Fene - ORDENANZA FISCAL Nº 4 REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN PRIVATIVA OU O APROVEITAMENTO ESPECIAL DO DOMINIO PUBLICO LOCAL POLAS ENTRADAS DE VEHÍCULOS A TRAVÉS DE BEIRARRÚAS, E RESERVAS DE VÍA PÚBLICA PARA APARCAMENTO EXCLUSIVO, PARADA DE VEHÍCULOS, CARGA
Artigo 1. Fundamento legal
De conformidade co previsto no artigo 57 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local polas entradas de vehículos a través das beirarrúas e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Artigo 2. Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible da taxa o aproveitamento especial que ten lugar pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e a reserva de vía pública para aparcamentos exclusivos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Artigo 3. Suxeito pasivo
1.- Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas así como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que desfruten, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular, conforme a algún dos supostos expresados no anterior artigo.
2.- Terán a condición de substitutos do contribuínte, nas taxas establecidas pola utilización privativa ou o aproveitamento especial por entradas de vehículos a través das beirarrúas e pola súa construción, mantemento, modificación ou supresión, os propietarios das fincas e locais a que den acceso ditas entradas de vehículos, os cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.
Artigo 4. Responsables
1.- Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
2.- Serán responsables subsidiarios as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
3.- A responsabilidade esixirase en todo caso nos termos e con arranxo ó procedemento previstos na Lei xeral tributaria.
Artigo 5. Cota tributaria
1.- A cota tributaria consistirá na cantidade resultante de fixar unha tarifa e calcularase de acordo cos conceptos e importes establecidos nos correspondentes números da mesma, segundo o seguinte:
Tarifa Primeira:
Por cada entrada ó ano: | Euros |
Almacéns ó por maior e fábricas | 220,95 |
Empresas de transportes de viaxeiros e mercadorías | 365,50 |
Establecementos de exposición e venda de vehículos automóbiles | 94,60 |
Garaxes industriais e particulares ao ano: Por cada vehículo que, de conformidade coa licencia obtida, poida aparcar, cun mínimo de 40,70 € | 12,93 |
Talleres: Mecánicos e de servizos de reparación, pintura e lavados e outros similares | 113,05 |
Outras actividades de tipo comercial | 113,05 |
Tarifa Segunda:
Por cada metro lineal ou fracción de calzada a que alcance a reserva de espacio destinada a estacionamento, ó ano: Concepto | Euros/ml |
a) Reservas permanentes para carga e descarga | 43,55 |
b) Reservas de duración limitada: de 8 a 11 horas | 22,25 |
c) Reservas de duración limitada: de 11 a 14 horas | 43,55 |
d) Reservas de duración limitada: de 14 a 16 horas | 20,80 |
e) Reservas de duración limitada: de 16 a 19 horas | 43,80 |
Tarifa Terceira:
Euros | |
Reserva parada para transporte lixeiro, ó ano por cada un | 86,00 |
Tarifa Cuarta:
Reserva de espacio con carácter temporal, por metro lineal ou fracción de calzada: | Euros |
a) Servicio de mudanzas, por día, cun mínimo de 29,67 € | 5,15 |
b) Vehículos de exposición, por día | 11,90 |
c) Outros usos, por día, cun mínimo de 11,34 € | 2,00 |
Tarifa Quinta:
Por unidade: | Euros |
Por cada peche de rúa | 161,60 |
As reservas estarán sinalizadas coas placas que subministrará o Concello ó prezo de custe das mesmas.
2.- Cando a utilización privativa ou o aproveitamento especial leve aparellada a destrución ou detrimento do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pago da taxa a que houbera lugar, estará obrigado ó reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrución ou reparación e ó depósito previo do seu importe, segundo a conta que formule a oficina técnica municipal. Se os danos foran irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual ó valor dos bens destruídos ou a o importe do detrimento dos danados. O Concello non poderá condonar total ou parcialmente as indemnizacións e reintegros a que se refire o presente apartado.
Artigo 6. Devengo
1.- A obriga de pago nace:
a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos da vía pública, cando se inicie o uso privativo ou o aproveitamento especial.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados, cando a natureza material da taxa esixa o devengo periódico desta, o mesmo terá lugar o 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese na utilización privativa ou no aproveitamento especial, no que o período impositivo se axustará a esta circunstancia co conseguinte rateo da cota, calculándose as tarifas proporcionalmente ao número de trimestres naturais que resten para finalizar o ano, incluído o do comenzo ou cese da utilización privativa ou aproveitamento especial.
No suposto de cese do uso privativo ou aproveitamento especial, os suxeitos pasivos deberán solicitar a devolución das cotas trimestrais a que teña dereito.
2.- Cando por causas non imputables ó suxeito pasivo, o dereito á utilización ou aproveitamento do dominio público non se preste ou desenvolva, procederá a devolución do importe correspondente.
Artigo 7. Exencións e bonificacións
1.- O Estado, as Comunidades Autónomas e as Entidades locais non estarán obrigadas ó pago da taxa cando solicitaren licenza para desfrutar dos aproveitamentos especiais referidos no artigo 1 desta Ordenanza, sempre que sexan necesarios para os servizos públicos de comunicacións que exploten directamente e para outros usos que inmediatamente interesen a seguridade cidadán ou a defensa nacional.
2.- Non se aplicarán bonificacións nin reducións para a determinación da débeda, respecto da taxa regulada pola presente ordenanza.
Artigo 8. Normas de xestión, administración e cobranza
1.- Os obrigados ao pago declararán os elementos tributarios que utilicen, especificando as características dos mesmos, e comunicando calquera variación que deba repercutir na contía da tarifa.
2.- Nos supostos nos que resulten de aplicación as tarifas 4ª e 5ª do artigo 5º da presente ordenanza, no momento de presentación da solicitude que inicie o expediente efectuarase pola Administración a liquidación da taxa e posterior notificación ao suxeito pasivo conforme ó disposto na normativa vixente.
Nos supostos nos que resulten de aplicación as tarifas 1ª, 2ª e 3ª do artigo 5º da presente ordenanza, unha vez concedida a licenza ou autorización e comunicada a dita concesión ós servizos económicos municipais, practicarase a liquidación correspondente, que se notificará ao suxeito pasivo conforme ó disposto na normativa vixente.
3.- Nos supostos de aproveitamentos especiais continuados nos que a taxa ten carácter periódico, notificarase persoalmente ó solicitante o alta no rexistro de contribuíntes. A taxa de exercicios sucesivos notificarase colectivamente, mediante a exposición pública do padrón no taboleiro de anuncios do Concello, polo período que se publicará no Boletín Oficial da Provincia.
4.- Con tódolos aproveitamentos especiais e usos privativos suxeitos a tributación que teñan carácter de periódico formarase anualmente o correspondente padrón, con expresión dos suxeitos pasivos, domicilio a efectos de notificacións, tarifas, cotas e demais datos que se estimen oportunos.
O padrón formarase sobre a base das declaracións dos obrigados ó pago e dos datos obrantes no departamento de servizos económicos.
O padrón someterase, cada ano, á súa aprobación e exposición pública, previo anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
As modificacións que reduzan a cota tributaria, os cambios de titularidade e as baixas que se produzan por cese no uso privativo ou aproveitamento especial, debidamente acreditadas, terán efecto a partir do primeiro día do período impositivo seguinte á data da súa notificación á Administración municipal.
5.- En todo o non previsto nos apartados anteriores, será de aplicación a Ordenanza fiscal xeral municipal de xestión e recadación, a Lei xeral tributaria, o Regulamento Xeral de Recadación, e demais normas que desenvolvan ditos textos normativos.
Artigo 9. Infraccións e sancións
As infraccións e sancións en materia tributaria rexeranse polo disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento, e o que dispoña a Ordenanza Xeral de Inspección, Xestión e Recadación.
Disposición derradeira. Aprobación e vixencia
A modificación da presente ordenanza foi aprobada polo Pleno do Concello de Fene en data 02.06.2022 e entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, ata a súa modificación ou derrogación expresa.