Capela A - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA CESIÓN E USO DOS LOCAIS MUNICIPAIS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Concello da Capela conta con sete inmobles, cuxo uso está a ser demandado cada vez máis polos veciños e veciñas da localidade, tanto a nivel colectivo como individual:
Albergue novo do Barreiro
Albergue vello do Barreiro
Local municipal da Chousiña
Antiga escola de Guitiriz
Baixo do antigo Centro de Saúde
Local da antiga Casa Sindical
Salón de actos da Casa da Cultura
A competencia municipal respecto desta materia está recoñecida no artigo 25.2.l) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (LRBRL), ¿l) Promoción do deporte e instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre.
O artigo 70 bis.1 do citado texto legal establece que os Concellos deberán establecer e regular en normas de carácter orgánico procedementos e órganos axeitados para a efectiva participación dos veciños nos asuntos da vida pública local.
A Lei 33/2003, do 3 de novembro do Patrimonio das Administracións Públicas no seu artigo 145 regula a cesión gratuíta de bens e dereitos patrimoniais pero só para a Administración Xeral do Estado que non ten carácter básico.
Non existe lexislación autónomica en Galicia que regula a cesión gratuíta de bens inmobles a entidades ou institucións privadas de interese público sen ánimo de lucro, sempre que os seus fins redunden en beneficio da veciñanza do Concello.
Pola súa vez, o Regulamento de bens das entidades locais, aprobado polo Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño (RBEL), no seu Capítulo IV, Sección 1.ª, trata da utilización dos bens de dominio público. E o artigo 75 do dito Regulamento establece as distintas categorías ou tipos de uso, podendo estimarse que o que se fai dos locais e un uso común especial normal (pola intensidade do uso, derivado da demanda), o que conleva que non se poida exercer libremente como no caso dos bens de uso común xeral (artigo 76) senón a través de licenza directa (artigo 77).
Dentro do marco xurídico exposto os concellos poden a través do exercicio da súa potestade regulamentaria prevista no artigo 4 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e artigo 6 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia regular a través da correspondente ordenanza a cesión de uso de locais municipais para asociación/entidades sen ánimo de lucro cuxos fins redunden en beneficio da veciñanza.
Artigo 1. Obxecto.
A presente Ordenanza ten como obxecto establecer a regulación dos procedementos e os criterios para a cesión puntual (por un día), anual de xeito individualizado ou compartido, ou excepcional, dos locais de titularidade municipal, así como ditar as normas xerais para a súa óptima utilización e conservación.
1.1 Puntual: para desenvolver un acto concreto e extraordinario, con data e horario predeterminado. Para este tipo de cesión estarán habilitados todos os locais enunciados na exposición de motivos, agás os cecidos de acordo co apartado 1.3 do presente artigo.
1.2 Anual: para o funcionamento ordinario das actividades propias das asociacións/entidades. Esta cesión poderá ser prorrogable por anos naturais debendo solicitarse a prórroga cun mes de antelación o remate da cesión polo órgano competente da asociación/entidade. Para este tipo de cesión habilitaranse aqueles locais que a Alcaldía-Presidencia designe ó efecto entre os disponibles.
1.3 Con carácter excepcional prevese a cesión de uso polo prazo de 10 anos prorrogables da planta baixa e 1ª Planta da Casa da Cultura á Asociación do Patronato do Museo Etnográfico da Capela para a exhibición do Museo da Escola; todo elo considerando o seu interese público e social-cultural. De outro lado, prevese a cesión de uso por prazo de 10 anos prorrogables dos inmobles de Albergue novo de Barreiro e Albergue vello do Barreiro.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
A presente Ordenanza é de aplicación ao Albergue novo do Barreiro, Albergue vello do Barreiro, Local municipal da Chousiña, Local da antiga Casa Sindical, Antiga Escola de Guitiriz, Baixo do antigo Centro de Saúde e Salón de Actos da Casa da Cultura.
Serán susceptibles de cesión e/ou utilización para uso sen ánimo de lucro, establecendo como prioridades de cesión as seguintes actividades:
1.ª. Actividades socio-culturais (inclúense celebracións de carácter familiar e demais eventos sociais).
2.ª. Fomento do uso compartido de locais municipais para encontro entre a veciñanza, asociacións, colectivos e demais entidades integrantes da vida municipal.
3.ª. Actividades realizadas por entidades privadas ou públicas que se refiran e/ou beneficien á veciñanza da Capela.
4.ª. Uso e goce para festas e celebracións particulares o veciñais.
No caso dos Albergues, cando a previsión de asistencia de público exceda da capacidade dun local o concello pode autorizar o uso dos dous, de estaren dispoñibles, para o mesmo acto.
Artigo 3. Beneficiarios.
Terán capacidade para realizar a reserva de locais e uso dos inmobles:
1. Todas aquelas persoas físicas que actúen en nome propio, maiores de idade, empadroadas no Concello da Capela, que non teñan en vigor unha sanción de suspensión temporal de uso de locais segundo o establecido na presente ordenanza.
2. Persoas físicas que actúen en representación de Asociacións, colectivos ou grupos que estean inscritas/os no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello da Capela (RMA).
Artigo 4. Xestión e procedemento das solicitudes.
1. As solicitudes poderán ser realizadas:
De forma telemática mediante o modelo de solicitude xeral á cal poderase acceder a través da Sede Electrónica do Concello da Capela no seguinte enderezo:
https://concellodacapela.sedeelectronica.gal
Presentando a solicitude xeral no rexistro do Concello, no caso de suxeitos non obrigados a relacionarse electronicamente coa administración.
2. A solicitude poderá ser realizada, ben polo interesado ou interesada, ou ben pola persoa física ou xurídica representante das entidades segundo o estipulado nos artigos 2 e 3.
3. Poderase presentar unha (1) solicitude ao día por persoa ou entidade beneficiaria. Se se presenta máis dunha solicitude por beneficiario/a, só será atendida a primeira recibida, segundo orde de rexistro.
4. A documentación a presentar xunto coa solicitude será a seguinte:
a) Solicitude de cesión do local debidamente cuberta, xa sexa de forma telemática ou presencial, segundo corresponda.
b) DNI actualizado.
c) No caso de entidades privadas ou públicas, asociacións, colectivos, etc., deberase achegar o CIF da entidade solicitante e DNI do/a representante, que acredite que desenvolve a súa actividade no Concello da Capela .
De non presentarse toda a documentación requirirase a quen formulou a solicitude para que acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, teráselle por desistido/a da súa petición, previa resolución que se ditará de acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. As solicitudes serán atendidas por rigurosa orde de rexistro, e terán preferencia as solicitudes das asociación e entidades sobre as das persoas físicas.
6. Unha vez completada a solicitude, por resolución da Alcaldía-Presidencia confirmarase ou denegarase a cesión do local, do que se trate, notificandóo ao solicitante, preferentemente por medios electrónicos.
Artigo 5. Prazos de presentación das solicitudes.
Para facilitar os criterios de prioridade da cesión dos Locais, os prazos para a presentación de solicitudes quedarán establecidos do seguinte modo:
1. Os beneficiarios deberán de presentar as solicitudes de cesión cun mínimo de cinco (5) días hábiles antes do uso do local, obxecto da súa solicitude.
Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias.
Todos/as os beneficiarios/as e acompañantes terán a obriga de cumprir as seguintes normas:
1.ª Mostrar unha actitude cívica, coidar as instalacións, tendo presente que os locais son de uso municipal, e polo tanto han de coidarse respetando o dereito das persoas que as utilicen no futuro.
2.ª Utilizar as instalacións para os fins solicitados.
3.ª Responsabilizarse dos danos que se causen no inmoble, aboando ao Concello a cantidade que corresponda.
4.ª Coidar de que o local se devolva limpo unha vez rematado o período de cesión, (O día inmediatamente posterior a finalización da cesión). De non ser así deberase aboar ao Concello a cantidade correspondente aos labores de limpeza que sexan necesarias.
5.ª. Non superar o tempo estipulado de cesión do local, sendo o horario límite de ocupación dende as 09.00 horas do día solicitado ata as 02.00 horas do día seguinte.
6.ª Está terminantemente prohibida a venda de calquera tipo de produto, agás autorización previa e expresa do Concello en casos debidamente xustificados.
7.ª Non facer ruxido que moleste á veciñanza, nin utilizar os exteriores do recinto de xeito que a poida perturbar. No caso de realizar algún tipo de evento ou celebración que, ao contrario do anteriormente exposto, poida resultar molesta para a cidadanía, os/as axentes municipais serán os encargados/as do inmediato e obrigado desaloxo do local.
8.ª En ningún caso se poderá superar a capacidade máxima fixada para o local segundo o cálculo de ocupación definido no código técnico de edificación, e que aparece reflexada para cada un dos locais na Exposición de Motivos da presente ordenanza.
- Queda prohibido consumir drogas e tabaco dentro do local.
- As persoas usuarias deben atender os requirimentos das autoridades públicas ou dos corpos de seguridade.
- Prohíbese o uso lucrativo do local, sen prexuízo do disposto no artigo 6.6 da presente Ordenanza.
Artigo 7. Responsabilidade e infraccións.
1. Será responsable das infraccións establecidas na presente Ordenanza toda persoa física ou xurídica que realice calquera das accións ou omisións constitutivas das mesmas.
2. Cando as persoas usuarias das instalacións sexan asociacións e demais persoas xurídicas estas responderán solidariamente das infraccións cometidas por calquera das súas persoas integrantes ou designadas ou autorizadas por elas para o uso da instalación, nos termos que así o prevexa a normativa de aplicación, sen prexuízo dos efectos que as ditas infraccións puideran supor para as autorizacións.
Artigo 8. Potestade sancionadora.
A facultade de instruír e resolver os procedementos sancionadores por infraccións a esta Ordenanza compételle á Alcaldía ou, de ser o caso, ao órgano que teña delegada por esta a competencia, logo da instrución do correspondente expediente, de conformidade cos principios e procedemento regulados na Lei 40/2015, do 1 de outubro de réxime xurídico do sector público (LRXSP) e mais na Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) e demais normativa de aplicación.
Artigo 9. Infraccións.
1. As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves.
2. Considéranse infraccións leves:
a) Introducir no local animais de calquera clase (agás os cans-guía das persoas invidentes ou con discapacidade visual) e obxectos que polo seu tamaño, deseño, ou natureza poidan supor un risco ou perigo potencial para os usuarios.
b) Fumar nas instalacións.
c) A práctica de xogos, quecementos ou deportes con balóns, pelotas ou outros obxectos inapropiados.
d) Entrar con patíns, monopatíns, bicicletas, motocicletas ou calquera outro vehículo nas instalacións.
e) Faltar ao respeto e non atender as indicacións ou instrucións das persoas responsables das instalacións.
f) Calquera outro incumprimento das normas establecidas na presente Ordenanza que non se atope cualificado como infracción grave ou moi grave.
3. Considéranse infraccións graves:
a) A alteración da orde no interior das instalacións.
b) Desatender de xeito reiterado as indicacións e instrucións que as persoas responsables establezan para o normal funcionamento dos servizos e instalacións.
c) Causar dano ou deteriorar as instalacións, material ou equipamento do local.
d) A realización de actos que impliquen obstrución ou alteración do uso das instalacións ou equipamentos por calquera persoa.
4. Son infraccións moi graves:
a) Ceder a autorización ou permitir o uso a unha terceira persoa ou entidade, sen autorización municipal.
b) A alteración reiterada da orde no interior das instalacións.
c) Causar danos ou deteriorar gravemente as instalacións, equipamentos e elementos anexos.
d) A realización de actos que impliquen impedimento ou grave ou relevante obstrución do uso das instalacións por parte doutras persoas usuarias.
e) A utilización das instalacións para fins distintos dos previstos na autorización de uso.
Artigo 10. Sancións.
1. Agás que a infracción se atope tipificada pola lexislación sectorial aplicable, en cuxo caso a natureza e contía da sanción adecuarase á prevista na dita lexislación, aplicaranse as seguintes sancións:
a) Pola comisión de infraccións leves: apercibimento e suspensión temporal da cesión do local polo período de ata tres meses e prohibición do uso do resto de instalacións municipais polo mesmo período.
b) Pola comisión dunha infracción grave: suspensión temporal da cesión do local por un período de máis de tres meses e ata doce meses e prohibición do uso do resto de instalacións municipais polo mesmo período.
c) Pola comisión de infraccións moi graves: suspensión do dereito de cesión do local por máis de doce meses e ata trinta e seis meses e prohibición do uso do resto de instalacións municipais polo mesmo período.
Artigo 11. Prescrición.
As infraccións e sancións prescribirán conforme ao establecido no artigo 30 da LRXSP.
Artigo 12. Reparación do dano causado, obriga de restauración, multas coercitivas e execución subsidiaria.
1. Con independencia das sancións que se impoñan, esixiráselles ás persoas infractoras a reparación dos danos e perdas ocasionados aos bens de dominio público municipal e patrimonial, así como a reposición das cousas ao seu estado anterior na forma e nos prazos que determine o órgano que exerza a potestade sancionadora, e cando iso non sexa posible fixaranse as indemnizacións que procedan.
2. A esixencia de repor as cousas ao seu estado primitivo obrigará á persoa infractora a executar cantos traballos sexan precisos para tal fin, de acordo cos prazos, forma e condicións que fixe o órgano competente.
3. Naqueles supostos en que non se aprecie forza maior ou caso fortuíto e non exista unha infracción administrativa, pero nos que se produza un dano ás instalacións de dominio público, a persoa causante do dano terá a obriga de repoñer as cousas ao seu estado primitivo, o que se concretará na retirada dos obxectos, materiais ou elementos, así como na reparación dos bens de dominio público afectados. Esta obriga de repor en ningún caso terá a consideración de sanción.
4. A esixencia destas medidas reparadoras ou restauradoras, que inclúen as posibles indemnizacións por danos e perdas, poderase facer no propio procedemento sancionador ou, de ser o caso, tramitarse noutro complementario.
5. Se a persoa infractora ou causante do dano non executa as accións necesarias para proceder á reposición ou restauración na forma e prazos sinalados no oportuno requirimento, poderase acordar a execución subsidiaria por conta da persoa infractora e pola súa conta logo de apercibimento e establecemento dun prazo para a execución voluntaria, ou ben a imposición de multas coercitivas.
6. As multas coercitivas serán sucesivas e reiterables, ata conseguir a execución do ordenado, consonte o disposto no artigo 103 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
7. A obriga de repor as cousas ao seu estado primitivo ou de reparar os danos causados ao dominio público prescribirá nun prazo de dous anos.
Artigo 13. Valoración de danos.
Cando os bens alterados non se poidan restablecer ao seu estado anterior, a persoa infractora deberá indemnizar os danos ocasionados. A valoración destes danos será realizado polo Concello.
Artigo 14. Condicións xerais.
1. O Concello da Capela non se responsabiliza das actividades que se realicen dentro do local cedido, sendo a persoa que presentou a solicitude responsable do incumprimento das obrigas e calquera outras infraccións que se poidan realizar.
2. A entidade local queda facultada para denegar a cesión no caso de que o solicitante incumpra os requisitos establecidos na presente Ordenanza.
3. As solicitudes suxeitaranse á dispoñibilidade de datas que o Concello poida ofertar do local solicitado, e a entidade local poderá autorizar a cesión de xeito máis convinte para os intereses públicos, establecéndose as seguintes preferencias de cesión:
1.º) Asociacións, colectivos, grupos e demais elementos integrantes da vida municipal, que estean inscritas/os no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello da Capela.
2.º) Outras entidades privadas ou públicas sempre que as actividades a realizar se refiran ou beneficien á veciñanza do Concello da Capela.
3.º) Persoas físicas que actúen en nome propio, sendo de obrigado cumprimento que estean empadroadas no Concello da Capela.
Asemade, o Concello da Capela resérvase o dereito de denegar ou cancelar a autorización concedida cando circunstancias de interese municipal o fixeran necesario sen dereito a indemnización.
4. O horario máximo de ocupación será dende as 09.00 horas do día solicitado ata as 02.00 horas do día seguinte.
5. Recollida e entrega de chaves e documento de cesión:
a) A recollida de chaves realizarase nas oficinas do Concello o día anterior en horario de 8.00 a 14.00 horas o día solicitado ou o venres anterior en horario de 8.00 a 14.00 horas se o día solicitado é domingo, e só poderá facela a persoa que conste como solicitante na instancia de solicitude de cesión presentada. As chaves serán entregadas unha vez exhibido o DNI da persoa solicitante. A persoa solicitante acompañará ao persoal municipal designado para acreditar o estado no que se atopan as instalacións antes da concesión do uso solicitado. Unha vez verificado o estado do local, a beneficiaria asinará o documento de confirmación da cesión acreditando a recepción do local.
b) A entrega das chaves realizarase unha vez realizada a limpeza do local avisando ao persoal municipal que figurará no documento de cesión, que revisará as instalacións. Para isto, a persoa responsable da solicitude informará de 8.00 a 14.00 horas do día seguinte ao día solicitado ao persoal municipal. A persoa solicitante acompañará ao/á persoal municipal designado/a para realizar a inspección e reportaxes fotográficas, de seren necesarias, acreditando o estado no que se deixa o local, procedendo a asinar o documento de confirmación de cesión conforme o local se entrega en boas condicións. No caso de atoparse desperfeitos o/a persoal municipal procederá á redacción do informe necesario para a apertura do correspondente expediente sancionador.
No momento da concesión faráselle entrega da copia da Ordenanza que rexa o uso das as instalacións e que debe ser cumprida na súa integridade.
De acordo co informe emitido polos Servizos Técnicos Municipais, tendo en conta o código técnico de edificación o aforo máximo de cada local/inmoble é o seguinte:
Albergue novo do Barreiro: aforo 49 persoas
Albergue vello do Barreiro: aforo 30 persoas
Local municipal da Chousiña: aforo 52 persoas
Antiga escola de Guitiriz: aforo 60 persoas
Baixo do antigo Centro de Saúde: aforo 138 persoas
Local da antiga Casa Sindical: aforo 74 persoas
Salón de actos da Casa da Cultura: aforo 91 persoas
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril Reguladora das bases do réxime local.