Ponteceso - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 8, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DE SUMIDOIRO E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS

Publicación provisional: 18/01/2002 BOP Nº: 15
Publicación definitiva: 18/01/2002 BOP Nº: 15
Aplicable dende: 01/01/2002

Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola prestación do servicio de sumidoiro, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, as normas da cal atenden ó prevido no artigo 58 da Lei 39/1988.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa:

a)  A actividade municipal, técnica e administrativa tendente a verificar se se dan as condicións necesarias para autoriza-la acometida á rede de sumidoiro municipal.

b)  A prestación dos servicios de evacuación de excretas, de augas pluviais, negras e residuais, a través da rede de sumidoiro municipal, e o seu tratamento para depuralas.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que sexan:

a)  Cando se trate da concesión da licencia de acometida á rede: o propietario, usufructuario ou titular do dominio útil do terreo.

b)  No caso da prestación de servicios da letra b) do artigo anterior: os ocupantes ou usuarios dos terreos do término municipal beneficiarias deses servicios, calquera que sexa o seu título (propietario, usufructuario, habitacionista ou arrendatario, mesmo en precario).

2.  En calquera caso, terá a consideración de suxeito pasivo, substituto do ocupante ou usuario das vivendas ou locais, o propietario destes inmobles, que poderán repercutir, de se-lo caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servicio.

Artigo 4.º .-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.º .-Cota tributaria.

1.  A cota tributaria correspondente á concesión da licencia ou autorización de acometida á rede de sumidoiro esixirase por unha soa vez e consistirá na cantidade fixa de 36,06 euros (6.000 pesetas).

2.  A cota tributaria que se vai esixir pola prestación dos servicios de sumidoiro e depuración determinarase en función da cantidade de auga, medida en metros cúbicos, empregada no terreo.

Para tal efecto, aplicarase a seguinte tarifa:

Servicio de sumidoiro.

- Abonados con servicio de abastecemento de auga:

Para os mesmos m3 facturados no servicio de abastecemento: 0,113591* euros/m3 (18,90 pesetas).

- Abonados sen servicio de abastecemento:

Cota fixa mensual: 1,71 euros/abonado/mes (284 pesetas/abonado/mes).

Servicio de depuración de augas residuais.

- Abonados con servicio de abastecemento de auga:

Para os mesmos m3 facturados no servicio de abastecemento: 0,1893188* euros/m3 (31,50 pesetas).

- Abonados sen servicio de abastecemento:

Cota fixa mensual: 2,84 euros/abonado/mes (473 pesetas/abonado/mes).

- Abonados sen servicio de abastecemento e con vertido de gran caudal:

Para os m3 vertidos medidos ou taxados: 0,189319* euros/m3 (31,50 pesetas/mes).

Importante.-O artigo 11.4 da Lei 46/1998, do 17 de decembro, sobre introducción do euro, dispón: "Cando se trate da conversión á unidade euro de tarifas, prezos, aranceis ou cantidades unitarias que teñan que aplicarse a bases expresadas en calquera magnitude, as cifras que resulten da aplicación do tipo de conversión tomaranse con seis cifras decimais, efectuándose o redondeo por exceso ou por defecto ó sexto decimal máis próximo. No caso de que ó aplica-lo tipo de conversión se obteña unha cantidade a sétima cifra decimal da cal sexa cinco, o redondeo efecturarase á cifra superior."

3.-En ningún caso se poderá tomar un consumo de auga que sexa inferior ó mínimo facturable pola súa subministración. A cota resultante da consideración deste consumo terá carácter de mínima esixible.

Artigo 6.º .-Exencións e bonificacións.

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa.

Artigo 7.º .-Percepción.

1.  Percíbese a taxa e nace a obriga de contribuír dende o momento no que se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible, entendéndose esta:

a)  Na data de presentación da oportuna licencia de acometida, se o suxeito pasivo a formulase expresamente.

b)  Dende que teña lugar a efectiva acometida á rede de sumidoiro municipal. A percepción por esta modalidade da taxa producirase con independencia de que se obtivese ou non a licencia de acometida e sen prexuízo do inicio do expediente administrativo que se poida instruír para a súa autorización.

2.  Os servicios de evacuación de excretas, augas pluviais, negras e residuais e a súa depuración ten carácter obrigatorio para tódolos terreos do municipio que teñan fachada a rúas, prazas ou vías públicas nas que exista sumidoiro, sempre que a distancia entre a rede e o terreo non exceda de cen metros. Percibirase a taxa aínda cando os interesados non procedan a efectua-la acometida da rede.

Artigo 8.º .-Xestión, liquidación e ingreso.

1.  A inclusión inicial no padrón farase de oficio unha vez concedida a licencia de acometida da rede.

Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións da alta e a baixa no padrón de suxeitos pasivos da taxa, no prazo que media entre a data na que se produza a variación na titularidade do terreo e o último día do mes natural seguinte. Estas últimas declaracións producirán efecto a partir da primeira liquidación que se practique unha vez finalizado o prazo de presentación das declaracións de alta e baixa.

2.  As cotas esixibles por esta taxa liquidaranse e recadaranse polos mesmos períodos e nos mesmos prazos que os recibos de subministración e consumo de auga.

3.  No suposto de licencia de acometida, o contribuínte formulará a oportuna solicitude e os Servicios tributarios deste Concello, unha vez concedida esa licencia, practicarán a liquidación que proceda, que será notificada para o seu ingreso directo na forma e prazos que sinala o Regulamento xeral de recadación

Artigo 9.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo ás infraccións tributarias, así como ás sancións que lles correspondan, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición final.

1.-A presente ordenanza fiscal, a redacción definitiva da cal a aprobou o pleno da corporación na sesión celebrada o 15 de novembro de 2001, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, será de aplicación a partir do día 1 de xaneiro de 2002 e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación.

2.-Queda derrogada expresamente a Ordenanza fiscal número 8, reguladora da taxa pola prestación do servicio de sumidoiros e depuración de augas residuais, aprobada polo Concello pleno na sesión do 13 de novembro de 2000 e publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia número 17, do 22 de xaneiro de 2001, que quedará sen efectos no momento da entrada en vigor da presente ordenanza fiscal.