacións a disposición das persoas usuarias. O procedemento para a tramitación est recollido na Orde do 12 de xaneiro de 2021 pola que se regula a presentación e a comunicación das reclamacións en materia de servizos sociais (códigos de procedemento BS105A e BS105B).

A Subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais fai un seguimento continuo dos centros e programas a través das oportunas inspeccións co obxecto de comprobar o cumprimento dos requisitos legais esixibles a calidade educativa e asistencial procurando a mellora continua na prestación dos servizos, segundo o establecido nos artigos 75 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e 49 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

Capítulo XV. Sistema de revisión das Normas de Funcionamento

Artigo 32º

Estas Normas de Funcionamento entrarán en vigor ao día seguinte do seu visado.

Serán expostas publicamente no taboleiro de anuncios do centro e estarán dispoñibles no apartado de autorizacións do RUEPSS.

Calquera instrución ditada pola entidade ou o persoal do centro non pode ser contraria ás presentes Normas de Funcionamento visadas polo servizo de inspección de Familia e Menores.

As presentes Normas de Funcionamento derrogan as visadas anteriormente.

Capítulo XVI. Normativa de Aplicación

· Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

· Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

· Decreto 254/2011, de 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos programas e dos centros de servizos sociais.

· Lei 17/2011, de 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición.

· Decreto 245/2003, de 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

· Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación.

· Real Decreto 132/2010, de 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos de centros que impartan as ensinanzas do primeiro e segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria.

· Real Decreto 476/2013, de 21 de xuño polo que se regulan las condiciones de cualificación y formación que deben posuír os mestres dos centros de Educación Infantil y de Educación Primaria, Art. 2.2.. (BOE núm. 167, de 13 de xullo).

· Real Decreto 95/2022 de 1 de febreiro polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil..

· Decreto 150/2022 de 8 de setembro polo que se establece a ordenación e o currículo da Educación Infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

· Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das EI e a súa actualización de prezos segundo Resolución de 10 de maio de 2017 pola que se actualizan os prezos.

· Decreto 91/2014, de 17 de xullo, polo que se modifica o Decreto 49/2012, de 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3

· Decreto 148/2014, de 6 de novembro, polo que se modifica o Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

· Ordenanzas fiscais do concello

· Ordes anuais polas que se regulan as axudas de gratuidade aos Puntos de Atención á Infancia

· Instrucións ditadas polos órganos competentes da consellería competente en materia de servizos sociais.