Ordes - ORDENANZA FISCAL Nº 8, REGULADORA DA TAXA POR INSTALACIÓNS EN TERREOS DE USO PÚBLICO LOCAL DE POSTOS, BARRACAS, CASETAS DE VENDA, ESPECTÁCULOS, ATRACCIÓNS DE RECREO, INDUSTRIAS NAS RÚAS E AMBULANTES E RODAXE CINEMATOGRÁFICO.

Publicación provisional: 11/02/1999 BOP Nº: 34
Publicación definitiva: 11/02/1999 BOP Nº: 34
Aplicable dende: 01/01/2013

Artigo 1. Fundamento e natureza

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladoras das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por instalación en terreo de uso público local de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións de recreo, industrias nas rúas e ambulantes e rodaxe cinematográfico, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 57 do citado Real decreto

Artigo 2º. Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible a utilización privativa ou o aproveitamento especial de terreos de uso público local derivado da instalación no mesmo de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, industrias nas rúas e ambulantes e rodaxe cinematográfico, salvo no caso de que o dito feito estea gravado pola ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación da vía pública con postos para as feiras no Concello de Ordes.

Artigo 3º.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos as persoas físicas ou xurídicas e as entidades as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003 de 17 de decembro, Xeral Tributaria que disfruten, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular.

Artigo 4. Responsables

- Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.
- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores das sociedades e entidades en xeral nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5º.-Base impoñible.

Constitúe a base impoñible da taxa a superficie de ocupación expresada en metros cadrados.

Artigo 6º.-Cota tributaria.

Constituirá a cota tributaria a que resulte de aplica-las seguintes tarifas atendendo á superficie ocupada, situación e duración.

Tarifa.- licencias para a ocupación de terreos de uso público, para a venda ou espectáculos con barracas ou casetas, postos de venda ambulantes, quioscos, etc., por metro cadrado ou fracción ao mes: 6,59 €, cun mínimo de 32,99 €.

A dita tarifa será irreducible por fraccións de tempo inferiores ao mes.

Artigo 7º.-Devengo.

Devengarase a Taxa, e nacerá a obriga de contribuír:
a) Coa presentación da solicitude de utilización ou aproveitamento, que non se tramitará sen que se teña efectuado o pago correspondente.
b) Dende o momento no que a utilización ou aproveitamento se iniciara, se este tivera lugar sen a preceptiva licencia municipal.
c) Tratándose de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, devengarase periodicamente o día 1 de xaneiro de cada ano.

Artigo 8º.-Período impositivo.

Coincidirá co ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese na utilización ou aproveitamento, suposto no cal o período impositivo axustarase a esa circunstancia co conseguinte prorrateo da cota, que terá lugar, en todo caso, por meses completos.

Artigo 9º.-Réxime de declaración e de ingreso.

Este Concello poderá establecer convenios de colaboración con entidades, institucións e organizacións representativas dos suxeitos pasivos da taxa, co fin de simplificar o cumprimento das obrigas formais e materiais, derivadas de aquela ou os procedementos de liquidación ou recadación.
Cando por causas non imputables ó suxeito pasivo, o aproveitamento especial non se produza, procederá a devolución do importe correspondente.
Establécense dúas modalidades:
Autoliquidación:
Coa solicitude de autorización de aproveitamento especial do dominio público, terá que acompañarse a folla de autoliquidación, ingresada na Tesourería Municipal ou Entidade colaboradora do Concello.
Declaración:
Coa solicitude de aproveitamento especial do dominio público, presentarase declaración polos interesados, na que se reflectirá a superficie a ocupar, para a súa liquidación e pago da cota, na Tesourería Municipal ou Entidade colaboradora.

Artigo 10º.-Pago da taxa.

Efectuarase, o pago da taxa, tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na Tesourería Municipal ou Entidade colaboradora designada polo Concello, sen xustificante do cal non poderá retirarse a licencia.
No suposto de concesións de aproveitamento xa autorizados e prorrogados unha vez incluídas no correspondente Padrón Municipal, por anos naturais, nas Oficinas da Recadación Municipal ou Entidade Colaboradora.

Artigo 11º.-Normas de xestión.

Os emprazamentos, instalacións, postos, etc, poderán sacarse a licitación pública antes da celebración das feiras e o tipo de licitación, que servirá de base, será a contía fixada nas tarifas desta Ordenanza. Procederase con antelación a poxa á formación dun plano dos terreos dispoñibles para ser poxados, numerando as parcelas que vaian a ser obxecto de licitación e sinalando a súa superficie. Así mesmo, indicaranse as parcelas que poidan dedicarse a coches de choque, circos, teatros, exposición de animais, restaurantes, cervexerías, bixuterías, etc.
As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regrados nesta Ordenanza e non sacados a licitación pública, deberán solicitar a correspondente licencia, previo pago, e formular declaración na que conste a superficie do aproveitamento e os elementos que se van a instalar, así como un plano detallado da superficie que se pretende ocupar e da súa situación dentro do municipio.
Comprobarán e investigarán, os servizos técnicos deste Concello, as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións de non encontrar diferenzas coas peticións de licencias; se se deran diferenzas, notificaranse as mesmas aos interesados e xiraranse, no seu caso, as liquidacións complementarias que procedan, concedéndose as autorizacións unha vez corrixidas as diferenzas polos interesados e, no seu caso, realizados os ingresos complementarios que procedan.
Unha vez autorizada a ocupación ou aproveitamento, entenderase prorrogada mentres non se acorde a súa caducidade pola Alcaldía ou se presente baixa xustificada polo interesado ou por os seus lexítimos representantes, no caso de falecemento, salvo as autorizacións outorgadas por un prazo concreto.
As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas a terceiros. O incumprimento desta prohibición dará lugar á anulación da licencia.

Artigo 12º.-Reintegro do custo ou reparación de danos.

Cando o aproveitamento especial leve aparellado a destrución ou deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pago da taxa a que houbera lugar, estará obrigado o reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrución ou reparación e ó depósito previo do seu importe, segundo informe dos Servizos Técnicos Municipais, sen o cal non será outorgada a licencia.
Se os danos foran irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual o valor dos bens destruídos ou ó importe de deterioro dos danados.

Disposición derradeira.

A presente ordenanza fiscal, aprobada definitivamente polo Pleno do Concello de Ordes en sesión celebrada o 29 de outubro de 2007 comezará a aplicarse a partir do primeiro de xaneiro do ano dous mil oito, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.