Dodro - ORDENANZA FISCAL Nº 5 REGULADORA DA TAXA POR DOCUMENTOS QUE EXPIDAN OU DE QUE ENTENDAN O CONCELLO OU AS AUTORIDADES LOCAIS, A INSTANCIA DE PARTE

Publicación provisional: 05/03/1999 BOP Nº: 52
Publicación definitiva: 28/04/1999 BOP Nº: 95
Aplicable dende: 29/04/1999

Artigo 1.º .-Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e os artigos 20 a 58 da Lei 39/88, do 28 de decembro; e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88 citada, na súa nova redacción dada pola Lei 25/98, do 13 de xullo, de modificación do Réxime Xeral das Taxas Estatais e Locais e Reordenación das Prestacións Patrimoniais de Carácter Público, este Concello acorda a imposición e ordenación da taxa por documentos que expidan ou de que entendan o Concello ou as autoridades locais, a instancia de parte.

Artigo 2.º .-Feito imponible.

1. Constitúe o feito imponible da taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e de expedientes de que entende a Administración ou as autoridades municipais.

2. Para estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fose provocada polo particular ou redunde no seu beneficio, aínda que non mediara solicitude expresa do interesado.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que soliciten, provoquen ou que no seu interese redunde a tramitación do documento ou expediente de que se trate.

Artigo 4.º .-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.º .-Cota tributaria.

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota da tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.

Artigo 6.º .-Tarifa.

A tarifa desta taxa será a seguinte:

1. Por certificacións de empadroamento do censo de poboación vixente ou de censos anteriores, de convivencia e de residencia: 100 pesetas.

2. Certificacións de documentos ou acordos municipais: 1.500 pesetas.

3. Polo bastanteo de poderes que teñan que producir efectos nas oficinas municipais: 1.250 pesetas.

4. Por cada certificación que se expida de servicios urbanísticos solicitada a instancia de parte: 2.500 pesetas.

5. Por cada informe que se expida sobre características de terreo, ou consulta a efecto de edificación a instancia de parte: 2.500 pesetas.

6. Por cada fotocopia en branco e negro de documentos que figuren en expedientes administrativos obrantes no Arquivo municipal, a primeira folla 100 pesetas; cada unha das follas seguintes: 20 pesetas.

7.-Por cada fotocopia en branco e negro de documentos que figuren nun expediente de contratación de obras, subministros ou servicios, a primeira folla 200 pesetas; cada unha das follas seguintes: 40 pesetas.

8.-As demais certificacións: 100 pesetas.

Artigo 7.º .-Percepción.

1. Percíbese a taxa e nace a obriga de contribuír cando se presente a solicitude que inicie a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ó tributo.

2. Nos casos a que se refire o número 2 do artigo 2.º , o dereito á percepción prodúcese canto teñan lugar as circunstancias que provoquen a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado pero redunde no seu beneficio.

Artigo 8.º .-Declaración e ingreso.

1. A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, e normalmente polo procedemento do selo municipal adherido ó escrito de solicitude da tramitación do documento ou expediente, ou nestes mesmos se aquel escrito non existise, ou a solicitude non fora expresa.

2. Os escritos recibidos polos conductos a que fai referencia o artigo 66 da Lei de Procedemento Administrativo, que non veñan debidamente reintegrados, serán admitidos provisionalmente, pero non lle poderá dar curso sen que se emende a deficiencia, e para tal fin se requirirá ó interesado para que, no prazo de dez días, aboe as cotas correspondentes, co apercibimento de que, transcorrido dito prazo sen efectualo, teranse os escritos por non presentados e será arquivada a solicitude.

3. O importe da taxa poderase esixir mediante o pagamento en efectivo, substituíndose o selo municipal por un recibo duplicado, e un dos exemplares unirase ó escrito e outro á copia que se devolva ó interesado.

Artigo 9.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, cunha redacción definitiva aprobada polo Pleno da corporación en sesión celebrada con data 2-2-99, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación íntegra no BOP e será de aplicación desde ese mesmo día, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.