Ponteceso - ORDENANZA FISCAL NÚM. 3, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS (ICIO)
ARTIGO 1.- FUNDAMENTO E RÉXIME
1.-No uso das facultades conferidas pola Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e de acordo co previsto no artigo 59.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece o imposto sobre construccións, instalacións e obras.
2.-Este imposto rexerase polo disposto nos artigos 100 a 103 do Real decreto lexislativo 2/2004, polas disposicións que a desenvolvan e polo disposto na presente Ordenanza fiscal.
ARTIGO 2.- FEITO IMPOÑIBLE.
1.-Constitúe o feito impoñible deste imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construcción, instalación ou obra para a que se exixa a obtención da correspondente licencia de obras ou urbanística, téñase obtido ou non a mesma, ou para a que se requira a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda a este Concello.
2.-Son construcións, instalacións e obras suxeitas ao imposto todas aquelas na que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior; e en particular as seguintes:
a) Obras de construcción de edificacións e instalacións de toda clase de nova planta.
b) Obras de ampliación de edificios e instalacións de tódalas clases existentes.
c) Obras de modificación ou reforma que afecten á estructura dos edificios e instalacións de tódalas clases existentes.
d) Obras de modificación do aspecto exterior dos edificios e instalacións de tódalas clases existentes.
e) Obras que modifiquen a disposición interior dos edificios.
f) Obras e usos que se teñan que realizar con carácter provisional no caso en que estean xustificadas, que deberán derrubarse cando o acorde o Concello, sen dereito a indemnización.
g) Movementos de terra, tales coma desmontes, explanacións, escavacións e terrapléns, obras de instalacións de servicios públicos e, en xeral, as relacionadas coa urbanización, excepto que estes actos fosen detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización definitivamente aprobado ou de edificación que dispoña de licencia outorgada.
h) A demolición das construccións, agás nos casos declarados de ruína inminente.
i) As instalacións subterráneas adicadas a estacionamentos, actividades industriais, mercantís ou profesionais, servicios públicos ou calquera outro uso a que se destine o subsolo.
j) As obras de construcción de infraestructura civil, agás que estes actos fosen detallados e programados coma obras a executar nun plan especial ou nun instrumento de ordenación territorial, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable.
k) As construccións nas zonas de dominio público, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable.
l) A instalación ou radicación de casas prefabricadas e instalacións similares, provisionais ou permanentes, agás que se efectúen dentro de campamentos legalmente autorizados e nas zonas expresamente previstas para a dita finalidade.
m) A instalación de invernadoiros.
n) A colocación de carteis e paneis de propaganda visibles desde a vía pública, sempre que non estean en locais pechados.
o) Os cerramentos e valados de predios.
p) As obras de apertura de camiños e accesos a parcelas en solo rústico, agás as autorizadas polo organismo competente en materia agraria e/ou forestal.
q) Aliñacións e rasantes.
r) Obras de fontanería e sumidoiros.
s) Instalación de elementos permanentes, tales coma postes, torretas, etc, de telefonía móbil, transmisións e similares, sobre inmobles.
t) Obras nos cemiterios.
u) Calquera outra construcción, instalación ou obra que requira licencia urbanística segundo o previsto na lexislación vixente sobre o solo.
3.-Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ao interesado.
ARTIGO 3.- SUXEITO PASIVO
1.-Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, persoas xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, quen sexan donos da construcción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.
2.-Os efectos previstos no punto anterior terán a consideración de donos da construcción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou custes que impliquen a súa realización.
3.-Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou realicen as construcións, instalacións ou obras. O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
ARTIGO 4.-EXENCIÓNS
Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construcción, instalación ou obra das que sexa dono o Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia, a Provincia de A Coruña, sempre que estean directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e de augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos dependentes dos mesmos, tanto se trate de obras de investimento coma de conservación.
A declaración de que concorren as circunstancias expresadas no parágrafo anterior será efectuada polo órgano competente, previo informe dos servizos económicos.
ARTIGO 5.-BASE IMPOÑIBLE.
1. A base impoñible do imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, entendéndose por tal, o custe de execución material de aquela no que non se incluirán polo tanto os gastos xerais, o beneficio industrial, os honorarios de redación de proxecto, o imposto sobre o valor engadido, os impostos análogos propios de réximes especiais, taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas coa construción, instalación ou obra.
2. Sen prexuízo do anterior establecese o seguinte réxime de bonificacións:
a) As bonificacións establecidas neste artigo son de natureza regrada e teñen carácter rogado,debendo ser solicitadas expresamente polo suxeito pasivo ante este Concello, no mesmo momento de achegar a documentación necesaria para a obtención da correspondente licenza.
b) Establécese a seguinte bonificación:
Construcións, instalacións ou obras necesarias para a instalación dunha nova actividade comercial, industrial ou fabril no local onde sexan necesarias a realización das citadas obras ou á implantación de empresas no Polígono Industrial de Ponteceso que soliciten a licenza de construción instalación ou obra ou comunicación previa: 95%.
Tamén se verán beneficiados desta bonificación todas aquelas actividades que xa estando instaladas en outras zonas do municipio realicen un cambio de domicilio fiscal para o citado polígono sempre que se cumpra o requisito de creación de novos postos de traballo.
c) Terán dereito a unha bonificación de ata o 95 por cento na cota do Imposto as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Esta medida, que será de aplicación únicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial así como aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións, sempre e cando implique a creación de emprego, se aplicará dacordo cós seguintes tramos:
- Ata o 95 por cen pola creación de máis de 20 postos de traballo
- Ata o 75 por cen pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
- Ata o 50 por cen pola creación de ata 10 postos de traballo.
Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación no momento da solicitude de licenza ou presentación da declaración responsable ou comunicación previa, achegando un compromiso do número dos novos postos de traballo que se vaian crear.
O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Esta circunstancia deberá ser acreditada ante os servizos urbanísticos no prazo máximo de 1 mes dende o outorgamento da licenza de primeira ocupación coa presentación dos contratos de traballo e as altas na seguridade social dos novos postos de traballo creados. No caso de comunicación previa ou declaración responsable, este prazo computarase dende a data que o beneficiario sinale como de finalización das obras na súa declaración ou comunicación. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro.
Corresponde ao Pleno do Concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal e o outorgamento das anteriores bonificacións, que se acordará previa solicitude do interesado, presentada con anterioridade é realización do feito impoñible.
d) Establécese unha bonificación de ata o 95 % a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais ou histórico artísticas que xustifiquen tal declaración.
Para a devandito expediente, que será tramitado previa solicitude do suxeito pasivo, sera preceptivo informe técnico no que sexa analizada previamente tal declaración.
O órgano competente para pronunciarse sobre a declaración será o Pleno da Corporación por voto favorable da maioría simple dos seus membros."
ARTIGO 6.-COTA TRIBUTARIA ÍNTEGRA E LÍQUIDA.
1.-A cota tributaria íntegra virá determinada pola aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible determinada de conformidade co disposto no artigo 8 da presente ordenanza fiscal. O tipo de gravame queda fixado no 4 por cento.
ARTIGO 7.- A OBRIGA DE CONTRIBUIR.
1.-A obriga de contribuír nace no intre de comezar a construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza ou autorización que proceda.
2.-Para os efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, no momento no que se presente unha comunicación previa ou declaración responsable ou ben cando sexa concedida a licenza municipal nos casos en que ésta sexa preceptiva.
ARTIGO 8.-NORMAS DE XESTIÓN.
8. 1.-O Concello de Ponteceso terá a competencia para a xestión do Imposto que se devengue por tódalas construccións, instalacións e obras que se realicen dentro do seu termo municipal.
Se suprime parágrafo.
8.2.-A solicitude de licenza urbanística, xa sexa por procedemento simplificado ou ordinario, así como a comunicación previa ou declaración responsable terán o valor de declaración tributaria, por canto do orzamento que se acompaña a aquelas, se deducirá a base impoñible do imposto. O citado orzamento deberá estar visado polo Colexio Oficial correspondente cando isto constitua un requisito preceptivo.
Os servizos técnicos municipais farán constar no informe que, no seu caso, elaboren, o orzamento de execución material da construcción, instalación e obra tendo en conta o anterior.
8.3.-Nos supostos de presentación de comunicación previa ou declaración responsable, os obrigados tributarios virán obrigados a presentar ante o Concello autoliquidación segundo o modelo determinado pola Administración Municipal e simultaneamente procederá a ingresar en fondos municipais a cota que resulte.
8.4.-Nos supostos nos que sexa preceptivo a solicitude de previa licenza, previamente ao outorgamento da mesma efectuarase a liquidación provisional dos dereitos ou taxas que procedesen e a Intervención Municipal procederá á censura correspondente. A Xunta de Goberno Local procederá a aprobar a liquidación no mesmo acto no que resolva sobre a concesión da licenza solicitada. A notificación será conxunta.
8.5.-As autoliquidacións ás que se refire o parágrafo 3.-e as liquidacións ás que se refire o parágrafo 4.-terán carácter provisional ata que, unha vez rematadas as obras, sexa comprobado pola Administración municipal o efectivamente realizado, requiríndolles para iso aos interesados as correspondentes certificacións de obras e demais elementos ou datos que se consideren oportunos. Á vista do resultado da comprobación efectuarase a liquidación definitiva
8.6.-Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modificar a base impoñible á que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que resulte. Para a confección da liquidación definitiva, o obrigado tributario deberá declarar, no prazo de dous meses desde a finalización da obra, o seu custo real e efectivo, mediante a presentación do certificado ou presuposto final da obra visado polo colexio oficial correspondente, cando se esixiran direccións facultativas, ou de calquera outro documento que se considere oportuno noutro caso. Se os servizos técnicos municipais aprecian desproporción, se terán en conta os módulos previstos na presente ordenanza que figuran como anexo á mesma.
Os servizos técnicos municipais, ao abeiro do parágrafo anterior, expedirán informe dos resultados da comprobación no que farán constar o coste real e efectivo da obra realizada.
8.7.-No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule e se aprobe a renuncia expresa á licenza ou caducara esta.
8.8.-Nos supostos de licenzas concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo as obras.
ARTIGO 9.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
No relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como na determinación das sancións que correspondan, aplicarase o réxime regulado en la L.X.T. e nas disposicións complementarias.
ARTIGO 10.- RECURSO DE REPOSICIÓN.
Contra os actos de xestión tributaria, dictados pola Administración municipal, os suxeitos pasivos poderán formular recurso de reposición previo ó contencioso-administrativo, no prazo dun mes, a contar dende a notificación expresa da liquidación. A interposición do recurso non paralizará a acción administrativa para a cobranza, a menos que o interesado solicite, dentro do prazo de interposición do recurso, a suspensión da execución do acto impugnado e acompañe garantía que cubra o total da débeda tributaria, nalgunha das formas establecidas no artigo 14.2 do Real decreto lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido la Lei reguladora das facendas locais.
Non obstante o anterior, en casos excepcionais, a Alcaldía poderá acorda-la suspensión do procedemento sen prestación de garantía algunha, cando o recorrente xustifique a imposibilidade de prestala ou demostre fehacentemente a existencia de erros materiais na liquidación que se impugne.
DISPOSICIÓN FINAL
1. Esta ordenanza fiscal consta de 10 artigos e foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do día vinte e un de decembro de 2007.
Foi modificada en sesións plenarias de 30.07.2012, 28.07.2014, 30.05.2016, 22.02.2018, 20.09.2023
A modificación aprobada entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOP, sempre permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.
2. O Pleno do Concello aprobou engadir o apartado c ao apartado 2 do artigo 5 na sesión do 27.01.2020. Esta modificación entrará en vigor e será de aplicación ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.