Padrón - Ordenanza reguladora da taxa por ocupación da vía pública con mercadorías, materiais de construcción, cascallos, valados, puntais, soportes, andamios e outras instalación análogas
Artigo 1.-Fundamento e natureza.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, este Concello establece a taxa por ocupación de vía pública con mercadorías, materiais de construcción, cascallos, valados, puntais, soportes, andamios e outras instalacións análogas a que se refire o artigo 20.3 g) da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, modificada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do réxime local das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible a utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público local pola ocupación deste con materiais de construcción, mercadorías, cascallos, valados, puntais, soportes, andamios e outras construccións análogas.
Artigo 3.-Suxeito pasivo.
Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuínte, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria a prol das que se outorguen as licencias e os que goce, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular sen a autorización correspondente.
Artigo 4.-Base impoñible.
A base impoñible está constituída pola superficie de dominio público local, medida en metros cadrados, ocupada polos materiais de construcción, mercadorías, cascallos, valados, puntais, soportes, andamios e outras instalacións análogas.
Artigo 5.-Cota tributaria.
A cota tributaria virá determinada pola aplicación das tarifas seguintes:
Os dous primeiros anos: a cantidade de 14 pesetas (0,08 euros) por metro cadrado e día.
Os anos seguintes: sufrirá un recargo polo que a cantidade a pagar será de 100 pesetas (0,60 euros) por metro cadrado e día.
O cómputo dos respectivos prazos iniciarase na data de presentación das correspondentes solicitudes ou, no seu defecto, na data determinada pola correspondente inspección realizada polos servicios municipais.
Artigo 6.-Normas de xestión.
A taxa esixirase en réxime de declaración e liquidación simultánea, salvo no suposto de que se actúe de oficio mediante liquidación practicada pola Administración.
As persoas interesadas na concesión dos aproveitamentos regulados nesta ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia. Se non se determinou con exactitude a duración do aproveitamento, unha vez autorizada a ocupación, entenderase prorrogada namentres non se presente a declaración de baixa.
Os suxeitos pasivos están obrigados a presenta-la correspondente declaración e a ingresa-lo importe correspondente na Tesourería municipal ou nas entidades locais autorizadas, o que deberá acreditar no momento de presenta-la solicitude.