Vimianzo - Ordenanza reguladora da concesión de subvencións

Publicación provisional: 30/11/2001 BOP Nº: 275
Publicación definitiva: 23/01/2002 BOP Nº: 19
Aplicable dende: 24/01/2002

Disposicións xerais

Artigo 1.-

A presente Ordenanza ten por obxecto establecer os criterios e procedemento para a concesión de subvencións no ámbito do municipio de Vimianzo e garantizar ós cidadáns e entidades ó acceso a estas prestacións en igualdade de condicións, para a prestación de servicios e realización de actividades que complemente ou suplan ós atribuídos á competencia municipal.

Artigo 2.-

Considérase subvención calquera auxilio directo ou indirecto, valorable economicamente, que outorgue o Concello ás súas expensas, e, entre eles, as becas, primas, premios e demais gastos de axuda persoal.

Artigo 3.-

O outorgamento de subvencións suxeitarase ás seguintes normas:

1.º .-Terá carácter voluntario e eventual, agás o disposto nesta Ordenanza.

2.º .-As subvencións concedidas non serán invocables como precedente.

3.º .-Non excederán, en ningún caso, do cincuenta por cento do custo da actividade á que se apliquen.

4.º .-Non é esixible o aumento ou revisión da subvención.

Artigo 4.-

Serán nulos os acordos ou resolucións de concesión de subvención que obedezan a mera liberalidade ou que se destinen a finalidades que o Concello poida cumprir por si mesmo coa mesma eficacia e sen maior gasto co representado pola propia subvención.

Peticionarios

Artigo 5.-Poderán solicitar subvencións:

a) As entidades e asociacións sen fins de lucro, domiciliadas no municipio de Vimianzo e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, e tamén asociación ou agrupacións de vimianceses no exterior.

b) As persoas físicas, en representación particular dun grupo para unha iniciativa de carácter esporádico, sen finalidade de lucro.

En ámbolos dous casos será requisito imprescindible non ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, así como estar os beneficiarios e mailos seus representantes ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias co Concello.

Actividades subvencionables

Artigo 6.-

Poderán ser obxecto de axuda ou subvención municipal as actividades programadas que teñan lugar durante o ano da súa petición no ámbito territorial do municipio, referentes ás seguintes áreas:

a) Deportes: Gastos de organización de actividades deportivas ou relacionadas coa promoción do deporte, preferentemente cando se trate de actos excepcionais, de gran trascendencia ou vinculados ás tradicións locais. Gastos de organización de actividades, incluso compra de material deportivo, para fomento da educación física e da práctica deportiva nos centros escolares.

b) Cultura: Actividades relacionadas co achegamento á comunidade das artes plásticas, literatura e teatro, música, divulgación das ciencias e demais manifestacións culturais ou artísticas, así como actividades de animación tendentes a fomentar a participación e creativade e o mantemento das tradicións locais.

c) Servicios sociais: Prevención e loita contra as drogodependencias, axudas a situación de emerxencia social e actividades, en xeral, encamiñadas á promoción do benestar social.

D) Fomento e colaboración coa galeguidade de orixe vimiances no exterior

Artigo 7.-Non serán subvencionables:

a) As actividades que teñan lugar fóra do territorio municipal, agás o punto d) anterior.

b) A adquisición de bens mobles ou inmobles.

c) A adecuación de locais ou calquera outra forma de intervención en edificios.

d) Os gastos ordinarios ou de funcionamento, como alugueres, teléfono, electricidade, personal, etc.

Artigo 8.-

Nos supostos de actividades que se pretenda financiar con axuda municipal e doutras Administracións ou organismos públicos, a contía da suma da subvención municipal solicitada e das restantes subvencións previstas non poderán exceder do setenta e cinco por cento do presuposto total da actividade.

Programa anual de subvencións

Artigo 9

9.1.-O Pleno do Concello, segundo as disponibilidades existentes, consignará no Presuposto de cada exercicio unha cantidade non superior ó cinco por cento da suma do importe dos Capítulos 1 e 2 do Estado de Gastos deste, para financiar o seu programa anual de subvencións, distribuída segundo a planificación e definición de obxectivos fixados para o exercicio.

Artigo 10

10.1.-A Comisión de Goberno, previo dictame da Comisión informativa correspondiente, aprobará e publicará as Bases das Convocatorias.

Procedemento de solicitude

Artigo 11

Os solicitantes ós que fai referencia o artigo 5, haberán de presentar a seguinte documentación:

a) Instancia individualizada por cada actividade, asinada polo Presidente da Entidade ou Asociación, ou por quen teña conferida a delegación, debidamente acreditada, en modelo normalizado que se facilitará nas oficinas municipais, no que constará o nome, apelidos, DNI e enderezo do representante, nome, enderezo e CIF, no seu caso, da entidade ou asociación, e nome, apelidos, DNI e enderezo de tódolos seus integrantes, cando o solicitante sexa un grupo de veciños para unha inciativa aillada.

b) Programa ou memoria detallada da actividade que se pretenda realizar.

c) Presuposto detallado dos gastos ocasionados pola actividade para a que se solicita subvención e dos ingresos previstos para financiala.

d) Declaración das axudas solicitadas ou que se teña previsto solicitar para a mesma finalidade.

As respectivas Bases de cada convocatoria poderán esixir a presentación doutra documentación complementaria.

Artigo 12

As solicitudes, xunto coa documentación á que se refire o artigo anterior, serán presentadas no Rexistro Xeral do Concello no prazo e datas que fixen oas bases que se aproben para cada convocatoria. Non terán validez para futuras convocatorias e, polo tanto, deberán de ser novamente solicitadas, as peticións non seleccionadas e as presentadas fóra do prazo antedito.

Outorgamento das subvencións

Artigo 13

Ademais dos criterios específicos que estableza a Comisión de Goberno ó aprobar as bases de cada convocatoria, considéranse básicos os seguintes:

a) O interese xeral da actividade.

b) O grao de déficit na oferta de actividades análogas.

c) O grao de coordenación e cooperación coas actividades ou programas culturais, deportivos e sociais de directa execución polo Concello que a entidade solicitante manteña.

d) A meirande economía na consecución do resultado.

e) A dificultade na execución da actividade sen a concesión da subvención.

Artigo 14

14.1.-Analizadas polos Servicios municipais as solicitudes presentadas e previo informe de intervención sobre existencia do crédito suficiente, a Comisión informativa correspondiente dictaminará a resolución que proceda.

14.2.-A Comisión de Goberno resolverá as solicitudes presentadas, en cado caso, unha vez dictaminadas pola Comisión que corresponda.

Obrigas dos beneficiarios

Artigo 15

As actividades subvencionadas terán lugar e rematarán nas datas ou prazos fixados en cada convocatoria

Artigo 16

As subvencións destinaranse exclusivamente ós fins para os que foron concedidas, quedando expresamente prohibido calquera cambio de destino ou variación na súa aplicación.

Artigo 17

Toda subvención concedida sométese á condición de facer constar na documentación, soporte impreso ou publicidade de todo tipo referente á actividade subvencionada, que a mesma se realiza coa financiación do Concello de Vimianzo.

Artigo 18

O simple feito de solicitar unha subvención ou axuda do Concello implica o coñecemento e aceptación desta Ordenanza e das Bases reguladoras da correspondiente convocatoria. O incumprimento das obrigas e condicións establecidas en ditas disposicións poderá dar lugar á revocación da subvención.

Xustificación e cobro

Artigo 19

As subvencións concedidas aboaranse do seguinte xeito:

a) O sesenta por cento dela dentro dos dez días anteriores á da data fixada polo solicitante/s para o comezo das actividades.

b) O cuarenta por cento restante unha vez presentada no Concello a seguinte documentación:

- Memoria detallada da actividade realizada.

- Instancia suscrita polo representante da entidade beneficiaria, dirixida ó Alcalde, solicitando o pagamento e indicando a conta bancaria á que efectuar a transferencia.

- Facturas polo importe total da realización da actividade, que será como mínimo do dobre da subvención concedida.

- No seu caso, un exemplar de toda a documentación impresa xenerada pola actividade.

Artigo 20

As facturas ás que fai referencia o artigo anterior, haberán de reunir os seguintes requisitos:

a) Serán orixinais ou copias compulsadas polo Secretario do Concello.

b) Estaren datadas no período establecido para a realización da actividade subvencionada.

c) Expresar o CIF ou DNI do acreedor, a súa sinatura e selo e tódolos demais requisitos sinalados nas vixentes disposicións.

Artigo 21

A documentación xustificativa á que fai referencia o artigo 19 presentarase dentro dos trinta días seguintes ó da finalización da actividade. A aprobación e pagamento corresponderá á Comisión de Goberno, que poderán reducir a subvención na porcentaxe que corresponda se os gastos efectivamente realizados foran inferiores ós inicialmente presupostados.

Disposición final

A presente Ordenanza entrará en vigor o día seguinte da súa completa publicación no Boletín Oficial da Provincia.