Coristanco - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 10, REGULADORA DA TAXA POR SUBMINISTRO DE AUGA POTABLE.
Artigo 1º . Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a Taxa por subministro de auga potable, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, na que as súas normas atenden ó prevenido no artigo 58 da citada Lei 39/88.
Artigo 2º .-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade municipal desenvolvida para presta-lo servicio de abastecemento de auga a domicilio, o seu mantemento e desenvolvemento e os dereitos de acometidas.
Artigo 3º .-Suxeito pasivo.
1.-Están obrigados ó pago da Taxa en concepto de suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades, a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, seguintes:
a) Cando se trate de dereitos de conexión á rede, o propietario, usufructuario ou titular do dominio útil da finca.
b) No caso de prestación do servicio de subministro de auga potable e o seu consumo, os ocupantes ou usuarios das fincas do término municipal beneficiarias deste servicio, calquera que sexa o seu título: propietarios, usufructuarios ou arrendatarios, mesmo en precario.
2.-En todo caso, terá a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte o propietario destes inmobles, quenes poderán trasladar, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servicio.
Artigo 4º .-Responsabilidades.
1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo 5º .-Devengo.
1.-Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír:
a) Cando se presente a solicitude de conexión á rede, se o suxeito pasivo a formulase expresamente.
b) Tratándose da prestación de novos servicios, dende que teña lugar a efectiva conexión á rede de auga municipal, é dicir, cando se inicie a efectiva prestación do servicio. A percepción por esta modalidade da taxa producirase con independencia de que se teña obtido ou non a licencia de conexión e sen prexuízo da iniciación do expediente administrativo que poida instruirse para a súa autorización.
Tratándose de servicios xa autorizados e prorrogados, o 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio e cese na prestación do servicio, en cuio caso o período impositivo axustarase a esa circunstancia co conseguinte prorrateo da cota por trimestres naturais.
Artigo 6º .-Cota tributaria. Que se actualizará ano a ano na mesma proporción que o Índice de Prezos de Consumo.
1. A cota tributaria da taxa regulada nesta Ordenanza será a cantidade resultante de aplica-las tarifas seguintes, que serán incrementadas, de acordo coa lexislación vixente, co correspondente IVE:
Subministro de auga potable
Xeral:
Ata 30 m3 /ttre: 0,36 euros
Mais de 30 m3: 0,41 euros
2.-A cota tributaria da taxa polo dereito de acometida consistirá nunha cantidade fixa de 39,07 euros, sendo de conta do usuario o importe do presuposto da obra a realizar
Artigo 7º .-Exencións e bonificacións.
Non se concederá exención ou bonificación ningunha no pago da taxa.
Artigo 8º .-Normas de xestión e ingreso.
1.-No suposto de licencia de acometida, o contribuínte formulará a oportuna solicitude e os servicios tributarios deste Concello, unha vez concedida aquela, practicarán a liquidación que proceda, que será notificada para ingreso directo na forma e prazos que indica o Regulamento xeral de recadación.
2.-Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de alta e baixa no censo de suxeitos pasivos da taxa, no prazo que media entre a data en que se produza a variación na titularidade da finca e o último día do mes natural seguinte. Estas últimas declaracións producirán efecto a partir do primeiro trimestre natural seguinte, unha vez finalizado o prazo de presentación destas declaracións de alta e baixa.
A inclusión inicial no censo farase de oficio unha vez concedida a licencia de acometida á rede.
As cotas esixibles por esta taxa serán obxecto de liquidación de ingreso por recibo, nas oficinas da Recadación municipal ou entidades colaboradoras sinaladas ó efecto e durante o prazo establecido polo Concello no seu calendario fiscal.
3.-As débedas por esta taxa esixiranse polo procedemento administrativo de constrinximento, de conformidade co estipulado na Lei xeral tributaria e no Regulamento xeral de recadación.
Artigo 9º .-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estaráse ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal, cuia redacción definitiva foi aprobada polo Pleno do Concello en Sesión celebrada o día 10 de novembro de 2003, entrará en vigor o día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, e comenzará a aplicarse a partir do día un de xaneiro do ano 2004, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.