Rianxo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 16/07/2012 BOP Nº: 134
Publicación definitiva: 19/09/2012 BOP Nº: 179
Aplicable dende: 23/06/2018

ARTIGO 1.º.–FEITO IMPOÑIBLE.

1. Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para as que se esixa a obtención da licenza de obras ou urbanística correspondente, obtivérase ou non esta licenza, ou para as que se esixa presentación de comunicación previa, se presente ou non, sempre que a expedición da licenza ou a actividade municipal de verificación posterior corresponda ao Concello de Rianxo.

2. As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:

a) Obras de construción de edificacións e instalacións de calquera tipo de nova planta.

b) Obras de demolición.

c) Obras de modificación ou reforma en edificios, tanto as que modifiquen a súa disposición interior como as que modifiquen o seu aspecto exterior ou as que incidan en calquera clase de instalacións.

d) Aliñacións e rasantes.

e) Obras de fontanería e de rede de sumidoiros.

f) Movementos de terra tales como desmontes, explanacións, escavacións, terrapléns, obras de peche de solares ou terreos, vallas e estadas.

g) Calquera outras construcións, instalacións ou obras que requiran licenza de obra ou urbanística ou comunicación previa.

3. Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal.

4. Non se entenderán incluídas no feito impoñible do imposto as construcións, instalacións e obras autorizadas en proxectos de urbanización.

ARTIGO 2.º.–SUXEITOS PASIVOS.

1. Son suxeitos pasivos deste Imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003 Xeral Tributaria, do 17 de decembro, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realiza aquela.

2. No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terá a condición de suxeito pasivo substituto do contribuínte quen solicite a correspondente licenza ou presente as comunicacións previas ou os que realice as construcións, instalacións ou obras.

O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

ARTIGO 3.º.–RESPONSABLES.

Responderán solidaria e subsidiariamente da débeda tributaria as persoas ou entidades ás que se refiren os artigos 42 e 43 da Lei Xeral Tributaria deste tributo, de acordo co previsto nestes.

ARTIGO 4.º.–EXENCIÓNS.

Están exentos do pago do Imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra das que sexan propietarios o Estado, as Comunidades Autónomas ou as Entidades Locais que, estando suxeitos ó imposto, vaian a destinarse directamente a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto se se trata de obras de nova inversión como da súa conservación.

ARTIGO 5.º.–BASE IMPOÑIBLE.

A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e entendese por tal, a estes efectos, o custo de execución material de aquelas.

Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material, sempre que a existencia e contía destes conceptos resulten dos respectivos contratos, orzamentos ou documentos acreditativos dos mesmos.

ARTIGO 6.º.–TIPO DE GRAVAME E COTA.

O tipo de gravame será o 2,5 por cento.

2. A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

ARTIGO 7.º.–BONIFICACIÓNS.

7.1. Construcións, instalacións e obras declaradas polo pleno de especial interese ou utilidade municipal

7.1.1. As construcións, instalacións e obras enumeradas no apartado 3 do artigo 7.1 que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego poderán obter unha bonificación na cota do imposto.

7.1.2. A declaración de especial interese ou utilidade municipal corresponderá ao pleno da Corporación, previa solicitude do suxeito pasivo, co voto favorable da maioría simple dos seus membros.

7.1.3. A bonificación da cota será:

7.1.3.a) Do 50% a favor das obras de rehabilitación de vivendas tradicionais ou de singular valor arquitectónico ubicadas en solo clasificado como rústico declaradas de especial interese ou utilidade municipal ou as ubicadas en núcleo rural declaradas de especial interese ou titularidade municipal, así como as edificacións tradicionais, sempre e cando o inmoble se destine a vivenda habitual durante un período mínimo de 5 anos dende o remate das obras

A efectos do disfrute desta bonificación, precisarase:

– Solicitude do suxeito pasivo do imposto presentada polo rexistro xeral do Concello no momento de solicitar a licenza urbanística, en modelo normalizado que incluirá declaración responsable de que o inmoble vaise destinar a vivenda habitual durante un mínimo de 5 anos dende o remate da obra, achegando o proxecto técnico visado, se fora preciso

– Resolución de concesión da licenza de obras ou urbanística

– Informe do Departamento de Urbanismo no que se conclúa si o obxecto da obra que consta no expediente pode cualificarse de rehabilitación, así como si se trata dunha vivenda ubicada en solo rural ou de núcleo rural, segundo a LOPMR de Galicia e a normativa urbanística municipal en vigor.

Unha vez emitido o dito informe favorable, a solicitude de declaración do especial interese ou utilidade municipal da obra, elevarase ao Pleno. Posteriormente, o órgano competente ditará resolución expresa relativa á concesión ou denegación da bonificación.

O suxeito pasivo quedará obrigado a comunicar ao departamento de Urbanismo do Concello o remate da obra, achegando certificado final de obra, se fora obrigatorio, ou presuposto de execución definitivo, no prazo máximo de 15 días.

O incumprimento sobrevido dalgún dos requisitos esixidos para o disfrute da bonificación, determinará a perda da mesma, e a práctica da correspondente liquidación pola diferenza, sen perxuizo do disposto no artigo 11.

7.1.3.b) ata un 95% para construccións, instalacións ou obras por implantación dunha nova empresa que implique o exercizo dunha actividade económica ou empresarial no termo municipal de Rianxo, sempre e cando cree emprego.

Ata un 95% para construcións, instalacións ou obras por ampliación dunha empresa que xa viña exercendo unha actividade económica ou empresarial en Rianxo, sempre e cando implique creación de emprego.

A porcentaxe de bonificación será a seguinte:

Creación de 1 a 10 postos de traballo

50%

Creación de 11 a 20 postos de traballo

75%

Creación de máis de 20 postos de traballo

95%

Autoemprego (1 posto de traballo)

50%

As contratacións deberán ser indefinidas.

Cando se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial as porcentaxes das bonificacións serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

7.1.3. b.1) O beneficiario da bonificación será a persoa física, xurídica ou entidades do artigo 33.4 da Lei Xeral Tributaria que sexan o dono da construción, instalación ou obra, con independencia de que ostenten a propiedade do inmoble sobre o que se realiza aquela. Terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os custos da súa execución. Para o disfrute da bonificación, o dono da construción, instalación ou obra deberá coincidir con quen exerza a actividade.

Non poderá ser beneficiario da bonificación a persoa xurídica que tivera adoptado medidas de regulación do emprego nos 12 meses anteriores á formalización dos contratos de traballo.

7.1.3.b.2) A declaración de especial interese ou utilidade municipal, así como a porcentaxe de bonificación, corresponderá ao pleno da Corporación, previa solicitude do suxeito pasivo no modelo normalizado, co voto favorable da maioría simple dos seus membros. O suxeito pasivo deberá achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

– Poder de representación, no seu caso.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria no que conste a alta no municipio no epígrafe da actividade no Imposto sobre Actividades Económicas.

– Memoria xustificativa sobre o proxecto da actividade económica ou empresarial de nova creación ou de ampliación, na que constará a referencia catastral do inmoble afecto á actividade económica ou empresarial no que se realiza a construción, instalación ou obra; a creación de novos postos de traballo; o número de novos postos de traballo; a súa categoría profesional e a modalidade e duración da contratación.

– Declaración responsable sobre o emprego que creará, con indicación do número de novos postos de traballo, a súa categoría profesional e a modalidade e duración da contratación.

– Certificado de estar ao corrente coa Facenda Estatal, coa Facenda Autonómica, co Concello de Rianxo e coa Seguridade Social.

– Aqueloutra documentación que, motivadamente, sexa requirida polo Departamento de Emprego do Concello de Rianxo.

A declaración de interese ou utilidade municipal deberá producirse nun prazo que non excederá de seis meses, computables dende a súa solicitude, previo informe técnico-xurídico favorable. A resolución entenderase desestimatoria si non recae resolución en dito prazo.

7.1.3.b.3) O prazo de presentación da solicitude será dun mes dende o día seguinte ao de obtención do título habilitante para a realización da construción, instalación ou obra. Toda solicitude que se realice transcorrido o prazo sinalado, será considerada extemporánea.

7.1.3.b.4) No prazo dun mes dende o remate da construción, instalación ou obra, que respectará o prazo concedido na licencia, o suxeito pasivo deberá comunicar ao Concello a finalización, achegando Certificado final de obra.

No prazo de dous meses dende a data mentada no parágrafo anterior, o suxeito pasivo deberá presentar a comunicación previa de inicio de actividade ou solicitude do título habilitante para o exercizo da actividade, coa seguinte xustificación documental da xeración de emprego:

– Informe de Vidal Laboral das contas de cotización ou da persoa autónoma como empresaria dende o inicio da actividade.

– Relación dos traballadores contratados con expresión do seu nome e apelidos, NIF, número de afiliación á seguridade social, data de inicio, modalidade e duración do seu contrato.

– Relacións Nominais de Traballadores e Recibos de Liquidación das Cotizacións.

– Informe dos traballadores con movementos previos nas CCC.

– Copia dos contratos de traballo dos empregos creados.

– No seu caso, TA2 de baixa dos traballadores indefinidos contratados que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou por resolución durante o período de proba.

– De ser o caso, certificado de alta profesional no dito colexio e alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

7.1.3.b.5). Para o mantemento da bonificación, as condicións da xustificación presentadas coa comunicación previa de inicio de actividade ou solicitude do título habilitante para o exercicio da actividade, deberán permanecer durante tres exercicios presupostarios completos, como mínimo.

7.1.3.b.6). O incumprimento dos requisitos esixidos suporá a perda da bonificación e a liquidación do importe deixado de ingresar, xunto cos xuros de mora correspondentes.

7.2. Bonificacións por mellora do acceso e da habitabilidade dos discapacitados.

As obras de reforma de edificacións xa existentes que se realicen co fin de favorecer as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados con mais dun 33% de minusvalía, gozarán dunha bonificación do 75% da cota íntegra do imposto, de acordo coas seguintes regras:

– Tomará en consideración o presuposto total da obra para o cálculo da cota, sempre que a obra esté destinada exclusivamente á adaptación do edificio para favorecer as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.

– No caso de que as obras estén destinadas á reforma da edificación, comprendendo no presuposto mais partidas, unicamente se computarán para o cálculo da cota con dereito a bonificación as partidas correspondentes referidas á mellora do acceso e habitabilidade dos discapacitados.

As bonificacións establecidas neste artigo terán carácter rogado, debendo solicitarse xunto coa a presentación da comunicación previa, ou no seu caso, da solicitude da licenza de obra. En todo caso, a solicitude acompañarase á solicitude:

– O presuposto total da obra desagregado na parte que corresponda a obras que favorezan devanditas condicións.

– A acreditación de que na vivenda reside habitualmente a lo menos unha persoa cun grado de minusvalía de mais do 33%.

– Certificado acreditativo da minusvalía de mais do 33%.

No expediente administrativo deberá incorporarse un informe de urbanismo referido á mellora da accesibilidade e/ou habitabilidade do inmoble para o discapacitado, no que se incluirá a proposta de liquidación do ICIO.

7.3. Bonificacións para instalación de sistemas de aproveitamento aproveitamento térmico ou eléctrico

7.3.1. As construcións, instalacións ou obras para a instalación de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo gozarán dunha bonificación do 90%. Para a aplicación desta bonificación será necesario que os colectores obxecto da instalación dispoñan da correspondente homologación administrativa.

Non se concederá esta bonificación cando a implantación destes sistemas sexa obrigatoria a teor da normativa específica na materia.

7.3.2. Esta bonificación alcanzará exclusivamente á parte da cota correspondente ás construcións, instalacións ou obras destinadas estritamente á fin indicada e en ningún caso se concederá se a construción, instalación ou obra que non esté amparada pola correspondente licenza ou presentación de declaración responsable ou comunicación previa.

7.3.3. Esta bonificación terá carácter rogado, debendo solicitarse coa presentación da comunicación previa, declaración responsable ou coa solicitude de licenza de obra, achegando copia do presuposto de obra que desagregue as partidas referidas aos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar razoadamente o custo que supón a parte da construción, instalación ou obra bonificable, identificación da licenza de obras ou orde de execución ou declaración responsable ou comunicación previa presentada que a ampara, así como calquera outra documentación que o interesado estime oportuna.

7.3.4. Este beneficio fiscal terá carácter provisional en tanto non se proceda á comprobación dos feitos e circunstancias que permitiran o seu disfrute e se aprobe a liquidación definitiva, se aprobe, se é o caso, a correspondente acta de comprobado e conforme ou transcorran os prazos para a súa comprobación.

7.3.5. O disfrute dunha das bonificacións reguladas no artigo 7 será incompatible co disfrute simultáneo de calesquera outros dos regulados nesta ordenanza fiscal.

7.3.6. Respecto aos restantes aspectos da bonificación non previstos neste artigo, estarase ao disposto na ordenanza Xeral Reguladora da aplicación de tributos e ingresos de dereito público do Concello de Rianxo, ao RD 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento Xeral das Actuacións e dos Procedementos de Xestión e Inspección tributarias e de desenvolvemento das normas comúns de aplicación dos tributos.

ARTIGO 8.º.–DEVENGO.

O imposto devengarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non contase coa correspondente licenza.

ARTIGO 9.º.–XESTIÓN.

1. Unha vez concedida a licenza, ou, no caso de comunicación previa, trala verificación municipal da adecuación da documentación achegada polo suxeito pasivo, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible:

a) en función do orzamento visado polo Colexio Oficial correspondente cando fose preceptivo proxecto

b) en calquera outro suposto, en función dos módulos sinalados no anexo I (obras menores) e no anexo II (obras maiores), que terán en todo caso a consideración de importes mínimos

2. Cando aínda que non se tivese solicitado, concedido ou denegado licenza, ou cando, no caso da comunicación previa, non se tivese verificado a adecuación da documentación presentada polo suxeito pasivo, o suxeito pasivo iniciase a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible con arreglo ao estipulado no apartado primeiro anterior.

3. No caso de que o proxecto de construción, instalación ou obra se modifique, ou de que o orzamento de execución material incrementase o seu importe, os suxeitos pasivos deberán presentar o novo orzamento de execución material ante a administración para que proceda a practicar a correspondente liquidación complementaria.

4. A liquidación será de carácter provisional, ata que se efectúe a comprobación administrativa prevista no artigo 10, ou de que transcorran os prazos de prescrición do dereito da administración a efectuar dita comprobación.

ARTIGO 10.º.–COMPROBACIÓN ADMINISTRATIVA.

Unha vez rematada a construción, instalación ou obra, e tendo en conta o custo real e efectivo, o Concello, mediante a correspondente comprobación administrativa, modificará a base impoñible, practicando a liquidación definitiva e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que proceda.

ARTIGO 11.º.–INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias e á determinación das sancións que lles correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a desenvolven.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza entrará en vigor a partir do día seguinte á súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.

ANEXOS

ANEXO I

 Módulos para a obtención do orzamento de execución material das obras menores

Establécense os seguintes módulos para calcular o orzamento de execución material mínimo das obras menores.

No listado que segue detállanse, a base física na que se apoia o módulo entre as que distinguimos M2, M3, Ml e Ud, a tipoloxía da obra e o valor en € de cada unidade.

No caso de que a tipoloxía da obra non se atope contemplada no listado, aplicarase o módulo que de acordo coa natureza da obra e os materiais que se vaian empregar máis se lle asemelle.

Para o calculo do orzamento haberá que multiplicar o número de unidades de que conste a obra menor polo valor asignado a cada tipoloxía.

M2 = Metros cadrados.

M3 = Metros Cúbicos.

Ml = Metros lineais.

Ud = Unidade.

1. ESCAVACIÓNS, MUROS E TUBERÍAS.

1.1. Escavacións de terra a ceo aberto, realizada a máquina en terreo semicompacto: 8.67 €/m2.

1.2. Muro de pechamento de bloques de cemento de 1 metro de altura, enfoscado a unha cara e pintado, incluso zapata de cimentación, formigón de cachote a escavación da mesma, incluso p.p. de poste de formigón de vigamento: 43,3 €/m2.

1.3. Pechamento de postes de cemento e arame, incluso zapatas de cimentacións illadas: 18,05 €/ml.

1.4. Colocación de tubaria de formigón a unha profundidade media de 1 metro, con diámetro ata 30 cm., incluso escavación, recheo e restitución do pavimento de terra: 34,54 €/ml.

1.5. Colocación de tubería en condición análogas ás da partida anterior, en pavimento de formigón: 75 €/ml.

1.6. Muro de contención de formigón lixeiramente armado, de 1 metro de altura media, incluso zapata corrida de cimentación de formigón de cachote, gabia, escavacións necesarias, perfilado á man do terreo, etc, cun ancho medio de 25 cm.: 95 €/m2.

1.7. Colocación de postes de formigón e tres fios de arame para delimitar finca, afincados sobre o terreo sen ningún tipo de cimentación, a 6,50 €/m.l

1.8. Desbroce e limpeza de terreos con medios mecánicos, a 0,77 €/m2

1.9. Muro de manpostería 1 cara vista, a 90,15 €/m2

1.10. Muro de perpiaño de granito a 93,90 €/m2

2. REFORMAS E ALBANELERÍA.

2.1. Reforma interior de vivendas, consistente en derriba de divisións, tabicado posterior con parámetros pintados e alicatados en cociña e baños, pavimentos de terrazo, incluso substitucións de sanitarios en baños: 202,1 €/m2.

2.2. Forxado de viguetas de formigón pretensado e bovedillas, piares ou zunchos, encofrado e desencofrado: 57,61 €/m2.

2.3. Pechamento exterior, formado por tabicón, cámara de aire para producto illante, tabique de ladrillo, formigón de canetas impermeable, enforcado e pintado ás dúas caras: 51,14 €/m2.

2.4. Enfoscado exterior, mestrado realizado con morteiro de cemento, posterior pintado con pintura plástica: 15,18 €/m2.

2.5. Revestimento de fachada exterior, con plaqueta de 10x20 ou similar: 21,66 €/m2.

2.6. Apertura de oco para porta exterior, en pechamento exterior e colocación da mesma: 613 €/unidade.

2.7. Apertura de oco para fiestra, en pechamento exterior e colocación da mesma: 418 €/unidade.

2.8. Alicatado de azulexo, colocado con cemento adhesivo: 18,8 €/m2.

2.9. Instalación de cuarto de baño sobre estrutura existente: 2.116 €/unidade.

2.10. Construción de cuarto de baño nas condicións da partida anterior, incluso pechamento de estructura cuberta, etc.: 4.181,26 €/unidade.

2.11. Pintura e limpeza de fachadas exteriores, a 8,07 €/m2.

2.12. Pintura plástica en interiores, 6,95 €/m2

3. CUBERTAS E BAIXANTES.

3.1. Cuberta, incluíndo viguetas de formigón, chapas de fibrocemento e tella do pais, a 50,72 €/m2.

3.2. Renovación de teitume con simple reparación de armadura de cuberta, sen modificación de cuberta nin elevación volume: 20,95 €/m2.

3.3. Baixante de tubaria P.V.C.: 11,36 €/ml.

3.4. Substitución de forxado, elevación de paredes e nova formación de cuberta, cunha elevación máxima dun metro: 158,84 €/m2.

3.5. Formación de cuberta con chapas de fibrocemento, 15 €/m2.

3.6. Colocación de tella do pais enriba das chapas de fibrocemento existentes, a 26,97 €/m2.

4. ALPENDRES E GARAXES.

4.1. Alpendre ou garaxe ata 25 m2 con paredes de bloques de cemento e cuberta de uralita e tella do pais ou similar sobre viguetas de cemento, enfoscado exterior, pintado, pavimento de soleira de cemento, sen falso teito nin forxado, 93,75 €/m2.

4.2. Alpendre ou garaxe de 25 ata 50 m2, realizado con paredes de bloques de cemento, cuberta de uralita e tella do pais ou similar, enfoscado e pintado exterior, pavimento de soleira de cemento, sen falso teito nin forxado a 157 €/m2.

MÍNIMOS DE UNIDADES DE OBRA:

a) Obras de construción de edificacións e instalacións de tódalas clases, de nova planta e superiores a 40 m2 de superficie total, un mínimo de 146,56 €.

b) Obras de ampliación de edificios e instalacións de tódalas clases xa existentes, un mínimo de 111,20 €.

c) As modificacións e reformas que afecten á estrutura de edificios e instalacións xa existentes, un mínimo de 73,67 €.

d) As modificacións do aspecto exterior de edificios e instalación de tódalas clases, xa existentes, un mínimo de 43,70 €.

e) As obras que modifiquen a disposición interior dos edificios, calquera que fose o seu uso, un mínimo de 36,10 €.

f) As obras que teñan que realizarse con carácter provisional, ás que se refire o artigo 58.2 do texto refundido da Lei do Solo, un mínimo de 28,26 €.

g) As obras de instalación de servizos públicos, un mínimo de 28,17 €.

h) Obras menores non especificadas anteriormente, un mínimo de 28,17 €.

i) Os movementos de terra, que devengarán uns dereitos de 0,09 €/m2, cun mínimo de 26,04 €.

j) As demolicións, un mínimo de 66,093 €.

k) Aperturas de pozos de auga, 600 €.

Construción de fosas sépticas, 800 €.

 ANEXO II

 Manual para obter o orzamento de execución material dunha construción ou obra maior: orzamento de referencia

A.–Normas xerais, criterios de valoración.

1. Un traballo considerarase incluído no punto que lle corresponde de acordo co destino predominante da superficie, incluíndose as superficies con destinos minoritarios, só se dividirá en varios puntos cando cada destino minoritario supere o 20% da superficie total; neste caso valorarase independentemente.

2. A superficie total construída é a suma de cada unha das plantas do edificio, medida dentro dos límites definidos polas liñas de fachada, tanto interiores como exteriores e os eixes de medianeras compartidos se se dar o caso.

B.–Estimación simplificada dos orzamentos de execución material da edificación.

B.1.1. Definicións:

Mb.–Módulo básico.

Mc.–Módulo de construcción ou de referencia.

S.–Superficie total construída en m2.

Ct.–Coeficiente corrector en función da tipoloxía da edificación.

Cu.–Coeficiente corrector en función do uso da edificación.

Pemb.–Orzamento de execución material segundo módulos básicos.

Pem.–Orzamento de execución material do proxecto.

B.1.2. Valores de aplicación.

B.1.3. Módulo básico.

Establécese un prezo en €/m2 de edificación da tipoloxía da edificación aplicábel ás distintas construcións. Mb=468,00 €/m2.

B.1.4. Superficie construída por uso:

Un traballo considérase ou non incluído no apartado que lle corresponde de acordo co uso predominante da superficie, no que se inclúen as superficies con destinos minoritarios, tal e como se especifica no punto 1.1.1.

B.1.5. Coeficiente por tipoloxía (Ct):

1. En edificacións de nova planta e adicións:

1,20. Edificación illada (4 fachadas) vivenda familiar illada e sotos 3.º e seguintes.

1,10. Agrupación en fila, sotos 1.º e 2.º.

1,00. Edificio en rueiro pechado, edificación aberta vivenda colectiva.

2. En obras de reforma e rehabilitación:

1,20. Rehabilitación total, incluído desmontar fachadas.

1,00. Adecuación interior de plantas baixas e entrecháns, rehabilitación integral do edificio conservando só fachadas.

0,65. Rehabilitación de instalacións e acabados.

0,50. Reformas que afecten só a elementos estruturais.

0,35. Rehabilitación de fachadas e substitución de carpintería e peches (referido á superficie de fachada).

0,30. Reformas de pouca entidade que non afecten a elementos estruturais ni a instalacións (acabados interiores).

0,02. Demolicións e derrubamentos (aplicada á superficie que se vaia demoler).

B.1.6. Coeficiente de uso. Cu.

Segundo o tipo de edificación:

1,60. Auditorios, museos teatros, hoteis de 5 estrelas, edificios bancarios.

1,50. Hospitais, laboratorios.

1,40. Bibliotecas, facultades e escolas universitarias, hoteis de catro estrelas, edificios penitenciarios, terminais marítimas e aéreas.

1,30. Clubs sociais, cines, centros de saúde, balnearios, hoteis de tres estrelas, salas de festas, discotecas, colexios con residencia.

1,20. Casas de cultura, casas consistoriais, locais bancarios, consultorios, centros de culto, cuarteis e matadoiros.

1,10. Vivenda, hoteis de dúas estrelas, residencias universitarias, moteis.

1,00. Residencias VPO, oficinas, garderías, centros escolares, hoteis dunha estrela, ambulatorios, hostais-residencia, restaurantes, estacións de autobuses, salas de exposicións, piscinas cubertas.

0,90. Bares, mercados.

0,80. Centros comerciais, pavillóns deportivos cubertos, vestiarios, bungalows, servizos cámping.

0,65. Edificios de estacionamento, locais comerciais, establecementos comerciais, industria escaparate.

0,50. Piscinas descubertas, cemiterios.

0,40. Garaxes e estacionamentos, estacións de servizo.

0,35. Trasteiros, locais en planta baixa ou semisoto sen uso especifico, terrazas asoportaladas e terrazas abertas.

0,30. Almacéns e naves industriais, instalacións deportivas descubertas, naves, granxas, cubertos, depósitos, bancadas, panteóns (por nicho).

0,15. Acondicionamento de naves con obras mínimas.

0,10. Proxectos de urbanización (adscritos a edificacións), áreas deportivas, parcelas cámping.

0,05. Xardíns, pistas de terra e formigón, piscinas privadas, tratamento de espazos exteriores, acondicionamento de terreos.

C.–Obtención do orzamento de execución material segundo módulos básicos: Pemb.

C.1.1. Módulo de construción:

Mc=Mb x Ct x Cu

C.1.2. Orzamento de execución material segundo módulos básicos:

Pemb=Mbi x Si

Mci. Módulo de acordo coa construción que corresponda ao destino dominante da superficie.

Si. Superficie construída de acordo co destino predominante da mesma.

Este orzamento así obtido será o orzamento de referencia para o cálculo da liquidación.