Padrón - Ordenanza reguladora da taxa pola instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atracción en terreos de uso público
Artigo 1.-Fundamento e natureza.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85 reguladora das bases de réxime local, este Concello establece a taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións en terreos de uso público a que se refire o artigo 20.3 n) da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, modificada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do réxime local das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible a utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local pola ocupación do mesmo por postos e casetas de venda, barracas, así como espectáculos e atraccións.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria a prol das que se outorguen as licencias e os que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular sen a autorización correspondente.
Artigo 4.-Base impoñible.
A base impoñible está constituída pola superficie de dominio público local, en metros cadrados, ocupada polos postos, barracas, casetas de venda ou ben polos espectáculos ou atraccións.
Artigo 5.-Cota tributaria.
A cota tributaria virá determinada pola aplicación das seguintes tarifas.
1.-Circos, teatros e demais de natureza análoga, pagarán polo primeiro día: 15.000 ptas. (90,15 euros).
2.-Estes, polo segundo día e sucesivos: 7.500 ptas. (45,08 euros).
3.-Tómbolas e atracción similares, pagarán por metro cadrado, fracción e día: 100 ptas. (0,60 euros).
4.-Postos de xelados e refrescos, pagará por metro cadrado fracción e día: 500 ptas. (3,01 euros).
5.-Outros postos en xeral: 100 ptas. (0,60 euros).
6.-Pola expedición do título de vendedor ambulante ou a súa renovación anual, sexa fixo ou provisional: 5.000 ptas. (30,05 euros).
Artigo 6.-Normas de xestión.
O pagamento das débedas tributarias correspondentes á taxa por venda ambulante e polos postos e casetas de venda realizaranse mensualmente mediante a expedición dos correspondentes recibos.
No caso de feitos impoñibles constituídos pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público, pola ocupación deste por espectáculos, atraccións ou similares, as persoas interesadas presentarán previamente a solicitude nas dependencias municipais, especificando a actividade a desenvolver, así como o número de días e o lugar onde se pretende exercer. Unha vez concedida a autorización, os suxeitos pasivos están obrigados a practica-la autoliquidación e ingresa-la cantidade correspondente.
Artigo 7.-Período impositivo.
O período impositivo coincide co ano natural, excepto cando se trate de supostos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local; en tal caso abarcará dende a data da concesión e a autorización municipal ata o fin de ano natural.
Xérase a obriga do pagamento da taxa o un de xaneiro de cada ano nos supostos de autorizacións anuais e as cotas serán irreductibles, salvo que a data de inicio non coincida coa da xeración de obriga de pagamento; en tal caso as cotas calcularanse proporcionalmente ó número de trimestres naturais que resten para finaliza-lo ano, incluído o de inicio da utilización ou aproveitamento.
No caso de cesamento prorratearase polo número de trimestres transcorridos, incluíndo no prorrateo aquel no que se produce o cesamento.
No caso de ocupacións temporais, o período impositivo comezará o día da autorización municipal e entenderase durante o tempo previsto nesta.
Artigo 8.
Para instala-los postos, barracas, casetas de venda, etc., será necesario que os interesados obteñan a oportuna autorización, que será concedida ou denegada polo concelleiro-delegado de mercados ou pola Alcaldía, segundo a importancia do caso.
Artigo 9.
A Policía Municipal ou vixiantes habilitados para iso polo concelleiro-delegado de mercados, coidará de non consentir que ocupen a vía pública ou terreos do común con estas clases de instalacións nin que exerzan nela industria ningunha, quen non acredite estar debidamente autorizados para iso e non satisfaceren os dereitos que se sinalen nesta ordenanza.
Artigo 10.
Os postos, barracas e demais que se concedan, non poderán ser destinados a usos distintos daqueles para os que foron concedidos, prohibíndose, por conseguinte, telos pechados, destinalos a almacén ou cambia-la actividade, sen autorización do Concello.
Artigo 11.
Os postos instalados para as festas de Pascua no campo da feira, Campo do Souto e Paseo do Espolón non tributarán pola presente ordenanza e a súa adxudicación será realizada pola Comisión de Goberno.
Artigo 12.
O horario de vendas será de 9:00 a 14:00 horas. Os titulares dos postos deberán proceder á súa recollida no horario de 14:30 a 16:00 horas. A instalación dos postos e descarga de mercadorías realizarse dende as 6:00 ás 8:30 horas. Nos meses de setembro a maio poderá atrasarse este horario en media hora máis.
Artigo 13.-Inspección e sanción.
As infraccións relativas a dereitos do consumidor ou á producción agroalimentaria, serán sancionadas polas autoridades competentes de acordo co establecido no Real decreto 1010/85, do 5 de xuño; a Lei 10/1988, do 20 de xullo (DOG 26-08-1988) e demais normativa de aplicación.