Vilarmaior - ORDENANZA FISCAL Nº 4, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS DO CONCELLO DE VILARMAIOR
Artigo 1.- Fundamento e réxime.
De conformidade co disposto nos art. 59.2 e 100 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, se regula o Imposto sobre construcións, instalacións e obras.
No non expresamente previsto na presente ordenanza, rexerán os preceptos contidos na subsección 5ª da sección 3ª do capítulo II, do título II do TRLRFL, concordantes e complementarios desta, e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 2.- Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible do imposto a realización dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licenza, ou para a que se esixa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, presentárase ou non, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda a este concello.
Artigo 3.- Exencións e bonificacións.
Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeita ao imposto, vaia ser directamente destinada a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.
Bonificacións:
Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:
- Un 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo.
- Un 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
- Un 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.
Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións xa existentes sempre e cando implique creación de emprego.
Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación no momento da solicitude de licenza ou presentación da declaración responsable ou comunicación previa, achegando un compromiso do número dos novos postos de traballo que se vaian crear.
O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos desde o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Esta circunstancia deberá ser acreditada ante os servizos urbanísticos no prazo máximo de 1 mes desde o outorgamento da licenza de primeira ocupación coa presentación dos contratos de traballo e as altas na seguridade social dos novos postos de traballo creados. No caso de declaración responsable ou comunicación previa, este prazo computarase desde a data que o beneficiario sinale como de finalización das obras na súa declaración responsable ou comunicación previa. O non cumprimento deste requisito dará lugar ao inicio do correspondente expediente de reintegro.
Corresponde ao pleno do concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal e o outorgamento das anteriores bonificacións, que se acordará previa solicitude do interesado, presentada con anterioridade á realización do feito impoñible.
Artigo 4.- Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, as persoas xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela. Aos efectos previstos neste artigo terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custe que comporte a súa realización.
No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os que soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou realicen as construcións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
Artigo 5.- Base impoñible, tipo de gravame, cota e devengo.
1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, para estes efectos, o custo de execución material daquela.
Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.
2.- O tipo de gravame será o 3 %.
3.- A cota deste imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame. Establécese unha cota mínima de 60,00 €
4.- O imposto devéngase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza ou non se presentara a correspondente declaración responsable ou comunicación previa.
Artigo 6.- Normas de xestión.
1.- Cando se conceda a licenza preceptiva ou se presente a declaración responsable ou a comunicación previa ou cando, non se solicitara, concedera ou denegara aínda aquela ou presentadas estas, se inicie a construción, instalación ou obra, se practicará unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible, en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que fora visado polo colexio oficial correspondente cando isto constitúa un requisito preceptivo, noutro caso a base impoñible será determinada polos técnicos municipais de acordo co custe estimado do proxecto.
2.- Unha vez finalizada a construción, instalación ou obra, e tendo en conta o seu custe real e efectivo, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado anterior practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.
3.- No caso de que se modificase o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementase o presuposto, con independencia da necesidade de presentar comunicación previa ou declaración responsable ou obter a preceptiva licenza urbanística municipal, practicarase unha nova liquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición aos mesmos requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
4.- No suposto de que non se inicien ou non se executen integramente as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución das cotas do ICIO satisfeitas e correspondentes á base impoñible das non realizadas, sempre e cando formule renuncia expresa á licenza, ou sexa declarada a caducidade mediante resolución administrativa firme e teñan transcorrido os prazos para a interposición do correspondente recurso contencioso-administrativo contra a dita declaración de caducidade. Igualmente terá dereito á devolución do ingresado unha vez formule expresa renuncia nos supostos de presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable.
5.- As devolucións, cando procedan, axustaranse ao procedemento establecido para as devolucións de ingresos indebidos.
6.- Cando os suxeitos pasivos non teñan efectuado o pagamento da correspondente liquidación polo imposto, seguirase a vía de constrinximento, para os efectos de recadar as cotas tributarias resultantes.
Artigo 7.- Inspección e recadación.
A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 8.- Infraccións e sancións.
A cualificación das infraccións tributarias e a determinación das sancións que polas mesmas correspondan, rexerase polo disposto na Lei xeral tributaria e disposicións que a complementen e desenvolvan, coas especificacións que resulten do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no B.O.P da Coruña, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.