Carballo - TAXA POLA OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO LOCAL CON MERCADORÍAS, MATERIAIS DE CONSTRUCCIÓN, GRÚAS, CASCALLOS, VALADOS, PUNTAIS, GUINDASTRES, SOPORTES, ANDAMIOS E OUTRAS INSTALACIÓNS ANÁLOGAS

Publicación provisional: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 01/01/2000

Artigo 1.-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e ó abeiro do disposto no art. 20.1 e 3 g) da Lei 39/88, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa pola ocupación de terreos de uso público local con grúas, valados, puntais, guindastres, soportes, andamios, bacías para cascallos e outras instalacións análogas.

Artigo 2.-Feito imponible.

O feito imponible está constituído pola realización de calquera dos aproveitamentos de ocupación de terreos de uso público local con grúas, valados, puntais, guindastres, soportes, andamios, bacías para cascallos e outras instalacións análogas.

Artigo 3.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que resulten beneficiarias do outorgamento duna licencia para gozar do aproveitamento privativo ou ben os que se beneficien do mesmo, sen ter solicitado licencia.

Artigo 4.-Responsables.

1.  Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo tódalas persoas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.

2.  Os copartícipes ou cotitulares das entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria responderán solidariamente en proporción ás súas respectivas participacións das obrigas tributarias das devanditas entidades.

3.  Os administradores de persoas xurídicas que non realizaren os actos da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias da sociedade que administran, responderán subsidiariamente das débedas seguintes:

a)  Cando se cometa unha infracción tributaria simple, polo importe da sanción.

b)  Cando se teña cometido unha infracción tributaria grave, da totalidade da débeda esixible.

c)  Nos supostos de cesamento das actividades da sociedade, do importe das obrigas tributarias pendentes na data de cesamento.

4.  A responsabilidade esixirase en todo caso nos termos e con arreglo ós procedementos previstos na Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.-Beneficios fiscais.

1.  O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais non estarán obrigadas ó pagamento da taxa cando solicitaren licencia para gozar dos aproveitamentos privativos necesarios para os servicios que inmediatamente interesen a seguridade cidadán ou a defensa nacional.

2. Non se aplicarán bonificacións nin reduccións para a determinación da débeda.

Artigo 6.-Tarifas

1. A contía da taxa regulada nesta ordenanza fiscal farase efectiva conforme ás seguintes tarifas:

a) Pola ocupación de terreos de uso público con grúas, por metro cadrado e mes:

1.º /1.200 ptas./m2 ata o sexto mes.

2.º /2.000 ptas./m2 a partir do sétimo mes.

b) Pola ocupación con valados, por metro cadrado e mes:

1.º /300 ptas./m2 ata o sexto mes.

2.º /500 ptas./m2 a partir do sétimo mes.

c) Puntais, guindastres e soportes, por cada un ó mes: 100 ptas.

d) Pola ocupación con andamios, por metro cadrado e día: 9 ptas./m2.

e) Pola ocupación con bacías para a recollida de cascallos ou calquera outro recipiente para materiais, por cada un ó día: 50 ptas.

2. Cando dentro do perímetro de dominio público se autorice a instalación dunha grúa, os metros cadrados ocupados por esta serán liquidados segundo a tarifa prevista no apartado a) anterior, descontándose a devandita superficie na liquidación da cota de valados.

3. Sobre as tarifas reguladas no apartado 1) aplicarase o seguinte coeficiente:

Categoría 1.ª (zona vermella do plano anexo): 1.

Categoría 2.ª (zona azul do plano anexo): 0,75.

Categoría 3.ª (zona gris): 0,5.

Categoría 4.ª (resto do Termo Municipal): 0,25.

Cando algunha das instalacións gravadas nesta ordenanza ocupe ou teña fronte a dúas ou mais rúas con distinta clasificación, aplicarase en todo caso o coeficiente previsto para a rúa de maior categoría.

ANEXO:

Plano de Carballo delimitado por zonas, segundo os colores expresados.

 

Artigo 7.-Retribución.

l.  Retribuirase a taxa e nace a obriga de contribuír no momento do outorgamento da licencia ou dende que se inicie o aproveitamento, no caso de que non exista licencia.

2.  No caso de aproveitamentos realizados sen licencia e relacionados directamente coa execución dunha obra, presumirase que tal aproveitamento se ven producindo dende o outorgamento da licencia de obras.

Artigo 8.-Normas de xestión.

l.  As persoas interesadas na concesión dos aproveitamentos regulados nesta ordenanza fiscal deberán solicitar previamente a correspondente licencia, na que se indicará a superficie a ocupar e o tempo de ocupación, así como calquera outra limitación que se considere convinte establecer por razóns de interés público.

2.  As cantidades esixibles seguindo a tarifa do artigo anterior liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreductibles polos períodos naturais de tempo sinalados nos respectivos epígrafes.

3.  De conformidade co disposto no artigo 24.4 da Lei 39/88, do 28 de decembro, cando a utilización privativa ou aproveitamento especial leve aparellada a destrucción ou deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pagamento da taxa correspondente, estará obrigado ó reintegro do custo total dos respectivos gastos de construcción ou reparación e ó depósito previo do seu importe. Se os danos fosen irreparables, a entidade será indemnizada nunha contía igual ó valor dos bens destruídos ou danados.

4.  A liquidación da taxa será aprobada no mesmo acto de concesión de licencia e notificarase de inmediato ó suxeito pasivo. Por Decreto da Alcaldía, que será obxecto de publicación no Boletín Oficial Provincial, poderase establece-lo sistema de autoliquidación para o ingreso desta taxa.

Artigo 9.-Infraccións e sancións.

No tocante á cualificación das infraccións tributarias, así como as sancións que correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición adicional.

Posto que as modificacións introducidas na tarifa regulada no art. 6 minoran as previstas no texto aprobado polo Pleno na sesión do 5 de novembro de 1998, aplícase con carácter retroactivo a norma máis favorable ós contribuíntes, de maneira que as novas tarifas son de aplicación desde o día 1 de xaneiro de 1999.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o día ..., e publicada no Boletín Oficial Provincia número ..., do día ... Entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.