Muros - ORDENANZA FISCAL N°1 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 15/05/1998 BOP Nº: 109
Publicación definitiva: 15/05/1998 BOP Nº: 109
Aplicable dende: 08/02/2022

Artigo 1.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible do imposto a realización no termo municipal de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou actividade de control lle corresponda ao Concello de Muros.

Artigo 2.-Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuínte as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o art. 35.4 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela. A estes efectos terá a consideración de dono quen soporte os gastos ou o custe que comporte a súa realización.

2. No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quenes soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou quenes realicen as construcións, instalacións ou obras.

Artigo 3.-Base impoñible, cota e devengo.

1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.

2 A cota do imposto será o resultado de aplicarlle á base impoñible o tipo de gravame seguinte:

a) Base impoñible inferior a 150.000,00 euros: 2%.

b) Base impoñible igual ou superior a 150.000,00 euros: 2,50%.

3. O imposto devéngase ó se inicia-la construción, instalación ou obra aínda que se non se obtivera a correspondente licenza.

Artigo 4.-Xestión do imposto e bonificacións.

1. O imposto esixirase en réxime de autoliquidación.

2. Os suxeitos pasivos están obrigados a practicar autoliquidación en impreso habilitado ao efecto pola Administración Municipal no modelo normalizado que se axunta como anexo 1 e abonala nas contas habilitadas ao efecto polo Concello de Muros.

No caso de expedientes susceptibles de outorgamento de licenza de obras ou urbanísticas, efectuarase o pago da autoliquidación dentro do prazo máximo de un mes contado a partir do momento no que lle foi notificada a concesión da licenza de construción, instalación ou obra.

No caso de expedientes iniciados mediante presentación de declaración responsable ou comunicación previa, os suxeitos pasivos acompañarán xunto a esta documentación xustificante de autoliquidar o imposto e ingresar o seu importe.

3. A data de ingreso inicia o cómputo do prazo de prescrición de catro anos que dá dereito á devolución do importe abonado mediante autoliquidación.

4. A autoliquidación presentada terá carácter provisional e determinarase a base impoñible do tributo, en función do presuposto achegado polos interesados, sempre que estivese visado polo Colexio Oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais, de acordo co custo estimado do proxecto.

5. No caso de que se modifique o proxecto e houbese incremento de presuposto, unha vez aceptada a modificación, deberá presentarse autoliquidación complementaria pola diferencia entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición aos requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores e no prazo de un mes a contar desde a data na que se notifique a aceptación da modificación.

6. Unha vez finalizadas as obras, no caso de que o seu custo real e efectivo sexa superior ou inferior ó que serviu de base impoñible nas autoliquidacións anteriores, os suxeitos pasivos presentarán no prazo dun mes, contando a partir do día seguinte á dita finalización, autoliquidación complementaria do tributo, positiva ou negativa, segundo proceda, no modelo normalizado que se recolle no anexo 2. As autoliquidacións practicaranse en impreso que facilitará a Administración Municipal, debendo acompañarse fotocopia do DNI ou CIF do suxeito pasivo, así como certificado e presuposto final de obra visado polo Colexio Oficial correspondente, cando se esixiran direccións facultativas, e calquera outro documento que se considere oportuno.

7. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, o Concello tendo en conta a obra realizada e o seu custe real e efectivo, previa comprobación, poderá modificar a base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, establecendo a obriga de presentar a correspondente autoliquidación complementaria positiva ou negativa no prazo de un mes desde o momento en que se lle notifique a resolución municipal.

8. Bonificacións.

8.1. De conformidade co artigo 103.2.a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, establécense as seguintes bonificacións a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorreren circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración:

a) Construcións, instalacións e obras promovidas polas administracións públicas para a implantación de servizos públicos ou servizos de interese comunitario, bonificación do 75% (75 por cento).

b) Construcións, instalacións e obras promovidas por entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e destinadas a fins ou actividades non lucrativas que complementen ou suplan os servizos de competencia municipal, bonificación do 75% (75 por cento).

c) Construción, rehabilitación ou reparación de vivendas promovidas por persoas en situación de emerxencia social, bonificación do 95% (95 por cento).

d) Establécese unha bonificación da cota correspondente para as construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2.a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. Esta medida será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego. As porcentaxes de bonificacións son as seguintes:

- Dun 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo.

- Dun 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

- Dun 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

As bonificacións concederanse a petición do interesado, unha vez acredite que se cumpren as condicións requiridas para ser beneficiario das mesmas. As devanditas bonificacións quedarán sen efecto de non cumprirse as condicións por razón das cales se concederon as mesmas.

Considerarase que existen circunstancias de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento de emprego cando se creen novos postos de traballo.

No caso de que a creación de novos postos de traballo non poda xustificarse no momento da concesión da licenza de obra, xustificarase dende o momento da alta da actividade no Imposto sobre Actividades Económicas e nun prazo máximo de seis meses.

Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación presentando as altas na Seguridade Social e contratos de traballo dos novos empregados/as, así como canta documentación lle poida ser requirida polo concello de Muros de cara a comprobación do mantemento das circunstancias que se tiveron en conta para a concesión da respectiva bonificación.

Para poder gozar da bonificación prevista neste apartado, o suxeito pasivo beneficiario deberá estar ao corrente no pagamento das súas débedas coa Facenda Estatal, Autonómica e local así como nas cotas correspondentes á Seguridade Social.

Corresponde ao pleno do concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento de emprego así como o outorgamento das ditas bonificacións, debendo contar co voto favorable da maioría simple dos seus membros.

A solicitude de bonificación deberá presentarse antes do inicio da construción, instalación ou obra, e, en todo caso, deberá obterse a concesión antes de practicar a autoliquidación provisional.

8.2. Unha bonificación de o 90% (90 por cento) a favor de construcións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados. Esta bonificación aplicarase á cota resultante de aplicar, no seu caso, a bonificación a que se refire no apartado 8.1 deste artigo.

Artigo 5.-Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto será consonte ó que prevé a Lei xeral tributaria e as súas disposicións complementarias.

Artigo 6.-Infracción e sancións.

No tocante á cualificación das infraccións tributarias e á determinación das sancións que correspondan por aquelas, aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e as súas disposicións complementarias.

Disposición final

A presente Ordenanza fiscal entrará en vigor ao día seguinte da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, conforme o establecido no artigo 17.4 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo e permanecerá vixente mentres non se produza a súa modificación ou derrogación expresa.