Vedra - Ordenanza reguladora do servicio de asistencia no fogar

Publicación provisional: 30/07/1998 BOP Nº: 173
Publicación definitiva: 30/07/1998 BOP Nº: 173
Aplicable dende: 07/08/2001

1.-Obxecto.

O obxecto do presente regulamento é a adaptación do Servicio Municipal de Axuda no Fogar, segundo o establecido na Lei 4/1993, de Servicios Sociais de Galicia, e na Orde do 22 de xullo de 1996, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se regula o Servicio de Axuda no Fogar.

2.-Concepto.

Prestar un conxunto de atencións desde unha perspectiva integral e normalizadora ós cidadáns no seu domicilio, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio contorno comunitario e evitando así a súa posible institucionalización.

Este programa terá a consideración básica de servicios sociais de atención primaria, inserida no sistema integrado de servicios sociais, de carácter complementario e transitorio, que non exime á familia das súas responsabilidades, con planificación, coordinación e control público, que a través de persoal cualificado e supervisado presta a nivel preventivo, educativo, asistencial e rehabilitador, unha serie de atencións e coidados de carácter persoal, psicosocial e educativo, doméstico e técnico, a familias e persoas con dificultades para procura-lo seu ben-estar físico, social e psicolóxico, proporcionándolle-la posibilidade de continuar no seu contorno natural, mentres esto sexa posible e conveniente.

3.-Prestacións.

Estas serán de carácter persoal, psico-social e educativo, domésticas, técnicas e complementarias, segundo o establecido no art. 3 da Orde do 2 de xullo de 1996, reguladora deste servicio.

4.-Beneficiarios.

- Familias que presentan disfuncións con graves dificultades para mante-lo núcleo familiar completo, con problemas de desestructuración familiar, problemas de relación, etc.

- Persoas con minusvalidez ou con dificultades por convalecencia ou enfermidade, de xeito que esta prestación lles poida favorece-la súa autonomía.

- Menores ós que hai que coidar e atender por ausencia dos pais ou titores ou cando estes, por circunstancias provisionais de enfermidade ou outros motivos suficientemente xustificados, non poidan atendelos.

- Persoas maiores con certo nivel de dependencia, que non teñan ninguén que os atendan suficientemente e que con esta axuda poidan seguir vivindo no seu fogar.

5.-Xestión e tramitación.

A entidade local asume as responsabilidades de planificación, control, xestión e execución.

A solicitude en modelo oficial, presentarase no departamento de Servicios Sociais do Concello; esta, deberá achegarse da seguinte documentación:

- Fotocopia do DNI do solicitante e do representante legal, se procede.

- Informes médicos, se procede.

- Xustificante de ingresos (declaración da renda ou certificación negativa da mesma, certificado de pensión, nóminas, declaración xurada, etc.) de tódalas persoas que forman a unidade de convivencia.

- Certificado de empadroamento e convivencia.

- Certificado de bens de natureza rústica e urbana.

- Xustificación documental de rendementos de capital mobiliario de tódolos conivintes.

- Calquera outro tipo de documentación que se considere necesaria para a estimación da situación.

No departamento de Servicios Sociais farase a estimación técnica e proposta de intervención por parte do traballador social, que será remitida á comisión informativa de servicios sociais, que elaborará o acordo da proposta para a aprobación polo alcalde en caso de urxencia ou comisión de goberno.

A resolución adoptada comunicarase por escrito ó interesado, quen aceptará expresamente as condicións do servicio.

6.-Causas de extinción do servicio.

- Renuncia do beneficiario ou representante no caso de incapacitación deste.

- Ingreso en centro residencial, mentres dure este.

- Translado da súa residencia a outro Concello.

- Falecemento do usuario.

Incumprimento dos requisitos establecidos para a prestación do servicio, tales como trato inaxeitado do usuario cara o auxiliar, falta de colaboración ó usuario no desenvolvemento do servicio, imposición de tarefas que non lle correspondan, ou similares.

- Desaparición ou variación fundamental das causas que motivaron a prestación do servicio.

7.-Obrigas do persoal e usuarios.

Serán as contempladas no art. 7 da Orde do 22 de xullo, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

8.-Criterios para a concesión do servicio.

A necesidade estimarase en función de:

Autonomía persoal:

- Non pode facer por si mesmo a limpeza do fogar, face-la compra nin lava-la roupa.

- Non pode face-las tarefas da cociña.

- Non pode saír da casa só.

- Non pode lavarse só.

- Non pode vestirse nin espirse só.

- Non pode erguerse nin sentarse só.

- Non pode andar só.

- Non pode comer só.

- Permanecer encamado.

Situación socio-familiar:

- Carecer de familiares para poder atendelo.

- Os familiares residen noutro municipio.

- Ter familiares, pero que carecen de disponibilidade ou capacidade persoal para poder atendelo.

- Incapacidade da unidade familiar para autoorganizarse.

- Non reciben axuda de veciños e amigos.

- Non existen posibilidades doutro tipo de convivencia.

- Non existe outro recurso ou prestación social aplicable.

Situación económica:

- Ingresos económicos do beneficiario.

- Ingresos económicos da unidade familiar.

- Réxime de tenencia da vivenda.

- Bens mobles e inmobles do beneficiario.

- Bens mobles e inmobles da unidade familiar.

Non se computarán os gastos fixos de alugueiro ou amortización da vivenda.

- Outras situacións ou factores máis específicos, como poidan se-la localización, estado e equipamento da vivenda ou recursos disponibles no contorno ou acceso a eles.

A duración máxima da prestación do servicio será de 14 horas semanais.

9.-Financiamento.

Farase con cargo a subvencións da comunidade autónoma, deputación, as propias do Concello e contribuíntes do usuario de acordo co establecido no título 7 da Lei 4/1993, de Servicios Sociais e no art. 12 da Orde do 22 de xullo de 1996, que regula o Servicio de Axuda no Fogar.

A contribución do usuario determinarase por baremo, segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, incluíndo a parte proporcional de pagas extraordinarias e as circunstancias socio-familiares. A base do baremo será a contía do SMI mensual que fixe anualmente o Estado.

Para a aplicación das tarifas terase en conta a seguinte formula:

Renda base = ( ingresos da unidade de convivencia - alugueiro de vivenda / n.º de persoas da unidade de convivencia).

Nas unidades de convivencia nas que as relacións sexan conflictivas en parentesco non directo, non apoiando a convivencia, só se terá en conta a situación económica do solicitante.

Para os efectos previstos na aplicación das tarifas establécese o prezo da hora da prestación do servicio en 1.000 ptas., revisable anualmente e de forma automática segundo o SMI.

A).-Tarifa número 1: persoas que vivan soas ou usuarios en situación familiar moi conflictiva (situación relacional moi negativa).

RPC sobre SMI

RPC mensual: Máis do 60%: 50.484 pesetas ata 90%: 75.726 pesetas.-Aportación usuario: 10%: 100 pesetas.

RPC mensual: Máis do 90%: 75.726 pesetas ata 100%: 84.140 pesetas.-Aportación usuario: 15%: 150 pesetas.

RPC mensual: Máis do 100%: 84.140 pesetas ata 125%: 105.175 pesetas.-Aportación usuario: 30%: 300 pesetas.

RPC mensual: Máis do 125%: 105.175 pesetas ata 150%: 126.210 pesetas.-Aportación usuario: 50%: 500 pesetas.

RPC mensual: Máis do 150%: 126.210 pesetas.-Aportación usuario: 100%: 1.000 pesetas.

B).-Tarifa número 2: unidades de convivencia con 2 persoas.

RPC mensual: Máis do 60%: 100.968 pesetas ata 75%: 126.210 pesetas.-Aportación usuario: 10%: 100 pesetas.

RPC mensual: Máis do 75%: 126.210 pesetas ata 90%: 151.452 pesetas.-Aportación usuario: 15%: 150 pesetas.

RPC mensual: Máis do 90%: 151.452 pesetas ata 100%: 168.280 pesetas.-Aportación usuario: 25%: 250 pesetas.

RPC mensual: Máis do 100%: 168.280 pesetas ata 125%: 210.350 pesetas.-Aportación usuario: 50%: 500 pesetas.

RPC mensual: Máis do 125%: 210.350 pesetas.-Aportación usuario: 100%: 1.000 pesetas.

C).-Tarifa número 3: unidades de convivencia con 3 ou máis persoas.

RPC mensual: Máis do 55%: 138.831 pesetas ata 65%: 164.073 pesetas.-Aportación usuario: 150 pesetas.

RPC mensual: Máis do 65%: 164.073 pesetas ata 75%: 189.315 pesetas.-Aportación usuario: 25%: 250 pesetas.

RPC mensual: Máis do 75%: 189.315 pesetas ata 85%: 214.557 pesetas.-Aportación usuario: 35%: 350 pesetas.

RPC mensual: Máis do 85%: 214.557 pesetas ata 95%: 239.799 pesetas.-Aportación usuario: 50%: 500 pesetas.

RPC mensual: Máis do 95%: 239.799 pesetas ata 125%: 315.525 pesetas.-Aportación usuario: 75%: 750 pesetas.

RPC mensual: Máis do 125%: 270.450 pesetas.-Aportación usuario: 100%: 1.000 pesetas.

Este baremo será de aplicación para servicio de carácter doméstico e técnico (teleasistencia); neste último, o aboamento referirse ó tanto por cento do custo mensual do servicio.

10.-Persoal do servicio.

Nun primeiro nivel de atención estará o traballador social de atención primaria, que desempeña un labor de carácter técnico (diagnóstico, seguimento e avaliación), desempeñando, entre outras, as seguintes funcións:

- Estudio e estimación da demanda, deseño do proxecto de intervención.

- Seguimento e avaliación, mediante un soporte documental, que poida ser consultado en calquera momento polo persoal autorizado. Sendo necesario un rexistro de beneficiarios e un estadillo de actividades que reflicta a situación actual da demanda e da prestación.

- Programación xeral do servicio.

- Difusión-información sobre o servicio.

- Formación e reciclaxe do persoal.

- Programación de cada servicio concreto.

- Coordinación dos profesionais e voluntariado.

- Asignación e supervisión de tarefas.

- Estimulación para a autoaxuda e participación familiar.

- Formulación de propostas de ampliación, reducción ou supervisións do servicio.

- Aquelas expresadas tacitamente polo ente para o que desenvolve o seu labor e as expresadas na regulación vixente.

Nun segundo nivel intervirán as auxiliares de axuda no fogar como profesionais que se encargan da execución, que realizarán tarefas de carácter asistencial, educativo en contacto directo co usuario do servicio, a súa familia e o contorno.

Entre estes niveis establécese a posibilidade de intervención doutros profesionais e voluntarios coordinados co traballador social para cada caso cunha programación específica.

Os voluntarios son persoas que actúan de forma solidaria, sen expectativas de remuneración, complementando de forma coordinada as funcións e tarefas encomendadas ó persoal anteriormente citado, desenvolvendo funcións de compañía, fomento de relacións e comunicación, ocupación do tempo libre, tanto dentro como fóra do fogar, e calquera outra que non sexan susceptibles de responsabilidade por parte dos demais profesionais. A tal fin estarán ó disposto na Lei de Servicios Sociais de Galicia ou Estatal de voluntariado en canto a obxectivos, actuación organizada, formación etc.

11.-Pagamento.

A obriga de pagamento de prezo público, regulado nesta ordenanza, comeza desde que se inicia a prestación do servicio.

As liquidacións practicaranse por meses naturais e aboaranse nos primeiros quince días naturais do mes seguinte.

O aboamento farase na conta indicada polo Concello.

12.-Normativa subsidiaria.

No non previsto nesta ordenanza, estarase ó que dispoña a Orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 22 de Xullo de 1996.

13.-Disposición final.

O presente regulamento entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no BOP e transcorra o prazo previsto no art. 65.2. da Lei/85, reguladora das Bases de Réxime Local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.