Abegondo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO DE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 04/01/2012 BOP Nº: 3
Publicación definitiva: 10/04/2012 BOP Nº: 67
Aplicable dende: 24/05/2021

Artigo I.-Fundamento e réxime.

1. No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 144 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85 de bases do réxime local e de acordo co previsto no artigo 59.2 do Testo refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado polo RDL 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras.

2. Este imposto rexerase polo disposto nos artigos 100 a 103 do Texto refundido da Lei reguladas das facendas locais aprobado polo RDL 2/2004, do 5 de marzo, polas disposicións que a desenvolvan e polo disposto na presente Ordenanza fiscal.

Artigo II.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible deste imposto a realización, dentro do termo municipal de Abegondo, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención de correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase a mesma ou non, ou para a que se esixa a presentación da comunicación previa ou declaración responsable, sempre que a súa expedición corresponda ao Concello de Abegondo.

2. As construción, instalación e obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir, entre outras actuacións, nas seguintes:

a) Movementos de terra.

b) Obras de construción de edificacións e instalacións de toda clase de nova planta.

c) Obras de demolición.

d) Obras nos edificios, tanto no seu interior como o seu exterior.

e) Aliñacións e rasantes.

f) Obras de fontanería e sumidoiros.

g) Obras nos cemiterios.

h) Calqueira outra construción, instalación ou obra que precise licenza de obra ou urbanística.

Artigo III.-Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas persoas xurídicas ou entidades do artigo 36 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra que soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.

2. No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos substitutos do mesmo quen solicite as correspondentes licenzas ou realice as construcións, instalacións ou obras

O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo IV.-Exencións.

De acordo co regulado no artigo 100.2 do TRLRFL, está exenta do pago dese imposto a realización de calqueira construción, instalación ou obra da que sexan donos o Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades locais que, estando suxeitas a este, vaian ser directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións de súa augas residuais,aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto que se trate de obras de investimento novo como de conservación

Artigo V.-Bonificacións.

A.-)

Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:

- Un 95 por cento pola creación de máis de 20 postos de traballo.

- Un 75 por cento pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

- Un 50 por cento pola creación de ata 10 postos de traballo.

Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións xa existentes sempre e cando implique creación de emprego.

Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación no momento da solicitude de licenza ou presentación da declaración responsable ou comunicación previa, achegando un compromiso do número dos novos postos de traballo que se vaian crear.

O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Esta circunstancia deberá ser acreditada ante os servizos urbanísticos no prazo máximo de 1 mes dende o outorgamento da licenza de primeira ocupación coa presentación dos contratos de traballo e as altas na seguridade social dos novos postos de traballo creados. No caso de comunicación previa ou declaración responsable, este prazo computarase dende a data que o beneficiario sinale como de finalización das obras na súa declaración ou comunicación. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro.

 B.-)

Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións, ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas que xustifiquen tal declaración, regulada no artigo 103.2.a) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

C.-)

En ámbolos casos corresponde ao Pleno do Concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal e o outorgamento das anteriores bonificacións, que se acordará previa solicitude do interesado, presentada con anterioridade é realización do feito impoñible.

Artigo VI.-Base impoñible.

A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, entendese por tal, para estes efectos, o custo de execución material daquela.

Para o cálculo da base impoñible a determinar na autoliquidación terase en conta orzamento presentado polos interesados, sempre que este estivese visado polo colexio oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible determinarase en función dos prezos medios de execución material contidos no anexo desta ordenanza

Non forman parte da base impoñible:

O imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réxime especiais.

As taxas, prezos públicos de demais prestacións de carácter público local relacionadas, no seu caso coa construción, instalación ou obras.

Os honorarios profesionais.

O beneficio empresarial do contratista.

Calquera outro concepto que non integre, estritamente o custo de execución material.

Artigo VII.-Cota tributaria.

1. A cota tributaria será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

2. O tipo de gravame queda fixado no 2,4 por cento.

Artigo VIII.-Devengo.

1. O imposto devéngase no intre de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda que non se obtivera a correspondente licenza, ou non se presentase a comunicación previa ou declaración responsable.

2. Aos efectos deste imposto, entenderanse en todo caso iniciadas as construccións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario:

a) Cando teña sido concedida a preceptiva licencia municipal ao cumprirse un mes dende a data de notificación da concesión da mesma.

b) Cando non teña sido concedida a preceptiva licencia municipal cando se efectue por parte do suxeito pasivo calquera clase de acto material ou xurídico tendente á realización das construccións, instalacións ou obras.

Artigo IX.-Normas de xestión.

1.-O imposto esixirase en réxime de autoliquidación.

Os suxeitos pasivos están obrigados a practicar autoliquidación polo imposto, no impreso habilitado para tal efecto polo Concello, que deberá ser presentado polo interesado xunto co xustificante de ingreso nas contas municipais da cota resultante nos seguintes prazos determinados en función do procedemento de tramitación da licenza:

a) No momento de presentar comunicación previa ou declaración responsable.

b) No prazo dun mes dende a notificación da concesión da licenza.

c) No caso de que non se teña solicitado, concedido ou denegado expresamente a licenza, ou presentado comunicación previa ou declaración responsable, a autoliquidación xunto co xustificante de ingreso deberá presentarse no prazo dun mes dende o inicio da instalación, construción ou obra.

2.-A autoliquidación regulada no apartado anterior terá o carácter de liquidación provisional e deberá practicarse tomando como base impoñible a seguinte:

a) O orzamento de execución material achegado polos interesados, sempre que este estivese visado polo colexio oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo.

b) Noutro caso, a base impoñible determinarase en función dos prezos medios de execución material contidos no Anexo desta ordenanza ou de acordo co orzamento presentado polos interesados cando este resultase superior.

3.-Unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a súa terminación, os suxeitos pasivos deberán presentar na oficina xestora do imposto, unha declaración responsable do custo real e efectivo das obras, achegando no suposto de obras e instalacións ¿maiores", unha liquidación definitiva, asinada polo director das obras, visada polo Colexio Oficial correspondente.

Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación e, no seu caso, cuantificación, polos servizos técnicos municipais, practicará a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que, no seu caso, resulte das diferenzas existentes nas respectivas bases impoñibles.

4.-No caso de que se modificase o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementase o orzamento, con independencia da necesidade de presentar comunicación previa ou declaración responsable ou obter a preceptiva licenza urbanística municipal, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha nova autoliquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición a prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.

5.-No suposto de que non se inicien ou non se executen integramente as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución das cotas do ICIO satisfeitas e correspondentes á base impoñible das non realizadas, sempre e cando formule renuncia expresa á licenza, ou sexa declarada caducada mediante resolución administrativa firme e teñan transcorrido os prazos para a interposición do correspondente recurso contencioso-administrativo contra a dita declaración de caducidade. Igualmente terá dereito á devolución do ingresado unha vez formule expresa renuncia nos supostos de presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable.

6.-As devolucións, cando procedan, axustaranse ao procedemento establecido para as devolucións de ingresos indebidos.

7.-Cando a autoliquidación fose presentada e pagada aquela por cantidade inferior á cota que resulte do orzamento achegado, o Concello poderá practicar e notificar unha liquidación complementaria pola cantidade que proceda.

Asemade, poderá practicar unha liquidación complementaria no suposto de que os Servizos Técnicos Municipais, constaten que o presuposto achegado non se axusta aos valores reais.

Cando os suxeitos pasivos non teñan efectuado o pagamento da correspondente liquidación polo imposto, nos prazos anteriormente sinalados, seguirase a vía de constrinximento, para os efectos de recadar as cotas tributarias resultantes.

Artigo X.-Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación e infraccións tributarias e a imposicións das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición derradeira

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno do Concello en sesión celebrada o 15/03/2018, entrará en vigor e será de aplicación ao día seguinte da súa publicación no Boletín oficial da provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

BOP nº 112 de 14/06/2018:

O Concello Pleno, en sesión ordinaria celebrada o día 29 de maio de 2018, adoptou o acordo de corrixir o erro no texto da publicación da ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIONS E OBRAS, publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña núm. 94 do 21 de maio de 2018.

De acordo co artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, corríxese o erro de transcrición no artigo VII, polo que onde di ¿O tipo de gravame queda fixado no 2,8 por cento", debe dicir ¿O tipo de gravame queda fixado no 2,4 por cento."

BOP nº 42 de 28/02/2019

Aprobacion definitiva corrección ordenanza fiscal (ICIO)